martes, 30 de xuño de 2009

A Conquista romana na comarca de Arzúa 4. Alexandro Magno

Alexandro Magno na batalla de Ysso
Vén de...

A nosa hipótese é que nas tarefas de conquista, planeamento e construción da VIA XIX (que é a primeira e, polo tanto, a máis antiga vía que os romanos construíron na Gallaecia), Agripa e o grupo de xeógrafos e urbanistas que o acompañan nas súas campañas militares, bautizarían, alo menos, o río Pella na honra de Alexandro Magno, xa que é posible que o hidrónimo Ysso, -de orixe indoeuropea-, xa formara parte da toponímia indíxena da nosa comarca.
Os nosos ríos coindirían cos nomes destas dúas cidades; Pella e Ysso, tan importantes na historia de Alexandro Magno, macedónico e o mellor estratego militar dos tempos antigos.
Hai que recordar que os veteranos das lexións romanas estaban asentados, por orde de Augusto, en Pella, esta era, naqueles momentos, unha cidade de gran importancia no mundo militar, Ysso simbolizaba a vitoria sobre o mundo oriental.

Agripa, no período de conquista do noroeste ibérico, está ao mando da Legio IV Macedónica e ten coma misión fundamental, logo da pacificación, como destaca Rosa Brañas no seu estudio sobre o Destino do Imperio, a elaboración do Orbis Terrarum e a recollida de datos de carácter topográfico -distancias e localizacións a partir de referencias xeográficas, dimensións, etc,- eran os Commentarii, que reunían os nomes de lugares, países, ríos, vilas, etc, así como, textos marxinais e comentarios ao marxe dos mapas. Dáse a circunstancia de que a historia e a xeografía do Imperio serán os auténticos puntais da propaganda oficial, ninguén que non sexa membro da clase dirixente imperial podía optar a estas ciencias, moito menos publicar nada sobre elas, ademais, é, nestes momentos dos inicios do Imperio, cando as referencias a Alexandro Magno digamos; están de moda, só alguén da corte imperial coma Agrippa podía realizar labores de apuntamentos xeográficos.

Val do Iso
Por qué, estes nomes a estes ríos, a estreita relación dos dous topónimos co mundo militar e de conquista macedónico e co ideal de conquista imperial para completar o Orbis Terrarum, fainos entrever, efectivamente, unha situación e unha época de guerra e conquista na nosa comarca, ocúrresenos a posibilidade de que nas beiras do Ysso, nese proceso de conquista, tivera lugar algunha confrontación militar con grupos castrexos da zona (nun radio de 5 kms. hai dez castros catalogados) poida que esas escaramuzas recordasen aos conquistadores a Batalla de Ysso ou Issos, (tamén nas beiras dun río, e unha das máis sonadas do exército de Alexandro Magno).

Non obstante, calquera dos dous vales tanto o Iso (na zona da ponte de Ribadiso) coma o Pela son uns lugares idóneos para a instalación dos campamentos de marcha (castra aestiua) polo seu chan en pendente que favorecería a evacuación das augas, a aireación, amén de ter auga en cantidade suficiente para soster un asedio.

Estes topónimos daríanos indicios probatorios para a confirmación da presenza dunha lexión romana na comarca arzuá, e reafírmanos na teoría de que a antiga VIA XIX viña dende Lucus Augusti e atravesaba Arzúa cara Asseconia ¿Santiago?.

Un feito recente (outubro 2008) que aporta datos provatorios ao noso estudio é o asentamento romano de Brandomil ( para algúns a mansión antoniniana de Grandimiro), no concello de Zas, datada entre os anos I d.C. e IV d.C.. Juan Naveiro, é o arqueólogo encargado das escavacións e, ademais, membro do malogrado Proxecto Vías Atlánticas; patrocinado por Interreg III (iniciativa comunitaria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, do que eran socios, entre outros organismos, a Deputación de Pontevedra, a da Coruña, os concellos de Braga, Ponte de Lima, Lugo, Universidade de Santiago, CSIC,...).

Pois ben, unha das sorpresas, a dicir de Naveiro, foi atopar varias inscricións sobre persoas de orixe grego; á curiosa representación da poboación que mostra a epigrafía -nomes gregos de libertos ou xentes de orixe servil e foráneo, vinculados coa administración- e os monumentos funerarios de tipo urbano -placas e templete, por oposición ás estelas rurais-, mostra un panorama que nada ten que ver cos habituais asentamentos romanos rurais do N.O. As inmensas posibilidades arqueolóxicas deste depósitos continuarán a se pór de relevo en futuras intervencións [1].

Para nós a curiosa representacións da poboación que mostra nomes gregos, non nos sorprende, ratifica e pon en valor a nosa teoría sobre a presencia da Legio IV Macedónica en Galicia, (ver; A conquista romana 3 e Lexionarios castrexos....neste blog).

Das tres lexións romanas que invadiron Galicia; Legio X Gemina, Legio VI Victix, e Legio IIII Macedónica, a que máis gregos aportaba, sen dúbida, era a Macedónica. Nos anos que foi dirixida por Marco Agripa, a maioría dos libertos imperiais da súa confianza eran de orixe macedónico, non esquezamos que esta lexión é a lexión que lle deu os primeiros triunfos a Agripa e a súa proxección definitiva como segundo do emperador Augusto.



Máis adiante, aproveitando a man de obra que poboaba a zona (oito castros), comezarían as prospeccións e explotacións mineiras de estaño no entorno (chama a nosa atención a cantidade de minas romanas que hai espalladas polas parroquias achegadas a Pela[2]; cinco na parroquia de Lema, tres en Dombodán, dúas en Viñós, unha en Brandeso, unha en Pantiñobre e outras tres na parroquia de Viladavil ao norte da Vía XIX, cara a Cidadela).

Para máis sobre a conquista romana na comarca de Arzúa...

Fe de erratas: No mapa, onde pon casal, debe poñer vicus.
Autor: Celso Alberte Magariños Costas. celsomagarinos@gmail.com


Bibliografía
- FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.
- CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.
- SANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A. : Galicia meridional romana. Deusto, Universidad de Deusto, 1977.
- GARCÍA QUINTELA, M. : Galicia Historia Tomo I. A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
- CAAMAÑO GESTO, X.M. : Galicia Historia Tomo I. A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
- BALIL, A. : Gran Enciclopedia Rialp. Tomo XVIII. Barcelona, 1974.
- ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992.
- BRAÑAS ABAD, R. Indíxenas e romanos na Galicia céltica. Santiago de Compostela, Librería Follas Novas,1995.
- SÁNCHEZ-PALENCIA RAMOS, F.J. La explotación del oro de Asturia y Gallaecia en la antigüedad. Madrid, Universidad Complutense de Madrid, 1983.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. : Historia de las legiones romanas. Madrid, Eds. Almena, 2003.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. :Diccionario de batallas de las historia de Roma. Madrid, Signifer libros, 2005.
- YANN LE BOHEE. El ejército romano. Barcelona, Editorial Ariel, S.A. 2007
- ADRIÁN GOLDSWORTHY. Grandes generales del ejército romano, campañas, estrategias y tácticas. Barcelona, Editorial Ariel, S.A. 2005.
- LÓPEZ BARJA DE QUIROGA, P. - LOMAS SALMONTE, F.J. : Historia de Roma. Madrid, Ed. Akal, 2004.
- RODRÍGUEZ RESINO, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Noia, Ed. Toxos Soutos, 2005.
- HERMAN KINDER - WERNER HILGERMANN. : Atlas Histórico Mundial Tomo I. Madrid, Eds. Istmo, 1980.
- GÚZMÁN GUERRA, A.-GÓMEZ ESPELOSÍN, F. J. Alejandro Magno. Madrid, Alianza Editorial, 2004.
- WERNER ECK. Augusto y su tiempo. Madrid, Ed. Acento, 2001.
- AUGUSTO FRASCHETTI. Augusto. Madrid, Alianza Editorial, S.A. 1999.
- INST. GEOLÓGICO Y MINERO DE ESPAÑA. : Mapa metalogenético, Lugo 1:500.000. Madrid. E.E. Adaro de Investigaciones Mineras, S.A. 1975.
- CONCELLO DE ARZÚA. : Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM, . 2006.
- CARMEN CASTILLO. Un nuevo documento de la legio IV Macedónica en Hispania. Santiago de Compostela, I Reunión Gallega de estudios clásicos. Editor Díaz y Díaz, M.C. 1979.
- GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. Xixón, Editor Silverio Cañada, 1974.
- GRAN ENCICLOPEDIA DE ESPAÑA. Barcelona, Eds. Valatenea, S.L., 2005.
- MEYER REINHOLD. Marcus Agrippa. A biography. New York, The W.F. Humphrey Press, 1933.
- RODÁ DE LLANZA, I. El papel de Agripa en la trama urbana de la Hispania Augústea. Los orígenes de la ciudad en el noroeste hispánico. Actas del Congreso Internacional. Lugo- 15-18 de mayo 1996. Lugo, Deputación Provincial de Lugo. 1996.
- PAUL ZANKER. Augusto y el poder de las imágenes. Madrid, Alianza Editoral, S.A., 1992.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A. FERRER SIERRA, S. ÁLVAREZ ASOREY, R. Miliarios e outras inscricións viarias romanas no noroeste hispano. Lugo, Consello da Cultura Galega, 2004.
- SÁEZ TABOADA, B. As comunicacións romanas na provincia da Coruña. Santiago de Compostela, Edicións Lea,S.L. 2007.
- NARDIZ ORTIZ, C. Los puentes de piedra y los ríos en Galicia. Caminos de piedra y agua. Ed. Enor,1998.
- DÍAZ Y DÍAZ, M.C. Propuesta etimológica para el topónimo Arzúa. Homenaxe a Ramón Lorenzo/ Edición de Dieter Kremer. Vigo, Galaxia, D.L. 1998. P. 923-927
- CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
- CABEZA QUILES, F. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, S.A., 1992.

A Conquista romana na comarca de Arzúa 3. Agrippa e a Legio IV Macedónica


Ven de...

Dión Casio fálanos da resistencia dos galaicos do interior, aínda, no 16 a.C... No ano 19 a.C., o emperador Augusto mandou, para conquistar o norte Tarraconenses á Lexión IV Macedónica e ao fronte dela; Marco Vipsanio Agrippa ( 63 -12 a.C.), amigo, xenro e correxente do emperador, implacable xeneral e gran administrador que mandou construír o Panteón, saneou e urbanizou Roma e que con varios estudiosos preparou un Mapa Xeral do Imperio (Orbis Terrarum) no que se basearían Estrabón e Plinio para os seus traballos.
A relación de Augusto e Agripa vén da infancia, ambos son veciños nas aforas de Roma. No 45 a.C. Xulio Cesar (pai adoptivo de Augusto) enviou a Augusto-aínda Octavio-, a Mecenas e a Agripa á Academia de Apolonia (Macedonia) , fundada por Anaximandro cinco séculos antes, para formalos militar e intelectualmente. Aquí, Agripa fórmase en xeometría, arquitectura, xeografía, urbanismo, arte militar e filosofía do goberno, foi ademais coma Augusto, Gran Mestre da confraría da ciencia sagrada romana (magistri collegium) e facíase recoñecer coma un L.F. Lucis Filius (Fillo da Luz).



Nestes últimos anos do século I a. C., a sociedade da res pública romana estaba nunha clara crise de identidade. A falla de valores e fe nos deuses, a vida social viciada e sen rumbo moral preocupan a Augusto e Agripa. Ambos, seguidores da filosofía do bo goberno, a partir do ano 30 a.C., crearán unha forte ideoloxía baseada na relixión arcaica romana e a clásica grega. Imítase a antiga cultura grega, e no arte militar, o gran Alexandro Magno é o modelo a seguir. Augusto utilizaba como selo o retrato de Alexandro Magno e nos seus monumentos había constantes referencias ao rei macedónico[1].


Entre os éxitos máis importantes de Agripa, como militar, destacan; a captura de Perusia (41 a.C.) ao norte de Roma, a Batalla de Accio (31 a.C.), onde derrota a Marco Antonio e Cleopatra, a pacificación da Galia (38 a.C. e 27-20 a.C.) e o fin das Guerras do Noroeste Tarraconenses (19-18 a. C.). Goldsworthy ponnos sobre a pista da falta ou desaparición de documentación sobre Agripa; Ata a súa morte, acaecida no 12a. C., a Agripa envíaselle frecuentemente a librar as guerras máis importantes do Imperio, efectuando as campañas na Península Ibérica, a Galia e Germania, os Balcanes e Oriente con gran éxito. Evidentemente, era un comandante moi capaz, máis non nos sobreviviu fonte algunha que mencionara as súas campañas. Quizais non se trate dunha pura coincidencia, pois os seus éxitos máis grandes atribuíronse sempre publicamente a Augusto, o emperador.


Mais, a súa estancia no norte peninsular permitiulle realizar un exame detallado da súa xeografía e aportou detalles xeográficos de extensas zonas do norte, escasamente coñecido ata o momento. Aínda que non temos constancia epigráfica, nin reseñas literarias, é evidente que a presenza de Marco Vipsanio Agripa no norte hispano non se pode entender só como unha campaña militar de pacificación. Agripa vén de pacificar a Galia e deseñar a súa rede viaria, é lóxico pensar, en base a estes datos, que ao mando da Legio IIII Macedónica, logo da terrible operación de castigo en Cantabria, tomase parte no planeamento das obras da VIA XIX (a máis antiga da Gallaecia) e demais vías da futura Gallaecia, así como a elaboración do censo dos populi galaicos( Orbis Pictus), o coñecido Censo de Agripa. Entre os anos 16 a. C. e 15 a. C., foi o encargado de construir o Teatro romano de Augusta Emerita, actual Mérida, por orden de Augusto.


Tendo en conta o carácter de home de estado de Agripa sería impensable dubidar da súa presenza nunha das zonas máis ricas en estaño e ouro do mundo coñecido, nun momento no que Agripa, co seu grupo de estudiosos (240 en total), está a completar o famoso Mapa Xeral do Imperio (Orbis Terrarum).



"Que o territorio de influencia das lexións romanas (territorium legionis) era un todo descontinuo, parece o máis probable"[3] , no caso da Legio IIII Macedónica abarcaría un extenso territorio. Temos constancia arqueolóxica dun campamento da Legio IIII Macedónica en La Griega (Colunga, Asturias) na beira do Cantábrico, fronteira entre astures e cántabros, precisamente este nome, La Griega, recíbeo da Legio IIII Macedónica,que era o calificativo polo que se coñecía na Asturica dado a súa orixe na península grega, este debeu ser o primeiro campamento da IIII Macedónica na península,



Agrippa viña da Galia por mar e La Griega está moi preto de Lastres, importante porto da época, tamén, varios autores outorgan á IIII Macedónica a construción das Termas Romanas de Campo Valdés no Xixón antigo.

Marcas das Legio IV, VI e X na Ponte de Martorell

Como vemos nas imaxes (As de Caesar Augusta, Ponte Martorell...) as tres lexións Legio IV, Legio X Gemina e VI colaboran conxuntamente nas infractructuras máis importantes do norte da península; fundación da cidade de Zaragoza, Ponte de Martorell, fundación da cidade de Logroño (o barrio de Varea albergou un campamento da Legio IIII).
A Legio IV, con Agrippa ao mando recorrería Asturica. Isabel Rodá segue os pasos de Agripa pola península ibérica, e atestigua a presencia deste en Bracara Augusta (Braga): ..e a existencia de dúas centurias étnicas que levaron o nome de Agripa ou Agrippa, todo isto fala a favor do bo recordo de Agripa na cidade. É doado deducir, o paso de Agripa pola comarca de Arzúa para controlar militarmente a zona, que coma sabemos tiña unha importante presencia castrexa do populus coporo, elaborar o censo dos populi, examinar a riqueza en estaño da comarca e da veciña comarca do Deza, e ademais, deseñar a VIA XIX de ASTURICA A BRAGA, que vertebraría o interior da actual Galicia.

Logo, a IV Macedónica establecerá outro campamento en Segisamo (Sasamón, Burgos). Xa máis tarde, esta lexión, colaborou na construción e mantemento de vías entre Zaragoza e Pamplona e na edificación da ponte de Martorell (Barcelona), entre outras obras de carácter militar. É importante constatar, tamén, que o Camiño do Norte na zona cantabra e asturiana é chamado dende a antigüidade VIA Agrippa, na época romana esta vía romana enlazaba en Oviedo co chamado Camiño Primitivo cara Lugo.

 Continúa...

Ata sempre e bo proveito, anosahistoria1@gmail.com

[1]. Augusto y el poder de las imágenes. Paul Zanker, Madrid, Alianza Editoral, 1992.[2] Agrippa seguindo as crenzas arcaicas sobre o Deus Ianus (Xano) situaría á cidade de Efeso (actual Turquía) como porta oriental (principio) do mundo coñecido onde se ergue o Deus Xano Ianus (deus público do imperio, protector das portas), Roma no centro do mundo e Lucus Augusti (Bosque Sagrado de Augusto) coma porta occidental (fin) onde se deita o Deus Xano. Vincula os inicios do Camiño de Santiago a esta ruta que neses momentos remataría en Lugo.[3] Un nuevo documento de la legio IV Macedónica en Hispania. Santiago de Compostela, CARMEN CASTILLO.

A Conquista romana na comarca de Arzúa 2. A Conquista da Tarraconenses Occidental.


Vén de...

O primeiro paso que dá Roma na Galicia actual é o da conquista. Ao norte do río Douro, a futura Gallaecia é un territorio inhóspito para os estranxeiros, é o finis terrae do mundo coñecido. A súa orografía e a resistencia nun primeiro momento da poboación castrexa, fai da nosa Galicia un dos últimos bastións non romanizados do mundo occidental.
Dende o século II a. C., os romanos teñen coñecemento da sonada ruta do estaño que os fenicios de Gadis (Cadiz) coñecen e gardan en secreto para si, é a ruta das Illas Cassitérides- ¿Illas atlánticas galegas? -, unha ruta onde os gaditanos teñen un comercio moi beneficioso cos pobos galaicos.Roma envía no 137 a.C. a Décimo Xunio Bruto O Galaico, que sería protagonista do famoso acontecemento do río Limia coñecido como o río do Esquecemento[1], para conquistar o norte do Douro e dobregar aos galaicos.No 61-60 a.C. Xulio Cesar, necesitado de riquezas, chega ao Golfo Ártabro (rías de Ferrol, Betanzos e A Coruña) cos seus barcos de guerra. Esta expedición sérvelle a Cesar para comprobar as extraordinarias riquezas desta terra, xa naqueles tempos, de grande sona en todo o mundo coñecido, sobre todo en ouro e estaño.

Esta riqueza mineral e a súa estratéxica situación xeográfica será o que empuxe ao emperador Augusto desde o 26 a. C. a intentar a completa dominación da futura Gallaecia. Augusto e os seus partidarios están nunha delicada situación económica, moitos dos seus veteranos das lexións repartidas por todo o mundo están a punto de se licenciar e hai que pagar a súa lealdade ao emperador, Roma precisa de riquezas e só na Tarraconenses hai que soster a máis de 35.000 lexionarios. Augusto está necesitado dunha victoria que lle reporte riqueza (ouro e estaño), e prestixio por ser o dominador do finis terrae, a terra onde se deita o Sol.

As zonas máis ricas en ouro da actual Galicia eran o val ourensá do Miño e Sil e as montañas lucenses. O estaño está máis repartido entre a zona ourensá e as concas do Ulla, o Deza e a costa atlántica.[2]

Para poder explotar esta riqueza, o emperador terá que emprender as que se chamaron guerras astur-cántabras (Floro, Orosio e Dión Casio son os narradores romanos que nos informan delas) e enviar as lexións máis combativas de Roma; I Augusta, a IIII Macedónica, V Alaudae na zona noroeste da Tarraconenses (cántabra para algúns autores) e a X Gemina na Gallaecia e Asturica e a VI Victrix na lusitana. Catro bases operativas para ditas guerras; Brácara (Braga) no norte da lusitania, Asturica (Astorga) na zona astur, Segisamo (Sasamón,Burgos) na zona cántabra e Lucus Augusti (Lugo) na zona galega.

Porá fin a ditas guerras o asedio e victoria romana no Monte Medulio, hoxe en día, aínda en discusión a súa real emprazamento Monte Aloia (Tui), en Castro de Rei (Lugo), Monte Cido (O Courel) ou nas Médulas (O Bierzo).Asemade, as lexións deseñan e constrúen as calzadas das vías. "Baseándose en textos do xeógrafo grego Estrabón (s. I d.C.), algúns autores cren que xa moi seguido da conquista, Roma estructurou o N.O. en distritos de carácter eminentemente militar para ter controlado o territorio recen anexionado, e nos que estarían asentadas cadansúas lexións (Legio IV Macedónica, Legio X Gemina e a Legio VI Victrix) , distribución que logo Vespasiano (no 69 d.C.) cambiará deixando só no Noroeste unha soa lexión de nova creación, a Legio VII Gemina (no que hoxe é León)" [3].

As tres vías romanas principais; a VIA XVIII NOVA DE BRAGA A ASTORGA, a VIA XIX DE BRAGA A ASTORGA e a VIA XX DE BRAGA A ASTORGA (pola costa) eran as principais redes de comunicación que os romanos construíron para a explotación da riqueza mineira.

A explotación de xacementos comezaría coa conquista desde o s. I a.C ao s. IV d.C.

Continúa...

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

[1] Segundo a lenda o que atravesase este río ficaba desmemoriado. Décimo cruzouno e chamou aos seus homes, un por un, polos seus nomes.[2] Inst. Geológico y Minero de España. Mapa Metalogenético. 1975[3] Arias Vilas, F. A Romanización de Galicia. Vigo 1992

A Conquista romana na comarca de Arzúa 1. O Pella, o Ysso

                                                        Roda do Castro, Pela, Vilantime (Arzúa)

Aló polo ano 2001, durante o proceso de fundación da Asociación Ánxel Casal de Arzúa, unha das nosas arelas foi tomar contacto coa familia de Ánxel Casal en Pela, Vilantime (Arzúa) e expoñérllelos obxectivos da asociación que acababa de nacer. Alí, en Pela, detiveron as hordas fascistas no ano 36 a Ánxel Casal, impresor, editor e último alcalde galeguista de Compostela.
O nome da aldea Pela, sen o artigo, chamou a nosa atención, non tiñamos constancia de que existira ningún topónimo semellante en Galicia e norte de Portugal. Hai pouco nun proceso de investigación sobre camiños medievais atopamos de novo o topónimo de Pela na laboriosa obra de Elisa Ferreira Priegue; Los caminos medievales de Galicia (Ourense, 1988), no capítulo; Los caminos de Santiago a Arzúa, describindo o camiño medieval de Boente a Ponte Arcediago un manuscrito (tombo Lugo,30) fálanos dunha demarcación de Afonso III no ano 897: "per aqua de Pella (río Boente)...", tamén nun manuscrito de 1279 do mosteiro de Sobrado dos Monxes descríbenos parte do camiño que saíndo das proximidades da actual Arzúa pasaría por Lema, Maroxo, Pela e cruza o río Pella (Boente) ata Sardecoiro; "Ad Arenasalbas et pegit usque as aquam de Pella.....per illa via de Marogio, et venit ad aquam de Pela". máis adiante fálasenos da división entre Pela e Montelongo "est sub illa via que vadit de Pela ad Courium".

O máis importante destas descricións en latín, (aparte de descartar que Pela se refira a peladura ou tona xa que esta acepción procede de termo latino pelle, ou da outra acepción de penla, pela do lat. pilla) é o antigo nome do río Boente que, curiosamente, era Pella ou sexa Pela, que un río reciba o nome dun lugar, ou viceversa, ten que ver coa antigüidade da aldea e da importancia que tivo que ter dita aldea no seu entorno. Este antigo camiño en Maroxo xiraba cara Pela e cruzaba o Pella rematando en Sardecoiro (lugar de producción de coiro como indica o seu nome).

Estes camiños medievais, na maioría dos casos, teñen o seu agromo en camiños secundarios romanos que a súa vez foron camiños prerromanos de comunicación entre castros.

Retomando o noso estudio sobre Pela, a antiga Pella pode ter a súa orixe na conquista romana da Gallaecia.

Descartadas as linguas románicas para atopar a súa etimoloxía, buscamos Pella, pois, na antiga lingua latina; Pella-ae: Cidade de Macedonia (Grecia) - Pellaeus-a-um: de Pella; macedonio // de Alexandría; exipcio.

Pella -hoxe Palea Pélli- foi a capital do Imperio Macedónico onde naceu Alexandro Magno (356-323 a.c.) aquel rei que conquistou o Imperio Persa en catro anos. No ano 168 a.C. foi ocupada polos romanos. Augusto instalou nela os seus soldados veteranos no s. I a.C.. Outra antiga cidade de nome Pella en Palestina fundada posiblemente no 332 a.C. por Alexandro Magno, foi refuxio de cristiáns de Xerusalén no ano 70 d.C.

Non temos dúbidas de que a Pella macedónica é a orixe do topónimo da nosa Pella, voltando á obra de Elisa Ferreira, na mesma cita do ano 1279 (AHN T Sobrado, II, 71 v.º 72) aparécenos o topónimo orixinal do río Iso ("...per ipsum fluvium de Ysso").

Ysso -nas proximidades da cidade de Adana no sur da actual Turquía- é a cidade mediterránea do antigo Imperio Persa onde Alexandro Magno derrota ao rei persa Dario III (ano 333 a.C.), e pon punto inicial ao espallamento do Imperio Macedónico polo continente asiático.

Temos referencias históricas de dous ríos que cruza a Vía XIX na comarca arzuá, e que coinciden perfectamente cos topónimos das cidades máis importantes da historia do imperio de Alexandro Magno, procuremos, logo, o seu por qué. Continúa...

sábado, 6 de xuño de 2009

Bran, Lug, deuses celtas nas terras do Ulla 2. O Símbolo Solar


Estela Micenas 1550-1500 a.C.


Os símbolos solares son uns elementos comúns nas culturas antigas, e sobre todo nas indoeuropeas.
Dende os inicios da Idade de Bronce os trisqueles, as rosáceas ou rosetas, as cruces inscritas nun círculo (cruz de Bran), as espirais,.. aparecen nas culturas antigas dos pobos indoeuropeos dende a India ata os Balcáns, dende centro Europa ao Mediterraneo, os hindús, os escitas,a cultura micénica, os cretenses, os celtas, e logo os romanos, etc..., téñenos como referentes artísticos nalgúns contactos divinos.



Mais, serán os celtas o pobo que os converterá nun signo de identidade. Pese a que non hai unanimidade sobre o significado destes símbolos, hai consenso en consideralos símbolos astrais de comunicación coas divindades, neste caso célticas.

Antes de continuar, temos que deixar claro que a cultura castrexa é unha cultura que se fixo así mesma durante séculos e séculos. Comeza sobre os X a.C..[1].


A simboloxía cósmica da arte castrexa é abundantísima; o típico trisquel, as esvásticas e as rosetas de Castro Santa Tegra, de Castromao, de Armea, etc.., coidamos que son todas variacións artísticas do mesmo tema; a Roda Solar, o camiñar diario do deus Sol cara o seu solpor, no mar, onde se atopa a outra morada dos celtas despois desta vida.



Rosetas do Castro de Armea (Allariz). Fc. Calo Lourido

A chamada cruz solar de catro aspas, sería o símbolo máis sinxelo do Sol, en Galicia hai exemplos destas cruces no petrogrifo de Adai preto da posible estación Santuaria de Pedra Fita con 17 cruces inscritas da Idade de Ferro.[1]No Santuario do Castro de Donón (Hío, Cangas) entre as 172 aras votivas atopadas, tamén apareceron varias aras votivas coa cruz de Bran. Non debemos esquecer, maila todo, que o deus Lug é o Luminoso, o deus do Sol, recordemos que Lug e Bran poden ser dous aspectos distintos dun mesmo personaxe do mito base . Aras do Monte Facho en DonónAs rosetas de seis puntas que son unha constante en numerosos castros, (entre os que destaca o Castro de Armea[2]), son consideradas a máis fiel representación do Sol. As rosetas aparécesenos, tamén, nas numerosísimas estelas funerarias galaico-romanas adicadas aos Deuses Manes (Deuses dos Mortos) espalladas por toda Galicia; Vigo, Iria Flavia, Pontedeume, Brandomil,..dos séculos II-III d.C..
Ara aos Deus Manes, San Pedro
de Vilar (Pontedeume)[8]
Estes símbolos solares terán a súa réplica no primeiro símbolo cristián; o Crismón.


Ara ao DEO INVICTO SOL, 
Museo da Catedral de Compostela[9]
A simboloxía de principio e fin é precristián. O cristianismo adáptao transfórmao en monograma de Cristo. Alfa e omega son símbolo do principio e o fin. O cristianismo toma as letras gregas alfa e omega para formar a palabra; Cristo; o unxido, o mesías, logo combínase coa roseta solar, inscribíndoa no interior conservando as seis aspas solares esquematizadas (s. IV-V d.C.).

Os coñecidísimos crismóns[3] carácteristicos do norte da Hispania dos que temos na Galicia un exemplo no Crismón de Quiroga do s. V, son os primeiros símbolos cristianos.


Crismón de Quiroga
Ara ao Deus Sol,de Meijinhos, Lamego, Viseu, Portugal
Este novo simbolo cristián, foi portado polo exército de Constantino a partir da definitiva batalla de Pons Milvius( 312 d. C.). Nesta batalla, o emperador Constantino I, seguidor do Deus Sol Invictus (versión romana do deus solar Mitra)- ver ara aquí arriba- , tivo a visión da cruz sobre o Sol, sobre esta visión créase o Lábaro ou Crismón. O Sol Invictus era festexado o 25 de Nadal, o día da nativitas, a natividade do sol, o día despois da noite máis longa do ano, logo a Igrexa escolleu este día para o nacemento de Cristo. Constantino (o seu colaborador e mestre cristián era o galo Dionisio o Vello) naceu en Naissus capital da Moesia (a actual cidade de Nis, Serbia), zona de influencia céltica e de estacionamento de cohortes galaicas e astures dende o século I. d. C..
Exemplos de crismóns; sarcófagos nº 171 e 164 do Museo Laterano (metade século IV),[4] Sarcófago de Infante (Istambul) (principios século V) onde se aprecia esquematicamente o símbolo solar entre dous anxos[5]. Pese a todo as rosetas solares célticas seguirán aparecendo nas nosas igrexas románicas (Vilar de Donas, Lérez, ..)



Xugos da Terra de Melide
A Cruz celta foi creada por St. Patrick, patrón de Irlanda (386-493), quen, no seu intento de conxugar as crenzas druídicas coa nova relixión cristiá, dotou á cruz dun símbolo celta por excelencia: o sol, o símbolo do deus Bran, neste caso o círculo solar rodea a cruz. Xugos da Terra de Melide

Na nosa comarca non se descubriron rosetas nin trísceles, mais é máis que posible que foran labrados en madeira, material moi utilizado, tanto polos celtas coma polos xermanos para as súas representacións artísticas (as representacións en pedra da Gallaecia Bracaense ao sur, débense sen dúbida á influencia da administración romana) , as rosetas foron recollidas, nos anos trinta, dos xugos dos carros de vacas no traballo de campo do grupo do SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS, Terra de Melide, Arte Popular por Vicente Risco[6], o máis fermoso, a dicir de Risco, é o nº149; feito por un rapaz novo fillo do dono , que non ten o oficio de carpinteiro. En verdade chama a atención a calidade destes xugos decorativos, pero sobre todo, amósanos unha arte popular que sen dúbida vén de xeracións e xeracións, ver: http://www.forum-gallaecia.net/viewtopic.php?t=173 .

Mais, quédanos para outra tratar a posible orixe etimolóxica de Branza, Brandeso,....

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com



Bibliografía

SAINERO, R. Los orígenes celtas del reino de Brigantia. Abada Editores, Madrid, 2009.
BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
BRAÑASABAD, R. Deuses, heroes e lugares sagrados. Edicións Sotelo Blanco, Santiago, 2000.
REVISTA LAROUCO Nº4, Grupo Arqueolóxico Larouco, Bande, Ourense. 2008.
SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS. Terra de Melide. Edicios do Castro, Sada, A Coruña, 1978.
CALO LOURIDO, FCO. A Plástica da Cultura Castrexa Galego- Portuguesa. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1994.
CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
ARES GÜIMIL, T. VILA GONZÁLEZ, MªX. Guía de balnearios e fontes de Galicia. Vigo, Ed. Galaxia, 1996.
GARCÍA QUINTELA, M.V. Soberanía e santuarios na Galicia castrexa., Editorial Toxosoutos, Noia, 2006.
GONZÁLEZ SOUTELO,S. As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, X Premio de Investigación 2005 Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga, 2005.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago, Concello de Arzúa, 1991.
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
GARCÍA Y BELLIDO, A. Arte Romano, CSIC. Madrid, 2004.
VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia, Vigo, 1998.
MARIÑO PAZ, R. Historia da lingua galega. Sotelo Blanco Edicións, Santiago, 1998.
PEREIRA MENAUT, G. Corpus de Inscripcións Romanas de Galicia T. I, Consello de Cultura Galega, Santiago, 1991.


[1] Pax. 185 Soberanía e Santuarios na Galicia castrexa[2] Pax. 104 A Plástica da Cultura Castrexa.[3] www.claustro.com/Crismones/Webpages/Catalogo_crismon.htm [4] Pax. 756, ss. Arte Romano[5] Pax. 766 Arte Romano[6] Pax.418 Terra de Melide
[1] Pax. 213 ss. Los orígenes celtas del reino de Brigantia. [8] Pax. 165. Corpus de Inscripcións Romanas, atópase no Museo Arqueolóxico da Coruña. [9]Sen datos sobre a súa procedencia, no 1902 atopábase no Museo de Amigos do País, en 1909 formou parte da Exposición Arqueolóxica de Santiago. Pax. 213. Corpus de Inscripcións Romanas.

mércores, 3 de xuño de 2009

Arzúa non foi Araduca. A falsa historia oficial.

Do libro Galicia, prehistoria, castrexo... de Antonio de la Peña
É unha evidencia que a historia de Arzúa está escasamente estudiada e, ademais, malinterpretada por anteriores eruditos.É unha desgracia que a orixe da vila de Arzúa teña institucionalizado un erro incomprensible na ciencia historiográfica. Observar cara o sur do mapa de Ptolomeo
A orixe do topónimo (nome de lugar) de Arzúa nada ten que ver con Araduca, esta era un lugar sito preto de Porto (Portugal). Este erro vén de querer identificar a similitude do topómimo Araduca recollido polo xeógrafo Ptolomeo na súa Xeografía do século II d.C. (capítulo VI, táboa II) coa Arzúa actual.Ptolomeo dinos que Araduca está poboada por galaicos brácaros e estes campaban pola zona da actual Portugal que queda entre o Miño e o Douro, Araduca estaba situada case na fronteira coa antiga Lusitania.

Varios autores, teñen estudiado o noso topónimo de Arzúa, entre eles Manuel C. Díaz y Díaz e Mª Concepción Fernández López.Díaz y Díaz, propónnos unha orixe no vocablo latino argia, -mato- (en galego arxe, palabra moi común na zona de Arzúa, Boimorto, Touro e Santiso), de certa profusión no Noroeste peninsular do século VII. A orixe do topónimo de Arzúa estaría en argiola, zona máis ou menos extensa dominada por toxos, xestas, silveiras e carrasco. A forma máis antiga do nome era Arçua co tempo castelanizaríase por Arzúa.

Fernández López, comeza o seu estudio por A-Re-Sua ou: aream sudam: espacio soleado, Ara-súa, cre Férnandez que a denominación parece apuntar a un fundo agrícola de asentamento romano (finca en renta ou propiedade ben orientada ao sol) que medraría vinculada ao Camiño Primitivo ou á Vía XIX.

Nós, inclinámonos pola proposta de Díaz y Díaz, xa que como el nos dí, a arçúa sería unha zona extensa que co tempo dou nome a dúas parroquias; Santa María e Santiago. Ademais, a zona, se Fernández  refírese a Santiago de Arzúa, a actual capital do municipio, non debería ser a máis apropiada para establecer un fundo agrícola, tendo terras moito mellor regadas e máis productivas cara a Lema ou Burres.
Post-data: Por certo, en: http://araduca.blogspot.com/ , relaciónase a histórica Araduca con Guimaraes, berce do reino de Portugal. Afonso Henriques (Afonso I)- neto do rei galego Afonso VI-, foi proclamado primeiro rei de Portugal nesta vila.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com


BIBLIOGRAFÍA

- DÍAZ Y DÍAZ, M.C. Propuesta etimológica para el topónimo Arzúa. Homenaxe a Ramón Lorenzo/ Edición de Dieter Kremer. Vigo, Galaxia, D.L. 1998. P. 923-927

- FERNÁNDEZ LÓPEZ, Mª.C. Palas (de Rei): Palatii/Parias; Paraxúa; Arzúa. Iacobus: Revista de estudios del Camino de Santiago. Sahagún (León).2005.P.99-107
- DE LA PEÑA SANTOS, A. Galicia, prehistoria, castrexo e primeira romanización. Ediciós A Nosa Terra, Vigo, 2003.

martes, 2 de xuño de 2009

O ancestral santuario do Monte do Viso (Dombodán)


O primeiro domingo de setembro celébrase a concorrida Romaría da Nosa Señora do Viso, no monte do Viso, parroquia de Dombodán. Xentes de tódalas comarcas lindeiras acércanse ao santuario da Nosa Señora do Viso, para pedir protección contra as pragas das colleitas e a favor dun bo parto.
É costume pasar por debaixo da Virxe para obtela gracia divina, tamén, hai quen lle dá a volta ás tellas da capela ata ter un feliz parto. Segundo Madoz, no lugar houbo un hospital de peregrinos e seica, na carballeira, celebrábase unha feira de gando. Arias Bonet, nun estudio sobre a VIA XIX romana, identifica o lugar do santuario coa mansión romana de Asseconia[1]. O monte do Viso (que significa ver, contemplar), reúne elementos típicos para a identificación dun santuario pagano; a localización nun terreo elevado, no medio dunha carballeira centenaria e unha fonte,...o santuario característico dos celtas é o que se atopa ao aire libre, habitualmente asociado con algún elemento xeográfico significativo, como pode ser unha fonte, unha pedra, unha montaña, unha illa ou un bosque,....[2] Ten ademais tres elementos cristianizadores para contrarrestar un culto pagán; capela, fonte con cruz e cruceiro.

A Capela da Nosa Señora do Viso do século XVIII, pertenceu á Casa de Remesil, os señores deste pazo xacen en varios sepulcros que podemos ver no presbiterio deste pequeno templo e que pertencen a Fernán Gómez de Seixas, comisario do Santo Oficio, Fernando de Remesil e Novoa e a súa esposa, cabaleiros que fundaron o Pazo de Remesil no século XV.

É máis que posible que O Viso, xa fora un santuario dunha ou varias divindades castrexas, e que as diferentes culturas que co tempo foron poboando a parroquia (a romana, a sueva, a cristián), adaptaran o santuario do Viso ao seu culto, en Galicia e norte de Portugal hai varios exemplos deste tipo de procesos(Caneda-As Canles en Campolameiro, (Pontevedra) é un proceso semellante, ben estudiado por M. Santos Estévez[3]).

A situación xeográfica e estratéxica do monte do Viso, tivo que ter moita importancia nos tempos antigos, este monte está rodeado de once castros do concello veciño de Touro e outros tantos do de Arzúa, atópase ao pe do río Ulla na fronteira sur do territorio do pobo coporo, na comarca de Arzúa, case no centro xeográfico de dito territorio que abranguía dende Tui a Lugo, dende O Viso tíñase unha vista panorámica do dominio coporo e do veciño cileno na provincia de Pontevedra, e no pé do monte atópase o castro da Torre.

Rosa Brañas nos ilustra sobre a importancia estratéxica dos santuarios célticos máis relevantes; Un dato especialmente significativo é a localización periférica das estacións respecto dos castros próximos, pois é común que os santuarios ocupen posicións fronteirizas entre diferentes comunidades étnicas ou políticas[4]. Antonio Balboa incide tamén no mesmo aspecto; Por outra banda atópanse os santuarios rurais,(...)que tiñan como misión principal marcar a fronteira entre territorios de pobos veciños. Eran lugares neutrais onde se podían celebrar tamén feiras, festas e asembleas, xa que se situaban nun territorio que non pertencia a ningún pobo, senón que estaba amparado pola protección dun deus[5].

Nos consideramos a Romaría do Viso como unha continuación e asimilación das festas das colleitas, (na cultura céltica o Lugnasad, festividade adicada ao deus Lug conmemorábase o 1 de agosto) onde ademais de realizar as ofrendas aos deuses, preparaban intercambios matrimoniais, celebraban concursos, organizaban carreiras de cabalos, disponían asembleas e realizábanse grandes banquetes, eran o que Estrabón describiu como unha festa total. Hoxe en día, as romarías continúan tendo case todos estes compoñentes festeiros. Como é ben sabido, aínda que á igrexa lle costa seguir asumindo estes ritos con sabor ancestral, a forza da tradición popular obriga a continuar con eles.

Non podemos especular sobre que divindades foron adoradas no Monte do Viso, máis parece evidente que os nosos castrexos coporos, e seguramente, xentes doutros pobos veciños como os cilenos, visitarían durante anos, o santuario pagán do Viso. É moi posible que coa chegada dos romanos e logo co establecemento das tribos suevas na parroquia de Dombodán os seus cultos e divindades trocaran coa cultura de turno.

Non cabe dúbida algunha de que os ritos pagáns no monte do Viso deberon finalizar, como máis tarde, no século XVI, que se encontrara o sepulcro de Fernán Gómez de Seixas, comisario do Santo Oficio (A Santa Inquisición) na capela, parece proba evidente de que estaba ben cristianizado a finais da Idade Media.

Mais, como diciamos, esta romaría, coma moitas outras que se festexan polo noso pais, teñen ese sabor ancestral que fan que a comunicación, a cultura popular, o enxebre bosque máxico e a festa,... , continúen resistindo; a costume da mocidade de durmir a noite anterior no entorno do santuario, os bancos corridos onde todos xantan xunguidos, e sobre todo a festa total ao aire libre segue reunindo aos galegos pese ás novas modas unificadoras da globalización. Que sexa para sempre.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1gmail.com


Bibliografía:BERNÁNDEZ VILAR, X. O Comezo da nosa Idade Media, Editorial Toxosoutos. Noia, 2003.
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
DUMÉZIL, G. Los dioses de los germanos, Siglo Veintiuno Editores, S.A. México, 1973.
GONZÁLEZ GARCÍA, F.J. (Coord.) Los pueblos de la Galicia Céltica, Ediciones Akal, S.A. Madrid, 2007.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
LAREDO VERDEJO, X.L. Guía de Arzúa, Concello de Arzúa. 1999.
CACHEDA VIGIDE, E.A. Arzúa en el camino de Santiago, Editorial Everest. León, 1987.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa, Concello de Arzúa, Santiago, 1991.
LÓPEZ PEREIRA, X.E. Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva, Universidade da Coruña, 1996.
LUCAS ÁLVAREZ, M. Tumbo A de la Catedral de Santiago, Edicios do Castro. Santiago,1998.
TORRES RODRÍGUEZ, C. El Reino de los Suevos, Fundación Barrie de la Maza. A Coruña, 1977.
RODRÍGUEZ IGLESIAS, F. Un reino para Galicia: os suevos, Hércules de Ediciones, S.L. A Coruña 2003.
SÁEZ TABOADA, B. As comunicacións romanas na provincia da Coruña. Santiago de Compostela, Edicións Lea,S.L. 2007.
[1] Pax. 58, As Comunicacións romanas na provincia da Coruña.[2] Pax. 51, A Galicia Celta[3] Pax. 393, Los pueblos de la Galicia Céltica[4] Pax. 395, Los pueblos de la Galicia Céltica[5] Pax. 48, A Galicia celta[6] Pax. 430 Los pueblos de la Galicia Céltica

luns, 1 de xuño de 2009

Ánxel Casal; un arzuán, bo e xeneroso



O 28 de marzo fixo máis dun ano que a Biblioteca Municipal Anxel Casal de Santiago abríu as súas portas, dende este blog queremos felicitar aos traballadores deste autentico centro cultural pola súa disposición e entrega na difusión da nosa cultura. Un exemplo a seguir por todos.

Ánxel Casal foi un dos maiores baluartes da cultura galega de tódolos tempos, grazas a el; Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Seoane, Ramón Cabanillas, e tantos outros autores e investigadores da nosa cultura galega puideron legarnos as súas obras.

En Pela, Vilantime, (na foto inferior) Xosé Castro, fillo do primo de Casal, recorda aqueles tempos -inesquecibles para un neno de sete anos- cando ía a pacer as vacas cun home, sobre todo, bo e xeneroso que lle falaba disto e doutro, que lles levaba libros de Xeografía dun tal Otero Pedrayo, e que a súa máxima preocupación era que os novos da casa estudaran. Desgraciadamente, Xosé, tampouco esquecerá o día que as hordas fascistas viñeron a levar a Ánxel, alí en Pela, mentres coidaban do gando, uns covardes separárono del para sempre, mais o recordo fotográfico daqueles anos, nunca se borrou.

Ánxel Casal foi un dos primeiros membros da intelectualidade galeguista de extracción netamente rural, quizais por iso foi un traballador incansable e indobregable no seu empeño editorial. No número 31 da Revista Nós do 25 de xullo do 1926, Ánxel Casal remata o saúdo editorial da seguinte forma: Coa axuda dos bos galegos esta grande obra seguirá adiante levando o nome glorioso de Galicia aos grandes centros culturaes do mundo enteiro como representación da súa persoalidade. Tamén como unha afirmación da súa existencia enxebremente considerada. Remata o escrito pedindo colaboración: ... e supricamos a cantos nos axudan, a todol-os que nos leen que continúen dispensándonos a súa atención e propagando esta revista entre as súas amistades. Saúde e Terra.

Ánxel Casal Gosenxe naceu na cidade da Coruña o 17 do mes de nadal do ano 1895, fillo de Manuel Casal, natural de Pela Vilantime, parroquia de Arzúa, e de Filomena Gosenxe, natural de Visantoña, Santiso. Aló polo ano 1914 entra en contacto coas Irmandades da Fala da Coruña, grupo dirixido por Antón Vilar Ponte do que será un fervente socio e animador incansable.

No ano 1920 casa con María Miramontes, modista de moita sona na Coruña da época, ela co seu apoio moral e económico será a súa imprescindible colaboradora. Ánxel Casal foi quen de fundar con Leandro Carré a Editorial Lar na rúa Real coruñesa, onde publican as primeiras obras en galego da época.En 1927, Casal cesa como administrador de Lar e funda en solitario a Editorial Nós con a penas unha Minerva e algún outro material tipográfico.

No 1931 trasladou o obradoiro a Santiago e establece definitivamente a imprenta no número 15 da rúa do Vilar.

En Santiago foi un destacado membro do Partido Galeguista polo que resulta elixido alcalde do Concello de Santiago. Por esa condición formou parte da Comisión encargada de entregar en Madrid o Estatuto de Autonomía unha vez que se aprobou en plebiscito polo pobo, regresou o mesmo día do pronunciamento militar poñéndose ó fronte da alcaldía. Máis, a forza dos acontecementos obrigouno a abandonar, retirouse coa súa dona a Pela e alí, apresárono as forzas franquistas o día 4 de agosto do 36. Conducírono á cadea do partido xudicial de Santiago onde pasou dúas semanas en compaña, entre outros, de Camilo Díaz. O día 19 de agosto apareceu o seu cadáver en Cacheiras.

A parte da revista de cultura galega Nós, publicáronse na editorial máis de cincuenta obras de literatura e ensaio galegas, entre as que se atopan autores de recoñecida sona coma; Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Vilar Ponte, Carballo Calero, e tantos outros.Publicáronse, ademais, os traballos do Seminario de Estudos Galegos, entre eles Terra de Melide, a singular revista Resol, a revista Ser e varios números do voceiro do Partido Galeguista; A Nosa Terra.

Ánxel Casal era un entusiasta conversador, cheo de paixón galeguizadora, comezou moi novo a traballar no empeño de estender a nosa cultura, pasou os mellores dos seus días nas pequenas imprentas que instalara. Del dixeron palabras xustas algúns coñecedores do seu labor. Por exemplo, Otero Pedrayo : "Casal, rexo, ledo, optimista, esparexeu a mans cheas a gracia e a forza dunha nova literatura sobre o mundo. A Editorial Nós foi a coroa do seu labor de entrega ó propio país". Ou Castelao, tan admirador seu, chegou a afirmar: "Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós".
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com