sábado, 23 de marzo de 2019

Maroxo, da villae romana ao Pazo da Torre. A historia dunha parroquia galega. Segunda Parte



Aldeíña de Maroxo
de lonxe parece vila
Ten un caravel na entrada
e unha rosa na saída

Poema popular recollido da voz de Urbana Agra Pardo da Casa de Baltasar

Cabaleiros, Igrexa e os Ulloa




Diego García de Ulloa, irmán de Sancho Sánchez
de Ulloa. Sepulcro de Vilar de Donas (Palas de Rei)
Foto de A Ulloa en fotos
A partir do século XIV agroman os cabaleiros no Reino de Galicia, especialmente na Terra de Santiago. Son eses nobres bravos e guerreiros, de helmo e armadura, vestidos de pes a cabeza de relumbrantes armas.[1] A súa vontade é lei. As guerras de rapina entre a nobreza son o caldo de tódolos días. Quen ten máis terras e vasalos ten o poder. As torres de defensa e control do territorio inzaban o país galego. Aínda hoxe en día temos centos delas en pe testemuñando eses toleiráns tempos medievais. A maioría en lamentable estado de conservación.

 Pouco a pouco a nobreza faise coas posesións eclesiásticas implantando a encomenda. A presión dos cabaleiros sobre o clero da os seus froitos, dende 1330 ata o século XV a Igrexa de Santiago e os mosteiros de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares comezan unha política de aforamentos a favor dos cabaleiros que prevalecen en cada zona.[2] Son as encomendas forzosas que ata facían abades dos mosteiros a membros das familias nobiliarias.

É nese proceso de expansión da grande nobreza galega cando a poderosa Casa dos Ulloa, liñaxe nobiliaria galega moi antiga emparentada cos Condes de Traba -con casa matriz en Vilamaior (Comarca da Ulloa)-  faise co Condado de Abeancos e por conseguinte co dominio do Couto de Maroxo
Escudo dos Ulloa no Hospital de Leboreiro
Foto de Abeancos.gal
Neste tempos os Ulloa chegaran a ter a cesión do Castelo de Grobas (Melide) que pertencía ao Arcebispado compostelán.

Os mosteiros ven minguados os seus ingresos, pero a peor parte lévaa o campesiñado, o pequeno clero, artesáns e mercadores, os coñecidos irmandiños que son esmagados para pagar máis tributos e, mesmamente, atracados e asasinados polos cabaleiros, esa clase dominante con sede irrefreable de máis poder e riqueza.



A Batalla do Porto de Bois. Os Seixas e os Irmandiños


Mais no 1371, a Casa de Ulloa liderada por Gonzalo Ozores de Ulloa (quen ordenou construír arredor do 1375 o Castelo de Pambre) perderá as súas posesións do Condado de Abeancos a consecuencia da Batalla de Porto de Bois (Palas de Rei),  última contenda en territorio galego da guerra de sucesión entre os medio-irmáns Enrique II e Pedro I, o derrotado.
Porto de Bois

Con Pedro I aliárase a alta nobreza galega (os Castro, os Ulloa, ..), a coroa de Portugal -o rei Fernando I chegou coas súas tropas ata a Coruña-, Inglaterra  e os concellos das vilas máis importantes; Tui, Baiona, Lugo, Compostela, A Coruña…

 Con Enrique II de Trastamara -antigo condado da casa galega dos Traba- estaba o arcebispado de Santiago e alto clero galego, a nobreza media galega (Andrade, Moscoso, Osorio, Seixas…), a práctica totalidade dos nobres castelás e Francia.

Pedro I morrera a mans do seu medio irmán Enrique II de Trastamara na batalla de Montiel no 1369. Nese ano Fernando I de Portugal entrara coas súas tropas dende Tui ata A Coruña recibindo o apoio dos concellos galegos, mais a rápida reacción das tropas castelás dende Zamora e o apoio das forzas francesas fan recuar ata Porto (Portugal) a Fernando I.
Armaduras séculos XV-XVI. Palacio Real (Madrid)


Pese a firmar a paz Fernando I e Enrique II no 1371, na primavera dese ano os concellos da Coruña (con tropas portuguesas aínda acantonadas na cidade), Tui, Lugo e, sobre todo, Compostela, comezan a revolta contra a coroa de Castela.

As tropas da causa galego-portuguesa dirixidas por Fernando Ruíz de Castro (da Casa dos Castro e III Conde de Lemos) emprenderán batalla en Porto de Bois, na comarca da Ulloa, nun tramo intermedio do Camiño de Santiago entre Palas de Rei e Melide, un territorio disputado polas dúas casas nobiliarias máis fortes e antigas da Galicia interior; Os Ulloa no bando galego-portugués e os Seixas no bando castelá. Fernando de Castro acabará derrotado[3]e a Casa da Ulloa perderá terras e encomendas a favor da Casa das Seixas. Co triunfo a nobreza media galega e o Arcebispado de Santiago aseguran terras e poder no territorio de Abeancos.
Castelo de San Paio de Narla (Friol) da Casa das Seixas

Os territorios do norte do Ulla caeran en mans de Don Vasco Gómez das Seixas señor da Casa e Castro das Seixas e Casa e Fortaleza de San Paio de Narla.
 É nese ano cando podemos asegurar que a Casa dos Seixas arrebata o Couto de Maroxo á Casa de Ulloa.

Mais no ano 1401, pouco antes de facer testamento, Gonzalo Ozores de Ulloa xa tiña recuperado parte do territorio usurpado polo Seixas[4].


No ano 1440, o fillo de Gonzalo Ozores de Ulloa, Lope Sánchez de Ulloa (pai de Sancho Sánchez de Ulloa) arrebátalle aos Seixas varias terras en Abeancos entre elas os coutos de Rendal e Vilantime,[5]non obstante, o couto de Maroxo non se cita en ningún documento da época, enténdese que segue en mans da Casa das Seixas, polo que supoñemos que dende este momento a Casa das Seixas débelle vasalaxe aos Ulloa. Como veremos máis adiante o couto de Rendal tamén seguirá en mans da Casa das Seixas.
Irmandiños na Exposición Alba de Gloria de Castelao

Esta situación de guerra perpetua e rapina continuada afecta tremendamente a vida da nacente burguesía e o campesiñado e desemboca na Gran Revolución Irmandiñade 1467-1469.   No Territorio de Abeancos, o Castelo de Melide – pertencente ao Arcebispado de Santiago- será o primeiro en caer en mans dos irmandiños, logo seguiríanlle a totalidade das torres señoriais agás o Castelo de Pambre dos Ulloa.
En este encomedio levantouse toda a terra coa Santa Irmandade, en tanto que nunca deixaron fortolleza en todo o reino de Galiza. Et esto foy por la maa vivenda dos caballeiros que non fazian senon furtar et roubar[6].
Hospital Sancti Spiritus (hoxe Museo Terra de Melide)
Reedificado por Sancho de Ulloa coas pedras do Castelo de Melide.
Escudo dos Ulloa á esquerda, escudo dos Castro dereita
Foto de Abeancos.gal

Mais, logo da derrota dos Irmandiños na comarca da Ulla, xurde unha especie de coalición de intereses comúns nas casas nobiliarias galegas do interior que provoca a represión dos dirixentes da Revolución Irmandiña a cargo dos señores da Ulloa, Seixas, Bolaño… Pero esta represión sería co tino que marcara o Conde de Lemos; cando Pedro Pardo de Cela aconsellara a este encher os carballos de vasalos o Conde respondéralle que non ía vivir dos carballos.
 A Casa dos Ulloa dirixida por Sancho Sánchez de Ulloa[7] e apoiado polo agora seu vasalo Vasco das Seixas con dez homes a cabalo e o servizo de dez escudeiros[8], faise con case a totalidade das propiedades do Territorio de Abeancos.



O Conde de Altamira

Arcebispo Alonso de Fonseca II
Pero eran tempos moi convulsos e Sancho Sánchez de Ulloa (Conde de Monterrei), partidario dos Reis Católicos e aliado do Arcebispo Alonso de Fonseca II, preitearán e guerrearán en 1470 contra Lope Sánchez de Moscoso (sobriño de Sancho Sánchez de Ulloa e primeiro Conde de Altamira en 1475) polas terras do Arcebispado, as de Ulloa e Abeancos arrebatándollas este; ao seu tío Sánchez de Ulloa saldando así o vello preito familiar, recóbralle as terras de Aveancos [9].

Mais a nobreza é a nobreza, o Arcebispado, os Ulloa e os Altamira co arbitrio dos Reis Católicos chegan a un reparto dos bens onde o Arcebispado leva a mellor tallada seguido do Conde de Altamira. Os Ulloa, coma o resto da gran nobreza galega, tomarán o rumbo de Granada da man dos Reis Católicos, apouséntanse na corte do reino de Castela e pouco a pouco perden a súa importancia e influencia sobre das comarcas galegas.

No 1554 a parroquia de Santa María de Maroxo xa aparece como adscrita ao señorío do Condado de Altamira[10]na Xurisdición de Boente.
Mapa das Xurisdicións da Terra de Arzúa no Antigo Réxime
Gráfico cedido por Manuel Lamazares. Casa da Eirexe

A Casa das Seixas pasará a renderlle vasalaxe ao Conde de Altamira e seguirá mantendo as súas propiedades en Maroxo.

Torres do Conde de Altamira (Brión)
Comeza un camiño que, a modiño, leva á nobreza ao abandono das armaduras, agora esta clase dirixente centrarase en espremer o traballo dos seus vasalos e os veciños de Maroxo veranse na obriga de preitear coa nobreza para defender os seus dereitos adquiridos durante moitos anos de loita antiseñorial.
De 1588, temos documentación rescatada da Real Audiencia de Galicia dun preito dos veciños de Maroxo contra os merinos de Boente e Abeancos (nomeados polo Conde de Altamira e con ampla xurisdición no territorio) polas estivadas dos montes comunais[11].
Os veciñ@s de Maroxo -coma os veciños de Pela e Montelongo (Vilantime) hai máis de douscentos anos   - defenden a propiedade comunal dos seus montes.


A fundación das Casas de Maroxo e Bascuas



Aínda que dende o ano 1371 o Couto de Maroxo era de propiedade da liñaxe dos Seixas, a Casa de Maroxo e a Casa de Bascuas (Rendal) foron fundadas oficialmente nos primeiros anos  do século XVI por Vasco das Seixas e Soutomaior señor da Casa e Castro das Seixas e Casa e Fortaleza de San Paio de Narla[12]  e a súa muller Teresa Catalina González Bolaño e Ribadeneira, señora dos Coutos de Damil e Femil.
Fortaleza de San Paio de Narla da Casa das Seixas (Friol)
No 1526, o primeiro ocupante dos bens sería o seu fillo Luís das Seixas e a muller deste, Leonor Gómez de Ventosa, que aportaba propiedades na Castañeda, casas na vila de Melide, bens e foros en San Pedro de Vilantime, propiedades e foros en San Xoán de Visantoña, o lugar de Vilar de Ferreiros, terras, lugares e casais en Santo Cristovo de Pezobre, lugar e casal en Liñares (Santiso), casal e lugar de Reboredo (Niñodaguia, Santiso), o lugar e casal de Marín na freguesía de Santiago de Xubial[13], …
Castelo de Pambre da Casa dos Ulloa á que lle rendía
vasalaxe a Casa das Seixas


Antes de continuar temos que advertir que ata o ano 1870, coa implantación do Rexistro Civil, no Reino de Galicia a nobreza poñía aos seus fillos os apelidos que lles parecían máis bonitos ou respectables e que eran costume no seu liñaxe, por iso dous irmáns non adoitaban ter os mesmos apelidos.  Esta é unha das razóns pola que investigar as xenealoxías de certas casas nobiliarias sexa tan enredado.

Sobre o 1551 herdou os títulos Pedro Bolaño das Seixas  (fillo de Luis das Seixas), señor das Casas de Bascuas, Montouto e Maroxo (segundo documento-copia das partillas da herdanza de Luís das Seixas, eran da súa propiedade;  todas las casas y heredades que se dizen de Marojo[14]), posesor do lugar e casal de Brandeso, das terras de Rendal, casas na vila de Melide, de Santa Comba de Doroño…, que casou con María Álvarez de Quiroga da Casa de Quindimil (Palas de Rei) do liñaxe dos Varela[15] que repartirían a Casa de Bascuas para o seu fillo Fernando das Seixas e Bolaño que casou con Francisca Pimentel e Sotomaior[16] e a Casa de Maroxo para o seu outro fillo Pedro Bolaño Ribadeneira que arredor do 1621 casaría con Dominga López de Saavedra.[17] E non para Jorge das Seixas Bolaño como recollen erroneamente a Enciclopedia Galicia[18] e Martínez Barbeito[19].
Dependencia Castelo de San Paio de Narla da Casa das Seixas

Aquí sepáranse as casas de Bascuas e Maroxo. Mais a Casa de Bascuas seguirá posuíndo moitas terras e casas en Maroxo como nos ilustra o documento de dote da filla de Fernando das Seixas[20] e son testemuña os veciños que recordan, aínda nos anos 70-80 do século XX, coma Santiago Seixas Ladrón de Guevara da Casa de Trigás (Rendal) -casa que provén da matriz Casa de Bascuas- vendera unha importante cantidade de propiedades que lle tocaran en herdanza na parroquia de Maroxo.

A verdadeira historia da Casa de Maroxo


Podemos considerar a Pedro Bolaño Ribadeneira, fillo de Pedro Bolaño das Seixas e neto de Luis das Seixas, como o primeiro señor da Casa de Maroxo.
Pedro Bolaño Ribadeneira, edificaría o Pazo da Torre de Maroxo sobre o ano 1630 falecendo no 1661.
O seu fillo e herdeiro Fernando Varela das Seixas casa con María Bermúdez Figueroa establecendo a súa residencia na cidade da Coruña.

Documento-copia da creación do
Vínculo da Casa de Maroxo
Polo que se deduce do documento de creación do Vínculo[21] da Casa de Maroxo, este sucesor, escudeiro real, debeu desentenderse das súas herdades da Casa de Maroxo durante os seus anos na Coruña. Así que no 1668, ante a perda de propiedades da Casa de Maroxo (…bienes que han dejado cavalleros ricos y poderosos..[22]), Fernando Varela das Seixas, escribán da súa maxestade, primeiro receptor da Real Audiencia do Reino de Galicia, veciño da Coruña[23] e a súa esposa  María Bermúdez Figueroa, quen parece proceder dos descendentes de María Pita crean o primeiro vínculo[24] da Casa de Maroxo que posuía a Casa da Torre de Cima de Vila co Agro da Penela, Agro de Carril Vello, Prado do Medio…, tiñan tamén unha casa no lugar do Allal, outra no Escalleiro, outra que foi de Pedro González da Cal na esquina da fonte….

 O fillo de Fernando Varela das Seixas, Francisco Antonio de Bolaño Ribadeneira, recibíu o vínculo de Maroxo, pero era presbítero (cura párroco das igrexas de Santa Maria Salomé e San Fiz de Solovio da cidade de Compostela) e non tivo descendencia polo que herdou no ano 1718 o vínculo Josefa Theresa Bolaño Seixas e Ribadeneira, a súa irmá, que casou con Andrés Montero del Villar procurador de número da Real Audiencia da Coruña, veciño da Coruña.[25] Estes cederon as propiedades aos colonos Andrés Villar, Francisco Bolaño – que tiña en cesión a Casa da Torre- e Andrés do Souto para a xestión dos bens de Maroxo[26].
Arquivo do Reino de Galicia, entidade que acolle o
Fondo documental do Pazo de Bieite e da Casa de Maroxo

Maroxo de Arriba
En 1718 Andrés Montero e Josefa Bolaño agregan ao vínculo da Casa de Maroxo a mellora de casas en Fondo de Vila (Fondevila) e no Penedo ambas en Maroxo de Abaixo, a granxa de Fontenla (Burres) e rendas de terras en Burres, Bustelo (Brandeso), Piñor (Meire, Melide) e Ferreiros. Estes señores de Maroxo tiveron dous fillos relixiosos, Francisco e Fernando Montero que non tiveron descendencia[27].

Ao non ter sucesores  Josefa Threresa Bolaño, herdou o vínculo de Maroxo no 1755 Feliciana Concheiro Bolaño, nada en 1727 en Visantoña, descendente da filla de Pedro Bolaño Ribadeneira, que casara con José Barreiro Rodríguez de Andrade, dono das casas de Ferreiros e Dúas Casas, sendo herdeiro o seu fillo Andrés Barreiro Bolaño.

Maroxo de Abaixo
Foto cedida por Conchi Fernández Segade
Andrés Barreiro Bolaño de Bieite, nado en 1750 na Casa da Torre de Ferreiros, fillo de Feliciana Concheiro e José Barreiro, veciño e residente no Pazo da Torre de Maroxo, tiña cinco anos cando os seus pais mudáronse a Maroxo, herda os bens da Casa de Maroxo[28]no 1775 e  desposa (por poderes) en 1782 a Juana Moscoso e Verea (1758-1797) do Pazo de Bieite (Boimorto).
Agrega bens nas Mariñas, o Pazo de Sendelle e o Pazo de Biete (Boimorto) pola parte da súa muller e  a Casa da Torre de Ferreiros (O Pino) e a Casa de Dúas Casas (hoxe chamada A Rúa) no Pino por parte do seu pai.

Masusao, Maroxo
Andrés Barreiro exerceu diversos cargos de carácter público, entre eles foi xuíz da xurisdición de Boente, ao casar estableceu a súa residencia no Pazo de Biete[29], pasando os bens do Pazo da Torre de Maroxo (que tiña 14 chaves) a ser xestionados por caseiros, comezando o declive da Casa de Maroxo e da saga dos Barreiro que foran donos de extensas propiedades nas terras de Arzúa, Boimorto, Santiso e O Pino, chegando a ser propietarios dos  terreos do Campo da Feira de Arzúa e Centro de Saúde de Arzúa. Andrés Barreiro finou antes do 1816.

O Pazo da Torre ou Casa da Torre de Cimadevila


A partir do século XIV daquela vila medieval de Marogio herdeira da vila romana de Maro  pouco queda -exceptuando a ordenación do fértil territorio e os seus casais agora chamados lugares-.
Casa da Torre ou Pazo da Torre de Maroxo

Horreo da Casa da Torre de Maroxo
Moitas foron as casas-torre espalladas pola Galicia interior. Estas casas fortes consolidáronse ó longo do S.XV. Eran vivendas acomodadas que contaban con torres de pedra destinadas a diversas funcións. Moitas veces funcionaban como centrosadministrativos ou xudiciais, ou ben controlaban as vías de comunicación, este sería o caso da Torre de Maroxo, que reformada cun sobrio estilo barroco a principios do século XVII, seguiría realizando a súa función de centro de poder e granxa predominante no entorno que, ademais, controlaría o antigo camiño que levaba a Sardecoiro (Courium nos comezos da Idade Media).


Algunhas delas foron destruídas durante as revoltas irmandiñas[30], feito que non se pode desbotar para Maroxo, sabemos que dende a doazón da vila medieval ao Mosteiro de Antealtares os reis de Galicia tiveron que avogar varias veces pola súa integridade territorial (ver entrada anterior). No ámbito da revolución irmandiña é moi posible que os campesiños de Maroxo sentíranse moito máis lexitimados sobre as terras que traballaban que as sagas nobiliarias de Ulloa e Seixas que serían vistas coma foráneas e usurpadoras polos campesiños.
Fonte da Vila a carón do Pazo da Torre de Maroxo

O mesmo nome da Casa da Torre de Cimadevila indícanos a súa orixe sobre terreos da antiga vila. Construída polos Ulloa ou polos Seixas, chegados os tempos procedeuse a construír o pazo sobre os seus cimentos, mantendo a estrutura da torre na ala este, onde é posible que orixinalmente estivese o brasón da estirpe familiar.

A partir do século XVII o Pazo da Torre de Maroxo será xestionado por colonos –logo chamados caseiros- e imporase o sistema das medias, metade do produto para o amo, metade para o caseiro.

Os últimos caseiros; Visitación Vilar Casal, o seu marido Manuel Vázquez Sánchez e familia abandonaron o Pazo da Torre nos anos 80 de século XX por orde dos descendentes de Álvarez Mir Barreiro.
Os caseiros pagaban as medias e o dezmo aos Barreiro na Casa Bieite de Boimorto. Nos últimos decenios os descendentes dos Álvarez Mir Barreiro, últimos sucesores dos Barreiro, non aparecían por Maroxo para nada.
Porta principal da Casa da Torre

Enfronte do Pazo da Torre estaba a Capela de San Xosé. Posiblemente dunha época anterior ao  Pazo. A principios do XX foi derrubada para construír a escola de Maroxo que é o edificio abandonado que se conserva hoxe en día. Durante a demolición da Capela de San Xosé leváronse sepulturas para o Pazo da Torre que foron vendidas a un marchante de arte sobre os anos 70[31].

A Casa de Baltasar e os escudos de armas


Os escudos de armas son o distintivo da importancia nobiliaria dunha saga familiar. A partir do século XVII, seguindo a moda francesa e coa expansión da fidalguía nas comarcas galegas, fanse imprescindibles en todo pazo ou casa grande que se prece.
Casa Grande de Cimadevila ou Casa de Baltasar

En Maroxo de Abaixo, a carón do Pazo da Torre, atópase a Casa Grande de Cimadevila ou Casa de Baltasar (máis antiga ca o pazo), ten un brasón cos cinco escudos de armas das familias nobiliarias que fundaron a Casa de Maroxo. É unha mostra en pedra da historia de Maroxo que acabamos de indagar e das liñaxes nobiliarias que camparon nela a partir do século XIV.
Blasón da Casa de Maroxo na fachada principal da
Casa Grande de Cimadevila

Hai que resaltar que as cinco liñaxes reveladas no brasón  son orixinarias do Reino de Galicia e pertencen á nobreza galega máis antiga e poderosa. Son liñaxes que teñen a súa orixe sobre os séculos XI-XIII. O brasón do século XVII presenta de esquerda a dereita e de arriba abaixo;
1. A bola e o año dos Bolaño. 2. As cinco pombas dos Seixas. 3. O xaquelado de tres e cinco ordes dos Ulloa. 4. As cinco varas postas en barra acompañadas de dúas flores de lis arriba e roda de Santa Catalina e flor de lis abaixo, rodeadas da cadea dos  Varela da Casa de Quindimil. 5. A cruz flordelisada cargada de cinco vieiras dos Ribadeneira que fai de divisoria para o resto dos escudos.

A Casa de Baltasar debe o seu nome a Balthasar Varela[32], propietario do inmoble entre os anos 1720-1755.  É moi posible que fose un descendente da saga das Seixas, Martínez Barbeito no seu caótico traballo sobre a Casa de Maroxo[33], cita a Isabel Jaspe Labora e o seu esposo Sebastián Varela Flores coma herdeiros da Casa da Torre de Maroxo, dato errado que poida que nos poña sobre a pista duns herdeiros dos Seixas que, neste caso, é probable que recibisen nas partillas a Casa de Baltasar  aló polo século XVII.
Porta principal da Casa de Baltasar

Segundo veciños de Maroxo, hai moitos anos o escudo foi recollido unha noite do seu lugar orixinal, o Pazo da Torre, e colocado na Casa de Baltasar , se isto foi así, tivo que ser antes  de que a familia Agra -actual propietaria- se mudara dende a Casa de Socorro na Xunqueira de Maroxo de Abaixo á Casa de Baltasar por doazón dun parente de segundo grado a principios do XIX[34]. Segundo esta versión está claro que os anteriores propietarios da Casa de Baltasar sentiríanse herdeiros da saga nobiliaria da Casa de Maroxo, ou polo menos con máis dereito dinástico que a familia Barreiro propietaria do Pazo da Torre. Mais Julia Agra da Casa de Baltasar desvelounos que o escudo está no mesmo sitio desde a construción da casa, posiblemente no século XVI ou XVII.
Escudo dos Varela (ao revés) no Pazo do Outeiro, Boente
 Visitación Villar Casal, muller de Manuel Vázquez Sánchez, último caseiro do Pazo da Torre, di que no Pazo da Torre houbo unha torre e que levaron os seus escudos para o Pazo de Bieite en Boimorto.

O que si sabemos a ciencia certa, é que o escudo que se atopa na porta de entrada do Pazo de Bieite é o brasón da Casa da Torre de Ferreiros e que o da Casa de Baltasar é o brasón da antiga Casa de Maroxo.
Os últimos propietarios desta casa son a familia Agra Pardo emparentados coas Casas de Outeiro de Boente (dos Varela), Fonxe e Ferreiros.

Os escudos de armas dos Barreiro

Torre de Ferreiros e Pazo de Bieite


Brasón do Pazo de Biete, orixinal da Torre de Ferreiros
A Casa da Torre de Ferreiros, atópase no lugar da Torre, parroquia de Ferreiros (O Pino), reformada no ano 1779 polo señor de Maroxo, Andrés Barreiro Bolaño de Bieite, hoxe en día está en total abandono, sitúase nas inmediacións do camiño francés de Compostela. Moi probablemente, como no caso da Torre de Maroxo, neste lugar houbo antigamente unha torre medieval.
Brasón de finais do século XVIII que se atopa hoxe en día no Pazo de Bieite (lugar de Bieite, Boimorto) que foi fundado no século XVI polos Boado. Alcanzou o seu esplendor cos Barreiro no século XIX. Esquerda dereita, arriba abaixo;
 1. Peregrino e can dos Romero. 2. Árbore e año dos Piñeiro (posiblemente). 3. Tres varas en barra dos Varela. 4. Cinco pombas dos Seixas. 5. A cruz flordelisada cargada de cinco vieiras dos Ribadeneira fai de divisoria para o resto dos escudos.

Dúas Casas


Brasón Casa das Dúas Casas
O lugar de Dúas Casas (actualmente A Rúa, O Pino) foi unha parada habitual de mercadores, arrieiros e peregrinos na Idade Media, recollido no V Libro do Codice Calixtino polo monxe francés do século XII Aymeri Picaud, era unha aldea ben provista de tabernas como se deduce dunha denuncia interposta en Ourense contra uns homes que foran en tomar aos mercadores e taverneiros d´Arçua e das Duas Casas viinte e hun roçis d´albardas con seus aparellos[35]. Ese florecente negocio foi sen dúbida o xerme do desenrolo da Casa de Dúas Casas. A partir de mediados do século XIX Dúas Casas trocou o seu nome polo de A Rúa[36]. Atópase a un quilómetro do Pedrouzo (O Pino).

Brasón do século XVIII-XIX. Esquerda dereita, arriba abaixo;
1. Cinco flores de lis dos Varela ou Deza. 2. Aguia dos Aguiar. 3. Tres pombas dos Seixas. 4. Tres troitas dos Gaioso. 5. Escudo central dos Varela ou Barreiro. 6. A cruz flordelisada dos Ribadeneira fai de divisoria para o resto dos escudos.

Fidalguía, os Borbóns, caciquismo e o primeiro catastro de Maroxo


Logo da Revolución Irmandiña a nobreza galega entendera que tiña que ceder aos labregos propiedades e dereitos comunais para evitar próximas revoltas. Os señores de Maroxo aforan as terras para traballalas pero a cambio do pago anual do vasalaxe que veremos máis adiante, a maioría dos casais e montes comunais converteranse en bens dos campesiños. 

Pazo de Bieite

As propiedades da antiga vila medieval de Maroxo que aínda se reflexa na copia da partilla de Luis Seixas do 1526; todas las casas y heredades que se dizen de Marojo[37]foron volvendo ás mans  dos seus lexítimos propietarios; os labregos de Maroxo.
Casa de Dúas Casas

A partir do século XVII comeza o lento proceso de toma de control das terras por parte da pequena nobreza galega e pouco a pouco deixan as armaduras polas plumas, abandonan o seu espírito eminentemente guerreiro para facerse cos cargos máis importantes da administración pública ( Fernando Varela das Seixas, Andrés Montero Villar e Andrés Barreiro Bolaño de Bieite, señores da Casa de Maroxo, serán un bo exemplo) para controlar os fíos de poder da Galicia rural.

Batalla de Rande
Dende logo, tamén accederan a postos de relevancia no exército; temos a nova de que en 1702,  Luis Vazquez Varela, natural de Santa María de Maroxo (seguramente da saga da Casa de Baltasar), foi alistado entre os nobres, para acudir á defensa de Vigo na sonada Batalla de Rande (a frota anglo-holandesa contra a franco-española).[38]

Asalto final das tropas borbónicas sobre Barcelona
Este episodio dáse dentro da Guerra Civil española de 1701 – 1714 entre a Coroa Aragonesa e o Principado de Catalunya que apoiadas por Inglaterra e Holanda avogaban polo Archiduque austriaco Carlos coma sucesor do reino español contra as Coroas de Castela e Navarra con Francia coma aliada que apoiaban a Felipe V, o primeiro Borbón español. Este farase coa coroa logo de encarnizadas batallas. Establécese a implantación do estado absolutista borbón importado de Francia sobre todos os reinos de España e imporá unha forte represión en Cataluña, retirará os foros aos diferentes reinos de España excepto a Euskadi e Navarra, centralizará o estado no Consejo de Castilla e aplicará unha importante suba de impostos.

Familia Felipe V en 1723
Aquela suba de impostos tivo repercusión en toda a península e en 1722, Andrés Montero, señor da Casa de Maroxo, como procurador da Audiencia da Coruña, presenta preito contra o Alcalde Maior dos estados de Altamira e Silvestre do Mato (Alcalde maior e xuíz escribán de Boente) en representación dos veciños de Maroxo en contra da abusiva subida de impostos e o intento de gravar de novo as estivadas do monte comunal (ver Conde de Altamira nesta entrada). Andrés Montero exerce de cacique bo e ao mesmo tempo defende os seus intereses económicos. Cantos máis impostos aos seus colonos e aforados menos recursos para el.
Casa da Torre de Ferreiros. Fachada sur onde estaba o brasón dos Barreiro
Sobre o 1840, temos outro cabaleiro dedicado ás armas, Fernando Barreiro, Tenente Coronel do Reximento Provincial de Mondoñedo, que foi señor dos Pazos de Maroxo, Sada, Vieite, Torre de Ferreiros e Dúas Casas.[39]
Marqués de la Ensenada

O 28 de marzo de 1753 (cando o primeiro dos Barreiro residía no Pazo da Torre) cáense por Beigondo os escribáns do Marqués da Ensenada  coa intención de recoller variada información económica sobre as parroquias de Beigondo, Maroxo e o Coto de Ribadiso pertencentes á Xurisdición de Boente para o primeiro Catastro do reino. Entre outros están presentes Alberto Vermúdez, cura de Maroxo e Andrés Tojo, o seu mayordomo pedaneo (alcalde pedáneo). 

Neste importantísimo documento recóllese que estas parroquias pertencen ao Señorío do Conde de Altamira, que os veciños de Maroxo pagan ao Conde de Altamira en razón de vasalaxe; cada veciño que fai lume catro marabedís cada ano e as viúvas dous marabedís cada unha. Pagan tamén por ano a lutuosa; por cada veciño que morre seis reais e vinte catro marabedís. Tamén pagan o vasalaxe e a lutuosa por número de veciños e viúvas; o vasalaxe cada trienio importa dezaoito maravedies, a lutuosa a regulan cada quinquenio por vinte e catro maravedies e un vellón cada ano [40]. A estas cantidades había que engadir os pagos en especies que cada labrego sen terras en propiedade tiña que aboar aos señores de Maroxo polo aforamento das terras.
Millo miúdo ou paínzo

A Casa da Torre de Maroxo foi construída nos anos que o millo traído de América está espallándose pola comarca. En 1634 xa se pagaba con millo moitas das rendas ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes. A pataca, en cambio non foi introducida ata finais do século XVIII.

Segundo o catastro do Marqués da Ensenada – que non fala de trigo nin de pataca- as terras de Maroxo eran de primeira calidade, de secaño e regadío, daban dúas colleitas ao ano, abundaban os soutos de castiñeiros e as devesas de carballos, aproveitábase o que a natureza ofrecía no monte, abundaban, tamén, as pereiras, as maceiras, algunhas cerdeiras e viño para o regalo dos seus donos. Sementaban centeo, nabos, millo, fabas, cabaza, xudías, liño e aínda se cultivaba o millo miúdo ou paínzo que se alternaba ao ano seguinte co cultivo de centeo.
Hai que apuntar que neste documento o topónimo vén recollido coa grafía galega Maroxo e coa españolizada Marojo dalgúns documentos notariais da época. Nun documento de compra-venda de 1644 tamén se cita coma Maroxo[41].

A fidalguía galega a partir do 1763 consegue que os foros sexan permanentes, acadando así a complicidade do campesiñado galego. Mais a produción non se reinviste en progreso nin xera riqueza. Son os anos do Absolutismo do Antigo Réxime español que afundirá no atraso social e económico o campo galego.
Comeza a longa era do caciquismo que espreme o traballo do labrego co afán de pasar o señor unha vida regalada sen ningún atranco.

Carlismo e ata hoxe

Entre os anos 1834-1839 o carlismo (movemento político promovido por Carlos, tío de Isabel II de Borbón)  asolou as terras da Ulla, (ver Carlismo nas terras do Ulla neste blog), as atrocidades das partidas de faciosos eran temidas por todas as parroquias da comarca de Arzúa, Urbana Agra da Casa de Baltasar recorda os relatos desas aberracións en boca da súa avoa, contaba que no Escalleiro, en Maroxo de Abaixo, había unha casa onde se acubillaban as partidas carlistas. Os carlistas, logo chamados tradicionalistas ou requetés que en masa sumáronse ao golpe de estado do Xeneral Franco,tiveron certa influencia na comarca de Arzúa.
Caricatura século XIX

Ánxel Casal, fillo de Manuel Casal natural  do
Volteiro, Vilantime, lugar veciño de Pela onde foi detido
Máis recente están na triste memoria colectiva a inhabilitación por dous anos do mestre de Maroxo, José Sánchez López e os asasinatos cometidos no 1936 -logo do golpe de estado do Xeneral Franco- pola banda de franquistas e falanxistas de Arzúa de dous irmáns da veciña parroquia de Beigondo, Fernando e Manuel Mouriño Rial   a plena luz do día e diante da súa familia. Ou a detención en Pela (Vilantime) do editor da revista Nós e Alcalde de Santiago de Compostela, Anxel Casal  logo paseado en Cacheiras (Teo). Ou a detención e posterior asasinato de Juan Manuel Vidalindustrial, colaborador na construción de escolas de varias parroquias arzuás e Alcalde de Arzúa en temposda República.[42]
Todos eles asasinados polas súas inquietudes sociais e ideas políticas.

A construción do Encoro de Portodemouros entre os anos 1964-1967 foi a última convulsión social que organizou aos veciños de Maroxo na defensa das súas terras e
Obra homenaxe a Juan Vidal 
camiños. Sete pontes sobre o río Ulla quedaran asulagadas. A morte en 1972 de 5 mozos que volvían en barca dunha romaría atizou as protestas, que levaron a veciñas e veciños a encerrarse na central eléctrica. Coas protestas conseguiron certas melloras comunais e individuais, a barcaza que une as terras de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso) no 1975 foi unha delas.


Logo dos anos escuros da ditadura, a liberdade recobrou a luz.
Hoxe en día Maroxo, grazas ao tesón dos seus veciños e veciñas, é unha fermosa parroquia modelo en produción de leite ecolóxica e os seus derivados. 
Só falta que a pita e os seus pitiños de ouro poidan saír algún día da maltratada Cova de Tremedal.

Nomes de veciñas e veciños de Maroxo s. XV-XVIII

Seguidamente expoñemos os nomes das veciñas e veciños que atopamos ao longo do estudio de diferentes documentos dos anos 1526, 1588, 1644,1755 e 1775.
Blas do Porto, Manuel Panadeiro, Alberto Vermúdez (cura), Andrés Tojo (pedaneo),  Ana da Cal, Miguel López, Juan Vidal da Cal, Andrés Souto, Domingo Sánchez, Andrés Foxo, Francisco Bolaño (colono Pazo da Torre), Bernarda do Mato, Andrés Villar, Don Benito Varela, Luis Varela, Balthasar Varela (Casa Baltasar) y sus consortes, Andrés Carreygal, Juan de Andrade, Antonio de Andrade, Don Diego Bolaño (Souto da Cal), Domingo Concheiro, Lorenzo Sánchez, Domingo Álvarez (Souto da Cal), Bernando Marín, Andrés Fandiño, Juan Vázquez, Cathalina Gill, Pedro Asorey, Bartholomé Asorey, Thome de Villar, Andrés da Cal, Amaro Gago e Pedro González da Cal.

As copias por duplicado dos documentos da Casa de Maroxo de onde se extraeu a información para este traballo atópase aloxada na aplicación Drive da Nosa Historia 

Agradecementos:                                


* Á Casa do Xordo do Souto da Cal, Maroxo, xa que sen a súa inestimable axuda este traballo non podería botar andar.
* A Urbana e Julia Agra Pardo da Casa de Baltasar ou Pazo de Agra, Maroxo.
* A Visitación Vilar Casal muller de Manuel Vázquez Sánchez, o último caseiro da Casa da Torre de     Maroxo e María Vázquez Villar, a súa filla.
* A Ramón Bascoi do San Migueliño, Maroxo.
* A David Mato do Ventorrillo, Viñós.
* Á Casa de José Conde, muiñeiro da Fonte Santa, Viñós.
* A Denís Bermúdez Delgado, Arzúa.

E para rematar un verso popular recollido da voz de Urbana Agra da Casa de Baltasar:

O muíño de Batán bota a fariña por riba
O que boas mozas queira que suba por Maroxo arriba

O Muíño de Batán estaba na Ponte das Táboas.

Ata sempre e bo proveito

Autor: Celso Alberte Magariños Costas

Bibliografía

·         BUJÁN RODRÍGUEZ, M.M. Catálogo Archivístico del Monasterio de San Payo de Ante-Altares, Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1996.
·         LUCAS ÁLVAREZ, M. El archivo del Monasterio de San Martiño de Fora o Pinario de Santiago de Compostela. Tomo I. Ediciós do Castro, Sada, 1999.
·         LUCAS ÁLVAREZ, M. Tumbo A de la Catedral de Santiago, Edita Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, 1998.
·         FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Boletín Auriense, Ourense, 1988.
·         DURANY CASTRILLO, M. e RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, M. C. El obispado de Astorga en el primer tercio del siglo XI: de Jimeno a Sampiro. SEMATA, Ciencias sociales y humanidades, vol.15, pax. 187-222. USC. Santiago de Compostela, 2003.
·         LOSCERTALES DE G. DE VALDEAVELLANO, P. Los tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes. Tomos I e II. Ministerio de Educación y Ciencia, Madrid, 1976.
·         MARQUÉS DE LA ENSENADA. Catastro del Marqués de la Ensenada, Madrid 1753.  
·         LÓPEZ ALSINA, F. La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, Consorcio de Santiago – USC, Compostela, 2013.
·         VASCO DE APONTE. Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia, Consellería de Presidencia, Xunta de Galicia, Vigo, 1986.
·         CRESPO POZO, J.S. Blasones y Linajes de Galicia, Editorial de los Bibliófilos Gallegos, Santiago de Compostela, 1957.
·         VARIOS. Enciclopedia Galicia. Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria, Tomo LVI e LVII, Hércules de Ediciones, A Coruña.
·         VARIOS. Terra de Melide, Edicios do Castro, Sada, 1978.
·         MARTÍNEZ BARBEITO, C. Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña, Ediciones Everest, León, 1986.
·         RODRÍGUEZ PALMEIRO, I. A hombros de gigantes. La Casa de Bascuas y su relación con la vieja nobleza medieval de Galicia (siglos XV-XVI), Fundación Española de Historia Moderna, Madrid , 2016. http://digital.csic.es/bitstream/10261/133570/1/III%20Encuentro%20J.Investigadores_Valladolid_2015_pp.55-64_Rodr%C3%ADguez_Palmeiro.pdf
·         PRESEDO GARAZO, P. A fidalguía galega, Edicións Lóstrego, Obre (Noia), 2008.
·         SAAVEDRA FERNÁNDEZ, P. Das casas de morada ó monte comunal, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
·         PÉREZ COSTANTI, P. Linajes Galicianos 1596, Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1998.
·         HERMIDA RODRÍGUEZ, A. Escorzo mellinense de la Casa de Altamira, Boletín do Museo Terra de Melide nº 2, Melide 1983.
·         HERMIDA RODRÍGUEZ, A. Los Ulloa y Mellid. Siglo XV, Boletín do Museo Terra de Melide nº 1, Melide 1982.
·         LÓPEZ FERREIRO, A. O Castelo de Pambre, Editorial Xuntanza, Laracha, 1990.
·         VÁZQUEZ VARELA, J. M. e GARCÍA QUINTELA, M. V. A vida cotiá na Galicia castrexa, USC, Santiago de Compostela, 1998.
·         RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, A. Las fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños, Fundación Barrie de la Maza e Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos, Santiago de Compostela, 1984.
·         ARIAS VILAS, FELIPE. A romanización de Galicia. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1992.
·         BERNÁNDEZ VILAR, X. O comezo da nosa Idade Media, Editorial Toxosoutos, Noia, 2003.
·         PENA GRAÑA, A. Cátedra 21. Revista eumesa de estudios, pax. 91-156. Pontedeume, 2014. http://catedra.pontedeume.es/21/catedra2104.pdf
·         RODRÍGUEZ RESINO, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media, Editorial Toxosoutos, Noia, 2005.
·         DÍAZ MARTÍNEZ, P.C. El reino suevo (411-585), Editorial Akal, Madrid, 2011.
·         LÓPEZ TEIXEIRA, X. A. A formación do Reino de Galiza (710-910), Editorial Toxosoutos, Obre (Noia), 2010.
·         LÓPEZ CARREIRA, A. O reino medieval de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2005.
·         LÓPEZ CARREIRA, A. Irmandiños. Textos, documentos e bibliografía. A Nosa Terra, Vigo, 1991.
·         PALLARES MÉNDEZ, M.C. e PORTELA SILVA, E. De la villa del siglo IX a la aldea del siglo XIII. Espacio agrario y feudalización en Galicia. Revista Asturiensia medievalia nº8, pax. 47-69. Oviedo, 1996. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=134092
·         PALLARES MÉNDEZ, M.C. e PORTELA SILVA, E. La villa por dentro. Testimonios galaicos de los siglos X y XI. Revista Studia Histórica. Historia Medieval Vol. 16, Universidad de Salamanca, Salamanca, 1998. http://revistas.usal.es/index.php/Studia_H_Historia_Medieval/article/view/4452
·         VILLARES PAZ, R. La propiedad de la tierra en Galicia (1500-1936), Siglo XXI Editores, Madrid, 1998.
·         BALIÑAS PÉREZ, C. Gallegos del año mil, Fundación Barrie de la Maza, A Coruña, 1998.
·         MACHADO, J.P. Dicionário Etimológico da Língua Portuguesa, Livros Horizonte, Lisboa, 1977.
·         DIETER KREMER. Onomástica galega II, Anuario galego de Filoloxía, USC, Santiago de Compostela, 2009.
·         BOULLÓN AGRELO, A. I. Antroponímia Medieval Galega SS. VIII-XII, Editorial Mouton de Gruyter, Berlín, 2017.
·         ENRIQUE FLOREZ, Tomo 19, España Sagrada, Madrid, 17702-1773.
·         VARIOS, Tomo XIII, Diccionario de las ciencias médicas, por una sociedad de los más célebres profesores de Europa, traducido al castellano por varios facultativos de esta corte, Imprenta de Mateo Repullés, Madrid, 1823.
·         CASTIÑEIRAS, M.A. Os traballos e os días na Galicia Medieval, USC, Compostela, 1995.
·         LANERO TÁBOAS, D. Os remendos da memoria. A represión franquista no concello de Arzúa (1936-1950), Concello de Arzúa, Santiago de Compostela, 2006.
·         LANERO TÁBOAS, D. Unha ollada á represión franquista en Galicia: Motivacións e extracción social dos represores. O caso de Arzúa. https://minerva.usc.es/xmlui/bitstream/handle/10347/4547/pg_221-240_semata19.pdf;jsessionid=0755998550513592EC233066FFFE5201?sequence=1
·         CONCELLO DE ARZÚA. Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM, 2006.
·         FONDO DOCUMENTAL PAZO DE BIEITE. Arquivo do Reino de Galicia, A Coruña. 2011. As copias dos Documentos da Casa de Maroxo están aloxados en:
https://drive.google.com/open?id=15xnVDH5aidwBx_je91RPGTVN7HW5Kjjt   
·         INFORMACIÓN SOBRE TOPÓNIMOS SUEVOS:
·         http://frornarea.blogspot.com/ 
·         INFORMACIÓN SOBRE A NOBREZA DO CONDADO DE AVEANCOS: http://museodaterrademelide.blogspot.com/p/boletins.html
               http://arquivosdegalicia.xunta.gal/portal/arquivo-do-reino-de-galicia/index.html



[1] Pax. 35. O Castelo de Pambre
[2] Pax. 25. Recuento ….
[3] Pax. 410. O Reino Medieval de Galicia.
[4] Pax. 2. Los Ulloa y Mellid, Boletín do Museo Terras de Melide nº1, 1982.
[5] Los Ulloa y Mellid, Boletín do Museo Terras de Melide nº1, 1982.
[6] Pax. 77. Os Irmandiños. Textos, documentos, bibliografía.
[7] Primeiro Conde de Monterrei no ano 1515 https://gl.wikipedia.org/wiki/Condado_de_Monterrei
[9] Pax. 4 e ss. Escorzo Mellinense de la Casa de Altamira
[10] Pax. 6. Escorzo Mellinense de la Casa de Altamira. Boletín do Museo de Melide nº 2, 1983.
[11] Casa Bieite, Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 26360-9
[12] Pax. 376. Enciclopedia Galicia. Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria, Tomo LVII
[13] Copia das partillas de Luís Seixas. Casa Bieite, Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 24-12 - 2
[14] Copia das partillas de Luís Seixas. Casa Bieite, Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 24-12 – 2.
[15] Pax. 62. A hombros de gigantes. La Casa de Bascuas y su relación con la vieja nobleza medieval de Galicia (siglos XV-XVI).
[16] Documento de dote de Isabel das Seixas. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 45.50-1.
[17] Creación do Vínculo da Casa de Maroxo. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 5-5 – 1.
[18] Pax. 487.Tomo XVII, Galicia. Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria.
[19] Pax. 603-604 Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña
[20] Documento de dote de Isabel das Seixas. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 45.50-1.
[21]  Vínculo: Figura xurídica que institúe o morgado en Galicia. Non permite aos herdeiros por orde de descendencia vender, traspasar ou hipotecar as propiedades do morgado creado.
[22] Creación do Vínculo da Casa de Maroxo. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 5-5 - 1
[23] Creación do Vínculo da Casa de Maroxo. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 5-5 - 1
 23 Segundo documento do ano 1755 sobre o vínculo da Casa de Maroxo. Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 5-5 – 1.
[25] Copia de documento 1718 de agregación de propiedades á Casa de Maroxo. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 45-48-1.
[26] Segundo documento do ano 1755 sobre o vínculo da Casa de Maroxo. Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 5-5 – 1.
[27] Copia de documento 1718 de agregación de propiedades á Casa de Maroxo. Casa Bieite. Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 45-48-1.
[28] Copia das partillas de Luís Seixas, Casa Bieite, Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 24-12 - 2
[29] Copia das partillas de Luís Seixas, Casa Bieite, Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 24-12 - 2
[31] Información aportada por María Vázquez filla do último caseiro do Pazo da Torre
[32] Segundo documento do ano 1755 sobre o vínculo da Casa de Maroxo. Arquivo do Reino de Galicia, Caixa 5-5 – 1.
[33] Pax. 602 e ss. Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña.
[34] Segundo información de Julia Agra.
[35] Pax. 124. Los caminos medievales de Galicia
[36] … en el nominado de la Rúa o Villa de Dúas Casas... Extraído de documento do 1840. Dep.10 Caixa 1-34. Casa de Bieite, Arquivo do Reino de Galicia.
[37] Copia das partillas de Luís Seixas. Casa Bieite, Arquivo do Reino de Galicia, código de referencia: Caixa 24-12 - 2
[38] Pax. 130. Linajes Galicianos.
[39] Caixa 1-34. Casa de Bieite, Arquivo do Reino de Galicia.       
[40] Catastro del Marqués de la Ensenada http://pares.mcu.es/Catastro/ 
[41] Documento de rectificación de compra-venda de Ana da Cal ao primeiro señor de Maroxo, Pedro de Bolaño, de varios bens en Maroxo. Casa Vieite, Arquivo do Reino de Galicia. Caixa 23-14-1
[42] Pax. 230-232 Unha nova ollada á represión franquista en Galicia https://minerva.usc.es/xmlui/bitstream/handle/10347/4547/pg_221-240_semata19.pdf;jsessionid=0755998550513592EC233066FFFE5201?sequence=1

Ningún comentario:

Publicar un comentario