martes, 24 de setembro de 2013

Ánimas, A Compaña (que non ten nada de Santa) e as procesións de guerreiros mortos 2

A compaña, O Acompañamento, As da noite, Ensamio, Estandaíña, Estantiga, Hoste, Antaruxada, Rolda,…

Hai que dicir, antes de nada, que a Santa Compaña, nome pseudo erudito e cristianizado da Compaña, non ten nada de santa, a Santa Compaña é unha denominación que non ten base científica, foi froito da precipitación dalgún ilustrado da época e do intento de asimilación pola Igrexa dunha tradición de sabor pagán. A ninguén que" viu" a Compaña se lle escoitará referirse a ela con esa expresión "santificada".
O Acompañamento, como tamén se chama a Compaña na Illa de Ons e o Xurés, era unha procesión de mortos do que non había que temer nestes lares, traían o anuncio da morte dun vivo, algo normal e natural na vida da xente.
Alonso Romero, nos anos 70, vive unha tempada na Illa de Ons e recolle estas inesquecibles testemuñas sobre o Acompañamento;  Aquí na illa mírase o Acompañamento moitas veces…, comenta Eugenia Otero, unha veciña de Ons; Dábame gusto mirar pra ela. Daba o ceo mirala!.
Eugenia dicía isto sobre a Compaña:
"A Compaña hai que vixiala de noite. Pola lus xa se conoce. A lus é encarnada coma o lume. Ela ven alta de todo, enriba de todo o mundo. Esa lumbrera é a Compaña. Da un alumbrado  que se mira como agora o día: míranse os toxos , o monte millor ca o que se mira agora. E despois desta lus ven outra pero máis pequena e baixiña: é unha lus branca, e despois ven todo o Acompañamento. Ven xente de toda a clase: pequena, grande, neniños pequerrechiños, cans… Van vestidos como nós. Míranse andar pola beira do mar na praia de Melide. Van caladiños. E moitos portan a caixa de defuntos, e detrás deles sigue outra lus branca. E a Compaña deixa a caixa diante da casa onde vai morrer alguén. Aquí na illa mírase o Acompañamento moitas veces".

Illas Ons
O seu irmán comenta:  "A xente da Compaña mírase como si foran vivos, e máis se escoita ruído como se foran campaniñas. A Compaña ven voando e a estrela ponse na praia e empézase a ver xente que vai detrás da lus"[1].
A xente que di ver a Compaña está plenamente convencida de que realmente a viron, non hai falsidade no que din porque o cren con certeza absoluta[2].
A compaña soe saír os venres o día de Venus.
Mandianes fala da Compaña que a escasos 30 quilómetros do Xurés coñécese polo nome de As da noite;
"As da noite" son o grupo de ánimas da aldea ou da parroquia. Levántanse do cemiterio, entran na igrexa e saen recorrer a parroquia organizadas en procesión. Un vivo vai na cabeza da procesión cunha cruz (o da cruz). O vivo que vai á cabeza recibe ordes. "As da noite" páranse nas encrucilladas para comer e invitar aos vivos que pasan. É mellor non aceptar, senón hai que seguir con elas. Hai que ter un anaco de pan no peto por se o invitan a un. Cando se sente vir ás ánimas, haise que poñer á beira do camiño e deixalas pasar, sen se mover. "Unha vez, un home quitoulle a unha ánima que ía na procesión unha vela que levaba na man e tivo que esperar deica o día seguinte para devolverlla no mesmo sitio, porque as ánimas atacan aos que lles rouban as velas".
Na zona portuguesa veciña do Xurés, en Castro Laboreiro, a Compaña chámase Acompañamento, aparécese cando vai morrer alguén, só algunhas persoas o ven. Os cans, animal do outro mundo, tamén os ventan e ouvean ou ladran a morto cando senten a súa presenza.
"As da noite" van vestidas cun lenzo branco e cos pes descalzos. Fan ruído coma o aire, rezan e cada unha leva unha vela acendida na man. Se as ánimas chegan de súpeto, haise que tirar ao chan, coa boca contra a terra, ou facer un círculo no chan e meterse alí dentro pechando os puños.
Xa vimos como o círculo protéxenos ao illarnos. Ao tirarse un a terra péchanse os orificios do corpo que son as vías de entrada do alento (espirito), impídese así ás ánimas de nos facer entrar un alento ou espírito pola boca. ….de noite convén camiñar cos brazos cruzados, "porque as ánimas sempre andan buscando a quen lle dar a cruz, pero se un ten os brazos cruzados no poden facer nada".
As da noite visitan as casas onde vai morrer alguén pronto; pero ninguén sabe por onde entran, nin sequera o vivo da cruz. Unha vez o que levaba a cruz colleu un anaco de xiz e sinalou a casa onde entraran as ánimas. Ao día seguinte foi mirar e encontrou a casa sinalada. Uns días despois morreu un da casa.
O que leva a cruz non pode faltar da procesión; aínda que estea lonxe do lugar ou da parroquia ten que vir cando saen as da noite en procesión. Un home de Loureses que levaba a cruz marchou traballar a Castela; volvía tódalas noites para levar a cruz na procesión das da noite. Deixaba o seu corpo e o seu espirito e viña en procesión. O que leva a cruz ten que lla entregar a outro vivo se quere desfacerse dela. Ninguén a quere, porque o da cruz ponse fraco e non ten descanso. Pódese dar a cruz a unha cadela negra e a cadela irá a tódalas procesións das da noite.
Os vivos ademais de ver a Compaña poden escoitala, en Ons un home que ía de noite para casa, escoitou unha campañina, non fixo caso e seguiu andado máis adiante atopou unha caixa de difuntos.. un fulano da Compaña díxolle que por alí non podía pasar, aos tres días morreu a muller que vivía na casa[3]


Continuará....


[1] Pax. 148. Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[2] Pax. 150. Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[3] Pax. 153. Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones

xoves, 19 de setembro de 2013

Ánimas, A Compaña (que non ten nada de Santa) e as procesións de guerreiros mortos 1



As Ánimas


No maxín da nosa cultura popular existen dous mundos superpostos, os dous habitables; o mundo dos vivos e o mundo dos mortos, tanto vivos coma mortos poden acceder aos diferentes mundos. A noite do 31 de outubro, a noite do Samaín (Hallopwin nos EEUU), a noite de Defuntos no Medievo,.. é a noite máis doada para que os vivos pasen ao mundo dos mortos, e os mortos accedan ao mundo dos vivos, é o comezo do inverno, cando as portas do Alén ábrense, cando as ánimas dos devanceiros veñen visitarnos, cando prendemos o lume da lareira, as lumieiras,... para facer máis morna e festeira a noite...

 A nosa antropoloxía social, as tradicións, a arqueoloxía galega, mais as lendas célticas de Irlanda, Escocia, da Bretaña francesa, a mitoloxía xermánia (ollo!! os suevos -pobo xermánico-, no s. V, crearon o primeiro Reino da Gallaecia que durou case 200 anos) e a arqueoloxía céltica amosan unha serie de crenzas e ritos semellantes en torno á cultura da morte.

 Mandianes na súa obra Loureses[1] fai un exhaustivo estudio sobre o mundo da morte na zona da Limia que podemos facer extensible a toda Galicia:  
As ánimas son os mortos integrados na vida cotiá; poden camiñar, manifestarse e deixarse ver de cando en vez, poden coller unha vela na man ou pegarlle á xente. As ánimas están xeralmente vestidas de branco, como se viste aos nenos para bautizalos ou para enterralos…  As ánimas pódense enfadar o mesmo que os vivos.
As ánimas non son simplemente espíritos; as ánimas son verdadeiros mortos: unha ánima é un vivo que morreu e marchou para o outro mundo.
Capela das Ánimas, Compostela
Unha ánima é polo tanto unha persoa que pasou iso que se chama a morte, que non ten corpo, porque as ánimas poden atravesar os muros e mailas portas pechadas igual caos espíritos. Camiñan sempre polos camiños e polos carreiros dos vivos e van sempre polo medio, por iso moita xente camiña sempre polas beiras. Pódese dicir que as ánimas forman parte da comunidade, que viaxan e van ás peregrinacións o mesmo caos vivos. Cando isto ocorre, os habitantes da casa teñen que avisar ás ánimas da casa para iren xuntos.
As ánimas están no mundo, o outro mundo, que non é máis que un aspecto deste. As ánimas non poden atravesar os lindes da parroquia, nin os ríos eles sos, mais poden atravesalos coa axuda dun vivo.
Ás veces de noite queren atravesar un río, entón necesitan a alguén para levar a barca. A persoa que leva a barca non as ve, pero óeas. Cando a barca está chea de máis de ánimas pódese ir a pique; á volta é máis fácil traela porque non pesa. O mesmo pasaba na Bretaña no s. VI d.C., os pescadores podían ser sacados das súas camas polos mortos, ánimas que os obrigaban a levalos na súas embarcacións ata a Illa de Brittia (Britania), as ánimas non se vían pero os barcos apenas sobresaían do mar co peso[2]
As ánimas viven do lado do espazo non habitado, do lado non cultivado; os camiños son elementos de unión entre ámbolos espazos, utilizados por todos, polos vivos e polas ánimas.
Hai relatos que consideran que a Vía Láctea, Camiño deSantiago, Camiño de San André ou -en portugués- Estrada de Santiago, constitúe o lugar polo que se cre que descorren as ánimas -chamadas, en Portugal, alminhas- cara ao país dos mortos, supoñendo, polo tanto, na altura, o roteiro que conduce ao alén. As ánimas serían as estreliñas da constelación. A mitoloxía exipcia recolle que os seus mandatarios mortos eran as estrelas que brillaban na noite.
Outra crenza estendida é a convicción de que as ánimas ían, se querían, ao río Xordán, polo que se debía poñer un anaco de pan no peito, dentro do cadaleito[3].

Na cultura céltica e na Galicia a auga forma parte das portas do Mais Alá, as súas correntes dan vida e comunican co Alén. A muller preñada non pode comer froitos do mar, nin atravesar un río porque correría o risco de perdelo pequeno; pola contra, a muller que habitualmente o perdía debía facelo bautizar , ás doce da noite, nunha encrucillada formada por unha ponte e un río cando aínda o levaba no ventre. No relato da Viaxe de Bran, tanto el coma os seus homes embarcan ata a Illa das Mulleres (unha manifestación do Máis Alá Feliz céltico) no Atlántico, onde se deita o Sol, pero logo de visitar o outro mundo, xa non poderán regresar xamais ao mundo dos vivos.[4] O mesmo acontece na lenda de San Amaro
Barca solar dos mortos de Ramses VI
Tanto as ánimas que andan por libre, coma a procesión de mortos da Compaña non son almas en pena camiño do purgatorio, son mortos que viven no seu mundo onde os cemiterios, os camiños, as encrucilladas, as casas e as barcas son os espazos onde se relacionan cos vivos. Pese a que varios eruditos galegos e a igrexa no século XIX e XX, empeñáronse en presentar as ánimas do folclore galego coma almas en pena, nada máis lonxe da realidade, as manifestacións recollidas durante anos no rural galego dende o século XVI (pola Inquisición) ata hoxe, deixan claro que son simplemente mortos que nos visitan, algunhas veces para solicitarlle ou esixirlle aos vivos a realización dalgunha promesa, avisalos dalgún perigo, facer a visita de rigor á súa casa familiar nas noites de Santos e Noite Boa, o anuncio dunha morte ou facer mal por venganza.

Tódolos mortos pódense manifestar como ánimas. As ánimas teñen poderes extraordinarios.
Os vivos dan misas polo eterno descanso das ánimas, e as ánimas poden interceder ante Deus pola paz do mundo, pola saúde dos homes e dos animais, unha función que na antigüidade ostentaban os deuses do camiños, os deuses dos mortos. As relacións entre vivos e os mortos sempre son ambiguas; as ánimas fan ben aos vivos, pero tamén poden facer mal. Os mortos poden, polo tanto, ser propicios ou poden prexudicar aos vivos: poden afastar  do lugar as tronadas e as pestes, pero tamén as poden traer. Hai que estar sempre en boas relacións con elas.
Tamén é certo que a función das ánimas é ás veces a de seren gardas das tradicións, pero  o seu papel non é só ese. As ánimas son seres viventes e habitan na metade escondida do mundo. Entre as dúas partes do mundo hai un gran paralelismo e os intercambios son continuos. De aquí a familiaridade tranquila e serena que ten a morte para a xente de Loureses,[5]a mesma familiaridade que teñen as xentes do Gerês (Xurés portugués)[6] , da Illa de Ons[7],..  da nosa Galicia rural en xeral ata ben pouco.
A antropoloxía social na nosa terra descúbrenos as crenzas de que as ánimas viven entre nós e ás veces producen funestas consecuencias aos vivos. O mal do aire, a sombra, o enganido, son enfermidades que só as meigas ou sabias poden curar,son enfermidades  provocadas polo aire do defunto, por iso os nenos non poden asistir aos velorios nin aos enterros[8]. Tanto a sombra coma o enganido só afecta aos cativos, o mal do aire cólleno nenos e adultos, para evitalo, tódolos que van velo morto, bendíceno co ramo de loureiro mollado en auga bendita[9].
Mais o mal do aire, que pode afectar a todos por igual, é o único perigoso, e pode ser unha vinganza do morto, ou o medo do morto a enfrontar o camiño do Outro Mundo. Para apartar esa ánima do corpo do vivo hai que botar man de alguén que saiba como indicarlle o camiño do Outro Mundo á ánima para iso a meiga ou sabia precisa da axuda da divindade. E eiquí vén o abraiante; os ritos máxicos;
· Ritual da comarca do Xallas: Pódese realizar nunha encrucillada de camiños, a unha hora que non pase xente, mellor de noite, ou en calquera recuncho da eira da casa. Si se elixe este último lugar, faise cun pau unha roda no chan e no medio da roda debúxase unha cruz cós brazos cara ós catro ventos[10] (a cruz solar).
· Ritual de Cee. Faise un círculo no chan e no medio do círculo unha cruz (de novo a cruz solar). Enriba da cruz unha tella con herbas de San Xoán e do Santísimo (herbas coas que se adorna o camiño que segue a procesión do Corpus), unhas ramiñas de loureiro e unha pingotas de auga bendita, logo de pasar por riba da tella facendo a cruz, parándose e dicindo a oración nos catro puntos, e así ata nove veces. A curandeira di:
Defuntiños todos,
de todo este contorno,
do mar e da terra,
sacádelle o aire do morto
a esta criatura
e darllo do vivo,
que o do vivo dá respiro
e o do morto non dá conforto,…..

Despois de tres Padre Nuestros bótanse na tella nove bicos de loureiro que foran recollidos en domingo antes de sair o sol. E o doente irá pasando por riba da tella do mesmo xeito nove veces, e mentres a que saca o aire di outra oración:
Loureiro que non fostes plantado,
quítalle o aire a este meniño,
de vivos e de mortos e de condenados[11]


É significativo, no primeiro rito, o lugar escollido para sintonizar a comunicación co Máis Alá; a encrucillada (a Igrexa tivo que cristianizalas cos cruceiros), as encrucilladas son uns dos lugares por onde acceden ao mundo dos vivos os deuses dos camiños[12] e os habitantes do outro mundo (as ánimas). Non obstante se non é nunha encrucillada a sabia ou meiga traza a cruz solar para invocar aos defuntiños todos (¡non hai cousa máis profana!). Mais, todo hai que dicilo, estes ritos están recollidos no antigo territorio do pobo castrexo dos Célticos Supertamarcos, o territorio medieval de Célticos, sen dúbida, a cultura céltica, eiquí, foi moito máis teimuda.
As ánimas, os defuntiños, pois, son eses seres do outro mundo que nos axudan e amparan ante a enfermidade que algún deles pode provocar.
Atrevémonos a pensar que séculos antes da cristianización, o druída ou sacerdotisa(antecesora da meiga) invocaría ao deus dos mortos, (en troques dos modernos defuntiños) o ritual pouco variaría en esencia; o número nove (número con caste céltica) que está presente en tódolos ritos contra o mal do aire, as ramas de loureiro, as augas, e as oracións con sabor profano, acércanos a rituais precristiáns.

Continuará...


[1] Pax. 20 en diante. O río do esquecemento
[2] Pax. 51. Santos e barcos de pedra
[3] Pax. 43. Mitoloxía de Galiza.
[4] Pax. 83-84. Mitos Celtas. Miranda Jane Green.
[5] Pax. 167-172 Loureses
[6] Em Companhia da Morte. Documental de Eduardo Maragoto, João Aveledo e Vanessa Vilaverde
[7] Pax. 148 en diante. Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[8]Pax. 107-112. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. C. Lisón Tolosana
[9] Pax. 145. Loureses.
[10]Pax. 173. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.
[11]Pax. 189-190. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.
[12] A divindade Bran, Breo Beo, Brenus, Breogán, Bandua?… é o deus dos camiños e dos mortos na mitoloxía celta, segundo o profesor Bermejo, agóchase tralas aras dedicadas aos Lares Viales, os deuses romanos dos camiños (verémolo máis adiante)