venres, 17 de xullo de 2009

Pena da Armada. Posto de vixilancia lexionario

Pela dende a Pena da Armada
A través do traballo; A conquista romana na comarca de Arzúa (publicado neste blog) imos sacando á luz diferentes incógnitas que a nosa microtoponimia tiña ocultas. Neste caso, trátase da Pena da Armada esa pena que desde a outra beira do río Boente (antes Pella, recordemos), ofrécenos unha panorámica extraordinaria do val de Pela.
Armada, segundo a Real Academia Galega e o Diccionario Enciclopédico Gallego-castellano de Eladio Rodríguez González, significa; Flota, escuadra. Rede que se arma para cazar xabaríns. Loxicamente aquí a primeira acepción non ten sentido no interior de Galicia.
O Libro da Montería de Afonso X precisa que as armadas son cazaderos ou lineas de postos.

Andrés Pena Graña no artigo: http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=1774, recolle o topónimo de Armada dun documento do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde se indica un causo nese lugar. Os causos veteros, curros vellos, segundo Pena eran; alineamentos de grandes pedras presuntamente prehistóricos e petroglifos aínda en fase de estudio. O que o leva a definir as Armatas, Armadas: Chámanse así polas cámaras poligonais formadas polos esteos dos dólmens interpretados polo home medieval como trampas para animais confeccionadas polos antigos. Mais, co nome de Armada tamén temos as nove mámoas da Chan da Armada no monte Pedrouzos. Marín, Pontevedra, lugar cun alto valor paisaxístico e estratéxico.

Ao sudeste do campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes) na Medorra de Fanegas comprobouse a reutilización das mámoas polos romanos como postos de vixilancia.

Se nos volcamos na identificación dos topónimos A Armada, en Galicia temos:
* A Armada, Sobrado, A Coruña, na VIA XX per loca maritima cara Friol, a uns 5 Kms. da Cidadela, campamento romano da Cohors I Celtiberorum. É a Armada da que nos fala o documento de Sobrado.
* Armada, Bascuas, Vila de Cruces. Armando Vázquez na súa obra A Terra de Carbia, refírese ao lugar de Armada; podería facer referencia, como sucede noutros pobos galegos, a unha edificación antiga levantada para control e defensa do camiño.
* Armada, Santalla de Devesa, Friol, na mesma VIA XX. (miliario de Friol dedicado a Macrino e Diadumediano)
* A Armada, Bealo ( Vialis, nos documentos antigos), Boiro, moi próxima a Belles de Arriba e Belles de Abaixo onde se encontraron restos de calzada romana que se identificaron coa Per loca maritima VIA XX, camiño coñecido coma a calzada romana do Monte de Vitres, documentada por López Ferreiro.
* A Armada, Rabal, Celanova, Ourense, na Vía Lucus Augusti - Aquis Querquennis, segundo xa apuntou no seu día o padre Matos Ferreira ver: pax. 700-706. MILIARIOS E OUTRAS INSCRICIÓNS VIARIAS DO NOROESTE HISPÁNICO . Domina o camiño de Aquis Querquennis a Ourense, hoxe hai unha ermida no lugar.
* A Armada de Santa María de Cartelle, Ourense, preto do Rabal, a ponte romana do Freixo salva o río Arnoia, trátase da vía que vai cara Aquis Celenis ( Caldas de Reis) dende Aquae Flaviae (Chaves, Portugal), pasando por Outomuro ( Cartelle) e Borborás; tamén se relaciona cun campamento militar no municipio de Cartelle. Ver pax 680 en MILIARIOS E OUTRAS INSCRICIÓNS VIARIAS DO NOROESTE HISPÁNICO.
* A Armada Vella, Soandres A Laracha, na VIA XX per loca marítima, no monasterio de Soandres conservábase unha inscripción, hoxe desaparecida, que aludía a un templo adicado a Hércules, un dos deuses oficiais da lexión romana, pax.: 625 Galicia pueblo a pueblo .
* A Armada, Lagos, Láncara, Lugo, no chamado Camiño Real, a VIA XIX Braga Astorga. Da época romana consérvase como principal referencia a Ponte de Carracedo (reformada no medievo), que cumpría a función de paso do río Neira.
Miliario de Salcedo (Pontevedra) VIA XIX?
* A Armada, Queimadelos Mondariz, Pontevedra, na VIA XIX?, próxima aos restos dunha calzada romana cerca da que se alza, sobre o río Tea, a Ponte da Cernadela, tamén de orixe romana .
* A Armada, Salcedo, Pontevedra. Sonado foi este lugar, hai pouco, pola súa oposición á extensión do perímetro de seguridade do Exército da Brilat. Máis recentemente, 13/07/09, foron atopados nas proximidades da Ponte Couto dous miliarios adicados aos emperadores Máximo e Maximinus.
* A Armada, Muras, Lugo. No tramo do Camiño de Iria a Cervo. Vía Iria Flavia - Cohors I Celtiberorum - Arroni. Pax:725 de Miliarios... De Cervo sairía un camino secundario que levaría a Monfero onde encontramos outra;A Armada no alto de Xestoso. Monfero, A Coruña, nas inmediacións das Fragas do Eume, na estrada AC 5001.
* Pena Armada (766m), Friol. Hoxe é coñecida polo Parque eólico de Pena Armada, dende acó divísase perfectamente as inmediacións do Camiño Primitivo ou Vía XIX na fronteira con Palas de Rei.
* Pena da Armada (369.3), A Pena da Armada aínda que administrativamente corresponda ao Concello de Santiso, a súa xurisdicción parroquial pertence a Vilantime.
* Chan da Armada (248 m). Queda a unha carreiriña dun can de Saiar (Caldas de Reis) onde se atoparon tres aras romanas. Controlaría o camiño que ía de Vilagarcía cara Caldas.
Un denominador común de tódalas Armadas estudadas (quedan algunhas máis na microtoponimia) é a súa localización en vías ou camiños secundarios romanos, sobre todo, na VIA XIX e VIA XX.

Xa que o idioma oficial da Roma Imperial era o latín e del vén armada, armata buscamos o seu significado nesa lingua; Armata; neutro plural de armati-orum; xente armada, tropas.

A futura provincia da Gallaecia, foi un renxer de lexións romanas durante os últimos anos do século I a. C. e o II d. C. Sobre todo a Galicia interior a máis rebelde (Dión Casio, fálanos de revoltas no 16 a. C. dos galaicos do interior), os campamentos de marcha (castra aestiua) e a construcción de calzadas e pontes axeitadas para o transporte de minerais e suministros era o que primaba nestes primeiros momentos da conquista ( ver: A conquista romana neste blog).

O imperio precisaba organizar o control do territorio conquistado polo que unhas vías de comunicación seguras era fundamentais para o libre paso de mercadorías, minerais e tropas. As peroxas seran os centros de avituallamento, mais compre garantir a seguridade das calzadas con postos de vixilancia das lexións.

Vía XX Per loca marítima en Monte de Vitres (Boiro) 
Goldsworthy na súa obra O Exército romano, precisa unha serie de funcións dos lexionarios en tempos de paz; A lo largo de los caminos, en Egipto y en otras provincias, había torres de guardia ( torretas de madeira se entende) a intervalos bastantes regulares, que contenían no más de un puñado de soldados. Claramente, su objetivo no era ninguna amenaza militar a gran escala, sino supervisar el tráfico en esas vías vías. Muchos legionarios beneficiarii fueron asignados a estaciones viarias (stationes), donde actuaban como representantes locales de gobernador con múltiples tareas, entre las que se incluían ordenar arrestos y hacer cumplir castigos asignados por los tribunales.

As Armadas serán eses postos de vixilancia (stationes) necesarios en toda guerra de conquista, a aparición da inscrición dedicada a Hércules Xónico (unha das deidades máis veneradas polos soldados ao longo da súa historia) no Mosteiro de Soandres ao carón da Armada de Laracha amósanos a localización dun enclave permanente do exército romano nese lugar. Mais, como é lóxico, o exército romano aproveitará os camiños preexistentes, e moitos deles levaranos a grupos de mámoas ou lugares prehistóricos de adoración aos deuses indíxenas, é por iso que atopamos armadas, en Chan da Armada ( Marín) ou en Sobrado, en ambos casos, as tropas lexionarias aproveitarían os monumentos megalíticos pola súa condición estratéxica e como refuxio, mais non só reutilizaran monumentos megalíticos como comprobamos no estudio das diferentes Armadas. Para a elección do establecemento dun posto de control, pois, influirían as distancias, a orografía, a importancia da zona e a resistencia da poboación indíxena.

Séculos máis tarde, coa pérdida da función de control policial, moitas armadas pola súa situación panorámica pasarán a cumprir outra función; a de cazaderos ou postos de vixilancia para a caza maior, como nos indica o Libro da Montería de Afonso X.

O fundamental nunha función de control e vixilancia dun territorio é a localización estratéxica, e esa foi a característica pola que foi escollida a Pena da Armada no Val de Pela, para o control do camiño que levaba a Sardecoiro, e a vixilancia do asentamento romano que habería en Pela (o val é perfecto para o establecemento dun campamento romano), ademais, da poboación castrexa da cercana Roda do Castro. Eran prioritarios para o exército, na zona, os traballos nas catorce minas de estaño e a factoría de curtidos de Courium (Sardecoiro), por iso un posto de vixilancia na Pena da Armada.

Post data; Outra aportación interesante á nosa proposta sobre a etimoloxía da Armada extraémolo do traballo TOPONIMIA E ONOMASTICA XALLEIRA de Rafael Lema Mouzo, onde se trata o estudio de Santa Catalina de Armada, núcleo orixinal do Concello de Santa Comba ;“ Non sabemos o nome orixinario do nucleo poboacional primixenio, pero en principio debemos supoñer que sería ARMADA o lugar principal, polo menos foi o mais esgrevio desta parroquia, desde que hai bases escritas. Non así do concello, pois Xallas de Castriz e Cícere presentan un maior nivel de poder na evoluciónpolítica..Armada é coñecido como Santa Catalina de Armada , por unha capela derrubada no 1906 con esta advocación, santuario ancestral e ritual no camiño de Santiago cara Soneira e na ruta dos romeiros o santuario da Barca, de clara tradición xacobea….. Armada define unha singularidade do enclave asi chamado, ó pe dunha importante vía e como centro de romeiros e posiblemente de feiras ou asambleas, na subida dunha costa que leva o Campo da feira da actual capital” . . . .”Armada (procede) dun étimo airmans, “lugar forte”, como lugar de asento dunha casa forte”. “Posiblemente houbese un fortín nos terreos do igrexario onde hoxe se ubica a rectoral que ainda garda un vello escudo armeiro, aínda que non se descarta que esta Armada máis que a zona onde estaba enclavado o santuario derrubado e o actual concello fala de todo o outeiro que abarca o núcleo urbano de Santa Comba, ben visible desde tódolos camiños que a ela conducen”. “ Noutro punto da actual fegresía temos o castro de Caselas alonxado do centro da actual vila e sobre os camiños de Castriz, paso dunha vía romana” .

De novo temos unha armada nunha zona estratéxica, onde se estableceu un templo relixioso e ao pe dunha vía romana. Sen entrar en valoracións do étimo airmans, poñemos fincapé en que Lema Mouzo, tamén, considera a posibilidade dun establecemento militar para desentrañar a etimoloxía das armadas.


BIBLIOGRAFÍA



- FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.
- CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.
- SANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A. : Galicia meridional romana. Deusto, Universidad de Deusto, 1977.
- RODRÍGUEZ COLMENERO, A. FERRER SIERRA, S. ÁLVAREZ ASOREY, R. Miliarios e outras inscricións viarias romanas no noroeste hispano. Lugo, Consello da Cultura Galega, Lugo 2004.
- PRECEDO LEDO, A. Galicia pueblo a pueblo. La Voz de Galicia, S.A. A Coruña 1993
- ANDRÉS HURTADO, G. Una aproximación a la religión del ejército romano imperial: Hispania. Universidad de la Rioja. Logroño. 2005.
- GOLDSWORTHY, A. : El ejército romano, Ediciones Akal, S.A., Madrid, 2005.
ARMANDO VÁZQUEZ. Terra de Carbia. Madrid, Concello de Vila de Cruces, 2000.

Autor: Celso Alberte Magariños Costas celsomagarinhos@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario