luns, 7 de setembro de 2009

Dombodán, un deus suevo en Arzúa e 2


Vén de...
O rural galego e o arzuán en particular, nos comezos do século V é un escenario totalmente romanizado, as villae de Marogio (Maroxo) e de Antemii (Vilantime), exercerían o seu poder terratenente sobre os cidadáns galaico-romanos da comarca.
Os topónimos xermanos de Remesil, Gramil e ¿Monte dos Corvos?[1] ,en lugares de minas romanas poden indicar que aínda había unha relativa actividade mineira á chegada dos suevos, a aparición dun asentamento medieval no entorno da mina romana A Cova do Tremedal en Maroxo parece confirmalo. Mais é evidente que os suevos, se nos basamos nos topónimos xermánicos, establecéronse en zonas estratéxicas de paso, os topónimos de Rendal, Guldrís , nas inmediacións do Camiño de Santiago e os lugares da parroquia de Dombodán no entorno do camiño de Ponte Xusto é unha proba disto.

As tribos suevas que se asentaron na comarca aparte de procurarse o seu sustento material, cumprirían coa súa función de control do territorio ocupado. Segundo Orosio, os suevos pronto cambian as súas espadas por arados, e parece ser que, ademais, foron ben recibidos polos galaico-romanos, sobre todo, no rural; ...e aos romanos que subsisten trátanos coma aliados e amigos...algúns prefiren vivir no medio dos bárbaros en pobre liberdade, a manter a preocupación dos tributos entre romanos.

De tódolos xeitos, o establecemento das tribus suevas nas comarcas rurais non debeu de ocasionar enfrentamentos cos terratenentes locais; ...as súas posibilidades de controlar a provincia pasaban por respectar a posición da antiga elite dominante, e se procurar a súa colaboración.[2]

Estas tribos guerreiras suevas conservarían as súas crenzas ancestrais. Pese a que algúns historiadores nos falan de que os reis suevos son cristiáns arrianos, os feitos nun primeiro momento da invasión indícannos o contrario; Idacio, menciona expresamente ao caudillo suevo Heremigario, afogado no Guadiana "pola man de Deus", tras saquear EMERITA AVGVSTA (Mérida) profanando a igrexa da mártir cristián Eulalia. O rei suevo Rechila o Rékila (438-448) morreu tamén xentil ("Rechila ... gentilis moritur"), é dicir, que era pagán ou politeísta, nin católico nin arriano.

Non hai que esquecer que as "conversións" dos pobos xermánicos protagonistas das grandes invasións eran un simple xesto formal e político, que só implicaba as elites.

No século VI, o Papa Gregorio Magno recomendaba: " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; transladalos ó día das festas dos santos mártires, coa fin de que , conservando algunhas groserias , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fe cristiá ."

San Martiño de Dumio, tamén no século VI, na súa obra De correctione rusticorum, dá as pautas a seguir para combatir os cultos pagáns que aínda campan pola Gallaecia (ver; Lendas, Fontes e Deuses en Arzúa neste blog). Entre os suevos invasores e os galaicorromanos invadidos producíranse cruces de crenzas, como demostra a inscrición atopada en Terras de Bouro ou o culto a Botan, deus suevo, honrado polos galaicorromanos. Era preciso reconducilos ás verdadeiras prácticas cristiás[3].

Voltando ao deus Bodán , os ritos a este deus poden subsistir camuflados na Lenda da Fervenza das Hortas(Dombodán); Unha muller que quedou preñada polo seu mozo nunha noite de muiñada, foi empurrada por este á fervenza, a moza encomendouse a Santa Marta e a póla dun carballo salvouna milagrosamente . Bodán é o xefe dos espiritus e dos colgados, Bodán estivo colgado dun carballo durante días sen comer nin beber, logo voltou á vida divina. Santa Marta é a irmá de San Lázaro que intercede por el para que Xesús o resucite. É a que media ante deus para que os mortos volten á vida.

De tódalas maneiras hai unha semellanza manifesta entre o panteón de deuses celtas e xermánicos e os seus ritos. As relacións entre a ciencia, sobre todo a ciencia relixiosa ou máxica, e as árbores, non teñen nada que poda estrañarnos. O mito fundamental da Árbore do Coñecemento impregna as tradicións de tódolos pobos antigos.

As Matres Suevas das que nos fala Xulio Cesar nas Xermanias, son as tres diosas (nai, filla, avoa), que segundo o lugar ou a cultura teñen nomes diferentes, Bernárdez apunta; case non hai diferencia entre a maneira de representar as célticas e as xermánicas. Algunhas proporcionan sabiduría, non sempre separable da maxia; son as matres coñecidas como Adiviñas da auga, outras son xenerosas, outras davidosas ( o dan todo), outras dan forza, poder, ou éxito. Tanto a Fonte Santa (Lema) coma a Fonte de Santa Irene (O Pino), teñen rasgos míticos nos seus ritos, mais isto é traballo doutro artigo .

Bodan era descendente dos xigantes primordiais, o rei de deuses, é o deus tuerto por propia vontade, que produce ou quita as cegueras. A advocación da Igrexa parroquial a San Cristovo (s. XVIII) pode indicarnos unha semellanza mitolóxica; San Cristovo foi un príncipe pagán de gran estatura que primeiro escolleu de amo ao demo, mais persuadido do poder da cruz cristianizouse, na súa morte devolveu a vista a Dagón.


Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com




Bibliografía:




MÉNDEZ FERRÍN, X.L. Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos, Edicións Xerais. Vigo, 2007.
BERNÁNDEZ VILAR, X. O Comezo da nosa Idade Media, Editorial Toxosoutos. Noia, 2003.
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
DUMÉZIL, G. Los dioses de los germanos, Siglo Veintiuno Editores, S.A. México, 1973.
GONZÁLEZ GARCÍA, F.J. (Coord.) Los pueblos de la Galicia Céltica, Ediciones Akal, S.A. Madrid, 2007.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
LAREDO VERDEJO, X.L. Guía de Arzúa, Concello de Arzúa. 1999.
CACHEDA VIGIDE, E.A. Arzúa en el camino de Santiago, Editorial Everest. León, 1987.
LÓPEZ PEREIRA, X.E. Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva, Universidade da Coruña, 1996.
LUCAS ÁLVAREZ, M. Tumbo A de la Catedral de Santiago, Edicios do Castro. Santiago,1998.
TORRES RODRÍGUEZ, C. El Reino de los Suevos, Fundación Barrie de la Maza. A Coruña, 1977.
RODRÍGUEZ IGLESIAS, F. Un reino para Galicia: os suevos, Hércules de Ediciones, S.L. A Coruña 2003.
BERNÁRDEZ SANCHIS, E. Los mitos germánicos, Alianza Editorial, S.A. Madrid, 2002.
1] Pax II, Catálogo de patrimonio arqueolóxico do Concello de Arzúa.[2] Pax. 84, O Comezo da nosa Idade Media[3] Pax 46. Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva

Ningún comentario:

Publicar un comentario