domingo, 17 de maio de 2009

Guerreiros celtas na comarca de Arzúa


O sufixo bre ou be, que vén de briga, brix, e significa poboado fortificado en altura, é un dos elementos lingüísticos máis característicos das linguas celtas, é coma a súa carta de presentación.
Alcobre (Piloño, Vila de Cruces), Pezobrés (Santiso), Pezobre (Santiso), Añobre (Vila de Cruces), Baiobre, (Branzá, Arzúa), Baiobre (Beseño, Touro), Cortobe, (Burres, Arzúa), Pantiñobre, (Arzúa), Cillobre, (Cornado ,Touro), Basebe, (Novefontes, Touro), Ombre, (Pastor, O Pino), e Coebre, (Loureda Cesuras) son topónimos recollidos entre os ríos Tambre e Ulla, a maioría na comarca de Arzúa.

A nosa zona estaba poboada, segundo o censo de Agripa ( Orbis Pictus) recollido por Plinio, polo pobo coporo, chegaba o seu territorio ata terras de Lugo, ao norte os celticos supertamaricos.

Estrabón fálanos do carácter aguerrido dos galaicos, Baiobre, cuxo significado vén de Bagiobriga de *bag- "loita" e briga, "castro, fortaleza", indícanos claramente o carácter guerreiro dos seus poboadores, a céltica é unha sociedade antiga que ten na súa relixión o seu leitmotiv, a guerra é un acto protexido polos deuses, aos que hai que ofrendar sacrificios de animais ou dos guerreiros inimigos.

A aparición dúas aras adicadas ao deus Bandue en  Catoria[1] e Palas de Rei dentro do territorio coporo, parecen corroborar o carácter guerreiro destes poboadores. Na zona de Lugo foron atopadas recentemente tres aras dedicadas ao deus celta Lug.

As ofrendas e ritos dedicados a estas divindades realizábanse en lugares significados polo seu valor simbólico; Nemetón; claro no bosque sagrado, Mag, Magnus; planicie sagrada[2], Lan; chaira. Nos ríos, nas fontes, nos montes, máis tamén, no interior dos castros hai testemuñas de adoración a deuses indíxenas. No Castro de San Cibrán de Las (Ourense) atopouse unha ara dedicada ao deus Bandua Lambricae, Lanobricae ou Lansbrica, topónimo que, a partir da análise lingüística facilitada por Blanca García, podemos explicar como Fortaleza da Chaira[3], desta raíz virían os topónimos Lañobre (Teo), Lañas (A Baña) e Laña (Touro)[4]a tres quilómetros do Baiobre de Beseño.

No Baiobre de Branzá (onde se localiza un castro), temos o Santuario da Santa Crus, está especializado na protección dos animais e das colleitas do campo. Tamén fanse peticións especiais polos difuntos[5].Coma en San Lázaro (Compostela) realízase a subasta de uñas de porco. Celébrase o 3 de maio. Na veciña parroquia de Beseño no concello de Touro nun dos lugares máis elevados do entorno, atópase outro Baiobre onde se celebra unha romaría ( 2ª domingo de xullo) nunha carballeira cunha capela adicada a Santa Sabela, protección da fertilidade. É evidente que a realización destes ritos ocultan un culto pagán, noutro artigo veremos a relación destes lugares cos seus posibles deuses e os topónimos.

Cara ao este de Baiobre nunha distancia, aproximada, de 10 quilómetros atópase Pantiñobre, onde se encontra o Castro de Soutullo, e a uns 5 quilómetros deste, na parroquia de Lema, localízase o lugar de Magolán antes Magulán célebre pola Casa dos Maguláns, este topónimo é de grande interese xa que pode indicarnos dous significados, ao mesmo tempo semellantes, non dubidamos que Magulán alberga dous términos; Magus e Lan. Lan como vimos significa chaira. Magus pode vir de mag, magus, planicie sagrada o que redundaría no concepto sagrado do lugar, ou de magus, druída,segundo Anne Ross, magus era a miúdo usado como sinónimo de druid en Irlanda no periodo medieval[6], sen dúbida era un préstamo do latín imperial.

O concepto sagrado parece impregnar o significado deste topónimo de sabor arcaico, non hai que esquecer que Magolán pertence a Lema que provén dunha base moi antiga precéltica lim, seguramente emparentada con , "lama, lodo" , mais, se nos fixamos na microtoponímia da zona moi preto de Magulán no val que sobe a Arzúa está o Cando, moi posiblemente da raíz indoeuropea cand- "brillar", e da celta kandos, , branco, brillante, Balboa, na reflexión sobre as aras adicadas a Iuppiter Candiedo, aparecida nun lugar incerto de Galicia, e a de Iuppiter Candamius atopada no porto de Candanedo, situado entre Asturias e León, considera que aluden á claridade dalgunha deidade celeste indíxena daquelas montañas[7].

O que non ofrece dúbidas sobre as pegadas da sociedade castrexa na nosa comarca son os seus castros e os seus topónimos, que nos indican unha sociedade guerreira e arcaica, onde a súa relixión ocuparía o primeiro estamento dunha sociedade comandada polos xefes dos castros e os sacerdotes, druídas ou magus. Grazas á obra de Xulio Cesar A Guerra das Galias ,sabemos que xunto ao coñecido papel relixioso, os druídas eran os educadores da aristocracia guerreira gala, tratábase dunha ensinanza transmitida de maneira oral,que potenciaba a memoria e posuía un carácter secreto e elitista. No próximo artigo trataremos os signos apreciables das divindades celtas destes castros.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com


Bibliografía

BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
REVISTA LAROUCO Nº4, Grupo Arqueolóxico Larouco, Bande, Ourense. 2008
SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS. Terra de Melide. Edicios do Castro, Sada, A Coruña, 1978
CALO LOURIDO, FCO. A Plástica da Cultura Castrexa Galego- Portuguesa. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1994.
CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
ARES GÜIMIL, T. VILA GONZÁLEZ, MªX. Guía de balnearios e fontes de Galicia. Vigo, Ed. Galaxia, 1996.
GONZÁLEZ SOUTELO,S. As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, X Premio de Investigación 2005 Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga, 2005.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago, Concello de Arzúa, 1991.
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
ANNE ROSS, Druídas,Editorial Toxosoutos. Noia, 2004.
BRAÑAS ABAD, R. Indíxenas e romanos na Galicia céltica. Santiago de Compostela, Librería Follas Novas,1995.
CONCELLO DE ARZÚA. : Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM, . 2006. CABEZA QUILES, F. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, S.A., 1992.


[1] Pax. 167 ss BLAZQUEZ, JMª. Diccionario de las religiones prerromanas de Hispania[2] Pax 227 A Galicia Celta[3] Pax. 238 Indíxenas e Romanos na Galicia Céltica[4] Pax. 71 Galicia Celta[5] Pax293 La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa.[6] Pax. 21 Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004[7] Pax. 57 A Galicia Celta

Ningún comentario:

Publicar un comentario