En irlandés antigo existe a palabra nemed, co mesmo significado de santuario, mais tamén 'nobre, persoa con priviléxios'. Nemed era tamén o líder dos segundos invasores de Irlanda que loitaron contra os Fomores, como recolle o Libro das Invasións irlandés (a lenda de Breogán está incluída neste libro), Nemed (igual que tódolos invasores de Irlanda, excepto os Tuatha de Danann ) proviña de Hispania (Galicia, se entende), do País dos Mortos segundo a interpretación de D´Arbois de Jubainville na súa obra O ciclo mitolóxico irlandés.
Drunemeton (santuario dos cabalos ou gran santuario) era o lugar de reunión do pobo celta dos gálatas no centro de Asia Menor(2) . A deusa Nemetona ou as Matres Nemetiales, topónimos coma Augustonemeton na Galia e Medionemeton ao norte de Britania(3) , son algúns exemplos das pegadas dos bosques sagrados nos pobos celtas.
Monte Neme ao lonxe Baldaio |
Na vella Gallaecia temos unha sólida constancia destes nemetons e a súa evolución, a historia romana e a arqueoloxía amosan a súa existencia;
- No noroeste da Tarraconense, Ptolomeo (xeógrafo grego do s. II) localiza o poboado Nemobriga.
- V(icus) Nemetobrica, inscrición en pedra atopada en Codosedo, Sarreaus(Ourense) preto de Vilar de Barrio, esta estela funeraria ten unha correspondencia case exacta coa información de Ptolomeo.
- Nemocelo inscripción atopada nunha ara de Chaves (Portugal)
- Deo Domeno Cusu Nemedeco, inscrición atopada en San Tirso de Burgâes, distrito de Porto (Portugal). Sería polo tanto un santuario do deus Coso(4) .
- Ptolomeo fálanos do grupo étnico dos Nemetates no noroeste da Tarraconense (5)
Hoxe en día, logo de máis de dous mil anos, os lugares que nos indican algunha relación cos nemetons galegos amósanse na toponimia, nas lendas e nas tradicións da nosa terra. A cristianización de santuarios rurais por santos e santas de diferentes nomes son innumerables, busquemos os que amosan a raiz Neme e o seu entorno:
Nas terras da Costa da Morte, no territorio medieval de Nemancos e Célticos., localizamos San Tomé de Nemeño ( Ponteceso) onde se atopa o castro de maior dimensión da comarca, a dous quilómetros cara o noroeste San Xián de Brantuas a un quilómetro de San Xián no alto do Monte do Faro atópase a capela e fonte da Nosa Sra do Faro, preto de alí ao sur de Corme atópase a Illa da Estrela, onde había dous círculos líticos (cromlech). Preto de Corme en Gondomil temos a famosa Pedra da Serpe cristianizada cun cruceiro. Máis ao norte, a capela de San Hadrián (Malpica) coa súa fonte de augas curativas, ao pe do Monte de Beo (beo, de vivo en lingua céltica) onde se atopa o castro Bico do Castro, a lenda di que San Hadrián fendeu na rocha a Serpe de San Hadrián cando ía cruzar cara as Illas Sisargas(6) .
San Hadrián |
Preto de Buño, tamén no concello de Malpica, temos o Monte de Neme, dende onde hai unhas excelentes vistas panorámicas sobre a comarca. Na súa aba norte atopábase a Eira das Meigas ou Circo de Xogos, un cromlech, remodelado hai pouco por un veciño, onde, segundo a tradición popular, a noite de San Xoán xuntábanse as bruxas para argallar os seus enredos contra dos veciños e veciñas, tamén existía a capela e fonte santa de Santa Cristina (7) Na aba sur de Monte Neme, no rego de Bandeira, nos anos 50 do s. XX, durante as tarefas de bateo da mina de wolframio, atopouse a chamada Arracada do cercano lugar de Cances. Este monte foi castigado duramente pola súa riqueza mineral; estaño, wolframio e agora grava foron as explotacións mineiras que soportou e soporta o ancestral Bosque Sagrado de Neme, seguramente, dende a prehistoria. Aprobada, o ano pasado, a instalación dun parque eólico na súa cima, o Monte Neme parece condenado a sufrir un castigo divino e humano.
A parroquia de Leis de Nemancos entre Muxía e Camariñas. Este lugar refírese á comarca medieval de Nemancos.
San Cristovo de Nemiña (Muxía), coa súa praia rodeada de natureza, recórdanos o que André Pena na súa obra, San Andrés de Teixido, apunta sobre outro San Cristovo, o das Serpes de Brión (Ferrol); coma posiblemente outro dos lares viales galegos, tiña a piadosa tarea de socorrer persoalmente re¬colléndoas, unha a unha, da area, e subíndoas as súas costas, ás almas que chegando tarde ao peirao cha¬mado “Areas do Paradiso” no seu santuario de Ferrol perdían o barco para o“Alén”, o “Máis Alá”.
Sisargas e San Hadrián dende a Eira das Meigas no Monte Neme |
Cara o este; o Territorio Nemitos era o antigo nome da comarca entre os rios Mero e Mandeo por terras de Betanzos, o territorio altomedieval Nendos , non parece nada descabellado identificar o medieval Territorio Nemitos co territorio da treba dos Nemetates dos que nos falaba Ptolomeo.
Santa Cristina de Nemenzo no lugar da Pedra , no concello de Santiago de Compostela, coma en Monte Neme, quizais cristianizaría un nemetón.
I e que hai que botarlle unha ollada ao censo de Agripa e decatámonos que toda esta zona era habitada polos pobos célticos Supertamarcos e Praestamarcos, estes pobos estaban formados por diferentes trebas dando algunha delas nome ás comarcas que habitaban ata o medievo; Nemitos, Nemancos, Célticos,...
Establecidos enriba e debaixo do río Tambre a súa pegada céltica é indubidable, dende a toponimia ata a arqueoloxía (cinco estelas de celticos supertamarcos) deixaron constancia da súa cultura celta.
Se había nemetons e os seus usuarios eran célticos alguén tiña que dirixir as ofrendas e ritos divinos. Na Galia, en Irlanda e en Britania está documentado a existencia dos druídas, os sacerdotes das tribos celtas. Pois ben, hai pouco no veciño blog Fror na Area, falábannos de tres incripcións (atopadas en Vigo, Guimaraes e Braga) que se refiren, moi posiblemente a druídas, na de Guimaraes reza o seguinte; DEO D/URBED/ICO, o deus dos druídas, sería a súa traducción. Magulan en Arzúa quizais responda á existencia dun mago (así chamaban os romanos aos druidas) na terra cha da parroquia de Lema.
Mais, na mitoloxía irlandesa atopamos o elo que une os nemetons da Gallaecia coa nosa veciña Irlanda. H. D´Arbois de Jubainville fai un exhaustivo estudio sobre o Lebar Gabala, Libro das Invasións ou das Conquistas, onde esmiúza os principios fundamentais da mitoloxía céltica. D´Arbois insiste ao longo da súa obra sobre a confusión ocasionada polos cristiáns irlandeses entre Hispania e Bretaña (sobre todo Hispania) co País dos Mortos ao transcribir a mitoloxía céltica(8) . Ao seu entender, que os cristiáns irlandeses citen a Hispania coma o país de orixe das razas invasoras de Irlanda; a de Partolón, a de Nemed (que regresa a Hispania) e a de Mile (neto de Breogán) é unha cristianización do que a mitoloxía céltica chamaría o País dos Mortos.
Eburia dos célticos supertamarc |
Pois ben, D´Arbois, ten moita razón en insistir sobre o País dos Mortos, mais, pese ao seu encomiable traballo, os medios para a investigación a principios do século XX son limitados, polo que esqueceu colocar a lupa sobre a nosa Galicia e isto levouno a cometer erros coma identificar Braganza coa ancestral Brigantia (hoxe, sen ningunha dúbida; A Coruña), ou descoñecer que na nosa terra temos unha costa chamada dende séculos Costa da Morte, uns antigos Territorio Nemitos (o ancestral territorio dos nemetates?), Nemancos ou Célticos e unha cultura ancestral arredor da morte.
Efectivamente a mitoloxía refírese ao País dos Mortos e, coma na Bretaña, sería un dos nomes co que a Gallaecia sería coñecida na antigüidade entre os pobos célticos, ese país que os romanos de Xuño Bruto non se atrevían a pisar, xa que ao cruzar o río Limia quedarían desmemoriados ou zombies, era o país que ofrecía a visión do deus solar deitándose no océano, o país onde os mortos embarcábanse cara o paraíso.
A Gallaecia era o país do Fin da Terra; o País dos Mortos.
A costa galega era a última estación cara o Máis Alá. Dende o Aloia, dende Castro de Donón (Cangas), Moraime (Muxía), Nemiña, Brigántium, Brión (Ferrol), dende Teixido, San Xiao de Trebo (Cariño),.. as tribos castrexas adorarían ao deus dos camiños, o deus que chamaban Bero, Breo,Brea, Brenus, Bregón, Breogán, Bran ou Bandue, o deus encargado de conducir aos vivos polo bo camiño e aos mortos ao bo porto das Illas Marabillosas.
É por iso que, non esquezan; a San André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.
Ata sempre e bo proveito, anosahistoria1@gmail.com
(1)Vid. HOLDER, Altceltischer, II, 712. Vid. 2. III. 21, s.u. Nemetobriga.
(2)Pax. 52 A Galicia Celta
(3)Pax. 50 A Galicia Celta
(4)Pax. 50 A Galicia Celta
(5)Pax. 242-243. La Península Ibérica en la Geografía de C. Ptolomeo.
(6)Pax. 151 A Comarca de Bergantiños
(7)Pax. 159 A Comarca de Bergantiños
(8) Pax.81-83 e pax. 151. El ciclo mitológico irlandés y la mitología céltica
Bibliografía
FERNÁNDEZ CARRERA, X. A Comarca de Bergantiños. Concello de Carballo, A Coruña, 2001.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta. Edicións Lóstrego, Noia, 2007.
H. D´ARBOIS DE JUBAINVILLE. El ciclo Mitológico Irlandés y la Mitología Céltica, Edicomunicación S.A.. Barcelona, 1986
GARCÍA ALONSO, J.L. . La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidad del País Vasco, Gasteiz, 2003.
GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001