martes, 1 de setembro de 2009

Vilantime, a villa dun grego-romano


Museo Villae de Cambre

Vilantime, procede do latin; Villa Antimii, e significaría a Vila de Antemio.
Antimii: de Antimius, nome emparentado con Antimenes, famoso foi Antimii de Tral (Antemio de Tralles) arquitecto de Santa Sofía V-VI d.C.. Antemii é nome grego de sabor tardoromano. Dous emperadores romanos, tío y sobrino, do s. V d.C., levaron este nome.
O nome desta parroquia de Arzúa indícanos a existencia, en época romana, dunha villa (mansión rural ligadas xeralmente a explotacións agrarias e propiedade dos señores máis poderosos), pertencente a un membro da clase dirixente romana de ascendencia grega. Debemos, pois, remontarnos aos séculos III-V da nosa era, e situarnos ante unha zona nun proceso de romanización rural relativamente alto. As 14 minas romanas do entorno deberon producir dende o século II unha florecente indústria mineira; na minería do estaño, a existencia de pozos permitía individualizar os aproveitamentos do filón, e isto favorecía que a actividade mineira adoptase a forma dunha multitude de pequenas explotacións en cada filón.

A relativa rendabilidade desta forma de explotación mediante pozos e a posibilidade de exercitala con poucos medios debeu abrir o exercicio da minería a bastante población.[1]

Nun primeiro momento, no período de conquista, serían os lexionarios os encargados da minería; Os grupos militares ofrecían cadros de enxeñeiros e administradores ben instruídos.

Unha das misións principais realizadas polo exército romano na Península Ibérica era o trazado e mantemento de vías, tamén, por suposto, era relevante o control de áreas mineiras, o soldado, ademais, de seu papel bélico, participa en numerosos proxectos de enxeñaría, militares e civís; explotación de minas e canteiras, construcción de acuedutos ou pontes, etc... O exército proporciona unha man de obra especializada, abundante e económica[2].

Casa turismo rural Sardecoiro
A industria mineira e a presencia de soldados fan imprescindible a fabricación de coiro, neste aspecto o establecemento dunha factoria de curtidos en Courium (Sardecoiro) cubriría esta necesidade; A partir do imperio romano o consumo de coiro aumentou moito e creáronse grandes obradoiros para elaborar productos de coiro para as lexións, os corarii (curtidores) preparaban a materia prima para que os pelliones (artesáns da pel) elaboraran complementos da indumentaria, calzado, bolsas, selas de montar, aparellos de tiro ou carga de animais (arreos, rendas...) e outros productos para o exército que era o seu principal cliente 3. Co tempo, Courium pasaría a depender do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, sendo unha das súas granxas máis nomeadas nos documentos medievais do mosteiro.

En relación co topónimo Courium, é curiosa a semellanza doutro Couríu (Belmonte de Miranda, Asturias) nun val montañoso, onde destacarou a explotación de ouro polos romanos.

En base aos datos que temos, hoxe en día, non podemos asegurar quen foi este grego-romano chamado Antemii, máis, este nome nos indica que a ocupación romana na nosa zona era de ascendencia grega - romana, sabemos que os soldados asentados nas áreas de conflito trababan contacto directo e permanente coas comunidades e logo, unha vez licenciados, os veteranos, comunmente, permanecían nas rexións que serviran.

Aventurámonos a pensar que Antemii foi un greco-romano relacionado directamente ou familiarmente co exercito ou a administración imperial romana.

Este terrateniente exercería o seu control sobre a zona na compaña doutros grandes propietarios das comarcas veciñas, que a través da súa toponímia podemos nomear; Melide, sen ningún tipo de dúbidas, procede do antropónimo latino Mellitus (villa(m)/terra(m)/fundu(m) Melliti)[4], Villa Marogio (Maroxo). A arqueoloxía amosounos a Villa Romana do Agro de Nogueira en Piñeiro (Toques).

Igrexa Vilantime
Antemii, posiblemente, tería pozos mineiros da zona en propiedade e, ademais, é moi posible que a villa se dedícase á produción do liño (tecido moi considerado na época e de gran importancia na comarca ata ben pouco), trigo, e gandería bovina e cabalar entre outras tarefas agrícolas.

Do lugar onde estaría a villa e a súa tipoloxía constructiva, tampouco podemos afirmar nada:

Respecto a súa localización, as villae ocupan chairas e ladeiras suaves para contemplar as terras de cultivo circundantes, e tendo en conta que, logo coa cristianización, as igrexas vanse construír, moitas veces, sobre ou a carón de templos ou construcións pagáns é posible que a villae se atopara no lugar de Igrexa, onde se atopa a igrexa parroquial.

En relación coa tipoloxía constructiva da villae, sabemos que a maioría delas estaban feitas de madeira e de fábrica a partes iguais, cubertas de palla e tella, podemos facernos unha idea da nosa Villa Antemii se recabamos información sobre a villa escavada no veciño Agro de Nogueira, en Toques, que parece ser de tipo nórdico ou céltico, con planta rectangular alongada, normalmente dotada dun corredor na fachada maior que funciona como elemento tanto de distribución interna dos espazos como de apertura á paixase exterior (no caso frecuente de que este sexa porticado mediante columnas).

Con estes antecedentes históricos, non é de estrañar o carácter emprendedor e dinámico das xentes de Vilantime.



Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com


Bibliografía

- J.F.M. NOËL: Diccionario de Mitología Universal. Barcelona, Edicomunicación, S.A. 1987.
- ALBAIGÉS OLIVAST. J.Mª. Diccionario de nombres de personas. Barcelona, Edicións Universidat, 1993.
- SUÁREZ PIÑEIRO. A.Mª: A vida cotiá na Galicia romana. Verín-Santiago, Edicións Lóstrego, 2006.
- CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
- CONCELLO DE ARZÚA. : Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM, . 2006.
- SANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.
- ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992. •- HERMAN KINDER - WERNER HILGERMANN. : Atlas Histórico Mundial Tomo I. Madrid, Eds. Istmo, 1980.
- MATEO, A. Observaciones sobre el régimen jurídico de la minería en tierras públicas en época romana. Santiago de Compostela, U.S.C. 2001.
- GOLDSWORTHY, A. : El ejército romano, Ediciones Akal, S.A., Madrid,2005.
[1] Observaciones sobre el régimen jurídico de la minería en tierras públicas en época romana, MATEO, A, U.S.C. 2001.[2] A vida cotiá na Galicia romana. SUÁREZ PIÑEIRO. A.Mª: Verín-Santiago, Edicións Lóstrego, 2006[3] A vida cotiá na Galicia romana. SUÁREZ PIÑEIRO. A.Mª: Verín-Santiago, Edicións Lóstrego, 2006[4] Historia do Concello de Melide. http://www.melide.org/.

Ningún comentario:

Publicar un comentario