xoves, 6 de agosto de 2009

O Camiño Primitivo de Santiago e a VIA XIX romana nas comarcas do Ulla


En base ao estudio sobre a conquista romana nas comarcas do Ulla abordado neste blog, cremos posible, establecer unha serie de afirmacións sobre o tan debatido trazado da VIA XIX DE ASTORGA A BRAGA (a máis antiga de Galicia) na provincia da Coruña. Diversas teorías trazan múltiples itinerarios e localizan as diferentes mansións romanas da VIA XIX en distintos lugares da xeografía coruñesa. Varios autores teorizan sobre este tema das que extraemos as seguintes;
Algúns historiadores como X.M.Caamaño, quixeron ver a mansión romana de Asseconia na actual parroquia de Oíns (Arzúa), Arias Bonet sitúa no Viso, Dombodán (Arzúa) a misteriosa Asseconia, hoxe en día, tamén identificada con A Sionlla, Sigüeiro, Aixón ou Santiago de Compostela, a seguinte mansión romana cara Lucus Augusti (Lugo) era Brevis (Ponte Furelos ou Melide).

O investigador Sáez Taboada, localiza Asseconia en Aixón, Sergude (Boqueixón) e dende aí traza a Vía XIX por Prevediños, Touro, Muíña, Oca de Abaixo, Fondevila, Vilar, San Miguel, Igrexa (Vilantime), Boente e logo cara Brevis (Melide).

Nós seguimos sendo da opinión de que a VIA XIX discorrería dende Lugo ata Castrofeito no Pino, case, polo mesmo itinerario que hoxe ten o Camiño Primitivo de Santiago.

Será sobre os anos 19-16 a.C. cando os romanos consoliden o seu poder militar na nosa comarca e comecen a construír a VIA XIX, normalmente, aproveitando os antigos camiños entre castros, para transportar as tropas e comezar a explotación dos minerais, a pacificación da Gallaecia e a reclutación de  indíxenas para as tropas romanas. Dende Asturica ata o confín da terra coñecida había que construír unha vía de penetración na zona dos galaicos. A VIA XIX DE ASTORGA A BRAGA (a máis antiga de Galicia) cruzaba o concello de Arzúa de este a oeste.

En Ponte Puñide, Gonzar, O Pino, J.Sánchez-Palencia, sitúa un xacemento primario de ouro.

Unha ara votiva coa inscripción; Valerio Quadrado dedicou este altar ós lares viais apareceu arredor de 1974, xunto con restos cerámicos romanos, nun labradío chamado A Agra, no lugar de Porto(Castrofeito, O Pino).

Tranoy na súa obra La Galice Romaine,1981, localiza un procuratores metallorum, libertos imperiais (moitos de procedencia militar) encargados directamente do control da explotación mineira, instalado en Castrofeito (O Pino).
Non cabe dúbida de que a zona tivo que ter unha importancia relevante para o Imperio Romano, o ouro do Pino e o estaño de Arzúa e o Deza, amén da apertura dunha vía de penetración no interior do país dos gallaeci, deberon ser a causa principal da construcción da VIA XIX na comarca de Arzúa.

Outro indicativo do paso da VIA XIX pola comarca de Arzúa son os topónimos romanos relacionados coas vías romanas: Calzada (Arzúa), A Rúa (O Pino),... Mais un topónimo que chamou poderosamente a nosa atención foi A Peroxa (Perogia nos textos antigos).
As vías romanas eran as autovías antigas, tiñan que ter as súas infrastructuras viarias perfectamente estructuradas, xa que, nos primeiros intres da conquista o Imperio Romano vai ter un control case empresarial sobre estas redes de comunicación, as parochias serán os centros de aprovisionamento, onde se ubicaba o parochus, anfitrión, provedor dos maxistrados durante unha viaxe.

No substantivo Parochia: o "a" é breve, por iso tende á síncopa e é fácil que se reconstrúa o "e" en.. Peroxa. Se nos acercamos á Peroxa da parroquia de Burres, Arzúa, xunto a Cortobe e falamos cos veciños e veciñas escoitaremos pronunciar algo así coma a proxa. Máis curioso, de once Peroxas localizadas no país, todas co artigo "A" diante;

1- A Peroxa (Ourense), pasaba a Vía Aquas Flavias-Lucus.
2- A Peroxa Vella (A Peroxa-Ourense), pasaba a Vía Aquas Flavias-Lucus.
3- A Peroxa (Lamas- Moraña), vestixios romanos.
4- A Peroxa (Carracedo-Caldas de Reis- Pontevedra), pasaba a Vía XIX.
5- A Peroxa (Boente- Arzúa) antes de Boente preto da capela de Rocamador de devoción francesa. Pasaba a Vía XIX?.
6- A Peroxa (Burres-Arzúa). Pasaba a Vía XIX?.
7- A Peroxa (Taboi-Outeiro de Rei) pasaba a Vía XIX?.
8- A Peroxa (Portas- Pontevedra). Na vía XIX.
9- A Peroxa (Moreda- Monforte de Lemos). Na vía Dactonium, secundaria romana que comunicaba a conca do Sil con a conca do Ulla, conectando coa Vía XIX?. Zona de importantes vestixios romanos. Ponte romana sobre o Cabe.
10- A Peroxa (Mera de Arriba- Ortigueira- A Coruña). Zona con vestixios romanos.
11- A Peroxa (Os Ánxeles- Boimorto). No camiño secundario romano que uniría Arzúa co Campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes)?
12- A Peroxa (Lamela, Silleda). Na vía romana prolongación cara Santiago da Vía da Prata que unía Emerita (Mérida) con Bracara (Braga), hoxe Camiño Mozárabe a Santiago.

Destas once Peroxas, cinco están no posible traxecto da Vía XIX BRAGA-ASTORGA. Na comarca de Arzúa tres, dúas na Vía XIX e outra no camiño do Campamento de Cidadela, das seis restantes, tres están en vías secundarias romanas e as outras tres en zonas de probada romanización.
Os topónimos dos ríos Pella e Ysso, son referencias claras ao primeiro momento da conquista romana( ver: A conquista romana neste blog), . Nárdiz fálanos da peculariedade da ponte romana do Camiño en Ribadiso (Arzúa), desta ponte temos referencias documentais do ano 572; Decimus vero Nalare dictus finitur apud pontem de Isso. E. Sagrada. LXXXVI, ap. V.
Outro dato a ter en conta é o descubrimento do miliario de San Romao de Retorta (parroquia de Guntín), adicado a Calígula do 40 d. C (curiosamente encontrase no Museo de Astorga, no seu lugar atópase unha réplica), e a Ponte romana de Cabalar que libra o río Ferreira un pouco máis adiante, certifican a coincidencia do Camiño Primitivo e a VIA XIX ao seu paso polo Concello de Guntín. A ponte romana de Ferreira de Negral (Palas de Rei) volve a cruzar o río Ferreira e lévanos seguindo o Camiño por Vilouriz (Toques), e logo Melide cara Arzúa.
Hai que ter en conta, tamén, os postos de vixilancia ou armadas que as lexións instalarían nos camiños cercanos á VIA XIX.
Hoxe en día, varios autores non dubidan da autoría de Agripa na elaboración dos famosos censos dos populus da Gallaecia, o equipo de Agripa estaba composto de 240 expertos, en xeografía, arquitectura, enxeñería, etc.., serán eles quen transmitan os nomes dos nosos ríos máis importantes; Miño, Sil, Ulla, etc...e sería a Legio IV Macedónica ou a Legio X Gemina a que abriría o camiño da romanización na nosa comarca co trazado da VIA XIX.

Autor: Celso Alberte Magariños Costas. anosahistoria1@gmail.com

2 comentarios:

  1. Da gusto encontrarse con blogs como este de Gonzo por muchas razones, principalmente por la de compartir conocimientos que muchos le agradecemos.

    Me gustó tu enfoque sobre la vía romana 19; te diré que son varias las teorías que por ahí adelante circulan, unas diferentes a otras y a veces coincidentes en algún que otro tramo; de esto deducimos que, como mínimo, algunas se encuentran erradas, lógicamente. Lo que une, y esto es lo importante, son las ganas de hacer.

    Te podría decir, a mi entender, que la mansión establecida en la hoy ciudad de Pontevedra se corresponde con la Ad Duos Pontes de la vía 20 y no de ninguna otra de la 19, pero no es aquí el lugar, por espacio principalmente, de "discutirlo", lo entenderás.

    Lo que sí te digo y con total seguridad es que lo diga quien lo diga y aunque quien lo diga sea un "grande", IRIA FLAVIA no fue nunca mansión de ningún itinerario de las conocidas vías romanas antoninianas. Es simplemente conjetura de algunos que "no les salen las cuentas". En ninguno de los veinte manuscritos conocidos del Itinerario de Antonino, esto es lo cierto, se menciona a esa Iria Flavia. Sí hay una mansión con tal nombre: Iria, pero eso ya es en Italia. Todos nos equivocamos y es totalmente entendible, pero lo que no logro entender es que se inventen mansiones de nombre parecido simplemente por no lograr entender la traza viaria de la vía en cuestión que se estudie. Y es una pena.

    Te recomiendo la revista "El Nuevo Miliario" y allí verás que se habla un poco de estas vías gallegas.

    Un saludo, Gonzo, y gracias por todo lo que nos comentas, sinceramente.

    Raúl Villanueva.

    ResponderEliminar
  2. Raúl, graciñas polas túas palabras, en verdade sentan ben. Sobre o tema de Iria Flavia, na obra de Juan l. García Alonso; La Península ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo, editada pola Universidade do País Vasco no 2003, na pax. 201, recóllese o topónimo de Iria Flavia coincidente coa nosa Iria, tamén é verdade que García Alonso apunta que Muller Padrón, Tovar e Bouza Brey apinan que o topónimo transcrito como Tria e Pria deben ser correxidos coma Iria, segundo recolle Carlos Nárdiz na súa obra El territorio y los caminos en Galicia, pax. 93, segundo Saavedra, Iria era a seguinte mansión logo de Asseconia. Máis, tamén é certo que, non tiven acceso aos itinerarios de Antonino e estou dacordo en que moitas veces unha falsedade proclamada por un erudito éche moi difícil de trocar, aí temos o erro de afirmar que Araduca é a orixe etimolóxica de Arzúa que aínda segue saíndo na web oficial do concello de Arzúa e en diferentes guías turísticas, pese a que Díaz y Díaz publicou o seu estudo etimolóxico no 1998.
    Máis nada, unha aperta

    ResponderEliminar