luns, 8 de abril de 2013

Estatuíñas, menhires, estatuas-menhir e deuses dos camiños


Pedrafita menhir de Andavao camiño de Arentía
Como vimos neste blog na antigüidade as diferentes culturas teñen os seus propios deuses protectores na carreira da vida e na etapa da morte; os gregos coa deusa Hécate e o deus Hermes, os romanos con Mercurio (o Hermes romano), os etruscos, sabinos e romanos cos Lares Compitales (de compita, encrucillada) ou Lares Viales (dos camiños), os pobos célticos adoraban a Bran, Brenus, Breo, Breogán, Bandua, en oriente, Min ou Osiris en Exipto, ou o fenicio Melkart.. .


Mais será Hermes o deus dos camiños máis documentado no occidente antigo. Coma condutor de  almas cara o Máis Alá deixa aos defuntos na ribeira do infernal río Aqueronte, alí onde o barqueiro Caronte embárcaas cara o outro lado, o Alén. Por certo, outro río que leva ao Hades é o Lethes (Esquecemento), o mesmo que as tropas romanas identificaron co Limia en Ourense, e que se negaban a cruzar ás ordes de Bruto no 137 a.C..


Hermes de Pontedeume
Hermes deixa ás almas na fronteira entre ambos mundos, pois el é o deus das fronteiras e os límites; as lindes dos camiños na antiga Grecia estaban franqueadas por bustos coa imaxe do deus. A súa efixie nun piar con rostro humano e falo (símbolo de fecundidade) levantábase, protectora, nas casas pero tamén nas encrucilladas. Hérmes é o mensaxeiro dos deuses, protector da entrada na casa e no outro mundo, patrón de comerciantes e viaxeiros, mago, músico, filósofo[1],…, funcións que tamén ostentarán Mercurio e o Lug céltico. Deus dos pastores é viaxeiros é o inventor dos túmulos de pedras que sinalan os camiños?, é ademais, o deus multiplicador do gando (non hai ningún outro deus que mostre tanta solicitude polo gando e o seu incremento. Pausanias (II, 3.4)[2]), maquinador e contraditorio é o deus, tamén, dos ladróns[3].
A estatua de Hermes (herma), habitualmente bifronte (pero tamén con tres ou catro caras) e con falo (símbolo da fertilidade que outorgaba a devotos e gando) levantábase protectora nas encrucilladas do mundo antigo, ao seu carón os camiñantes deitaban unha pedra na súa honra formando os montículos chamados na nosa terra amilladoiros.


Recordamos que un costume dos peregrinos de San André de Teixido -que ata hai poucos anos realizábase tamén no Camiño de Santiago- é deixar unha pedra en outeiros chamados amilladoiros (o topónimo de Milladoiro ten esa orixe) coma proba de fe da súa peregrinación.


Recordamos tamén as tres hermas atopadas, ata de agora, na nosa terra; a do Hermes cuadrifaz -catro caras- de Pontedeume e o Bifaz -dúas caras- de Amorín (Tomiño), por certo, na casa onde se atopaba poñíanlle unha vela coma se fora un santo, ou o Bifaz de dúas cabezas da Brea (Dornelas, Mos), que se atopa no Museo de Pontevedra, considerada como un posible Ianus. Tampouco debemos esquecer o Ídolo fálico do Castro de Elviña, nin a Figura antropomorfa fálica do Castro de Vilapedre (Concello de Sarria). Recordemos tamén as 35 aras dedicadas aos Lares Viales, deuses romanos dos camiños…, as aras adicadas ao deus Bandua (o deus que nos ligaba e axudaba na batalla coa súa maxia)[4]. Recordamos as lendas sobre o Máis Aláos ritos, a antropoloxía social da nosa terra e chegamos á conclusión de que os deuses dos camiños levaban tendo conta dos indíxenas galaicos dende os inicios da historia. Mais sería máis antiga a súa presenza por estes lares?. 


Deus Min
Cada vez hai máis consenso entre autores ao conceder unha antigüidade cando menos neolítica ao rito de ofrecer unha pedra ao deus dos camiños. I é no Neolítico cando aparecen as primeiras manifestacións dos deuses dos camiños. En Exipto, Min, o deus dos camiños exipcio, considerado unha das deidades máis antigas de Exipto, era representado de pe co falo en erección e chamado "toro da súa nai", coma fecundador da deusa-ceo.


Na nosa Gallaecia, temos varios exemplos de figuras antropomorfas en pedra dende os anos 4000 aos 1000 a.C..
Nos últimos anos varios investigadores galegos e portugueses están a deitar luz sobre as chamadas estelas, ídolos ou estatuíñas con trazos humanos e estatuas-menhir con forma fálica.


Sobre os 4000-3000 a.C., os construtores dos dolmens colocan coidadosamente no seu interior unhas figuras de pedra cunha rudimentaria forma humana.
Estatuiña da Mina da Parbuxeira
Un exemplo significativo é o das catro estatuíñas antropomorfas (de constitución plana) e dos dous ídolos-betilos[5](de constitución cilíndrica, pero máis pequenos que as estatuíñas) da Mámoa 2 da Mina da Parbuxeira (Eirón, Mazaricos) na entrada da mámoa [6]. O que nos importa desta area santuario, coma a denomina Rodríguez Casal, é a disposición das estatuiñas e ídolos na entrada da mámoa; estaban colocados en fila, ao final; os ídolos, onde empezaba un empedrado de case 5 metros, ben estruturado e alienado  coa porta do corredor da mámoa[7].
"Pola ubicación dos betilos e estatuíñas dentro da masa tumular, parece que foron colocadas alí para non ser vistas polos vivos e actuar, con toda seguridade, de un modo apotropaico[8]"…debemos interpretalas coma obxectos simbólicos de tipo relixioso, quizais como a representación simbólica da divindade neolítica dos mortos, cuio culto exténdese a partir do Neolítico todo ao largo da Fachada Atlántica e o Mediterraneo"[9]. Nesta Mámoa 2 é onde aparecen  os vasos campaniformes clásicos (2700-2000 a. C.)[10].


Ídolos de Dombate
Casos paralelos son os da estela antropomórfica de Paredes, Lugo, as estelas asturianas, e as do monumento megalítico de Ile Guennoc no Finisterre da Bretaña. Outra mostra destes ritos sagrados en relación coa morte son os 20 ídolos atopados no corredor do Dolmen de corredor de Dombate[11] (sobre os 3000 a.C.) marcando a entrada ao dolmen, á maneira das estatuíñas e ídolos de Parxubeira, igual quizais que os ídolos da Cova da Moura (Argalo. Noia), o ídoliño de Consellos (Mos), os da Mámoa do Rei de Cotorredondo (Vilaboa) - estes dous localizados no Museo de Pontevedra- ou do ídolo de Axeitos (Oleiros. Ribeira), parecen indicar  os primeiros pasos do simbolismo dunha relixión onde unha divindade protexía a paz dos mortos.
Ídolo da Cova da Moura, Noia
Na Gallaecia sur, en Portugal o patrón é o mesmo[12]. Nestas mámoas repítese a liña de pedras que levan ao interior do monumento, a pedra é parte fundamental do rito relixioso.


Os ídolos e estatuíñas do megalismo galaico parecen indicar unha función protectora relacionada coa morte.


Quizais, anos máis tarde, os construtores das mámoas vexan a necesidade de que  as  estatuas e ídolos salgan ao exterior, quizais esas divindades protectoras dos mortos (antepasados divinizados?) teñan tamén que axudar aos vivos descendestes destas; fóra, no entorno da mámoa, ou quizais os pobos do ámbito atlántico amosan unha nova forma de adoración, o caso é que; eríxense monumentos (xa de maior tamaño, pasan do metro de altura), normalmente a máis dunha trintena de metros das mámoas (as chamadas antas, dolmens..), en camiños ancestrais, nas súas encrucilladas, presidindo os vales, os montes, en moitos casos son punto de encontro e marcan o límite xeográfico de varios territorios..., son as famosas pedrafitas, os menhires, as estatuas menhiralgunhas cruces de pedra... aínda que esquecidos durante miles de anos (ata hai poucos anos semellaba que en Galicia só existía a Lapa de Gargantáns, Moraña) , hoxe en día, recentes estudios amosan a súa extraordinaria variedade e importancia.
Estatuíña da Mina da Parbuxeira
Os menhires son principalmente símbolos fálicos concentradores da forza transmisora de vida, e por tanto relacionados cos ritos máxicos para a resurrección ou continuidade da vida na ultratumba, e segundo Freiherr 18, ao igual que o gran obelisco central dos templos exipcios consagrados ao Sol (por exemplo o de Abusir, 5ª din.) serían especie de falos depositarios da forza creativa solar identificada coa do antepasado divinizado.[13]


Hai que ter en conta o significado sexual dos menhires, que está universalmente atestiguado en diferentes niveis culturais. Jeremias (2,27) fala dos que "din ao leño; "Ti es o meu pai" e á pedra; Ti concibíchesme". A crenza nos poderes fertilizantes dos menhires era frecuente aínda entre os campesiños europeos a comezos do século XX….[14].


Pedrafitas menhir sinalando a proximidade dunha agrupación de mámoas, facendo de marco de termo entre varios concellos ou parroquias son moitos na nosa terra, Ramón Boga, no seu extraordinario blog; Dolmenes, recolle polo miúdo unha boa mostra; a Pedrafita menhir da Fonte das Meigas en Sueiro, Culleredo , a Pedrafita menhir cruceiro do Cristo deMouraz , no Camiño dos Arrieiros (ancestral camiño vertebrador do interior galego coa costa que atravesa, dende A Pontes, as serras da Faladoira, Monte Caxado e A Coriscada ata Estaca de Bares), a Pedrafita menhir de Portonovo, SedesNarón ( no Camiño de Teixido) ou a Pedrafita menhir Marco do Vento no Monte Seixo de Cerdedo, duns 6 metros de alto, que se atopa a un 100 metros da máxica Portalén, son algúns deles.
Ídolos protexendo a entrada do Dolmen de Dombate


Unha pedrafita que merece un capítulo aparte é o Marco de San Lourenzo que marca o límite de catro parroquias;  San Salvador de Maniños e Santa Olaia de Limodre do concello de Fene e San Martiño do Porto e San Mamede de Laraxe do concello de Cabanas, esta pedrafita de 50 cm que segundo o Catastro de Ensenada, estivo dentro dunha capela, hoxe desaparecida con advocación a San Lourenzo é protagonista de diversos ritos relacionados co seu poder curativo e máxico, quita o mal de ollo, a envexa e todo tipo de enfermidades (hai testemuños na comarca, de nenos que recuperaron a fala grazas ao Marco), mais o realmente salientable son os complexos ritos que se deben realizar para a acadar o beneficio buscado, Eva Loureiro fai unha exhaustiva recompilación na Revista Cátedra.
Este rito relaciona o poder sobrenatural do inframundo que habita nas encrucilladas e o número máxico 9, coa curación dos males de ollo e demais feitizos. Garda certas semellanzas cos ritos da Comarca do Xallas e Cee,…


Estatuas menhir
Pedrafita menhir da Fonte das Meigas en Sueiro, Culleredo
Maís, hoxe, nós fixaremos a nosa atención nas  estatuas menhir, as estatuas con forma humana. Das que temos varios exemplos:


Estatua menhir de Vilar de Santos -do III ao II milenio a. C.-  (agora no Museo de Ourense), atopábase ao pe da vía romana XVIII de Bracara a Asturica, os veciños recordan  que se as vacas preñadas, cando pasaban á súa beira, refregábanse nela, era sinal dun bo nacemento. A  Pedrafita menhir da Cruz do Campo, O Vicedo, semellante á de Vilar de Santos, tiña unha función curativa, os veciños ataban a ela o gando enfermo para que sandara,  Xabier Moure rescatouna para nós, reconvertida en cruceiro (foille gravada unha cruz no peito a mediados do século XX), estivera chantada no antigo camiño real, estariamos ante outra estatua menhir. 





Caso semellante é o da posible Estatua menhir do Cristo da Lagoa en San Miguel das Negradas, O Vicedo, tamén cunha cruz latina gravada no peito, ante el paraban os enterros, soterraban nonnatos e tamén adultos. Castelao na súa imperecedoira obra As Cruces de Pedra na Galiza de 1950, fálanos da posible adcripción prehistórica da Cruz de Buio, Viveiro, chamada popularmente, Pau da Vella, Castelao di; aparesceu soterrado até os brazos nun xacimento de turba, que se formou dispois da súa ereición; e supoñemos que a cruz é máis vella que o xacimento de turba[21], Ramón Boga tamén fai mención da súa posible orixe neolítica.


Estatua menhir de Vilarinho de Samardâ (Vila Real, Portugal) a 50 km ao sur de Chaves, quizais da mesma era que a de Vilar de Santos, de maior tamaño que as anteriores, coa cabeza gravada e diferentes trazos na peza, parece indicar unha transición na estética das estatuas menhir.


Estatuas menhir con estola, datadas no Bronce Final entre os anos 2300-1500 a. C. :


Estatua menhir de Vilarinho de Samardâ
Son estatuas-menhir que teñen en común unha vestimenta en forma subrectangular no seu reverso, dita vestimenta puidera tratarse dunha capa, manto ou estola, algunhas portan armas, están erixidas en antigas zonas de tránsito, todas apareceron nun radio de 80 km arredor de Chaves, Portugal.


Estatua-menhir de San Pedro de Muíño, Oimbra, Verín. Con forma antropomorfa fálica. Reutilizada no s. I d. C. coma estela, ten unha inscripción onde Celtiatus (de celtius, celta) dedícaa ao seu fillo Latronus . A peza de Oímbra indícanos algo máis, está dicíndonos que un indíxena galaico, con poder xerárquico, utiliza o latín para inscribir nunha escultura -que seguramente seguía tendo unha función funeraria e apotropaica-, unha dedicación ao seu fillo, qué mellor acompañamento ao máis alá.
Estatua-menhir de San Pedro de Muíño
Estatua-menhir do Tameirón, A Gudiña, Ourense. Atopada  a preto dos 30 quilómetros da anterior, fracturada na parte superior amosa forma antropomorfa, Beatriz Comendador considera que podería ser o marcador dun lugar no que se realizarían rituais conmemorativos vencellados coa morte. Arrieiros  e segadores recorreron estes antigos camiños como evidencian os amilladoiros e os vellos mesóns que no século XVII mostraban certa notoriedade comercial[25]. Preto da estatua atópanse dúas mámoas e varios petróglifos. Polo entorno pasaba as romanas Calzada das Minas e a Vía XVI preto tamén se atopan as minas de estaño de Val Grande (A Barxa), Trabisquedo en Pentes e Tamierón.


Tamén no norte de Portugal, na mesma área nun radio duns 80 kms ao redor de Chaves[26], zona que na Idade de Ferro estará ocupada polos pobos castrexos dos Bibali e os Turodi na Gallaeci Bracari temos as estatuas menhir de ChavesBouçaFaiôesAtúdes e San Joâo de Ver[27].
Estatua-menhir do Tameirón
Mención especial dentro das estatuas-menhir con estola son as dúas da Serra da Nave[28] (Moimenta da Beira, Viseu), Portugal, na rexión do Alto de Paiva que se atopa no interior á altura de Porto, ámbalas dúas (a Nave2, cristianizada cunha cruz) localizadas nunha posición de dominación xeográfica sobre os lameiros inmediatos. Tamén a Estatua-menhir (con espada), de Cruz de Cepos (29)  en Cervos (Montalegre, Vila Real), a uns 20 quilómetros da de Oímbra, a medio camiño entre as aldeas de Arcos e Cervos, facía de marca divisoria entre ambas moi preto da estrada que as une, nunha zona moi visible desde unha extensa área no seu redor, nunha vía natural de tránsito preto de rexión mineira de estaño (Serra de Leiranco), ten unha cruz de aspas gravada no seu frontal.


Todas estas estatuas menhir dátanse no Bronce Final, todas apareceron en proximidades de cursos de auga, en zonas de fronteira entre áreas de forte contraste xeográfico e que, por tanto, serviron de zona de paso….Estas pezas poden interpretarse coma sinaladores de camiños [30].
Estatua menhir Cruz de Cepos 1. Foto de Pax. 191. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história. Lara Bacelar Alves e Mário Reis
Estas estatuas menhir son formas de expresión simbólica materializada na personificación, en pedra, dunha figura tutelar, heroe deificado ou dunha entidade mítica que asume características humanas[31].


Pax. 117. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história.
 Domingos J. Cruz, André Tomás Santos.
González García considera, ademais, que a través da vestimenta (estola subrectangular do reverso que parece representar unha capa do xefe ou da divindade) e das armas (nas portuguesas) estas estatuas-menhir representarían a divindades, xefes ou heroes e indicarían a existencia dunha sociedade con guerreiros.


As recentemente atopadas Estatua menhir de Guerreiro de Pedra Alta, Castrelode Val (Ourense) e a de Vilar de Perdizes, Portugal[33] parecen un caso aparte, son dos anos 1200 ao 1000 a.C. pertencen ás estelas de guerreiro  con escudo de escotadura en v e carro, típicas do suroeste ibérico, a da Pedra Alta marcaba unha ruta e a súa forma é antropomorfa (ten insinuados os brazos e pernas, dato pouco común nas do sur), denota unha adaptación ás formas galaicas. Estes monumentos -que se atopan a 20Km unha da outra e dentro do radio das Estatuas menhir de estola- amosan outra proba da importancia estratéxica da nosa terra na prehistoria, referendan que Galicia foi un lugar de comunicación entre as culturas mediterráneas e as Illas Británicas.


Estatua menhir de Castrelo do Val
A modo de conclusión podemos dicir que as estatuíñas das mámoas na nosa terra foron gañando tamaño e terreo, esas divindades protectoras dos mortos parece que saíron ao exterior e colocáronse nos camiños protexendo as rutas das mámoas, serían o símbolo da protección divina no camiño da vida e da morte e por conseguinte símbolo da fertilidade, algunhas seguirían coa súa figura antropomorfa, outras tomarían a forma de estatuas menhir, estas, case todas, con forma fálica, unhas exhibindo armas, algunhas con brazos, outras sen eles, moitas con gravados, mais todas se colocaron en camiños de peregrinación, de ruta comerciais importantes ou no camiño ás minas.


Ainda que estes monumentos deberon albergar durante miles de anos as divindades protectoras dos camiños, na cultura castrexa, o deus dos camiños variaría a súa representación pétrea, a cabeza humana adquire protagonismo, nótase no Hermes de catro cabezas de Pontedeume, no Bifaz de Amorín, mais a súa función procreadora e sandadora continúa e observámolo no Ídolo fálico do Castro de Elviña e na Figura antropomorfa fálica do Castro de Vilapedre (Concello de Sarria), coa aculturación romana apareceran as aras dedicadas aos Lares Viales, ao Lar Bero Breo, ao deus Bandua, non obstante, na maioría das trebas castrexas é de supoñer que as Estatuas menhir seguirían albergando o seu poder ancestral.
Ara ao Deus Bandua, Eiras, San Amaro (Ourense)
Esa representación simbólica do deus dos camiños protexeu aos camiñantes, aos mortos e foi o adaíl da fertilidade durante miles de anos, co tempo quedaron relegados á protección do gando, temos esa información transmitida polos veciños da Pedrafita menhir da Cruz do Campo, da Cruz da Moa na Capela ou de Oimbra, é ben posible que todas elas tiveran esa función. Hoxe en día aínda quedan moitas en pe, que sexa por moitos anos.
Ata sempre e bo proveito, Gonzo anosahistoria1@gmail.com

Este pequeno traballo realizouse contando coa axuda divulgativa e fotográfica dos blogues de Ramón Boga e Xavier Moure aos que agradecemos a súa desinteresada colaboración.

Bibliografía



GONZÁLEZ GARCÍA, F.J. Actas do Congresso Transfornteirico de Arqueologia. Revista Aquae Flaviae 41. Chaves, 2009.


http://www.academia.edu/397786/Fonte_J._2009_coord._Actas_do_Congresso_Transfronteirico_de_Arqueologia._Um_Patrimonio_sem_fronteiras._Revista_Aquae_Flaviae_41._Grupo_Cultural_Aquae_Flaviae_Chaves._ISSN_0871-4061


IV XORNADAS RAIANAS. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história. Camara Municipal de Sabugal. Sabugal, 2011


MIRCEA ILEADE. Historia de las creencias y de las ideas religiosas, Ediciones Paidós Ibérica. Barcelona, 1999.


MONTEAGUDO GARCÍA, L. Menhires y marcos de Portugal y Galicia, Anuario Brigantino nº 26. Betanzos,  2003.


BOGA MOSCOSO, R. http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/


MOURE SALGADO, X. http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html


CALO LOURIDO, Fco. A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa, TomosI e I I. Fundación Barrié de la Maza. Pontevedra 1992.
GARCÍA FERNANDEZ-ABALAT, B. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Ediciós O Castro, Sada, 1990.





[1] Pax. 133. Diccionario de Diosas y Dioses, Diablos y Demonios
[2] Pax. 354. Historia de las creencias y de las ideas religiosas. Tomo I.
[3] Pax. 770 e ss. KAHN-LYOTARD, L. Diccionario de mitologías.
[4] Pax.     Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Ediciós o Castro, Sada, 1990.
[5] O betilo é unha pedra sagrada chantada verticalmente que evoca unha divindade, o ídolo é a imaxe da divindade, xa sexa en pedra ou pintura. Basicamente son o mesmo concepto.
[6] Pax. 27 e 31 . La necrópolis megalítica de Parxubeira
[7] Pax. 30. La necrópolis megalítica de Parxubeira
[8]  Dito dun rito, dun sacrificio, dunha fórmula...: Que, polo seu carácter máxico, crese que afasta o mal ou propicia o ben.
[9] Pax. 73. La necrópolis megalítica de Parxubeira
[10] Pax. 71. La necrópolis megalítica de Parxubeira
[11] http://ler.letras.up.pt/uploads/ficheiros/3810.pdf
[12]  Pax. 11 http://www.academia.edu/397786/Fonte_J._2009_coord._Actas_do_Congresso_Transfronteirico_de_Arqueologia._Um_Patrimonio_sem_fronteiras._Revista_Aquae_Flaviae_41._Grupo_Cultural_Aquae_Flaviae_Chaves._ISSN_0871-4061
[13] Pax. 27-28. Luís Monteagudo García, Anuario Brigantino nº 26. Ano 2003
[14] Pax. 163. Historia de las creencias y de las ideas religiosas. Tomo I.
[15]http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/search?q=Marco+de+Fonte+Salgueiras+ou+Fonte+das+Meigas
[16] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2013/03/pedrafita-menhir-cruceiro-o-cristo-de.html
[17] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2013/03/pedrafita-menhir-de-portonovo-sedes.html
[18] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2012/12/pedrafita-menhir-marco-do-vento-cerdedo.html
[19] http://www.musarqourense.xunta.es/wp-content/files_mf/pm_2002_09_gal.pdf
[20] http://patrimoniodovicedo.blogspot.com.es/2011/06/monumentos-do-concello-do-vicedo.html
[21] Pax. 48. As cruces de pedra na Galiza.
[22] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2012/06/anta-de-santo-tome-o-valadouro.html
[23] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2012/10/estatua-menhir-de-muino-de-san-pedro.html
[24] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2012/10/estatua-menhir-do-tameiron-gudina_16.html
[25] Pax. 221. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história. Beatriz Comendador Rey, Víctor Rodríguez, Alejandro Manteiga.
[26] Pax. 270. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história
[27] Pax. 129. Revista Aqvae Flaviae, N.º41 - Chaves 2009
[28] Pax. 117. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história. Domingos J. Cruz, André Tomás Santos.
[29] Pax. 191. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história. Lara Bacelar Alves e Mário Reis
[30] Pax. 131. Revista Aqvae Flaviae, N.º41 - Chaves 2009
[31] Pax. 198. Estelas e Estátuas-menires da Pré á Proto-história. Lara Bacelar Alves e Mário Reis
[32] http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/search?q=Castrelo+do+Val
[33] http://verin-natural.blogspot.com.es/2012/10/egrexio-persoeiro.html