jueves 29 de octubre de 2009

Bran, Lug, deuses celtas 4. Defuntos, o noso Samaín


Aí van os días de Defuntos e Tódolos Santos , o día que o irlandeses nos EEUU puxeron de moda coma Hallowen (contracción da frase inglesa, Alls Hallows eve – Día de Tódolos Santos-). Na mesma Irlanda chaman Samaín á gran festa celta do Aninovo. A noite do 31 de outubro, marcaba a transición do verán ao inverno, era a noite máxica.
A Igrexa nun intento de apagar tódolos ritos pagáns arredor da festa de defuntos, datou o 1 de novembro coma día de Tódolos Santos e o 2 coma día dos Fieis Defuntos (a partir do S. XII), mais, …ninguén se lembra dos Santos en tal día, pero todo o mundo segue acudindo ao cemiterio, agora o día 1, para lembrar e honrar aos seus finados. Ironicamente , querendo facer desaparecer o día dos Defuntos, non se conseguiu nada diferente que volver as celebracións funerarias ao día de sempre: o 1 de novembro[1].
A antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis alá, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. Durante esas horas, podíase tocar, palpar e ata se podía traspasar ao mundo dos mortos. Por iso en todo o pobo había fogueiras. Acendíanse para guiar aos mortos na escuridade da noite, para que atopase aos seus parentes e fogares, e puidésense quentar coa calor do lume do fogar.
Pouco cambiou en esencia o día de Defuntos para a nosa cultura galega. A cultura da morte é parte da nosa idiosincracia coma pobo, a antropoloxía cultural e social galega, as lendas e os costumes amósanos unha cultura da morte de orixe pagán, en parte, con claros rasgos célticos.
En certa maneira o galego presupón que os mortos “viven” noutro lugar que non ocupa, topograficamente falando, unha posición nin superior nin inferior á do mundo dos vivos, senón que constitúe, por así dicilo, outra dimensión, na que o tempo non transcorre[2].
Na noite de defuntos, na nosa terra, aínda se cre na necesidade do lume do fogar para que as ánimas da familia busquen a calor. Por iso déixase esa noite o lume aceso. Polo mesmo motivo, dá mala sorte varrer a cociña esa noite, pódese afastar as ánimas.
Nestes días antes e despois do día de Defuntos, os cativos de moitas aldeas galegas facían as chamadas caliveras de Ortegal e Ferrolterra, ou os calacús das Rías Baixas, son melóns dos porcos ou cabazas ás que baleiran por dentro, nalgúns sitios póñenlle paus por dentes, e fanlle esas caras tan terroríficas para logo poñerlle unha vela dentro. Póñense pola noitiña en sitios escuros, nas encrucilladas, ou ao pé do cruceiros, e nalgunhas bisbarras, Boebre, Viveiro , Vimianzo, Negreira… déixanse ou lévanse preto do cemiterios[3]. Aínda hoxe moitos santiagueses recordan as tenebrosas caliveras polos camiños como un xogo da pillería.
Anne Ross na súa obra Druídas, fálanos do significado das cabezas humanas para os pobos celtas; Para os celtas as cabezas eran algo máis que simples preas, porque crían que a cabeza era a morada do espirito, o verdadeiro centro do ser dunha persoa. Pendurando e venerando as cabezas dos seus inimigos pensaban que gañaban a protección dos poderes máxicos que posuían. Cando se deixaron de usar auténticas cabezas humanas nos oficios relixiosos, pasáronse a construír réplicas en pedra, madeira, metal e óso…..Sábese, de certo, que na idade de ferro se poñía unha vela dentro das cabezas, todo ao redor das fortalezas, nesta estación do ano que era a máis sinistra do ano céltico.
Para os pobos celtas a cabeza era sede da alma, o centro do ser…., capaz de vida independente, de fala e de movementos. Tiña grandes poderes apotropaicos e advertía a aqueles cuxos pazos e fogares protexía fronte á ameaza das forzas demoníacas. Os celtas primitivos, do mesmo xeito ca outros contemporáneos europeos, eran cazadores de cabezas.. Cantas máis cabezas conseguía un guerreiro, maior sona como heroe adquiría[4]
É extraordinaria a similitude das cabezas talladas en pedra das culturas célticas das Illas Británicas (Yorkshire, Anglesey), Irlanda (Condado de Cavan), Francia ( Rouches- du- Rhone) e as galaicas de Armea (Museo Ourense), Adrona Verotim (Museo de Ourense), Narla (Friol), Castro de Batán (Museo de Lugo) ou Santa Tegra (A Guarda).
O Samaín é tamén a festa do descanso dos guerreiros celtas; Samaín festa, militar celebrada o 1 de novembro… está dominada por un gran banquete real e militar e borracheiras e querelas constitúen o pano de fondo desta festa. A carne de porco, o viño, a cervexa e o hidromel dan acceso á eternidade e consumilos comporta o risco da frecuentación dos seres e das cousa do outro mundo. (Fernandez-Abalat. 1990. Pax 227)….Consumíase ritualmente a carne dun animal consagrado a Lug, nesta festa onde os guerreiros se reunían para exhibir os seus trofeos,..(Le Roux e Guyonbarch. 2003. Pax.52)[5].
Era unha festa dos guerreiros onde o poder máxico dos mortos sería simbolizado polas cabezas iluminadas, recordemos que a lenda máis sonada do deus Bran relata como este pide que os seus guerreiros lle corten a cabeza e a leven con eles, logo de máis de oitenta anos enterraron a cabeza en Gwynfyn (Monte Branco) en Londres, apartando as pestes e desgrazas de Britania, ata que segundo a lenda o Rei Arturo desenterrouna e comezaron as invasións das illas[6].
A cabeza do deus Bran era, por si soa quen de defender o país, no momento que é aldraxada perde o seu poder máxico. Por iso a calivera ou calacú ten que alumear, ten que conter a ánima do defunto “viva”, o seu poder máxico.
A día de hoxe, o costume de colocar a vela acesa na tumba do defunto segue vixente pese a que a Igrexa, xa, no Concilio de Elvira do ano 300 ou 306, no canón XXXIV, rexéitase directamente por pagán, este costume a prohibir que nos camposantos se acendan cirios[7]. Ata os anos 70 do século XX, na Galicia, o día de Tódolos Santos era o día de estrear as roupas de inverno, era o gran día de festa de principios do inverno, nos días anteriores as tendas e feiras eran un rebulir de xente. A Feira de Santos de Monterroso, coma hoxe, era das máis concorridas.
Tamén as lendas galegas nos falan de caliveras, a Lenda da Calivera Convidada recollidas por Leandro Carré Alvarellos, ou a Lenda da Calivera da Romaxe a San Andrés de Teixido son unha pequena mostra. Lendas, segundo Rafael López Loureiro; onde as caliveras collen vida, falan e se laian, convidan ou son convidadas a cear con total naturalidade, o que nos debe facer lembrar o gran mito celta do deus Bran, de quen a cabeza decapitada … presidía unha festa no transmundo, suministrando comida e bebida e actuando como anfitrión tan eficazmente como o facía en vida (A. Ross 1987. Pax. 128)[8].
Co tempo o rito da calivera perdurará co seu espírito máis festivo; a carallada.
Este carácter festeiro nas celebracións de defuntos ficará na nosa cultura durante séculos. Durante os séculos XIV- finais de XV, son expresivas as condenas contidas nas vellas constitucións do bispado de Ourense contra as rogas ou comidas de defuntos;…o peor eran os escándalos e alborotos, de que así ás persoas como ás facendas dos nosos súbditos espiritualmente se seguen…. A Igrexa vai reprimir estes festíns: a excomuñón, incluíndose nela…ás persoas que as rogas demandaren como as que as aceptaren, como as que nelas foran e aínda os cregos que misa dixeren[9]. As comidas de defuntos ou rogas fanse ata nas igrexas.
No bispado de Mondoñedo cara a 1541, e baixo os auspicios de Frei Antonio de Guevara, criticouse e cuestionouse o costume dos mozos da diocese de pedir polas portas pan e carne e viño e freixós e pixoles e outras cousaso día de Tódolos Santos. Neste caso como no das rogas, a solución proposta para reconducir esta tradición foi que o párroco,…o primicieiro e outro que nomease a freguesía se encargasen de facelo petitorio…..aplicando despois o recibido polo eterno descanso das ánimas defuntas e distribuíndo o conseguido entre os máis necesitados.[10]

Aparentemente, acabouse a festa total e embriagadora dos devanceiros célticos… Os magostos, quizais, son unha subsistencia destas festas.

As misións despregadas pola Orde Franciscana e os Xesuítas a partir dos anos 1660-1670, aplacaron pouco a pouco os ritos pagáns dos defuntos.
Pese a todo, na nosa comarca a cousa non ía ben, e en 1735 os cregos do arciprestado de Bama (Touro) piden que sexa norma de obrigado cumprimento que …quedando algún cadáver que estivese unha noite sen enterrar, despois do anoitecer, das casas e lugares do contorno nin homes nin mulleres vaian á casa do defunto, e só poidan estar de noite nela catro ou seis persoas para vela-lo defunto e acompañar a súa familia, as que teñan que ser nomeadas polo crego dos fregueses [11].
A antropoloxía social na nosa terra descúbrenos as crenzas de que as ánimas viven entre nós. O mal do aire, a sombra, o enganido, son enfermidades que só as meigas ou sabias poden curar. Tanto a sombra coma o enganido só afecta aos cativos, o mal do aire cólleno nenos e adultos. É o aire do defunto quen provoca a enfermidade, por iso os nenos non poden asistir aos velorios nin aos enterros[12].
Mais o mal do aire, que pode afectar a todos por igual, é o único malo, e pode ser unha vinganza do morto, ou o medo do morto a enfrontar o camiño do Outro Mundo, para apartar esa ánima do corpo do vivo hai que botar man de alguén que saiba como indicarlle o camiño do Outro Mundo á ánima para iso a meiga ou sabia precisa da axuda da divindade. E eiquí vén o abraiante; os ritos máxicos;
Pía ritual de tres cabezas cortadas, con esvástica solar na base. San Andrés de Teixido (Cedeira). Foto de laberintoromanico .

· Ritual da comarca do Xallas. Pódese realizar nunha encrucillada de camiños, a unha hora que non pase xente, mellor de noite, ou en calquera recuncho da eira da casa. Se se elixe este último lugar, faise cun pau unha roda no chan e no medio da roda debúxase unha cruz cós brazos cara ós catro ventos[13] (a Cruz de Bran)
· Ritual de Cee. Faise un círculo no chan e no medio do círculo unha cruz (de novo a Cruz de Bran). Enriba da cruz unha tella con herbas de San Xoán e do Santísimo (herbas coas que se adorna o camiño que segue a procesión do Corpus), unhas ramiñas de loureiro e unha pingotas de auga bendita, logo de pasar por riba da tella facendo a cruz, parándose e dicindo a oración nos catro puntos, e así ata nove veces. A curandeira di:
Defuntiños todos,
de todo este contorno,
do mar e da terra,
sacádelle o aire do morto
a esta criatura
e darllo do vivo,
que o do vivo dá respiro
e o do morto non dá conforto,…..

Despois de tres Padre Nuestros bótanse na tella nove bicos de loureiro que foran recollidos en domingo antes de sair o sol. E o doente irá pasando por riba da tella do mesmo xeito nove veces, e mentres a que saca o aire di outra oración:
Loureiro que non fostes plantado,
quítalle o aire a este meniño,
de vivos e de mortos e de condenados
[14]

É significativo, no primeiro rito, o lugar escollido para sintonizar a comunicación co Máis Alá; a encrucillada, recordemos que as encrucilladas son os lugares onde residen os deuses dos camiños, os menxaseiros do outro mundo, e a divindade Bran segundo o profesor Bermejo agóchase tralas aras adicadas aos Lares Viales, os deuses romanos dos camiños. Non obstante se non é nunha encrucillada a sabia ou meiga traza a cruz de Bran para invocar aos defuntiños todos (¡non hai cousa máis profana!). Mais, todo hai que dicilo, estes ritos están recollidos no antigo territorio do pobo castrexo dos Célticos Supertamarcos, o territorio medieval de Célticos, sen dúbida, a cultura céltica, eiquí, foi moito máis teimuda.


Atrevémonos a pensar que séculos antes da cristianización, a druída ou sacerdotisa( a antiga meiga) invocaría ao deus Bran, (en troques dos modernos defuntiños) o ritual pouco variaría en esencia; o número nove (número con caste céltica) que está presente en tódolos ritos contra o mal do aire, as ramas de loureiro, as augas benditas, e as oración con sabor profano, acércanos a rituais indubidablemente precristiáns.
Para que as ánimas estivesen felices e contentas no seu Outro Mundo e non provocaran o mal do aire, a sombra, o enganido, etc…, había que agasallalas coa mellor festa do ano, presidida polos deuses Bran e Lug, as ánimas podían ocupar as caliveras acesas, que poboarían as encrucilladas, camiños e o campo da festa.
Se nos baseamos no Libro das Invasións irlandés, vaise a dar o paradoxo (nos non temos dúbidas nisto) que o Samaín é unha festa de orixe galega, e os fillos de Mil levárono a nosa irmá Irlanda en tempos pretéritos. A nós, os romanos primeiro -quizais un pouquiño- e a Igrexa despois, borráronnos o nome da memoria, mais as tradicións, os ritos, e as lendas perduraron.
Pois nada, a divertirse coa festa, nosa, vosa e daqueles...

E non esquezan: a San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com

Bibliografía:

· LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003.
· DUBERT. I. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. USC. Publicacións, Santiago, 2007
· BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
· QUINTÁS SUÁREZ, M. O Outro Mundo na cultura popular galega. Tres Ctres Editores, Sta Comba, 2006
· LISÓN TOLOSANA, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Akal Editor, Madrid, 1983.
· LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
· CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
· BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
. ANNE ROSS. Druídas, Deuses e heroes da mitoloxía céltica. Ed. Xerais. Vigo, 1987.
· ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
· VITOR VAQUEIRO. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia. Vigo, 1998.
· CUBA,X. REIGOSA, A. MIRANDA, X. Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Edicións Xerais. Vigo, 1999.

. GARCÍA QUINTELA, M. V. Celtic Elements in Northwestern Spain in Pre-Roman times, http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_10/garcia_quintela_6_10.html.


[1] Pax.65. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[2] Pax. 98. Galiza Máxica. Vitor Vaqueiro
[3] Pax. 40. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[4] Pax: 89 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[5] Pax. 61. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[6] Pax: 91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[7] Pax.73-74. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro.
[8] Pax. 56. Samaín: A Festa das Caliveras. Rafael López Loureiro
[9] Pax.105-106. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert.
[10] Pax. 107. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert
[11] Pax. 112. Cultura popular e imaxinario social en Galicia. Isidro Dubert
[12] Pax. 107-112. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. C. Lisón Tolosana.
[13] Pax. 173. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.
[14] Pax. 189-190. O Outro Mundo na cultura popular galega. Manuel Quintáns Suárez.

sábado 10 de octubre de 2009

O Carlismo nas comarcas do Ulla


Ben coñecido é que a Historia está escrita, na súa maior parte, pola clase letrada que durante séculos pertenceu ou serviu ás elites dirixentes. No mundo rural, e sobre todo, na Galiza interior, escasea a narración dos feitos históricos dende a voz dos labregos e comerciantes.
Hai casos puntuais, como os que nos narra o Pleito Tabera-Fonseca, sobre a Revolución Irmandiña dos anos 1467-1469. Os numerosos testigos da Revolta Irmandiña poñen fincapé nas inxustizas, roubos e abusos que tiñan que soportar as clases traballadoras (produtoras) das clases dirixentes laicas e relixiosas(guerreiras, ociosas e pensantes)). Ata hai ben pouco, a gran maioría dos manuais de historia e, ata as recentes guías locais, mostraban a historia que as clases dirixentes nos quixeron legar, a súa historia. A modo de exemplo: No século XIX, os dirixentes das partidas carlistas son os salvadores do pobo, uns mártires...

Os narradores destes feitos, algúns contemporáneos nosos, esquecen que na lóxica da guerra a barbarie é norma (recordemos a guerra de Iraq), esquecen as atrocidades que realizaron os cabecillas carlistas faciosos como lle chamaba o pobo. Unha excepción é Francisco Vilariño, cronista dezao da época, que narra os sucesos do 10 de xaneiro de 1837 cando a gavilla carlista do facioso Vilanova de Tuiriz, torturou e logo fusilou, a sete soldados na feira da Goleta (Lalín), ante as súplicas e choros dos presentes...

As partida carlistas tiveron gran relevancia nas nosas comarcas entre os anos 1834-1839, onde tiñan apoio do arcebispado de Santiago, o clero rural e da fidalguía rural (de caza e pote), eran os sectores das nosas comarcas que vían perigar os dezmos, o cobro das rendas...

Antonio López natural de San Estevo do Campo (Arzúa), ex - oficial do exército, visitou a Don Carlos de Borbón en Portugal, quen lle estendeu un decreto datado o 10 de xaneiro de 1834, chamando a inserrucción do clero e elementos afíns do exercito. Comezou a súa acción nas comarcas de Sobrado, Arzúa e Melide, invitando a varias persoas a alistarse na súa partida, ofrecendo incluso ata 1.000 reais de entrada. O núcleo inicial da partida formárono entre outros, Don Ramón Duro, Don Andrés Oliver e Juan Viñas -O Capador-, de triste recordo na comarca polas súas atrocidades[1]-.., o seu cuartel xeral,na primeira fase da partida foi o Mosteiro de Sobrado.

Do mosterio de Sancti Spiritus de Melide era o frei Saturnino Enríquez, que se adestrou con Don López ata que constituíu a partida Batallón A Constancia, campou polas comarcas de Curtis, Sobrado e Mesía, cando lle faltou financiación adicouse á extorsión, hai cartas onde ameazaba con queimar as facendas e maltratar ás familias se non se lle entregaba, no prazo de 15 días, 4000 reais. López caeu en Boimorto en 1836, o seu corpo e o de Andrés Mañá foron despedazados polos constitucionais e colocados en diferentes puntos da comarca de Santiago.

A guerra carlista foi a reacción ante a perdida de poder da clase dirixente -clero e fidalguía- (dominante na Galiza rural), contra a novo poder liberal -burguesía e sectores críticos da fidalguía - o seu resultado; a barbarie da guerra. O pobo, coma sempre, entre dous fogos.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com
[1] Barreiro Fernández, XR. Historia Contemporanea Política. Galicia Historia Tomo VII, A Coruña, Eds. Hércules, 1991

domingo 27 de septiembre de 2009

A Inquisición nas comarcas do Ulla


Fundado polo Papa Gregorio IX no 1231, o Santo Oficio da Inquisición foi sancionado oficialmente polos Reis Católicos en 1482. Torquemada - confesor da reina Isabel a Católica- será o seu primeiro Inquisidor Xeral do Reino, executor político-relixioso destes santos reis católicos, mandou queimar na fogueira a 2000 persoas, organizou a expulsión dos xudeus...
Non obstante, a implantación da Inquisición no Reino de Galicia non é efectiva ata o 1574, reinaba na península Filipe II. A Inquisición é, ante todo, un Tribunal relixioso, un Tribunal da Santa Fe. A través da súa acción, nós vemos xurdir os problemas que as clases populares teñen coa súa relixión. A Inquisición ten vocación rural, converte ao campesiño no protagonista maioritario dos seus procedementos (Autos de Fe). Trátase de asentar definitivamente a indisolubilidade matrimonial, castigar as blasfemias, os renegos, a obrigatoriedade da práctica anual no cumprimento da pascua,.. trátase de preservar a moral católica nun mundo rural moi libertino aos ollos do Santo Oficio.

Perséguese, tamén, aos herexes, sobre todo luteranos, aos xudeus e aos musulmáns, mais na Galicia, dende os séculos da Alta Idade Media, xudeus e musulmáns (servos na súa maioría) son considerados coma veciños, a persecución vai ser máis visible sobre os luteranos estranxeiros.

As vilas con porto de mar e as principais vilas do Camiño de Santiago -a máis antiga autopista de Galicia- serán vixiadas, permanentemente, pola Santa Inquisición. Esta condición e o carácter ruralizado das nosas comarcas debeu ser a razón da inusitada presenza de membros da Inquisición nas nosas vilas e aldeas.

Segundo o Memorial dos Comisarios da Santa Inquisición do Reino de Galicia no ano 1611, temos a Eugenio Molero; Arcediano en Abeancos, o Bachiller Alonso Vázquez; Vicario en Mellide, Gonzalo Alonso en Viladevid (Arzúa), San Juan de Andrade; Rector en San Martino e Calvos (Arzúa), Bernabé Méndez; Rector en San Viçenzo de Bama (Touro).

A relación de Familiares (informantes) do Santo Oficio no Reino de Galicia no ano 1641, dunha lista de 218, móstranos a seguinte relación:

179 Juan Quintela de Castro................San Vicenzo de Burres....40 anos
65 Alonso Correa Alemparte....................La Salzeda................60 anos
66 Juan Groba.......................................La Salzeda................40 anos
215 Esteban del Corral.............................Arzúa......................70 anos[1]
Nesta época exercerá de Comisario do Santo Oficio, Fernán Gómez das Seixas da Casa de Remesil, Dombodán (Arzúa) , foi reitor de San Pedro de Salgueiros (Vila de Cruces) e outras igrexas, está enterrado na capela da Nosa Señora do Viso ( ver: O ancestral santuario do Viso neste blog).

Chama a atención dous familiares na Salceda, mais no mapa de 1749 Le Royaume de Gallice da colección Martínez Barbeito, aparece grafada ao mesmo tamaño que Melide ou Arzúa[2], Salceda de Caselas non aparece no mapa.

O santo Oficio, é unha institución concibida para exterminación das heterodoxias heréticas e das irregularidade morais. A nobreza galega non foi obxecto de sospeitas heterodoxas por parte do Tribunal de Santiago. Ningún dos relucentes nomes da renomeada nobreza, padeceu proceso algún, tampouco a nobreza media ruralizada.

O inquisidor recibindo testificacións sanciona os pequenos grandes dramas da vida cotián, intenta modificar condutas e , máis grave aínda, busca violentar conciencias e concepcións ancestrais (os ritos pagáns seguen vivos). Ante o Inquisidor, moitas veces, o párroco, que avisa da súa chegada, propón á parroquia a lei do silencio. Dous mundos, pois diferenciados; por un lado un catolicismo dogmático fronte a un cristianismo morno, verniz de crenzas primitivas entroncadas no inconsciente profundo da aldea[3].

Os inquisidores, acompañados de dous funcionarios (un alguacil e un secretario) tiveron choio na comarca da montaña:

Inquisidor Alba en 1580, viaxa de Melide a Monforte , cara Lugo

Inquisidor Montoya en 1590 Melide, Sarria, Valdeorras

Inquisidor Sotomaior 1646, Melide, Chantada, Monforte, Lugo

Os Autos de Fe da comarca centralizábanse na vila de Melide. A importancia da circulación de mercadorías, persoas e ideas polo Camiño de Santiago durante a Idade Moderna debe ser moi relevante, estas visitas dos inquisidores contrastan con A Coruña dúas visitas ou Ferrol, Padrón ou Ribadeo unha soa.

A continuación facemos unha relación dos castigos cos que a Inquisición limpa os pecados do Pobo:

* Amancebados, adúlteros, bruxas, meigas, supersticións, prostitución, anticlericalismo (non creer nos ritos da misa; comunión, xaxún na semana santa...), promiscuidade rural (entre solteiro-solteira)-. Castigo: Desterro do pobo durante 5 anos.

* Poligamia. Os bígamos son castigados por Filipe II, desde 1566 con 10 anos de galeras.

* Blasfemias; cara 1560 as penas son castigo de galeras, Filipe II precisa de remeros, as penas son importantes desde XVI-XVII.

* Contra o santo oficio;
Se o reo é home de baixa sorte ( pobre)hase ler a súa sentencia en Auto público de Fe ou nunha Igrexa, estando con insignas de penitente e o día seguinte; 200 azotes e catro anos de galeras máis ou menos segundo a calidade do delito, e se é persoa noble e rica lease a sentencia na sala e hase de botarlle unha pena de 1.000-2.000 ds. E que vaia a servir sen soldo durante 2 ou 3 anos nunha galera ou a unha fronteira de mouros e herexes, consideradas as circunstancias do delito e a persoa que o cometeu.[4]

No século XVI o 60% dos procesados son de orixe campesiño, no XVII, as relacións invértense agora é o comerciante a figura máis frecuente nas cárceres de Santiago, o campesiño queda relegado a un posto moi secundario[5].

O último asasinado pola Santa Inquisición- co rei Borbón Fernando VII no poder- foi Cayetano Ripoll, baixo acusación de herexía, logo de 2 anos de prisión, foi executado na forca e posteriormente incinerado polo Cremador da Inquisición en Valencia no ano 1826. Oito anos despois, Mª Cristina de Borbón rexente, suprimía o Santo Oficio. Ripoll loitara contra os franceses na Guerra da Independencia española, capturado polos franceses foi trasladado a Francia onde tomou contacto con intelectuais ilustrados e pacifistas da época. Mestre en Ruzafa (Valencia) foi denunciado pola Xunta de Fe de Valencia por non impartir os principios da doutrina católica aos seus alumnos.

Paralelo a este proceso o Xefe da Policia de Fernando VII avisa a este de que;..a Inquisición é a arma dos partidarios do desorde (carlistas) e queren facerse fortes e ter ascendente contra o partido liberal, o goberno e incluso o mesmo trono. O Borbón enterado do proceso contra Ripoll non fará nada para evitar o crime.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com

[1] Pax 169 a 175 El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia[2] Pax 12 Tomo III, Galicia Historia, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.[3] CONTRERAS, J. El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia (1560-1700).[4] Pax. 566. El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia[5] Pax. 586, El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia.

Post data:
A imaxe é unha estatua orante situada na Capela da Obra Pía de San Antonio (Melide-Coruña), pertencente a Antonio Varela de Segade, Sarxento Maior do Exército das Filipinas, Cabaleiro de Santiago y Alguacil Mayor de la Inquisición, obra do escultor Mateo Prado (s. XVII). Imaxe sacada do caminodepiedra.blogspot.com.

jueves 24 de septiembre de 2009

Melide a villae de Mellitus


Dende tempos remotos - sen dúbida antes da chegada dos romanos- as nosas terras serviron de paso aos pobos que atraídos polo fin do mundo, o finis terrae, buscaban o leito onde se deitaba o deus solar. Os romanos, realizaron as obras necesarias no camiño para facilitar o transporte de materias primas, minerais e tropas. A Via XIX de Braga a Astorga viña dende Lugo (Lucus Augusti) cara Santiago (Aseconia?). No trazado de dita calzada agromarían mansións, parroquias (parochias) e villaes, para o servizo do tráfico comercial e militar.
Melide sería unha destas poboacións que naceu neste camiño. No tomo 29 da Gran Enciclopedia Galega, na páxina 18 e seguintes, Xosé M. Broz Rey, Xosé Domingo Fuciños Gómez e Antonio Hermida Rodríguez, fannos un minucioso relato da historia de Melide do que extraemos os seguintes parágrafos;
“O nome de Melide (Melidi) menciónase propiamente nun diploma do mosteiro de Sobrado (entre os anos 958-968). Un segundo documento, de 1017, cita Millerata, en Aveancos, …. Ao longo das dúas centurias seguintes fan referencia á vila diversos escritos, aínda que neles a grafía do topónimo experimenta modificacións: Milide, Melide, Milidi
Sobre a etimoloxía propuxéronse moitas solucións, dende as que afirmaban que proviña de Medulio (monte mítico onde o Imperio Romano rematou a resistencia galaica)…, ata a de Murguía, que fai proceder o nome do concello do soldado Milhert, ou outras que o derivan do caudillo mahometano Abdalá ben Melik, que libraría unha batalla en 812 á beira do río Furelos. (…)
Non obstante, hoxe acéptase como correcto que Mellitus era o nome do dono dunha vila ou terra neste lugar e que Melide derivaría do xenitivo Melliti (de Mellitus).”
Mellitus en latín significa; de mel, composto con mel, suave, agradable.
Mellitus sería pois, un romano de elevado estatus, posiblemente terratenente ou comerciante, (polo seu nome; agradable ou meloso?) que ostentaría certo poder no berce da futura vila.
Outras poboacións do Camiño Primitivo serían ocupadas ou erixidas, co tempo, polos suevos na súa invasión do século V, Vilouriz (Toques) que significa; Vila de Honoricus sería un exemplo significativo.
Non hai que esquecer pola súa beleza a Praia de Melide, a unha carreiriña de can do Castro de Donón no Monte do Facho (na foto da praia, o monte que se atopa enriba das casas de Donón), eiquí indíxenas e romanos habitaron durante varios séculos este paradisiaco entorno.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com

Bibliografía:

· RAIMUNDO DE MIGUEL. Nuevo Diccionario Latino-español etimológico,Visor Libros. Madrid, 2000.
· Gran Enciclopédia Galega, Siverio Cañada. Tomo 29.

lunes 7 de septiembre de 2009

Dombodán, un deus suevo en Arzúa e 2


O rural galego e o arzuán en particular, nos comezos do século V é un escenario totalmente romanizado, as villae de Marogio (Maroxo) e de Antemii (Vilantime), exercerían o seu poder terratenente sobre os cidadáns galaico-romanos da comarca.
Os topónimos xermanos de Remesil, Gramil e ¿Monte dos Corvos?[1] ,en lugares de minas romanas poden indicar que aínda había unha relativa actividade mineira á chegada dos suevos, a aparición dun asentamento medieval no entorno da mina romana A Cova do Tremedal en Brandeso parece confirmalo. Mais é evidente que os suevos, se nos basamos nos topónimos xermánicos, establecéronse en zonas estratéxicas de paso, os topónimos de Rendal, Guldrís , nas inmediacións do Camiño de Santiago e os lugares da parroquia de Dombodán no entorno do camiño de Ponte Xusto é unha proba disto.

As tribos suevas que se asentaron na comarca aparte de procurarse o seu sustento material, cumprirían coa súa función de control do territorio ocupado. Segundo Orosio, os suevos pronto cambian as súas espadas por arados, e parece ser que, ademais, foron ben recibidos polos galaico-romanos, sobre todo, no rural; ...e aos romanos que subsisten trátanos coma aliados e amigos...algúns prefiren vivir no medio dos bárbaros en pobre liberdade, a manter a preocupación dos tributos entre romanos.

De tódolos xeitos, o establecemento das tribus suevas nas comarcas rurais non debeu de ocasionar enfrentamentos cos terratenentes locais; ...as súas posibilidades de controlar a provincia pasaban por respectar a posición da antiga elite dominante, e se procurar a súa colaboración.[2]

Estas tribos guerreiras suevas conservarían as súas crenzas ancestrais. Pese a que algúns historiadores nos falan de que os reis suevos son cristiáns arrianos, os feitos nun primeiro momento da invasión indícannos o contrario; Idacio, menciona expresamente ao caudillo suevo Heremigario, afogado no Guadiana "pola man de Deus", tras saquear EMERITA AVGVSTA (Mérida) profanando a igrexa da mártir cristián Eulalia. O rei suevo Rechila o Rékila (438-448) morreu tamén xentil ("Rechila ... gentilis moritur"), é dicir, que era pagán ou politeísta, nin católico nin arriano.

Non hai que esquecer que as "conversións" dos pobos xermánicos protagonistas das grandes invasións eran un simple xesto formal e político, que só implicaba as elites.

No século VI, o Papa Gregorio Magno recomendaba: " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; transladalos ó día das festas dos santos mártires, coa fin de que , conservando algunhas groserias , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fe cristiá ."

San Martiño de Dumio, tamén no século VI, na súa obra De correctione rusticorum, dá as pautas a seguir para combatir os cultos pagáns que aínda campan pola Gallaecia (ver; Lendas, Fontes e Deuses en Arzúa1 neste blog). Entre os suevos invasores e os galaicorromanos invadidos producíranse cruces de crenzas, como demostra a inscrición atopada en Terras de Bouro ou o culto a Wotan, deus suevo, honrado polos galaicorromanos. Era preciso reconducilos ás verdadeiras prácticas cristiás[3].

Voltando ao deus Bodán , os ritos a este deus poden subsistir camuflados na Lenda da Fervenza das Hortas(Dombodán); Unha muller que quedou preñada polo seu mozo nunha noite de muiñada, foi empurrada por este á fervenza, a moza encomendouse a Santa Marta e a póla dun carballo salvouna milagrosamente . Bodán é o xefe dos espiritus e dos colgados, Bodán estivo colgado dun carballo durante días sen comer nin beber, logo voltou á vida divina. Santa Marta é a irmá de San Lázaro que intercede por el para que Xesús o resucite. É a que media ante deus para que os mortos volten á vida.

De tódalas maneiras hai unha semellanza manifesta entre o panteón de deuses celtas e xermánicos e os seus ritos. As relacións entre a ciencia, sobre todo a ciencia relixiosa ou máxica, e as árbores, non teñen nada que poda estrañarnos. O mito fundamental da Árbore do Coñecemento impregna as tradicións de tódolos pobos antigos.

As Matres Suevas das que nos fala Xulio Cesar nas Xermanias, son as tres diosas (nai, filla, avoa), que segundo o lugar ou a cultura teñen nomes diferentes, Bernárdez apunta; case non hai diferencia entre a maneira de representar as célticas e as xermánicas. Algunhas proporcionan sabiduría, non sempre separable da maxia; son as matres coñecidas como Adiviñas da auga, outras son xenerosas, outras davidosas ( o dan todo), outras dan forza, poder, ou éxito. Tanto a Fonte Santa (Lema) coma a Fonte de Santa Irene (O Pino), teñen rasgos míticos nos seus ritos, mais isto é traballo doutro artigo .

Bodan era descendente dos xigantes primordiais, o rei de deuses, é o deus tuerto por propia vontade, que produce ou quita as cegueras. A advocación da Igrexa parroquial a San Cristovo (s. XVIII) pode indicarnos unha semellanza mitolóxica; San Cristovo foi un príncipe pagán de gran estatura que primeiro escolleu de amo ao demo, mais persuadido do poder da cruz cristianizouse, na súa morte devolveu a vista a Dagón.


Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com




Bibliografía:




MÉNDEZ FERRÍN, X.L. Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos, Edicións Xerais. Vigo, 2007.
BERNÁNDEZ VILAR, X. O Comezo da nosa Idade Media, Editorial Toxosoutos. Noia, 2003.
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
DUMÉZIL, G. Los dioses de los germanos, Siglo Veintiuno Editores, S.A. México, 1973.
GONZÁLEZ GARCÍA, F.J. (Coord.) Los pueblos de la Galicia Céltica, Ediciones Akal, S.A. Madrid, 2007.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
LAREDO VERDEJO, X.L. Guía de Arzúa, Concello de Arzúa. 1999.
CACHEDA VIGIDE, E.A. Arzúa en el camino de Santiago, Editorial Everest. León, 1987.
LÓPEZ PEREIRA, X.E. Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva, Universidade da Coruña, 1996.
LUCAS ÁLVAREZ, M. Tumbo A de la Catedral de Santiago, Edicios do Castro. Santiago,1998.
TORRES RODRÍGUEZ, C. El Reino de los Suevos, Fundación Barrie de la Maza. A Coruña, 1977.
RODRÍGUEZ IGLESIAS, F. Un reino para Galicia: os suevos, Hércules de Ediciones, S.L. A Coruña 2003.
BERNÁRDEZ SANCHIS, E. Los mitos germánicos, Alianza Editorial, S.A. Madrid, 2002.
1] Pax II, Catálogo de patrimonio arqueolóxico do Concello de Arzúa.[2] Pax. 84, O Comezo da nosa Idade Media[3] Pax 46. Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva

Dombodán, un deus suevo en Arzúa, 1


Dombodán; Segundo Caridad Arias vén de Dominus Bódanus, outro nome latinizado que significa o Deus Bodán: Dominus, señor, amo, Deus. Bódanus, o deus guerreiro xermánico Wotán,Wodan, Bodán, Odín.
O nome deste deus, na súa forma escandinava (Odín), na súa forma inglesa (Woden),ou coma na forma xermánica (Wodan), significa furor sagrado.

Wodán, Bodan en diante, é o rei dos deuses, o gran mago-druída, deus do sol do día e do sol da noite, deus dos guerreiros e deus dunha parte dos mortos[1], é o deus correspondente ao Zeus dos gregos, o Xúpiter dos romanos, o Dagda celta dos irlandeses, o Lug entre os galaico-lusitanos[2].

Temos noticias dos xermanos do pobo suevo por Xulio Cesar e Tácito, este pobo era o máis numeroso dos xermanos e ocupaba dende o século III a.C. o baixo e o medio Rin. Era unha sociedade, basicamente, de granxeiros, e cultivaba cebada, avea, centeo, millo miúdo tamén chamado painzo (setaria germanica), trigo, así como liño, fabas e hortalizas, sendo moi raros entre eles as froitas.

Resultaba, tamén, notable a súa gandería e utilizaban madeira, os minerais e o ámbar[3]. Era un pobo de orixe indoeuropeo con fortes influencias celtas. Paulo Orosio calcula que existían 54 nacións suevas.

Os suevos cuados, que ocupaban a marxe esquerda do Danubio, no que hoxe son o norte de Austria e a República Checa, serán os que no ano 411 a.C. se asenten na Gallaecia dirixidos por Hermerico, que será o primeiro rei do que logo sería o Galliciense Regnum".

Bodán é, como diciamos, o deus supremo dos suevos, o acompañan en importancia o deus Thor (deus da forza e o lóstrego, famoso polo seu martelo, é o deus que adoran os labregos), e o deus Fricco (deus do pracer).

As pegadas dos suevos en Galicia son moi escasas a nivel arqueolóxico (xoias, Igrexa de San Pedro e Rocas,..), máis se rastrexamos na toponimia e nas lendas obteremos probas do seu paso polas nosas terras.

Gracias a estudios filolóxicos sobre documentos medievais dos mosteiros de Sobrado dos Monxes, Tombo A da Catedral de Santiago, do mosterio de Celanova, de Samos, etc.., sabemos que a gran maioría dos topónimos suevos soen ser antropónimos (topónimos referidos a nome de persoa), en Dombodán temos varios exemplos deles: Brandariz (4, 1) <>Brandericus (Brand + ric) "Rei da Espada". Méndez Ferrín, tamén segue esta proposta: ...falnos da raíz xermánica Brand(a) segundo informa Piel e Kremer, de onde procede Brandericus (Brandariz). O Galicismo brandir procede do franco "xogar a espada".

Gramil de Granamiri: de *Granamirus (Gran + mir). Gran: Barba+ mir: fama, renome. Remesil de Remisol: de rimis. Rimis: Paz, tranquilidade. Rendal de Randuarius, Randawarjaz 'Escudo-Habitante' ou *Randuharjaz 'Escudo-Exército'.

Bodan coma vemos representado na imaxe de cabeceira, vai sempre acompañado de dous corvos , son os ollos de Bodan en tódalas partes, recordemos que o deus celta Lug tamén vai acompañado de Bran, o corvo.

[1] P. 54 Los dioses de los germanos, Georges Dumézil[2] P. 110 A Galicia celta, Antonio Balboa[3] P.21 O comezo da nosa Idade Media, Xoan Bernández

martes 1 de septiembre de 2009

Vilantime, a villae dun grego


Vilantime, procede do latin; Villae Antimenes ou Antimii, e significaría a Vila de Antimenes ou Antemio.
Antimenes, Fillo de Deifondo e de Hyrnetho (honrada coma deusa entre os gregos), filla de Temeno, rei de Argos, cidade da Acaya, da mitoloxía grega. Antimenes ( O Pintor), sonado pintor ceramista grego do século VI a.C..

Antimii: de Antimius, nome emparentado co anterior Antimenes, famoso foi Antimii de Tral (Antemio de Tralles) arquitecto de Santa Sofía V-VI d.C.. Antemii é nome grego de sabor tardoromano. Dous emperadores romanos, tío y sobrino, do s. V d.C., levaron este nome.

O nome desta parroquia de Arzúa indícanos a existencia, en época romana, dunha villae (mansión rural ligadas xeralmente a explotacións agrarias e propiedade dos señores máis poderosos), pertencente a un membro da clase dirixente romana de ascendencia grega. Debemos, pois, remontarnos aos séculos II-IV da nosa era, e situarnos ante unha zona nun proceso de romanización rural relativamente alto. As 14 minas romanas do entorno, deberon producir dende o século I unha florecente indústria mineira; na minería do estaño, a existencia de pozos permitía individualizar os aproveitamentos do filón, e isto favorecía que a actividade mineira adoptase a forma dunha multitude de pequenas explotacións en cada filón.

A relativa rendabilidade desta forma de explotación mediante pozos e a posibilidade de exercitala con poucos medios debeu abrir o exercicio da minería a bastante población.[1]

Nun primeiro momento, no período de conquista, serían os lexionarios os encargados da minería; Os grupos militares ofrecían cadros de enxeñeiros e administradores ben instruídos, a IIII Macedónica, neste aspecto, era unha das mellores (no traballo A Conquista romana na comarca de Arzúa, apórtanse datos sobre as súas tarefas na península).

Unha das misións principais realizadas polo exército romano na Península Ibérica era o trazado e mantemento de vías, tamén, por suposto, era relevante o control de áreas mineiras, o soldado, ademais, de seu papel bélico, participa en numerosos proxectos de enxeñaría, militares e civís; explotación de minas e canteiras, construcción de acuedutos ou pontes, etc... O exército proporciona unha man de obra especializada, abundante e económica[2].

A industria mineira e a presencia de soldados fan imprescindible a fabricación de coiro, neste aspecto o establecemento dunha factoria de curtidos en Courium (Sardecoiro) cubriría esta necesidade; A partir do imperio romano o consumo de coiro aumentou moito e creáronse grandes obradoiros para elaborar productos de coiro para as lexións, os corarii (curtidores) preparaban a materia prima para que os pelliones (artesáns da pel) elaboraran complementos da indumentaria, calzado, bolsas, selas de montar, aparellos de tiro ou carga de animais (arreos, rendas...) e outros productos para o exército que era o seu principal cliente 3. Co tempo, Courium pasaría a depender do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, sendo unha das súas granxas máis nomeadas nos documentos medievais do mosteiro.

En relación co topónimo Courium, é curiosa a semellanza doutro Couríu (Belmonte de Miranda, Asturias) nun val montañoso, onde destacarou a explotación de ouro polos romanos.

En base aos datos que temos, hoxe en día, non podemos asegurar quen foi este grego-romano chamado Antemii, máis, este nome nos indica que a ocupación romana na nosa zona era de ascendencia grega (ver; A Conquista romana na comarca de Arzúa, neste blog), sabemos que os soldados asentados nas áreas de conflito trababan contacto directo e permanente coas comunidades e logo, unha vez licenciados, os veteranos, comunmente, permanecían nas rexións que serviran.

Aventurámonos a pensar que Antemii foi un greco-romano relacionado directamente ou familiarmente co exercito ou a administración imperial romana.

Este terrateniente exercería o seu control sobre a zona na compaña doutros grandes propietarios das comarcas veciñas, que a través da súa toponímia podemos nomear; Melide, sen ningún tipo de dúbidas, procede do antropónimo latino Mellitus (villa(m)/terra(m)/fundu(m) Melliti)[4], Villae Marogio (Maroxo). A arqueoloxía amosounos a Vila Romana do Agro de Piñeiro (Toques).

Antemii, posiblemente, tería pozos mineiros da zona en propiedade e, ademais, é moi posible que a villae se dedícase á produción do liño (tecido moi considerado na época e de gran importancia na comarca ata ben pouco), trigo, e gandería bovina e cabalar entre outras tarefas agrícolas.

Do lugar onde estaría a villae e a súa tipoloxía constructiva, tampouco podemos afirmar nada:

Respecto a súa localización, as villae ocupan chairas e ladeiras suaves para contemplar as terras de cultivo circundantes, e tendo en conta que, logo coa cristianización, as igrexas vanse construír, moitas veces, sobre ou a carón de templos ou construcións pagáns é posible que a villae se atopara no lugar de Igrexa, onde se atopa a igrexa parroquial.

En relación coa tipoloxía constructiva da villae, sabemos que a maioría delas estaban feitas de madeira e de fábrica a partes iguais, cubertas de palla e tella, podemos facernos unha idea da nosa Villae Antemii se recabamos información sobre a villae escavada no veciño Agro de Piñeiro, en Toques, que parece ser de tipo nórdico ou céltico, con planta rectangular alongada, normalmente dotada dun corredor na fachada maior que funciona como elemento tanto de distribución interna dos espazos como de apertura á paixase exterior (no caso frecuente de que este sexa porticado mediante columnas).

Con estes antecedentes históricos , non é de estrañar o carácter emprendedor e dinámico das xentes de Vilantime.



Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com


Bibliografía

- J.F.M. NOËL: Diccionario de Mitología Universal. Barcelona, Edicomunicación, S.A. 1987.
- ALBAIGÉS OLIVAST. J.Mª. Diccionario de nombres de personas. Barcelona, Edicións Universidat, 1993.
- SUÁREZ PIÑEIRO. A.Mª: A vida cotiá na Galicia romana. Verín-Santiago, Edicións Lóstrego, 2006.
- CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
- CONCELLO DE ARZÚA. : Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM, . 2006.
- SANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
- ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992. •- HERMAN KINDER - WERNER HILGERMANN. : Atlas Histórico Mundial Tomo I. Madrid, Eds. Istmo, 1980.
- MATEO, A. Observaciones sobre el régimen jurídico de la minería en tierras públicas en época romana. Santiago de Compostela, U.S.C. 2001.
- GOLDSWORTHY, A. : El ejército romano, Ediciones Akal, S.A., Madrid,2005.
[1] Observaciones sobre el régimen jurídico de la minería en tierras públicas en época romana, MATEO, A, U.S.C. 2001.[2] A vida cotiá na Galicia romana. SUÁREZ PIÑEIRO. A.Mª: Verín-Santiago, Edicións Lóstrego, 2006[3] A vida cotiá na Galicia romana. SUÁREZ PIÑEIRO. A.Mª: Verín-Santiago, Edicións Lóstrego, 2006[4] Historia do Concello de Melide. http://www.melide.org/.