|
Fresco Capela de Cressac. Francia |
Os Cabaleiros Templarios, aqueles monxes guerreiros da Orde do Temple, fundada en Xerusalén no 1119, aqueles que foron os organizadores e arietes das cruzadas na Terra Santa, que ocuparon as ruínas do Templo de Salomón (o Centro Sagrado do Universo, onde comparten tradicións comúns as diferentes relixión do mundo mediterraneo; Cristiá, xudeo, musulmana) e fixeron da
mezquita de
Al-Aqsa a súa base de operacións militares,
foron a orde militar-relixiosa máis poderosa do seu tempo, protexidos polos papas, as súas propiedades e as súas riquezas contrastaban co voto de pobreza que cada templario tiña que xurar, eran ao mesmo tempo banqueiros e prestamistas (seica a baixo interese) de nobres e reis da cristiandade, innovadores no mundo das finanzas
do medievo inventaron a letra de cambio e as contas correntes.
Un exemplo ilustrativo desta función
bancaria foi o caso documentado de Pierre
Sarrasin, burgués parisino, que en xuño de 1220 con motivo da súa peregrinación
ao Sepulcro de Santiago en Compostela, ingresa a súa fortuna na Gran Casa de
París, o banco do Temple que foi derruído en 1880, entre a variedade de servicios
financeiros, asegurábase o peregrino de que, no caso de falecemento, os seus bens
serían traspasados aos seus descendentes (Pax. 68.
El tesoro de los templarios, Revista Historia National Geographic).
O Temple era obxecto continuado de importantes doazóns e exencións fiscais, e os seus Mestres eran conselleiros reais (Jaime I de Aragón foi criado polos templarios). Estas riquezas, o seu poder político e os seus ritos secretos (esoterismo (1))causaron a súa desaparición no 1312 a través da bula Vox in excelso do Papa Clemente V, presionado polo rei Felipe IV, O Fermoso, soberano francés necesitado de cartos para reflotar as súas deterioradas arcas reais. Os templarios foron acusados de herexía, de sodomía e idolatría e a orde foi abolida.
O Gran Mestre da orde en Francia, Jacques de Molay, acabou na fogueira por orde de Felipe IV, corría o ano 1314, comezaba a caza do templario e tamén o misterio que os ía a envolver ata os nosos días (no século XVII difúndese a nova de que o Gran Mestre antes de morrer, entregaríalle a reliquia máis preciada do Temple un dedo de San Xoan Bautista, así como a chave que abría a caixa onde se atopaban os documentos fundamentais do Temple a un sobriño). Extraoficialmente os templarios pasaban á clandestinidade, empeza a súa lenda de misterio, principia a súa sona de secretismo, oscurantismo, esoterismo (
2).
A partir da bula papal, todo o relacionado co
Temple cae en desgraza, os templarios son perseguidos, sobre todo en Francia, e bórranse dos arquivos da época case toda a documentación relacionada coa orde. As súas propiedades e riquezas pasarán oficialmente á Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoan de Xerusalén, a sonada
Orde de Malta, non obstante nos reinos da península ibérica, ata 1319 que o Papa Xoan XXII outorga os o bens do Temple á Orde de Malta, a maioría das propiedades templarias xa pasaran a mans do sector nobiliario.
E será esa caída en desgraza e o borrado de arquivos e documentación templaria a causante de que, hoxe en día, comecemos, paseniño, a coñecer as pegadas dos Templarios no reino de Galicia. Estudios de Carlos Pereira Martínez e de Sánchez Sánchez descúbrenos o pasado da Orde do Temple nas nosas terras.
Pereira Martínez nos resume brevemente os comezos da Orde do Temple no reino de Galicia
(3) ;
A chegada dos templarios ao noso país produciuse a mediados do século XII, aparecendo referencias á súa presencia nas terras de Celanova en 1142.
Por iniciativa de Fernando Pérez de Traba (fillo do Conde de Traba, Pedro Froilaz) chegarán á comarca das Mariñas dos Freires. Fernando de Traba, estando axuntado coa raíña Tareixa de Portugal, fai aos templarios daquel reino varias doazóns, como Soure (Portugal), xa en 1128, e logo
peregrina en dúas ocasións a Terra Santa, onde coidamos que seguiría a manter contacto coa Orde,
estando interesado, ao seu regreso, en que os monxes-cabaleiros se establecesen no Burgo de Faro, núcleo urbano e portuario (fundado por Afonso VII) no cal fundarían a súa máis importante sé, non só de Galiza, senón de todos os reinos hispanos, a
bailía do Faro, a
Igrexa do Temple do Burgo ( Cambre) sería a súa base de oracións.
A partir destes asentamentos, a Orde do Temple comezará a estender os seus dominios por toda Galicia, creando
bailías ou encomendas en Betanzos (A Coruña), Sanfiz do Hermo (Guntín-Lugo), Neira (Láncara-Lugo), Amoeiro (Ourense), Canabal (Sober-Lugo), Coia (Vigo- Pontevedra) (4) , Lendo (Laracha) e San Sadurniño (5)..
Hai probas documentais da existencia de
casas templarias en vilas importantes, naquela época, coma
Palas de Rei (
Vilar de Donas, moi posiblemente, sería unha das igrexas do Temple cedidas á Orde de Santiago), ou
Ribadavia, e igrexas, casais, casas e terras na costa;
Miño, Illa Coelleira, Redondela; na zona de
Sobrado: Guisón, Vilarino en
Ourense en Borobás, Cea,
(6), .. ., Tres casais e cuarta parte da igrexa en
Prado (Lalín) (
17), a igrexa de Santa María de Noceda (Lalín)(18). E por suposto nas terras do cabildo de
Santiago de Compostela (7) .
Hai constancia documental de bens templarios no
Salnés e Moraña. Na
zona sur de Caldas de Reis teñen propiedades en
Portas, Lantaño, Valiñas, Paradela e Romai, un pouco máis ao este en
Arcos da Condesa, Lamas e Laxe (Caldas de Reis) (8), no Camiño Portugués as igrexas de
Santa María de Caldas e
Santa María de Xanzá, en
Santiago de Ois (Coirós)... (9).
A presenza dos templarios é norma xeral en moitas comarcas galegas,i e que o Temple na nosa terra coma noutros reinos da península axuntouse coa monarquía.
Fernando de Traba (como seu pai Pedro de Froilaz que fora aio do emperador Afonso VII)
foi titor do rei galego Fernando II, as ideas daquel deberon influír nas decisións reais, xa que o
Mestre Guido da Guarda, templario, acompañou ao rei durante varios anos figurando entre os confirmantes de numerosos documentos do monarca, entre eles o Tratado de Rioseco (1181), onde se asina a paz e se establecen as fronteiras entre o reino de Galicia e León e o de Castela, asinando pola parte castelá o rei Alfonso VIII que tiña entre os seus confirmantes o, tamén, Mestre da Orde do Temple Rodrigo
(10) . Con Fernando II, os templarios loitarán contra os almorábides pola conquista de Alcántara, Cáceres ou Coria.
Sánchez na súa obra
A Orde do Temple na vila de Melide, pescuda nos Fondos López Ferreiro, do
Sancti Spiritus de Melide, do Arquivo da Catedral de Santiago, as pegadas dos templarios na Terra de Melide e comarcas veciñas, grazas á breve frase de;
que foron da Orde do Tenpre, puido rastrexar as diferentes propiedades que tivo o Temple na zona. A modo de exemplo, nun preito do 1384 sobre a donación do conde Pedro das herdades ao mosteiros de
Sancti Spiritus recóllese en galego medieval
(11):
….
o couto de Basadrea et as casas da Vila de Milide et herdamentos e casas et chantados et moynos et prestamos et benefiços que foron da Orde do Tenpre et lle perteçian ena vila de Milide et en terra d´Aveancos et de Ventosa…..
E grazas a esta documentación, Sanchez, localiza diferentes propiedades dos Templarios;
De 6 a 8 casas na vila de
Melide, un couto, un muíño unha igrexa e outras propiedades en
Vila Nova (Santa María de Malos); un muíños, coutos, varios; 1 casal, unha igrexa (Santa María), e varios en
Basadre (
Agolada);
Ventosela un couto.
Sánchez ademais, insinúa que
Santa María de Melide é templaria, Broz Rei, no 2001, xa apuntaba a denominala Santa María do Temple de Melide
(12) , unha Cruz do Temple nas pinturas murais do seu interior o corroboraba, o mesmo nome lle dá Rafael Alarcón na súa obra A la Sombra de los Templarios, para quen os símbolos xeométricos da arquivolta máis exterior da porta oeste non deixan lugar a dúbidas da súa autoría templaria semellantes aos de
San Xián de Astureses( Ourense) (13) .
Na nosa veciña A Ulloa en fotos, atopabamos tres igrexas con símbolos da mesma caste nas súas arquivoltas son; San Salvador de Vilanuñe (Antas de Ulla), San Martiño de Ferreira (Palas de Rei) e San Miguel de Esporiz (Monterroso) A igrexa de San Pedro de Melide tamén ten unha cruz patada típica dos templarios na súa fachada.
|
Sinos lapidarios do Temple
De A la Sombra de los templarios |
Na zona de
Sobrado as posesións tamén deberon ser importantes en
Codesoso e varios lugares máis (
Vilariño, Torante, Bidueiros, Roade, etc..)
(14) .
Máis ao norte a igrexa de
Santalla de Curtis tamén foi templaria
(15). Nesta propiedade coma nas de Santiago de Ois os monxes do Cister de Sobrado pactan cos templarios os xeitos de produción e propiedade, non hai que esquecer que aparte do prestixio da Orde do Temple, o Cister ten alianzas cos templarios en toda a cristiandade, por algo
San Bernardo de Claraval, fundador de 68 mosteiros do Cister en Europa, foi o redactor
De laude novae militiae ad milites templi(16) , presionou no Concilio de Troyes para que se recoñecera á Orde no 1128 polas autoridades católicas e resolveu o problema do pecado da sangre(non matarás) para xustificar as ordes militares. A orde do Temple é, como quen di, afillada do Cister, é normal que se intercambiaran e estableceran nas propiedades duns e outros segundo a necesidade de cada época. Ademais, o mosteiro de Sobrado fora doado ao Cister, tamén, polo conde de Traba. A monarquía e nobreza galega aseguran fidelidade e produción nas nosas comarcas ao doar ás ordes do Temple e o Cister propiedades terreas.
Pola tipoloxía das propiedades que Sanchez e Pereira sacan á luz nos seus estudios, parece acertado pensar que a pretensión fundamental do Temple en Galicia era sacar recursos económicos para soster a congregación e a súa idea principal de recuperación dos Lugares Sagrados en Palestina. Mais, tamén é visible a posición estratéxica das súas posesións, sobre todo, nos camiños que levan a Compostela, os templarios tiñan encomendada a vixilancia dos Santos Lugares e a protección dos peregrinos, é lóxico pensar que os enclaves templarios dos Camiños do Norte,
Portugués e Francés estarían destinados ao amparo dos peregrinos. Non esquecemos a súa misión cristianizadora de lugares de cultos pagáns, pero isto verémolo máis adiante.
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com
(1)
Esotérico: Que se transmite, unicamente, a un grupo reducido de iniciados [doutrina, coñecemento].
(2) Pax. 186 El misterio de los Templarios.
(3)Pax. 163 Os templarios.
(4)Pax. 163 Os Templarios.
(5)Anuario Brigantino, nº 23, Betanzos.
(6)Pax 155 Os Templarios.
(7)Los Templarios y el Cabildo de Santiago: A Tenza do Temple. Las Ordenes militares en la península Ibérica. Volumén I. Edad Media. Universidad Castilla La Mancha, Cuenca.
(8)Pax. 36. A Orde do Temple na vila de Melide.
(9)Pax. 74. Os Temparios.
(10)Pax 7-8. Panorámica de la orden del Temple en la corona de Galicia- Castilla- León. Pereira Martínez, C
(11)Pax. 50. A Orde do Temple na vila de Melide.
(12)Pax. 40. A Orde do Temple na vila de Melide.
(13)Pax.292 A bailía de Amoeiro da Orde do Temple. Carlos Pereira
(14)Pax.77 Os Templarios.
(15)Pax 74-75. Os templarios.
(16)Pax. 97. Os templarios.
(17)Pax.131. Carlos Pereira Martínez, Anuario Brigantino 2005, nº28.
(18)Pax. 240. Carlos Pereira Martínez,
http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf
BIBLIOGRAFÍA
• FRALE, B. Los Templarios. Madrid, Alianza Editorial, 2008.
• MOSQUERA, X. Un viaje por la historia de los templarios en España. Madrid, Nowtilus, 2007.
• LÓPEZ-RIDAURA, S. e RAYNOUARD, F.J.M. Historia y tragedia de los templarios. Sevilla, Estramuros, 2008.
• GARCIA ATIENZA, J. El misterio de los Templarios,Editorial EDAF. SA. Madrid, 2000.
• PEREIRA MARTÍNEZ, C. Os templarios. Artigos e ensaios. Noia, Toxosoutos, 2000.
• SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M. Milites Templi: A Orde do Temple na vila de Melide, Concello de Melide. Melide, 2006.
* MONTESANO, M. El tesoro de los templarios, Revista
Historia National Geographic nº 137, Barcelona, 2015.