xoves, 23 de xullo de 2009

Lexionarios galaicos e minería de estaño nas comarcas do Ulla e 2


Vén de....
Ata o ano 69 d.C.?, que se fai cargo do control militar do noroeste a Legio VII Gemina, (con base en León) as operacións militares de conquista e os recrutamentos forzosos na futura Gallaecia, van ser realizadas polas seguintes lexións imperiais:

* Legio X Gemina, o seu campamento vai dar lugar á cidade de Asturia (Astorga) que será a base operativa desta lexión, encargaríase das levas e explotación das minas de ouro da zona ástur e lucense.

* Legio VI Victrix con base en Bracara (Braga). O Legado Imperial da Lusitania (dende o 27 a.C. engloba, tamén á Gallaecia e á Asturia), Publio Carisio dende o Bierzo penetrou na Galicia interior no verán do 25 a.C.[1] para esmagar a resistencia galaica, en Lugo acuñou a sonada moeda co reverso das armas lusitano-galaicas coma a caetra ou escudo circular( 25-23 a.C.)[2], mais o territorio galaico no 22 a.C. aínda estaba sen someter ao poder romano.

*Legio IIII Macedónica que con Marcus Vipsanio Agrippa ao mando dende o 19 a.C. (ano da pacificación dos cántabros) ao 17 a.C., poida que visitara con algunha cohorte o campamento de Lucus Augusti -a cidade fundarase, precisamente no 19 a.C.-[3], O establecemento do campamento parece datar do 25 a.C.

Nas tarefas de conquista, planeamento e construción da VIA XIX, Agripa e o grupo de xeógrafos e urbanistas que o acompañan nas súas campañas militares precisarán de tempo para, ademais de completar o sonado Mapa Xeral do Imperio (Orbis Terrarum), realizar o famoso Censo dos Populi (Orbis Pictus) da futura Gallaecia. Poida que mentres, diferentes cohortes desta lexión, poñan en marcha os recrutamentos forzosos e a explotación das minas de estaño da comarcas de Arzúa e Deza.

A gran parte dos corpos de tropas auxiliares da península foron creados en tempos dos emperadores Augusto e Tiberio, inmediatamente despois da conquista, algunhas puideron formarse en época flavia, ata o século I d.C. como máximo. Enrolar no exército romano aos elementos máis novos dos grupos tribais asentados no territorio galaico, serviría para debilitar a capacidade de rebelión destas poboacións[4]. A participación de elementos galaicos no exército romano foi cualificada case de masiva segundo algúns autores contemporáneos[5].

Un dos lexionarios de Lucus Augusti ou do populi coporo era Lucio Valerio Galeno, segundo unha inscripción de tipo funerario descuberta en Sopiste ,Mesia (provincia romana correspondente as actuais Bulgaria e Servia). Así reza a inscripción; Lucio Valerio Galeno, fillo de Lucio, de la tribu Galeria, natural de Lucus Augusti, veterano da Lexión IV Macedónica, que viviu 55 anos e militou durante 28, aquí está enterrado.....
Segundo Santos Yanguas, este lexionario veterano estaría asentado en Mesía, (é moi posible que a nosa veciña Mesía proveña da Mesía búlgara, varias cohortes lucenses establecéronse nesa provincia romana) a comezos do imperio de Vespasiano (67-79 d.C.). Se militou 28 anos tivo que ser recrutado sobre os 39-40 d.C., xa que a IIII Macedónica está instalada na Germania no ano 43 d. C., é lóxico pensar que algunha cohorte desta lexión estivo en Lucus Augusti ou no territorio coporo nos anos 39-40, o que certificaría a nosa hipótese de que algunha cohorte da IV Macedónica estaba establecida na nosa comarca, ata podería darse o caso de que este lexionario fora arzuán, as inscricións reflectían na maioría dos casos, só a orixe de recrutamento administrativo. Non hai que esquecer, tampouco, que as lexións romanas, en moitos casos, deixaban varias cohortes nun zona estratéxica mentres o groso da lexión trasladábase a outro lugar, polo que é posible que a IV Macedónica tivese a base en Segisamo (Burgos) e, ao mesmo tempo, unha ou varias cohortes, estivesen controlando a VIA XIX e a explotación de estaño da Galicia interior.

Epigrafía votiva romana. Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña

Outro lexionario galaico de nome Caius Valerius Carus
, pertencente á Legio X Gemina, aparece documentado nunha ara votiva dedicada á deusa Navia en San Román dos Ancares datada nos comezos do século I d.C. indica o control desa zona mineira de ouro por parte da Legio X Gemina.

Noutra dedicación atopada nas proximidades de León dun oficial lexionario da Legio VII Gémina de nome Quinto Cornelio Anteros, Santos Yanguas, considera que o cognomen de orixe grego é posiblemente da zona de Santiago de Compostela, en Arzúa temos o grego; Antimenes ou Antemio ver proximamente; Vilantime a villae dun grego neste blog.


Entre as 6 cohortes lucenses chámanos a atención a Cohorte I pia fiel dos Lucenses Hispanos, da que temos noticias polo epitafio fechado nos 60 d.C. adicado a; Reburrus, fillo de Coroturetis, soldado da Cohorte I do lucenses hispanos, de 53 anos, con 24 de servicio, aquí está enterrado, ..., o nomes Reburrus , Reburrinus son orixinarios do noroeste peninsular, maioritariamente, do convento lucense[6], a etimoloxía do noso Burres, parece traer este camiño.

Outros nomes de lexionarios galaicos serían; Audamionio, fillo de Audamio, Flavo fillo de Bouto, , Ogrigeno, fillo de Pintilo, Meduto, fillo de Caturón, Vegetus, fillo de Reburrus, etc..

A partir dos anos 80 d.C. quedarían establecidas en Galicia a Cohors III Lucensium[7], integrada na Legio VII Gemina, encargada das minas de ouro de Lugo e Ourense, e é posible, que controlando a VIA Nova XVIII, estivera, segundo Rodríguez Colmenero, o Ala I dos Gigurros con acuartelamento no campamento de Aquis Querquennis (Bande).

A Cohors I Celtiberorum da Lexión VII Gemina, procedente de Mauritania, estacionada en Cidadela (Sobrado dos Monxes) sería a encargada do control da nosa zona, dende o S.II ao IV d.c.,.

Das 6 cohortes lucenses, só a Cohorte III dos Lucenses quedou estacionada en Galicia o resto recorreron miles de kilómetros dende a súa terra; Cohorte I dos Lucenses a Alemania, Cohorte I de cabalería dos Lucenses a Dalmacia, Siria e Macedonia, Cohorte II dos Lucenses a Mesía Inferior e Tracia, Cohorte IV dos Lucenses a Pannonia? (Hungría), Mesía? e Siria, Cohorte V dos Galaicos Lucenses a Pannonia e Mesía Superior.

Destes lexionarios galaicos moitos ficarían no lugar onde remataron o seu servicio militar e conseguiron a cidadanía romana, outros voltarían enriquecidos e espallarían a cultura romana polo seu entorno autóctono. Recordemos que, como vimos na entrada anterior, se estima que foron 20.000 os galaicos enrolados nas lexións galegas. Unha parte importante da romanización da Gallaecia rural foi, grazas a eles.

Non cabe dúbida ningunha, que a primeira gran onda migratoria forzada dos galegos comezou co Imperio Romano coincidindo coa explotación dos nosos recursos naturais, oxalá non se volva a repetir Nunca Máis.


Autor: Celso Alberte Magariños Costas. celsomagarinhos@gmail.com


BibliografíaSANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
CAAMAÑO GESTO, J.M.: Os campamentos romanos. Galicia Historia Tomo I, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992.
GARCÍA QUINTELA, M.V.- SANTOS ESTÉVEZ, M. Santuarios de la Galicia céltica. Madrid, Abada Editores, S.L., 2008.
GOLDSWORTHY, A. : El ejército romano, Ediciones Akal, S.A., Madrid,2005.
[1] Pax. 38 El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[2] Pax. 57 A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992[3] Pax. 99 Santuarios de la Galicia céltica. Madrid, Abada Editores, S.L., 2008[4] Pax. 251 El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[5] Pax. 250 El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[6] Pax 123, El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988[7] http://www.cohorsiiilucensium.es/

domingo, 19 de xullo de 2009

Lexionarios galaicos e minería de estaño nas comarcas do Ulla. 1


O estaño na nosa terra sería explotado dende a antigüidade, nun primeiro momento, como vimos no anterior artigo, a través dos afloramentos do metal . Os lingotes de estaño fundidos serían de varias castes, segundo fora para a exportación, con aneis ou redondos coma moas de muíño e en barras para mercado local.
Este comercio metalúrxico sería coñecido polos comerciantes tartessos dende o 1200 a.C. (aparecen os primeiros lingotes coa forma de hachas planas de bronce sobre o 2000 a.C.) que virían ás nosas costas pola ruta que, logo, controlarían os mercadores fenicios sobre o 700 a.C., deste período, que coincide cos comezos da Época Galaica, temos gran cantidade de hachas de talón con anel (156 hachas do Tesouro de Samieira)[1], o que para moitos sería o medio de transmisión do bronce. A ruta do estaño, bronce e ouro deste período na zona sería a ruta do río Ulla, dende a ría de Arousa ata o Deza.

Coa conquista romana, I a.C., comeza a explotación masificada das minas de estaño en Galicia, esta minería busca a casiterita seguindo o filón do mineral entre as duras masas de granito, creando os característicos túneles das minas de estaño romanas.

As tropas romanas tiñan entre os seus efectivos, o persoal técnico adecuado para a posta en marcha dunha explotación mineira, como vimos neste blog, a Legio IV Macedónica era unha das máis eficaces nestas infraestruturas, mais para a posta en marcha dunha explotación mineira; traballo de extracción, lavado de mineral, fundición (fornos de beneficio e fusión), e porte dos lingotes de estaño, requírese moita man de obra....

Seguindo os textos ilustrados da De re metallica de Georgius Agricola (o texto completo sobre metalurxia máis antigo de Europa),[2] cada mina sería explotada por, aproximadamente, trinta operarios, o tempo de extracción, loxicamente, imporíao a magnitude do filón, no caso de que as 14 minas arzuás estiveran funcionando á vez, teriamos sobre 420 escravos traballando nas minas arzuás, sumando aparte, a dirección de obra lexionaria e o persoal de servicio. Esta man de obra escrava é recrutada á forza entre a poboación indíxena da zona, os castros de Vilantime, A Roda Do Castro (Pela), Castro de Soutullo (Pantiñobre), Maroxo, A Torre (Dombodán), Castro da Pastoriza a Vella (Lema), e os Castro do Monte do Castro, Castro de Baiobre e Castro de Branzá na parroquia de Branzá, serían os máis castigados polas levas dos lexionarios romanos.

Estes recrutamentos aparte de poñer en marcha as minas, axudan a termar dunha poboación indíxena hostil nun primeiro momento. As revoltas dos galaicos do interior no ano 16 a. C. das que nos fala Dion Casio, ben se puideron dar nas terras regadas polos ríos Ulla, Deza, Arnego...

Espada de antenas. Museo Castro Tegra

Os habitantes das nosas comarcas, levaban séculos comerciando con xentes de tódalas partes; tartesos, fenicios dende o Mediterráneo, mais tamén co norte europeo; as diademas, colares e pulseiras de ouro atopadas en Melide e Agolada, así como, os brazaletes abertos e macizos descubertos en Lalín, nos indican unha relación dende a Idade de Bronce coa Bretaña, Escocia, Irlanda e Gales.

A minería da casiterita, pois, tivo que crear un certo nivel económico nesta zona, uns recrutamentos masivos para a explotación mineira da zona debeu ter a súa resposta violenta. Os hidrónimos; Pela e Ysso amosan uns nomes relacionados coa guerra de conquista do emperador Augusto, é máis que probable que os enfrontamentos bélicos entre exército romano e coporos nas comarcas do interior deberon ter a súa sona a oídos de Dión Casio.

Retornando aos recrutamentos forzosos, hoxe sabemos que cerca de 20.000 indíxenas galaicos foron recrutados para participar nos exércitos romanos da época imperial, dunha poboación que segundo Plinio o Vello, rondaría os 450.000 (166.000 no convento lucense e 285.000 no bracarense)[3].

Estes 20.000 galaicos foron recrutados nos chamados corpos auxiliares (auxilia) das lexións romanas, estes auxilia podían ser cohortes; compostas sobre 500-600 homes, e alas; sobre 1000 homes.

Temos coñecemento, aló menos, de 6 cohortes de lucenses, 10 cohortes de bracarenses, unha cohorte de lemavos, un ala de lemavos e un ala de gigurros, así como, varias unidades de auxilia mixtas astures e galaicos.

As 6 cohortes do convento lucense aportarían sobre 3500 homes, o que representaría (segundo Plinio O Vello) o 2% da poboación do convento (hoxe en día, en proporción, representaría toda a poboación da cidade de Pontevedra).
Non temos datos das mulleres indíxenas escravizadas, por lóxica non serían poucas.
Moitos deses 3500 homes, serían orixinarios da comarca arzuá, o populi coporo, ao que pertence tamén Lucus Augusti, era o máis numeroso do convento. Os galaicos recrutados polas lexións eran levados ao centro administrativo e operativo do exército, nestes primeiros anos da conquista no campamento de Lucus Augusti, eiquí comezaba unha nova vida, case sempre, moi lonxe da terra. Continúa...

Ata sempre e bo proveito. AUTOR: Celso Alberte Magariños Costas

venres, 17 de xullo de 2009

As minas romanas de estaño nas comarcas do Ulla e na Gallaecia




A famosa casiterita (SnO2) ou cassitéride, como dicían os gregos, é o mineral de estaño máis abundante, é a mena principal de estaño, metal maleable que comunica ao bronce (cobre e estaño) e outras aleacións a facilidade de ser traballados en frío.
A través do traballo A conquista romana na comarca de Arzúa publicado neste blog, sacamos a luz a existencia de catorce minas romanas de estaño no concello de Arzúa e o máis que posible establecemento dun campamento romano no Val de Pela, neste artigo trataremos a importancia destas minas e no seguinte, a realidade humana dos nosos devanceiros galaicos nas lexións romanas.

Os topónimos dos ríos Pela e Ysso que, como vimos neste blog, fan referencia á etapa de conquista romana, as 14 minas de estaño (imprescindible na elaboración do bronce para industria militar), o topónimo Courium facendo referencia a unha factoría de curtidos (por certo, con implantación na comarca), a arqueoloxía de paisaxe (os castros e vales do entorno), a microtoponimia (exemplo: A Pena da Armada) e os estudios sobre o exército romano na Gallaecia, dannos unhas poderosas ferramentas no estudio das levas dos nosos antepasados galaicos para realizar os traballos de extracción de estaño nunhas minas que, seguramente, algunhas delas, xa eran explotadas dende moitos anos atrás.

O descubrimento dunha espada sarda de bronce do tipo "Sa-Idda" dragada no río Ulla, datada sobre o 900 a.C. e na actualidade conservada no Museo Arqueolóxico de A Coruña, xa nos indica que hai unha ruta comercial antiquísima polo Ulla coas zonas produtoras de estaño das comarcas de Arzúa e o Deza. Esta sería unha minería de extracción de afloramentos superficiais, Madroñero reflexiona sobre a orixe da minería do estaño ; tivo que ter a súa orixe nas menas de estaño e pedras chamativas que,.., acompañan á casiterita masiva poñendo un toque de chispeante beleza que chamou a atención dos antigos.

A aparición de restos de cerámica fenicia no castro de Castrovite (A Estrada), fornece a idea de que o leito do río Ulla achegue o comercio fenicio ata a nosa comarca na procura de estaño dos vales do Ulla, Deza e Arnego. Neste interfluvio é onde aparecen a maioría das minas romanas de estaño de Galicia[1]; as minas romanas do Concello de Lalín en Losón, Zobra, Vilatuxe, Cercio e A Cova de Xila en Sello, moi posiblemente, as minas de estaño-volframio de Fontao (Vila de Cruces) e as catorce minas de Arzúa así o certifican.

Cova de Remesil, Dombodán (Arzúa)

Outras minas de estaño terían a súa importancia en Galicia; A mina romana da Cova dos Mouros (San Finx de Lousame),as minas romanas de Monte Neme (Cances, Carballo), a mina romana da Rosa (onde se atoparon tégulas romanas), os xacementos de Rorís (Armentón) ambas en Arteixo, as minas romanas do río Caldo en Lobios, as de Limideiro (Zas), as de Monte Pedroso (Santiago), as Minas de Varilongo (Santa Comba), a mina de Caramés en Monte Penide, Forcarei (Pontevedra)[1b],  as de Tourón (Pontecaldelas), as de Muradas , Beariz (Ourense), as do Monte Medo -coñecido polo santuario dos Milagres-, Baños de Molgas (Ourense) onde os romanos explotaban ouro e estaño[1c], as dos vales de Monterrei e do río Támega (Ourense); as de Vences (Monterrei), Covas Rubias, Nocedo do Val (Castrelo do Val)  e as de Arcucelos (Laza) onde se atopou unha ara dedicada ao deus Bandueas minas do Val Grande de A Barxa (A Gudiña), as do Monte Seixo (Cerdedo) e as documentadas minas de estaño do Grove e da Coruña, entre outras.

Dende o século II a. C., os romanos teñen coñecemento da sonada ruta do estaño que os púnicos de Gadis (Cadiz) coñecen e gardan en secreto para si, é a ruta das Illas Cassitérides (Illas de Estaño), unha ruta onde os gaditanos teñen un comercio moi beneficioso cos pobos galaicos. Hoxe temos menos dúbidas sobre a identificación das Illa Cassitérides coas Illas Atlánticas galegas.

                                                                     Templo púnico en Alcabre, Vigo

A falta de restos arqueolóxicos nas Illas Británicas contrasta cos recentes descubrimentos de restos de orixe fenicio na nosa terra; o recente descubrimento dun templo púnico (fenicio) en Punta do Muíño (Vigo), a aparición dun obelisco oferente dos fenicios na Illa de Toralla (Vigo), as imaxes de barcos púnicos nos petroglifos de Laxe Auga de Cebros en Santa María de Oía, a aparición de ánforas fenicias na baía da Coruña, cerámica púnica no Castro da Lanzada, no Castro de Alobre (Ría de Arousa), no Castro de Elviña (a Coruña), no Castro de Neixón (Boiro) , cerámica púnica e neopúnica descubertas recentemente na Praia do Areal (Vigo), as áncoras de pedra fenicias e púnicas atopadas no Cabo Vicos das Illas Cíes, as áncoras púnicas da Praia de Liméns (Cangas) cerámica fenicia no castro de Castrovite (A Estrada), fíbulas e placas de cinto do Castro de Torroso (Mos), e as concas de colar dos castros do interior[2], indican un intenso comercio dos fenicios cos pobos galaicos dende o século X a.C..

A minería do estaño romana, pouco estudiada no noso pais, tivo unha importancia capital na fabricación de armamento e útiles para as lexións romanas. As catorce minas do concello de Arzúa, onde destacarían as Covas de Remesil (Dombodán) e a Cova do Tremedal (Maroxo), serían un ferver de xentes de todo tipo, lexionarios, indíxenas coporos (os que habitaban a nosa comarca), comerciantes,.. .

O camiño que viña do norte dende Brigantium (A Coruña), Cidadela, Boimorto e dende Arzúa pasaba por Maroxo, Pela e Sardecoiro, seguramente enlazaría coa vía secundaria que viña dende Aquae Flaviae (Chaves) pasando entre Lalín e Rodeiro[3], cruzaría no concello de Lalín polas pontes de Cadrón, A ponte do cabalos en Parada, a ponte de Alemparte e seguiría pola Barrela (Carballedo), A Peroxa, Os Peares, Baños de Molgas e Chaves[4]. Esta vía secundaria dende Aquae Flaviae (Chaves) vertebraría as zonas mineiras dos vales do Ulla, Deza e Arnego coa VIA XIX en Arzúa. O camiño das minas do sureste arzuán, cruzaría o Ulla en Ponte San Xusto, cara á Estrada por Bascuas (Vila de Cruces).

O Imperio romano, no momento que a extracción do estaño galego faise máis complexa, concentra a súa explotación nas Illas Britanicas (minas de Cornualles), como dicía San Isidoro ; en Hispania e na Galia o estaño extraese con moito traballo , mentres que en Britania extraese a flor de pel.

Mais é curioso constatar que moitos anos despois, outro imperio militar, o alemán na segunda Guerra mundial, explotará, de novo, as minas de estaño de Fontao, na procura do volframio, mineral asociado ao estaño, e moito máis apropiado para os blindaxes na industria armamentista. Hoxe en día, cousas da vida, volve a ter unha relevante posición na industria metalúrxica mundial.

Se queres saber máis da minería galega na antigüidade clicka aquí
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía

MINERALOGÍA. Gran Enciclopedia de las ciencias, Club Internacional del Libro. Madrid, 1984.
DE LA PEÑA SANTOS, A. Metalurgia galaica de la transición Bronce-Hierro: el Castro de Terroso, Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria, t. I, 1988, págs. 339-360
REVISTA DE HISTORIA CLIO, junio 2008, nº 80.
LOPEZ CASTRO, J.L., Hispania poena: los fenicios en la Hispania romana, RBA, 2006.
PRADOS MARTÍNEZ, F., Los fenicios. Marcial Pons, 2007.
MADROÑERO DE LA CAL, A. Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia de estaño en España. Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1994.
ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992
MEIJIDE PARDO, A. La Antigua minería del estaño en el Valle de Monterrey. Santiago de Compostela, Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, 1963.
MEIJIDE CAMESELLE, G. A Idade de Bronce en Galicia. Galicia Historia Tomo I, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
SÁNCHEZ-PALENCIA, F.J.; SASTRE, I.; CURRÁS, B. ; ROMERO, D. Minería romana en la cuenca meridional de los ríos Sil y miño. Revista Aquae Flaviae nº 41, Chaves, 2009.
NAVEIRO LÓPEZ, J. Intercambios e comercio na Cultura Castrexa. Galicia Historia Tomo I, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
INST. GEOLÓGICO Y MINERO DE ESPAÑA. : Mapa metalogenético, Lugo 1:500.000. Madrid. E.E. Adaro de Investigaciones Mineras, S.A. 1975.
RODRÍGUEZ GALDO, M.X. e LOSADA ÁLVAREZ, A. O poboado mineiro de Fontao, Instituto Galego de Vivenda e Solo, Lugo, 2002.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A. FERRER SIERRA, S. ÁLVAREZ ASOREY, R. Miliarios e outras inscricións viarias romanas no noroeste hispano. Lugo, Consello da Cultura Galega, 2004.
DOMÍNGUEZ PÉREZ, JC. Materiales púnico-gaditanos en los confines del Extremo Occidente Atlántico, Antiqvitas- 2005- Nº 17 (pp. 5-11) MHM Priego de Córdoba.
ARMANDO VÁZQUEZ. Terra de Carbia. Madrid, Concello de Vila de Cruces, 2000.
MATEO, A. Observaciones sobre el régimen jurídico de la minería en tierras públicas en época romana. Santiago de Compostela, U.S.C. 2001.
MONTEAGUDO, L. Sigillata hispánica de Veigue (Coruña)http://revistas.ucm.es/ghi/02130181/articulos/GERI8888220265A.PDF
http://concellodearzua.com/wp-content/uploads/2012/PXOM/D1-AZ-04-CATA.pdf
[1] Inst. Geológico y Minero de España. Mapa Metalogenético. 1975, [1b] Pax. 44. Revista Cotaredo nº 13, Concello de Forcarei, Forcarei, 2013. [1c] Pax. 289 e ss. Minería romana en la cuenca meridional de los ríos Sil y Miño  [2] http://www.aytopriegodecordoba.es/museo/Antiqvitas_2005_PAG-005-011.pdf [3] http://consellodacultura.org/mediateca/pubs.pdf/miliarios.pdf/ [4] Pax. 659 Miliarios

Pena da Armada. Posto de vixilancia lexionario

Pela dende a Pena da Armada
A través do traballo; A conquista romana na comarca de Arzúa (publicado neste blog) imos sacando á luz diferentes incógnitas que a nosa microtoponimia tiña ocultas. Neste caso, trátase da Pena da Armada esa pena que desde a outra beira do río Boente (antes Pella, recordemos), ofrécenos unha panorámica extraordinaria do val de Pela.
Armada, segundo a Real Academia Galega e o Diccionario Enciclopédico Gallego-castellano de Eladio Rodríguez González, significa; Flota, escuadra. Rede que se arma para cazar xabaríns. Loxicamente aquí a primeira acepción non ten sentido no interior de Galicia.
O Libro da Montería de Afonso X precisa que as armadas son cazaderos ou lineas de postos.

Andrés Pena Graña no artigo: http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=1774, recolle o topónimo de Armada dun documento do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde se indica un causo nese lugar. Os causos veteros, curros vellos, segundo Pena eran; alineamentos de grandes pedras presuntamente prehistóricos e petroglifos aínda en fase de estudio. O que o leva a definir as Armatas, Armadas: Chámanse así polas cámaras poligonais formadas polos esteos dos dólmens interpretados polo home medieval como trampas para animais confeccionadas polos antigos. Mais, co nome de Armada tamén temos as nove mámoas da Chan da Armada no monte Pedrouzos. Marín, Pontevedra, lugar cun alto valor paisaxístico e estratéxico.

Ao sudeste do campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes) na Medorra de Fanegas comprobouse a reutilización das mámoas polos romanos como postos de vixilancia.

Se nos volcamos na identificación dos topónimos A Armada, en Galicia temos:
* A Armada, Sobrado, A Coruña, na VIA XX per loca maritima cara Friol, a uns 5 Kms. da Cidadela, campamento romano da Cohors I Celtiberorum. É a Armada da que nos fala o documento de Sobrado.
* Armada, Bascuas, Vila de Cruces. Armando Vázquez na súa obra A Terra de Carbia, refírese ao lugar de Armada; podería facer referencia, como sucede noutros pobos galegos, a unha edificación antiga levantada para control e defensa do camiño.
* Armada, Santalla de Devesa, Friol, na mesma VIA XX. (miliario de Friol dedicado a Macrino e Diadumediano)
* A Armada, Bealo ( Vialis, nos documentos antigos), Boiro, moi próxima a Belles de Arriba e Belles de Abaixo onde se encontraron restos de calzada romana que se identificaron coa Per loca maritima VIA XX, camiño coñecido coma a calzada romana do Monte de Vitres, documentada por López Ferreiro.
* A Armada, Rabal, Celanova, Ourense, na Vía Lucus Augusti - Aquis Querquennis, segundo xa apuntou no seu día o padre Matos Ferreira ver: pax. 700-706. MILIARIOS E OUTRAS INSCRICIÓNS VIARIAS DO NOROESTE HISPÁNICO . Domina o camiño de Aquis Querquennis a Ourense, hoxe hai unha ermida no lugar.
* A Armada de Santa María de Cartelle, Ourense, preto do Rabal, a ponte romana do Freixo salva o río Arnoia, trátase da vía que vai cara Aquis Celenis ( Caldas de Reis) dende Aquae Flaviae (Chaves, Portugal), pasando por Outomuro ( Cartelle) e Borborás; tamén se relaciona cun campamento militar no municipio de Cartelle. Ver pax 680 en MILIARIOS E OUTRAS INSCRICIÓNS VIARIAS DO NOROESTE HISPÁNICO.
* A Armada Vella, Soandres A Laracha, na VIA XX per loca marítima, no monasterio de Soandres conservábase unha inscripción, hoxe desaparecida, que aludía a un templo adicado a Hércules, un dos deuses oficiais da lexión romana, pax.: 625 Galicia pueblo a pueblo .
* A Armada, Lagos, Láncara, Lugo, no chamado Camiño Real, a VIA XIX Braga Astorga. Da época romana consérvase como principal referencia a Ponte de Carracedo (reformada no medievo), que cumpría a función de paso do río Neira.
Miliario de Salcedo (Pontevedra) VIA XIX?
* A Armada, Queimadelos Mondariz, Pontevedra, na VIA XIX?, próxima aos restos dunha calzada romana cerca da que se alza, sobre o río Tea, a Ponte da Cernadela, tamén de orixe romana .
* A Armada, Salcedo, Pontevedra. Sonado foi este lugar, hai pouco, pola súa oposición á extensión do perímetro de seguridade do Exército da Brilat. Máis recentemente, 13/07/09, foron atopados nas proximidades da Ponte Couto dous miliarios adicados aos emperadores Máximo e Maximinus.
* A Armada, Muras, Lugo. No tramo do Camiño de Iria a Cervo. Vía Iria Flavia - Cohors I Celtiberorum - Arroni. Pax:725 de Miliarios... De Cervo sairía un camino secundario que levaría a Monfero onde encontramos outra;A Armada no alto de Xestoso. Monfero, A Coruña, nas inmediacións das Fragas do Eume, na estrada AC 5001.
* Pena Armada (766m), Friol. Hoxe é coñecida polo Parque eólico de Pena Armada, dende acó divísase perfectamente as inmediacións do Camiño Primitivo ou Vía XIX na fronteira con Palas de Rei.
* Pena da Armada (369.3), A Pena da Armada aínda que administrativamente corresponda ao Concello de Santiso, a súa xurisdicción parroquial pertence a Vilantime.
* Chan da Armada (248 m). Queda a unha carreiriña dun can de Saiar (Caldas de Reis) onde se atoparon tres aras romanas. Controlaría o camiño que ía de Vilagarcía cara Caldas.
Un denominador común de tódalas Armadas estudadas (quedan algunhas máis na microtoponimia) é a súa localización en vías ou camiños secundarios romanos, sobre todo, na VIA XIX e VIA XX.

Xa que o idioma oficial da Roma Imperial era o latín e del vén armada, armata buscamos o seu significado nesa lingua; Armata; neutro plural de armati-orum; xente armada, tropas.

A futura provincia da Gallaecia, foi un renxer de lexións romanas durante os últimos anos do século I a. C. e o II d. C. Sobre todo a Galicia interior a máis rebelde (Dión Casio, fálanos de revoltas no 16 a. C. dos galaicos do interior), os campamentos de marcha (castra aestiua) e a construcción de calzadas e pontes axeitadas para o transporte de minerais e suministros era o que primaba nestes primeiros momentos da conquista ( ver: A conquista romana neste blog).

O imperio precisaba organizar o control do territorio conquistado polo que unhas vías de comunicación seguras era fundamentais para o libre paso de mercadorías, minerais e tropas. As peroxas seran os centros de avituallamento, mais compre garantir a seguridade das calzadas con postos de vixilancia das lexións.

Vía XX Per loca marítima en Monte de Vitres (Boiro) 
Goldsworthy na súa obra O Exército romano, precisa unha serie de funcións dos lexionarios en tempos de paz; A lo largo de los caminos, en Egipto y en otras provincias, había torres de guardia ( torretas de madeira se entende) a intervalos bastantes regulares, que contenían no más de un puñado de soldados. Claramente, su objetivo no era ninguna amenaza militar a gran escala, sino supervisar el tráfico en esas vías vías. Muchos legionarios beneficiarii fueron asignados a estaciones viarias (stationes), donde actuaban como representantes locales de gobernador con múltiples tareas, entre las que se incluían ordenar arrestos y hacer cumplir castigos asignados por los tribunales.

As Armadas serán eses postos de vixilancia (stationes) necesarios en toda guerra de conquista, a aparición da inscrición dedicada a Hércules Xónico (unha das deidades máis veneradas polos soldados ao longo da súa historia) no Mosteiro de Soandres ao carón da Armada de Laracha amósanos a localización dun enclave permanente do exército romano nese lugar. Mais, como é lóxico, o exército romano aproveitará os camiños preexistentes, e moitos deles levaranos a grupos de mámoas ou lugares prehistóricos de adoración aos deuses indíxenas, é por iso que atopamos armadas, en Chan da Armada ( Marín) ou en Sobrado, en ambos casos, as tropas lexionarias aproveitarían os monumentos megalíticos pola súa condición estratéxica e como refuxio, mais non só reutilizaran monumentos megalíticos como comprobamos no estudio das diferentes Armadas. Para a elección do establecemento dun posto de control, pois, influirían as distancias, a orografía, a importancia da zona e a resistencia da poboación indíxena.

Séculos máis tarde, coa pérdida da función de control policial, moitas armadas pola súa situación panorámica pasarán a cumprir outra función; a de cazaderos ou postos de vixilancia para a caza maior, como nos indica o Libro da Montería de Afonso X.

O fundamental nunha función de control e vixilancia dun territorio é a localización estratéxica, e esa foi a característica pola que foi escollida a Pena da Armada no Val de Pela, para o control do camiño que levaba a Sardecoiro, e a vixilancia do asentamento romano que habería en Pela (o val é perfecto para o establecemento dun campamento romano), ademais, da poboación castrexa da cercana Roda do Castro. Eran prioritarios para o exército, na zona, os traballos nas catorce minas de estaño e a factoría de curtidos de Courium (Sardecoiro), por iso un posto de vixilancia na Pena da Armada.

Post data; Outra aportación interesante á nosa proposta sobre a etimoloxía da Armada extraémolo do traballo TOPONIMIA E ONOMASTICA XALLEIRA de Rafael Lema Mouzo, onde se trata o estudio de Santa Catalina de Armada, núcleo orixinal do Concello de Santa Comba ;“ Non sabemos o nome orixinario do nucleo poboacional primixenio, pero en principio debemos supoñer que sería ARMADA o lugar principal, polo menos foi o mais esgrevio desta parroquia, desde que hai bases escritas. Non así do concello, pois Xallas de Castriz e Cícere presentan un maior nivel de poder na evoluciónpolítica..Armada é coñecido como Santa Catalina de Armada , por unha capela derrubada no 1906 con esta advocación, santuario ancestral e ritual no camiño de Santiago cara Soneira e na ruta dos romeiros o santuario da Barca, de clara tradición xacobea….. Armada define unha singularidade do enclave asi chamado, ó pe dunha importante vía e como centro de romeiros e posiblemente de feiras ou asambleas, na subida dunha costa que leva o Campo da feira da actual capital” . . . .”Armada (procede) dun étimo airmans, “lugar forte”, como lugar de asento dunha casa forte”. “Posiblemente houbese un fortín nos terreos do igrexario onde hoxe se ubica a rectoral que ainda garda un vello escudo armeiro, aínda que non se descarta que esta Armada máis que a zona onde estaba enclavado o santuario derrubado e o actual concello fala de todo o outeiro que abarca o núcleo urbano de Santa Comba, ben visible desde tódolos camiños que a ela conducen”. “ Noutro punto da actual fegresía temos o castro de Caselas alonxado do centro da actual vila e sobre os camiños de Castriz, paso dunha vía romana” .

De novo temos unha armada nunha zona estratéxica, onde se estableceu un templo relixioso e ao pe dunha vía romana. Sen entrar en valoracións do étimo airmans, poñemos fincapé en que Lema Mouzo, tamén, considera a posibilidade dun establecemento militar para desentrañar a etimoloxía das armadas.


BIBLIOGRAFÍA



- FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.
- CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.
- SANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A. : Galicia meridional romana. Deusto, Universidad de Deusto, 1977.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A. FERRER SIERRA, S. ÁLVAREZ ASOREY, R. Miliarios e outras inscricións viarias romanas no noroeste hispano. Lugo, Consello da Cultura Galega, Lugo 2004.
- PRECEDO LEDO, A. Galicia pueblo a pueblo. La Voz de Galicia, S.A. A Coruña 1993
- ANDRÉS HURTADO, G. Una aproximación a la religión del ejército romano imperial: Hispania. Universidad de la Rioja. Logroño. 2005.
- GOLDSWORTHY, A. : El ejército romano, Ediciones Akal, S.A., Madrid, 2005.
ARMANDO VÁZQUEZ. Terra de Carbia. Madrid, Concello de Vila de Cruces, 2000.

Autor: Celso Alberte Magariños Costas celsomagarinhos@gmail.com

xoves, 2 de xullo de 2009

VIII Xornadas do Pan. Arzúa 2009


Coma tódolos anos, a Asociación Ánxel Casal de Arzúa vén de organizar as chamadas Xornadas do Pan que este ano chegan a súa oitava edición.

Este ano a Asociación Ánxel Casal conta coa colaboración dos veciños da parroquia de San Martiño de Calvos, ademais, polo que se ve, un ano máis, non coincide a Malla co San Queremos de Vilantime, que cadra o 22 de agosto ( http://www.sanqueremos.com/ ), ou sexa que poderase disfrutar das dúas festas máis enxebres e auténticas da comarca intensamente.


Obxectivos e programacíon das VIII Xornadas do Pan:

Un dos valores máis fortes e rexos da nosa cultura é o que o traballo e, sobre todo, os labores colectivos agrarios que os nosos maiores deixaron na nosa etnografía, nas nosas cantigas populares e na nosa cultura en xeral. Un deses traballos colectivos foron os relacionados co proceso de elaboración do pan.

Dende a Asociación Ánxel Casal de Arzúa propoñémonos recuperar a nosa memoria sobre uns traballos que enchían de ledicia, pericia, comunicación e música as nosas parroquias nos meses do verán.

Estes traballos agrícolas formaron parte da nosa cultura e foron o xermolo de moitas cantigas populares e do folcklore galego.

Coas Xornadas do Pan a Asociación Ánxel Casal de Arzúa, recupera todo o proceso deste alimento básico, dende a súa sementeira ata a fornada das bolas, tortas ou empanadas.

Para realizar este proceso fielmente, estas Xornadas divídense nos seguintes días:

A Colleita. 18 de xullo. 6 da tardiña* Os ferrados de trigo ,sementados polo inverno no lugar da Revolta da Pena, parroquia de San Martiño de Calvos de Sobrecamiño no Concelllo de Arzúa será segada a fouciño, deixando feitos os medeiros para o secado do trigo na mesma finca. Haberá premio para os tres mellores segadores/as e para os tres mellores atadore/as.Este día, logo do labor realizarase unha merenda popular.

A Malla. 8de agosto. 6 da tardiña* O son do corno anunciará o comezo da malla no entorno da Carballeira da Escola en San Martiño de Calvos. Cunha das malladoras máis antigas que se conservan, procederase á malla e limpeza do trigo e farase o palleiro na mesma leira . Este día, logo da malla, haberá unha merenda popular e unha foliada coa colaboración dunha agrupación musical.

A Muiñada e Fornada. 26 de setembro. 6 da tardiña. Os ferrados de trigo que se colleiten levaranse ó Muíño da Fonte Santa, muíño de maquía da parroquia de Lema, Concello de Arzúa, para facer a moenda.Feita a masa pola mañá, no forno de leña do muíño coceranse os panes e empanadas, facendo a merenda-degustación do producto destas xornadas.Actuación dun Grupo de Folck aínda por determinar.

* Estas datas poden ter variacións, xa que deberase ter en conta o tempo atmosférico e o proceso natural de maduración da plantación de trigo.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com