sábado, 13 de outubro de 2018

Maroxo; da villae romana ao Pazo da Torre. A historia dunha parroquia galega. Primeira parte.


Casa Grande de Cima de Vila (Casa de Baltasar)



Maroxo é unha parroquia localizada no sur do Concello de Arzúa (A Coruña), o seu nome vén do topónimo medieval Marogio derivado do nome greco-romano Maro[1] (na Roma imperial era un cognomen[2] moi común, o famoso poeta dos inicios do imperio romano Virxilio era coñecido como Publius Vergilius Maro) e o sufixo -gio, unha terminación recorrente para moitos nomes na Alta Idade Media en Galicia coma; Guntigio - Guntigia, EldigioEldigia, Ermigio, Erbigio, Pelagio (Paio), a veciña Perogia (Peroxa)…..

As primeiras referencias escritas sobre Maroxo datan do ano 1025. Trátase de dous documentos, escritos en latín e complementarios entre si, extraídos do pergamiño 17 da Colección de pergamiños do Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela; un de doazón da Villae de Marogio [3] aos frades de  Ante Altaris (Mosteiro de San Paio de Antealtares de Compostela, daquela baixo advocación de San Pedro) polos domini (señores, nobres)   Suarius Ruderiquic[4]  e Geloira [5] Ranimiriç (Suero Rodríguez e Elvira Ramírez), e outro que trata do inventario das persoas que habitaban os casais ou lugares de dita villa:

(….)agora estamos con Suero Rodríguez e Elvira, para obter unha clara, breve e completa relación territorial para non faltar á lei, aceptando de boa gana en sans condicións mentais  a villa, chamada Maroxo, que está en territorio de Aveancos[6], do interior e o exterior, dun lugar a outro, con todas as súas pertenzas e habitantes [7] (….)

Na Idade Media a condición de servo era hereditaria, este non podía abandonar a terra sen o permiso do seu señor. A diferenza principal dos habitantes ou servos das villas medievais con respecto a un escravo consistía en que, en xeral, non podía ser vendido ou separado da terra que traballaba. Por iso os señores de Maroxo fai o inventario dos homes na doazón ao Mosteiro de Antealtares.

Previamente dicir que o concepto de villa na Idade Media nada ten que ver co da actual vila urbana. As vilas medievais deben o seu nome ás villae de época romana (s. II-IV d.C.) que inzaron a Gallaecia. Orixinariamente tratábanse de explotacións rurais illadas pertencentes a grandes propietarios relacionados, normalmente, coa administración imperial romana[8], era unha vivenda rural que coas súas edificacións subsidiarias formaban o centro dunha grande propiedade agraria.
Mosteiro de Antealtares, Santiago de Compostela

O documento de doazón da villa–dominio[9] (villa entendida como posesión territorial rural dun só posesor, dun nobre) de Marogio amosa unha precisa información sobre os lindes naturais da antiga villa que corresponde, case exactamente, cos lindes da actual parroquia[10];

…quem dicunt Isso (Río Iso) sub Porto de Fratres (Coto do Torrente) et feret ad ark(as) (?) kovas de Geria (Minas romanas de Covas e Ventorrillo )et vadit directo ad illam mamulam, que stat super Villam de Vini (Mámoa que estaba por riba da Vila do Viño (Viñós))(sancto) / Migahele et inde ad mamulam maiore (Mámoa do San Migueliño[11]) et feret in (?) as, quomodo dividit per kapanas natale et vadit ad fontano de Annito (Rego Anido) et feret ad (?) / que dividet de Ballokaneset (Balocás, Santiso).
Capela da Fonte Santa
Os lindes da villa medieval diferían lixeiramente da parroquia actual no leste, onde unha mámoa –hoxe en día desaparecida- que se atopaba por riba da Villa de Vini (Viñós), a Fonte Santa e as Kovas de Geria (as minas de Covas e Ventorrillo) collían terreo a Brandeso e Viñós. No oeste a mámoa do San Migueliño, a 300 metros do cartel indicador do límite de Vilantime, marcaba o lindeiro que penetraba moi levemente na parroquia veciña.

Apunta López Alsina[12] que o excepcional dos documentos non é só que describe os lindeiros da villa, o que permite fixar a superficie en torno ás 650 Ha., senón que ademais descompón o dominio en 11 casais[13], curiosamente só un deses topónimos (nomes de lugar) consérvase hoxe en día, é o relacionado coa milagreira Fonte Santa, onde aínda se atopa a súa capela e, case enfronte, ten o magnífico Muíño da Fonte Santa.
Mamoa do San Migueliño

Pola súa importancia, traducimos a continuación do latín ao galego o inventario da propiedade cos seus servos. Para unha máis completa comprensión resaltamos en trazo groso os nomes dos campesiños, en cursiva e subliñado os nomes dos casais. Os de orixe sueva[14] en vermello, os latinos en azul, os célticos[15] en verde, os hebreos en amarelo e con nota ao pe de páxina o significado de cada nome ou topónimo:






Nova dos homes que habitaban na Villa de Maroxo cando foi doada a Antealtares
Ano 1025

Coñecemento das persoas que viviron e deron testemuño nos casais de Marogio, fixo o reconto o señor dos que viñeran con el, estes son: Framilla[16] e Fram(ill?) / teñen casal en Gresulfi[17]. Garedo ten casal na Fonte Sacratam (Fonte Santa). Tatane e Ermesinda[18] teñen casal en Quintanelas , Sandus[19] e Recesinda[20] teñen casal tamén en Quintanelis . Guillulfus[21] e Maria teñen casal en Barrio[22]. Riquoi e Ragoy[23] teñen casal en Trucesindi[24]. Cendon[25] e Sintilo teñen en Combarrio[26]. Trasulfo[27] ten casal en Sisvaldi[28]. Brandila[29] e Levegodo[30] teñen casal en La(¿). Ladredo[31] e Argentina teñen casal en Geicos. Vimaredo[32] e Argentina teñen casal no mesmo sitio.

Pero o extraordinario valor histórico destes documentos é que nos din cómo se chamaban os lugares, os señores (que tiñan nome e apelido), os servos (que só tiñan nome propio), a súa remota procedencia, cómo vivían, onde.... Moitos dos catorce lugares actuais moi posiblemente corresponderíanse con aqueles once medievais.
Mapa dos topónimos xermánicos (suevos, godos e vándalos)
na península ibérica extraído do libro; O comenzo da nosa Idade Media

O primeiro que chama a atención é a supremacía de nomes suevos, de 31 nomes entre topónimos e nomes propios que se recollen no inventario,  15 son de orixe sueva, 7 de orixe latina e 3 de orixe céltica. Este dato resalta moi claramente o que aconteceu  no pasado da comarca de Arzúa e na de Maroxo particularmente. Nese ano de 1025 os nomes suevos reflicten un pasado máis próximo que o romano e, por suposto, bastante máis que o céltico.


Os Celtas

Trebas galaicas
Efectivamente a cultura céltica ou castrexa queda moi lonxe no tempo (séculos VIII a.C. – I d.C.) , mais as súas pegadas seguen a notarse na disposición das terras de Maroxo, o Castro da Roda (ao contrario que no caso do veciño Baiobre[33] non nos chegou o nome orixinal do castro) nunha pequena elevación do terreo a 389 metros de altura, no Pumar en Maroxo de Arriba, vixiaba toda a parroquia, tal é a súa posición estratéxica que polas noites do Apóstolo, as xentes de Maroxo subían ao castro a troulear e observar os fogos da cidade de Compostela[34]a 32 quilómetros de distancia en lina recta. A súa muralla -unha circunferencia case perfecta- sobresae na zona sur cunha altura de case catro metros. 



Os poboadores do castro pertencerían á treba dos Coporos que eran veciños da treba dos Celtigos Praesamarcos (celtas de embaixo do río Tambre). Controlarían os mesmos lindes que hoxe ten a parroquia dentro do prerromano Territorio de Aveancos.


Castro da Roda, Maroxo de Arriba
Guerreiros galaicos
No castro -sen escavar ata hoxe- vivirían de 150 a 200 persoas en 8 ferrados de terreo (aproximadamente 0,6 hectáreas) que se dedicarían ao cultivo do trigo, cebada, avea, fabas, chícharos, verzas.. tamén farían pan coas landras. De carne, por suposto; a de porco e tamén de cabra, ovella, vacún… a caza tería a súa importancia; o teixugo, xabarís e cervo eran os predilectos dos potes e grellas castrexas. Bebían auga e cervexa de fermentación dalgún cereal coma a cebada, trigo ou millo miúdo, ou con landras[35], o viño ata a chegada dos romanos non o probarían.

No plano relixioso adorarían a varias divindades, entre elas as que moraban na Fonte Santa, as que se adoraban no Santuariodo Viso   e, sen dúbida, aos deuses Breo, Brenus, Breogán, Bran ou Bandue e Coso que probablemente tería o seu santuario enfronte do castro, no entorno da igrexa, ao pe do camiño de Arzúa-Courium (Sardecoiro) . Baixo a protección de Bandue,  os guerreiros xoves do castro e dos castros veciños; Baiobre, Branzá, Brandeso, Dombodán, Vilantime…, cabalgarían xuntos na procura de golpes de rapina en territorios máis afastados.
Pero a chegada das lexións romanas alterará para sempre a vida e cultura dos habitantes do Castro de Maroxo.


Os romanos

Mapa As Vías Romanas de J.M. Caamaño Gesto. 1997
Mil anos antes da redacción dos documentos da Villa de Marogio, o exército romano, no proceso de conquista da futura Gallaecia,[36] constrúe a súa primeira vía de comunicación no noso país para a exportación de metais (estaño, cobre e ouro sobre todo), transporte de subministres e tropas; a VIA XIX de Braga a Astorga[37]. A escasos 5 quilómetros cara o sur da mesma, no entorno de Maroxo, as lexións romanas detectaron mineral de estaño[38], a 12 quilómetros cara oeste de Maroxo; cobre en Arinteiro (Touro) –tristemente famoso hoxe polo intento de reapertura da mina de Touro-. O cobre e o estaño ligados (nos castros tamén apareceu con chumbo) transfórmanse en bronce, o mineral máis prezado polos exércitos da antigüidade e a razón pola que os romanos instaláronse na comarca de Arzúa.  

Via XIX e XX segundo Cesar González
Ao igual que a veciña Villae de Antimi (Vilantime)  , a orixe romana da Villae de Maro (Maroxo) é indiscutible; as 14 minas romanas do entorno, (tres na mesma parroquia e  8 nas parroquias veciñas de Pantiñobre, Lema eViñós   ) e o propio nome romano dun tal Maro, dono e señor da villae delata unha explotación agro-mineira nas mans dun grande propietario (possessores)[39] seguramente ben relacionado coa administración romana. O novo propietario das terras de Maroxo, establécese no val, na zona mellor regada e máis produtiva do territorio -o que hoxe chamamos Maroxo de Abaixo- para a xestión e explotación da grande riqueza mineira da zona.
Cova de Remesil

Coa chegada dos romanos á Gallaecia o modo de vida da poboación indíxena cambia cos novos tempos, os castros que pola súa situación estratéxica atopábanse en zonas altas vanse abandonando paulatinamente e os seus habitantes ocupan os vales con enclaves abertos. Os vicus (aldeas romanas) e as villae[40]son agora o xeito de vida.


Plaustrum, carro de vacas romano antepasado do galego, Museo della Civilta Romana
O Castro da Roda en Maroxo de Arriba -o núcleo orixinal da parroquia de Maroxo- iría apagándose paulatinamente, os seus habitantes castrexos, sexa pola actividade mineira da zona, polas levas das lexións romanas , polas necesidades de man escrava da Villa de Maro ou por unha mellor condición de vida abandonan as cabanas do castro.
Cohors III Lucensium no Arde Lucus

A Villae de Maroxo, que se atoparíase no mesmo lugar onde se encontra hoxe en día o Pazo da Torre e a Casa Grande da Cima de Vila[41] -a propia denominación de Casa Grande da Cima de Vila indícanos que por alí estaría a villae-, precisaría do ben máis buscado polos romanos para a instalación das súas vivendas; a auga, o nome do lugar onde se enclavan o Pazo da Torre e a Casa Grande de Cima de Vila; Fonte da Vila, amosa quen era o manancial que proporcionaba a auga necesaria para a explotación.

Machados de bronce. Museo Quiñones, Vigo.
Esta villae deberiamos incluíla dentro das de tamaño medio do século III-IV d.C. – aínda que hai que ter en conta que se dan casos de ocupación das villae romanas en Galicia ata o século VI (Toralla, Noville) e na zona portuguesa ata o século VIII (Augas Santas en Barcelos, Ponte Lima)[42]- serían casas de campo cunha extensión non superior aos 500 metros cadrados, da mesma tipoloxía que a veciña Villa do Agro de Nogueira (Toques).   Non son villae tan luxosas coma as villae que se atopan na Galicia costeira (Noville, Moraime, Bares, Toralla, Tines…) pero sería un asentamento acomodado[43].  Nós inclinámonos a pensar que a villae romana e a posterior villa medieval atopábase na zona da Casa Grande de Cima de Vila, a presenza dunha pedrafita (quizás de adscrición prehistórica ou quizás marco medieval) diante desta edificación outorga, ao noso entender, máis papeletas á Casa Grande.
Pedrafita diante da Casa Grande Cima de Vila
ou Pazo dos Agra

Os estranxeiros romanos introducen o muíño romano, o arado romano, o plaustrum ou carro de vacas, as construcións a dúas augas e a tella, o horreum  (hórreo), as vías ou camiños de pedra, o liño, o viño…. e, sobre todo, impoñen as leis romanas e a súa administración.
Os deuses célticos pouco a pouco serán substituídos polos romanos; Coso por Marte, Lug por Mercurio ou Apolo, Bandue polos Lares Viales, Hércules, Xano ou Mercurio, e quen sabe, quizais na Fonte Santa andarían Arentía, Edovio ou Convertina que cos romanos serían substituídas polas ninfas …

Os suevos


Emigración dos suevos
Sobre o ano 410, un pobo xermánico, o suevo, ocupa a provincia romana da Gallaecia establecendo a súa capital en Braga dende onde se organizará o Reino Suevo da Gallaecia , é o chamado Regnum Galliciense segundo a Historia Francorum de Gregorio de Tours (538-573)[44], o primeiro reino medieval de Europa e o primeiro reino en cuñar moeda propia.

O exército suevo está constituído por clans familiares que son vistos coma unidades militares, territoriais e de asentamento[45].  A súa práctica guerreira nos primeiros anos é o saqueo. Mais, os suevos son un pobo basicamente agrícola e gandeiro e pasou a  tomar posesión dunhas terras mediante unha fórmula que debeu ser un terzo ou a metade das mesmas[46].

A partir da sinatura do acordo de paz (431) entre a igrexa galaica ( Hidacio), o Imperio Romano (Aecio) e o Reino Suevo (Hermerico), fréanse as incursións depredatorias no interior da Gallaecia, os suevos aséntanse no territorio galego e convértense en possessores, ocupando terras dos grandes propietarios, abandonadas ou propiedades públicas, …sabemos que as terras do alto Sil foran distritos mineiros na época romana e moi posiblemente terras fiscais do Imperio, esa condición pública permitiría a súa transferencia aos monarcas suevos. [47]

Os suevos chegaron pola autovía da época; a romana VIA XIX á comarca de Arzúa e, seguindo a lóxica de actuación no alto Sil, faríanse coa totalidade, a metade ou un terzo das terras e minas dos galaicos-romanos da zona. O bronce e o ouro seguen a considerarse minerais moi prezados para o exército e as clases podentes, son polo tanto os primeiros obxectivos de botín de guerra, é lóxico que os clans suevos se fagan co seu dominio.
Mapa Arzúa séculos I a. C. ao V d. C.

Nos primeiros anos do século V a actividade nas minas de Arzúa seguiría dando froitos para os novos propietarios. No entorno da maltratada Cova de Tremedal de Maroxo (hoxe oculta por toneladas de lixo) os arqueólogos constataron a existencia dun asentamento de época medieval – moi posiblemente un dos casais aos que se refire o documento-inventario de Maroxo- o que corroboraría a actividade mineira na zona anos despois da chegada dos suevos.
Mapa de Europa s. V d.C. do libro O comenzo da nosa Idade Media

Non sabemos se as villae de Maro e Antemi  pasarían a mans dos bárbaros do norte, pero sabemos que un terzo dos casais nomeados no documento da Villa de Maroxo tiñan nomes (hoxe desaparecidos) suevos.
A cantidade de antropónimos (topónimos de nomes propios) suevos que aínda hoxe sobreviven no concello de Arzúa testemuñan que as minas e o seu entorno en Dombodán (Gramil[48], Remesil[49], Gomesende[50], Dombodán[51], Brandariz[52]), Rendal (Castromil[53], Guldriz[54], Rendal[55]) e Viladavil  (Friosende[56]) puideron ter propietarios xermánicos. Nas parroquias de San Estevo do Campo e Dodro tamén temos exemplos de topónimo suevos como Ramil[57], Goimil[58], Samil[59], Rourís[60], Bosende[61]
Topónimos xermánicos (suevos, godos e vándados)
na península ibérica

O historiador italiano Paulo Diacono (720-800) anotaba que no seu tempo aínda chamaban a moitos lugares co nome de aqueles que os habitaban, aludindo concretamente aos suevos[62], coma podemos ver, eses nomes, en Arzúa, chegaron ata os nosos días.

Paulo Orosio xa no 417 escribía;
…despois disto, os bárbaros, de continuo aldraxados, converteron as súas espadas en arados, e os romanos que subsisten trátanos como aliados e amigos, de xeito que se atopan entre eles algúns que prefiren vivir no medio dos bárbaros en pobre liberdade, a manter a preocupación dos tributos entre romanos
Corrobora este texto o noso arado cuadrangular (a grade), en uso ata ben entrado o século XX, trátase do arado que introduciron os suevos, é o arado dos países xermánicos. Non se utilizou en  ningún outro lugar fóra deses países a non ser nas terras do reino suevo da Gallaecia.[63]
A grade galega foi introducida en Galicia polos suevos
Os suevos traerán tamén consigo os seus deuses; Wodan , equivalente ao Odín nórdico, deus da clase guerreira, e Donar, o Thor vikingo, deus dos campesiños armados.


A época medieval dos documentos de Maroxo. O Rei de Galicia, O Conde de Aveancos e os Señores de Maroxo


Asina e confirma o documento de Maroxo, entre outros, o futuro rei Vermudo III (Veremundus[64] serenissimus princeps[65]), que tiña daquela 8 anos e era neto do rei Vermudo II (Regnante Veremudus rex in Galezia[66], O Gotoso, 982-999) quen, coa axuda de nobreza galega, amotinárase contra o rei Ramiro III de León sendo proclamado rei en Santiago de Compostela no 982.
Vermudo fillo de Afonso e a súa sinatura no Tumbo A
da Catedral de Santiago de Compostela

O fillo de Vermudo II, Afonso V (Adefonsi Galicienssis regis[67], O Nobre, 999-1027), foi criado en Galicia polo conde, duque e rexente galegoMenendus Gundesalviç  (Menendo ou Mendo González), señor de Tui e Porto, fundador do Mosteiro de Guimeráns, parente de San Rosendo, emparentado cos reis de Galicia dende os tempos de Ordoño II, era ao mesmo tempo; Conde de Aveancos, segundo texto do ano 1007 recollido no Tumbo A da Catedral de Santiago e confirmado polo propio Rei Afonso V[68].

Vermudo III (O Mozo 1027-1037) era fillo de Afonso V, a súa nai era Elvira Mendo, filla do propio Dux de Galicia e Conde de Aveancos, Menendus Gundisaliu[69], titor do seu pai e o seu outro avó.
Afonso V. Tumbo A

Semenus Gundesalviç que tamén confirma o documento de Maroxo seguramente é un descendente do Conde de Aveancos. Vermudo III pasará os primeiros anos de reinado en Galicia, a maior parte en Santiago onde debeu asinar o documento de Maroxo. Vermudo III morre na batalla de Tamarón o 4 de setembro de 1037 loitando contra o conde de Castela, o futuro Fernando I, primeiro navarro rei de Galicia e León grazas ao seu casamento coa raíña Sancha irmá de Vermudo III.

Coma podemos ver eran anos convulsos, anos de enfrontamentos da nobreza galega coa castelá e leonesa polo poder económico e político. Anos onde o Condado de Castela loita contra o reino de Galicia pola coroa galega.

Son os anos do desenvolvemento da cadea feudo-vasalática,[70]das relacións de vasalaxe da nobreza entre si e coa realeza, os señores de Maroxo débenlle obediencia ao Conde de Aveancos e este ao rei. Segundo unha carta do ano 1007 recoñécese a Mendo González como o grande conde que posúe toda a terra de Galiza. O Condado de Aveancos, naqueles anos dirixido polos fillos do Conde Mendo González, Diego e Ramiro, formaba parte pois da cúspide do poder nobiliario en Galicia e tratábase coa realeza ao máis alto nivel. 
Crego, nobre e servo

Suarius Ruderiquic e Geloira (non confundir con Rudericus e Geluira[71] irmán e cuñada do Bispo Sisnando II de mediados do s. X) como señores e propietarios de terras e homes da villa (agora xa medieval) de Maroxo fan doazón aos monxes e monxas do mosteiro de Antealtares (daquela era un mosteiro dúplice[72]) de toda a villa -con terras e homes- coa intención de pasar os últimos días da súa existencia na compaña e coidados dos servos de Cristo (os mosteiros eran as residencias de maiores de elite  daquela época).

É moi significativo que coma cláusula do contrato de doazón insistan e incidan no seu desexo de doazón de tódolos bens da villa ao Mosteiro de Antealtares baixo pena de; excomunigatus et segregatus cum Iuda Christi traditorem aveant participationem in eterna damnatio [73] a todo aquel que intente crebar a vontade dos doantes. Esta fórmula é moi común nos documentos galegos de doazón da época,[74] debido á teima da nobreza familiar, laica ou eclesiástica por facerse cuns poderosos bens que, ademais, lle soen caer lonxe aos agraciados.
Igrexa de Santa. María de Maroxo

Por experiencia e como grandes propietarios, Suarius e Geloira xa se viran citados con anterioridade en preitos sobre propiedades de terras. Nun documento do ano 1001 do Mosteiro de Sobrado dos Monxes sobre un Concilia (asemblea xudicial) en Pezobre(Santiso) , tamén no Territorio Abeancos, Lucidus Quiriaci quere facerse co control dunha parte da Villa Bidualdi en contra dos intereses do Mosteiro de Sobrado, Lucio indica que posúe un legado que outorgaba unha licenza que tiña dos señores Rodericus e Geluira a través das súas propias escrituras,[75]feito, tamén, que nos dá unha idea do poder económico destes nobres na súa época.

Mais a cláusula do documento de Maroxo non foi moi efectiva. No ano 1089, sesenta e catro anos despois, un edito do Rei Afonso VI (chamado polo papa Urbano II; Regi Ildefonso Gallitia[76]) prohibe que se faga forza ao Mosteiro de Antealtares no seu couto de Maroxo[77], proba palpable de que ao mosteiro cústalle manter as súas propiedades de Maroxo. Este é un documento importante, xa non se considera a Maroxo coma unha villa medieval, coa súa autonomía, agora trátase como un couto, un conxunto de terras e aldeas que pertence ao territorio señorial do Mosteiro de Antealtares. 
Maroxo de Arriba

Poucos anos despois, no 1096, outro documento indica que un clérigo en Santa María de Maroxo, en Abeancos, recusa a un xuíz que coñecía o preito que viña mantendo con Antealtares polo beneficio de Maroxo e outros bens[78]. Se se nomea a Santa María de Maroxo e, se había beneficio eclesiástico, habería un oficio que impartir, ou sexa que podemos deducir que nese ano xa había unha igrexa en Maroxo, seguramente de estilo románico onde está a actual. Tamén deducimos que o clero secular tamén intentaba rapinar bens da herdanza de Maroxo.
Amencer dende o Castro da Roda, Maroxo de Arriba

 Máis tarde, no 1149, aparecerá nomeada, nun documento de doazón, coma lindeiro da granxa dos monxes de Sardecoiro, a hereditate de Marogio. No mesmo documento recóllese o nome do camiño de Maroxo dende Arzúa a Sardecoiro;  per illa via de Marogio[79].

O couto de Maroxo é unha herdanza en mans dos monxes de Antealtares, son as chamadas “mans mortas” tan difíciles de manter no mundo feudal, polo que no ano 1194, o rei Afonso VIII (Adefonsus Dei Gratia Rex Legione et Galecie[80] ) toma baixo a súa protección o Mosteiro de Antealtares para que ninguén cause dano aos seus bens, coutos e igrexas[81].


Ilustración Cantigas Afonso X

Noutro documento do Mosteiro de Antealtares do ano 1295 xa se cita a igrexa de Santa María de Maroxo, recollendo o nomeamento do clérigo Xoán Fernández para dita parroquia[82].
Aínda no 1309 o mosteiro de Antealtares loita xudicialmente polos seus ben de Maroxo; Sentenza ditada por un xuíz pola que se dispón a adxudicación ao Mosteiro de Antealtares do patronazgo e dezmos do terzo da igrexa de Santa María de Maroxo.  


As minas, as súas lendas e relatos de mouros


Cova de Remesil
 As lendas e a información sobre as minas que recollemos da veciñanza das Covas e Ventorrillo (Kovas de Geria?) en Ventorrillo (Viñós), Remesil (Dombodán) e na Cal, Fonte da Vila e San Migueliño de Maroxo falan ás claras da importancia que ata hai moi pouco tiñan as covas ou minas da zona:
Na Cova de Remesil, nos primeiros anos do s. XX, os veciños facían catas “afeccionadas” para intentar extraer o bronce e ouro que os seus antepasados dicían que contiñan.
Nos anos 40 do século vinte foi escenario dun triste suceso. Un veciño da zona que cometera un asasinato na parroquia refuxiouse na Cova de Remesil, a garda civil soubo que a nai do malfeitor leváballe comida á cova, polo que intentaron obrigalo a saír do xacemento, pero a escuridade, as pozas de auga e a amplitude da mina xogaban a favor do escapado. Logo de varios días sen novas del souberon que se pegara un tiro coa escopeta de caza[83].  
Cova do Ventorrillo

A mina de Covas e Ventorrillo -que no documento-inventario de Maroxo ten que tratarse das Kovas de Geria- tiña varias bocas de entrada. Por zonas ten galerías onde se pode poñer de pe unha persoa o que da idea da importancia da veta que debeu ter o xacemento. Na época da guerra civil, seica foi acubillo de fuxidos ou guerrilleiros do bando republicano[84].

En Maroxo a principios do século XX había un cura, Don José Vellón Torrón- que seica preparaba un bebedizo con po de ouro, recollido no Pozo Negro, na Cova do Tremedal ou na da Ponte das Taboas,[85] para curar todo tipo de enfermidades, sobre todo, as dores estomacais. Esta práctica non era nada desatinada para a época, no século XIX, tivo moita aceptación o po de estaño para curar afeccións estomacais, en concreto usábase para liquidar as lombrigas nos nenos, é moi posible que o cura José Vellón tivese coñecemento disto.
Río Carracedo cara o Iso á altura da Fonte Santa
Deste peculiar párroco tamén se di que usaba o po extraído das campás da igrexa para evitar que as mulleres que non querían quedaren embarazadas.[86]José Vellón Torrón, era un home de bo corazón e xenio de moito perigo que a súa bondade non era quen de ocultar. Chegou a poñer escola na súa casa para os rapaces da parroquia, aos que traía libros, lapis e cadernos sen cobrar nada a ninguén.
Amencer na Mámoa do San Migueliño
É sabido pola veciñanza que a mina do Pozo Negro -ao pe do río Iso, en Seixas de Abaixo, enfronte do Fabal de Viñós- estaba encantada polos mouros, logo de baixar polo pozo o que se interna profundamente na mina pode chegar a observar unha enorme grade de ouro, lamentablemente todos os que a sacaron fóra convertíaselle nun sinxelo madeiro.  Disque se es unha persoa con sorte, e te acercas á cova de noite, poderás escoitar como os mouros tocan unhas campaniñas moi melodiosas dentro do xacemento[87]. Esta mina non está catalogada no PXOUM do Concello de Arzúa pero curiosamente é a máis lendaria da parroquia de Maroxo. O seu acceso non é sinxelo e disque hai que baixar primeiro polo pozo (hoxe anegado de auga) e logo seguir pola galería da cova ata dar coa grade de ouro.
                                                                              
Tamén embaixo da Mámoa do San Migueliño seica hai unha cova que ten unha trabe de alcatrán e outra de ouro e se se xuntan prodúcese unha explosión enorme[88].
Cova Tremedal co acceso prohibido

 A Cova de Tremedal, como diciamos arriba tivo que estar operativa ata entrada a Idade Media, o asentamento medieval, seguramente un casal que se recolle no texto de inventario, así o certifica. 
María Vázquez, filla do último caseiro do Pazo da Torre, recorda que o seu avó levantábaos co abrente do día de San Xoán para ver bailar o Sol, dicíalles que a esas horas na Cova de Tremedal unha pita e os seus pitiños todos de ouro saían tamén á boca da mina para ver bailar o Sol. Na fermosa Lenda da Fonte de Casalete en Santa María de Arzúa fálase tamén dunha pita e os seus pitiños de ouro. 

Continúa.....

e sobre todo: Ata sempre e bo proveito
                      Autor: Celso Alberte Magariños Costas



[1] Pax. 68. Diccionario Etimolóxico da Língua Portuguesa, Tomo IV
[2] Nome propio co que se coñecía á persoa
[3] Pax. 422. La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media
[4] O nome de orixe suevo Ruderiquic que remata co sufixo riquic, ricus, de “RIKZ”, que significa rei. http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[5] Nome suevo moi común só nos documentos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes. De “GELL” fermosa. Derivou no nome de Elvira.  
[6] O territorio medieval de Aveancos (topónimo céltico ) é unha demarcación xeográfica de orixe prerromana. A parroquia de Santa María de Maroxo, a nivel eclesiástico, segue a pertencer á Terra de Abeancos e está englobada no Arciprestazgo de Abeancos da Diocese de Lugo. A nivel civil a parroquia pertence ao Concello de Arzúa, provincia da Coruña.
[7] Pax. 423. La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media. Traducido do latín polo autor.
[8] Pax. 176. El reino suevo
[9] Pax. 206. La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media
[11] Visitamos a mámoa con Ramón Bascoy, veciño do San Migueliño, el contounos que a lenda di que debaixo da mámoa hai unha cova que ten dúas trabes unha de ouro e outra de alcatrán e que se se xuntan prodúcese unha explosión e arden.
[12] Pax. 212-213. La ciudad de Santiago en la Alta Edad Media.
[13] O casal era a vivenda e pendellos (xeralmente de madeira)  máis unha pequena extensión de terra que tiña o servo para a súa subsistencia.
[14] Aínda que o tradicional en moitos autores é tratar coma xermánicos os nomes propios dos diferentes pobos que ocuparon a península ibérica, na Gallaecia estivo asentado o pobo xermánico dos suevos, por iso trataremos os seus nomes coma suevos, para máis información; Pax. 69 e ss. O comezo da nosa Idade Media.
[15] https://frornarea.blogspot.com/2009/05/territorio-pestomarcos.html
[17] De “GRIS” terrible + “WULF” lobo http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[18] De “ERMEN” Grande, magno, universal.
[19] De “SANTH”, auténtico, veraz http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[20] De “REK”- “RIK”, poderoso, rico
[21] De “WILIA” voluntarioso + “WULF” lobo http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[22] De “BAR” auga. Exemplos; Barbanza, Baroña, Baralla,.. e Bar e Trasbar en Branzá (Arzúa)
[23] De “RAGI + OI” Ragioy, Ragoy  Conselleiro.
[24] De” TRUHT” Retén, exército, Tructesindus http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[25] De “KIND”, Estirpe, progenie http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[26] Do tema *Camb e *Camp: "Curva" + “Bar” auga
[27] Trasuulfi: de Trasulfus (Thras + wulf) "Lobo Combativo" http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[28] De Sisualdus, con sufixo” WALD” Poderoso, gobernante, rei http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[29] De “BRAND”, espada es masculino.
[30] De “LEOBE” amada + “GUT” deus http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2133
[31] De “LAT”, lameira http://toponimiafoz.blogspot.com/ 
[33] De *Bad-yo-bris 'Castro Dourado' (PIE *badyos 'amarelo, pardo', Oxford: 334) ou de *Bāg-yo-bris'Castro das faias' (PIE *bhehaĝós 'faia', Oxford: 112), ou de *Bāg-yo-bris 'Castro da Loita' (PIE *bhegh-, IEW: 115 e Falileyev s.v. bagos-). Cf. Irlandês antigo bāg 'combate', buide 'dourado'. https://frornarea.blogspot.com/2011/12/brigs-e-briga-ii.html
[34] Información recollida de Urbana Agra do Pazo de Agra.
[35] Pax. 85. A vida cotiá na Galicia castrexa.
[39] Pax. 60. El reino suevo.
[40] Pax. 16. la villa por dentro
[41] Coñecida pola veciñanza como a Casa de Baltasar ou Pazo de Agra.
[42] Pax. 174 Do Imperio Romano á Alta Idade Media
[43] Pax. 173 e ss. Do Imperio Romano á Alta Idade Media
[44] Pax. 157. O comezo da nosa Idade Media
[45] Pax. 105. El reino suevo
[46] Pax. 72. O comezo da nosa Idade Media
[47] Pax. 156. El reino suevo.
[48] De Granamirus (Gran + mir). De “Gran” contra, cara a, outra vez + “Mir” fama, renome. https://frornarea.blogspot.com/2008/11/proto-germnico-wira-contra-cara-outra.html
[49] De Remisilli (Remis + ildi). De “Remis” paz, tranquilidad + “Hildjō” loita, combate.  https://frornarea.blogspot.com/2008/11/proto-germnico-wira-contra-cara-outra.html
[50] De Gomesendus (Gum + swinth). De “Gum”home, varón + “Swinth”
[52] De Brandericus (Brand + ric). De “Brand” espada + “Ric” rei.
[53] De Vistremirus (Wistr + mir). De “Wistr” occidental + “Mir” fama, renome.  
[54] De Guldericus (Wulth + ric) "Rey Glorioso" 
[55] De Randarius (Rand + hari). De “Rand” escudo + “Harji”exército.
[56] De Fredosendus (Fred + swinth) "Fortaleza de la Paz"
[57] De Ranemirus (Rand + mir). De “Rand” escudo + “Mir” fama, renome. 
[58] De Gaudemirus (Gaud + mir).
[59] De Salamirus (Sal + mir). De “Salaz” casa, aposendo + “Mir” fama, renome.   https://frornarea.blogspot.com/2011/10/sa.html
[60] De Rodoricus (Rod + ric). De “Hroth” fama, renome + “Ric” rei.  
[61] De Badosindus (Bada + swinth): "Forza na Batalla" 
[62] Pax. 158. El reino suevo.
[63] Pax. 95. O comezo da nosa Idade Media.
[64] De Werimunduz, Protector dos homes. De “weraz”, home + “munduz”, protección. https://frornarea.blogspot.com/2009/07/antroponimia-sueva-iii-de-v.html
[65] Pax. 423. La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media.
[66] Pax. 239. O Reino Medieval de Galicia.
[67] Pax. 234. O Reino medieval de Galicia.
[68] Pax. 143 e 144. Tumbo A Catedral de Santiago.
[69] Pax. 143 e 144. Tumbo A Catedral de Santiago.
[70] Pax. 321. O Reino medieval de Galicia.
[72] Pax. 36. Tomo 19. España Sagrada.
[73] “sexa apartado e excomungado e reciba o castigo da eterna condenación con Xudas traidor de Cristo
[75] Pax. 167. Tumbo Sobrado.
[76] Pax.230. O Reino Medieval de Galicia
[77] Pax. 532. Tomo I. Archivo San Martiño de Fora o Pinario
[78] Pax. 660. Tomo I. Archivo San Martiño de Fora o Pinario.
[79] Pax. 185. Tumbo Sobrado.
[80] Pax. 225. O Reino Medieval de Galicia.
[81] Pax. 538. Tomo I. Archivo San Martiño de Fora o Pinario
[82] Pax. 543. Tomo I. Archivo San Martiño de Fora o Pinario
[83] Información recollida de David Mato do Ventorrillo.
[84] Información recollida de David Mato do Ventorrillo.
[85] Información recollida na Casa de Jose Conde, Muiñeiro da Fonte Santa en Viñós.
[86] Información recollida na Casa do Xordo, A Cal, Maroxo.
[87] Información recollida na Casa de José Conde, Muiñeiro da Fonte Santa en Viñós, corroborada por David Mato do Ventorrillo.
[88] Información recollida na Casa de Bascoy no San Migueliño.
[89] Tamén coñecida como Casa Grande de Cimadevila, Pazo de Agra ou Casa de Gumersindo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario