domingo, 27 de setembro de 2009

A Inquisición nas comarcas do Ulla


Fundado polo Papa Gregorio IX no 1231, o Santo Oficio da Inquisición foi sancionado oficialmente polos Reis Católicos en 1482. Torquemada - confesor da reina Isabel a Católica- será o seu primeiro Inquisidor Xeral do Reino, executor político-relixioso destes santos reis católicos, mandou queimar na fogueira a 2000 persoas, organizou a expulsión dos xudeus...Non obstante, a implantación da Inquisición no Reino de Galicia non é efectiva ata o 1574, reinaba na península Filipe II. A Inquisición é, ante todo, un Tribunal relixioso, un Tribunal da Santa Fe. A través da súa acción, nós vemos xurdir os problemas que as clases populares teñen coa súa relixión. A Inquisición ten vocación rural, converte ao campesiño no protagonista maioritario dos seus procedementos (Autos de Fe). Trátase de asentar definitivamente a indisolubilidade matrimonial, castigar as blasfemias, os renegos, a obrigatoriedade da práctica anual no cumprimento da pascua,.. trátase de preservar a moral católica nun mundo rural moi libertino aos ollos do Santo Oficio.

Perséguese, tamén, aos herexes, sobre todo luteranos, aos xudeus e aos musulmáns, mais na Galicia, dende os séculos da Alta Idade Media, xudeus e musulmáns (servos na súa maioría) son considerados coma veciños, a persecución vai ser máis visible sobre os luteranos estranxeiros.

As vilas con porto de mar e as principais vilas do Camiño de Santiago -a máis antiga autopista de Galicia- serán vixiadas, permanentemente, pola Santa Inquisición. Esta condición e o carácter ruralizado das nosas comarcas debeu ser a razón da inusitada presenza de membros da Inquisición nas nosas vilas e aldeas.

Segundo o Memorial dos Comisarios da Santa Inquisición do Reino de Galicia no ano 1611, temos a Eugenio Molero; Arcediano en Abeancos, o Bachiller Alonso Vázquez; Vicario en Mellide, Gonzalo Alonso en Viladevid (Arzúa), San Juan de Andrade; Rector en San Martino e Calvos (Arzúa), Bernabé Méndez; Rector en San Viçenzo de Bama (Touro).

A relación de Familiares (informantes) do Santo Oficio no Reino de Galicia no ano 1641, dunha lista de 218, móstranos a seguinte relación:

179 Juan Quintela de Castro................San Vicenzo de Burres....40 anos
65 Alonso Correa Alemparte....................La Salzeda................60 anos
66 Juan Groba.......................................La Salzeda................40 anos
215 Esteban del Corral.............................Arzúa......................70 anos[1]
Nesta época exercerá de Comisario do Santo Oficio, Fernán Gómez das Seixas da Casa de Remesil, Dombodán (Arzúa) , foi reitor de San Pedro de Salgueiros (Vila de Cruces) e outras igrexas, está enterrado na capela da Nosa Señora do Viso .

Chama a atención dous familiares na Salceda, mais no mapa de 1749 Le Royaume de Gallice da colección Martínez Barbeito, aparece grafada ao mesmo tamaño que Melide ou Arzúa[2], Salceda de Caselas non aparece no mapa.

O santo Oficio, é unha institución concibida para exterminación das heterodoxias heréticas e das irregularidade morais. A nobreza galega non foi obxecto de sospeitas heterodoxas por parte do Tribunal de Santiago. Ningún dos relucentes nomes da renomeada nobreza, padeceu proceso algún, tampouco a nobreza media ruralizada.

O inquisidor recibindo testificacións sanciona os pequenos grandes dramas da vida cotián, intenta modificar condutas e , máis grave aínda, busca violentar conciencias e concepcións ancestrais (os ritos pagáns seguen vivos). Ante o Inquisidor, moitas veces, o párroco, que avisa da súa chegada, propón á parroquia a lei do silencio. Dous mundos, pois diferenciados; por un lado un catolicismo dogmático fronte a un cristianismo morno, verniz de crenzas primitivas entroncadas no inconsciente profundo da aldea[3].

Os inquisidores, acompañados de dous funcionarios (un alguacil e un secretario) tiveron choio na comarca da montaña:

Inquisidor Alba en 1580, viaxa de Melide a Monforte , cara Lugo

Inquisidor Montoya en 1590 Melide, Sarria, Valdeorras

Inquisidor Sotomaior 1646, Melide, Chantada, Monforte, Lugo

Os Autos de Fe da comarca centralizábanse na vila de Melide. A importancia da circulación de mercadorías, persoas e ideas polo Camiño de Santiago durante a Idade Moderna debe ser moi relevante, estas visitas dos inquisidores contrastan con A Coruña dúas visitas ou Ferrol, Padrón ou Ribadeo unha soa.

A continuación facemos unha relación dos castigos cos que a Inquisición limpa os pecados do Pobo:

* Amancebados, adúlteros, bruxas, meigas, supersticións, prostitución, anticlericalismo (non creer nos ritos da misa; comunión, xaxún na semana santa...), promiscuidade rural (entre solteiro-solteira)-. Castigo: Desterro do pobo durante 5 anos.

* Poligamia. Os bígamos son castigados por Filipe II, desde 1566 con 10 anos de galeras.

* Blasfemias; cara 1560 as penas son castigo de galeras, Filipe II precisa de remeros, as penas son importantes desde XVI-XVII.

* Contra o santo oficio;
Se o reo é home de baixa sorte ( pobre)hase ler a súa sentencia en Auto público de Fe ou nunha Igrexa, estando con insignas de penitente e o día seguinte; 200 azotes e catro anos de galeras máis ou menos segundo a calidade do delito, e se é persoa noble e rica lease a sentencia na sala e hase de botarlle unha pena de 1.000-2.000 ds. E que vaia a servir sen soldo durante 2 ou 3 anos nunha galera ou a unha fronteira de mouros e herexes, consideradas as circunstancias do delito e a persoa que o cometeu.[4]

No século XVI o 60% dos procesados son de orixe campesiño, no XVII, as relacións invértense agora é o comerciante a figura máis frecuente nas cárceres de Santiago, o campesiño queda relegado a un posto moi secundario[5].

O último asasinado pola Santa Inquisición- co rei Borbón Fernando VII no poder- foi Cayetano Ripoll, baixo acusación de herexía, logo de 2 anos de prisión, foi executado na forca e posteriormente incinerado polo Cremador da Inquisición en Valencia no ano 1826. Oito anos despois, Mª Cristina de Borbón rexente, suprimía o Santo Oficio. Ripoll loitara contra os franceses na Guerra da Independencia española, capturado polos franceses foi trasladado a Francia onde tomou contacto con intelectuais ilustrados e pacifistas da época. Mestre en Ruzafa (Valencia) foi denunciado pola Xunta de Fe de Valencia por non impartir os principios da doutrina católica aos seus alumnos.

Paralelo a este proceso o Xefe da Policia de Fernando VII avisa a este de que;..a Inquisición é a arma dos partidarios do desorde (carlistas) e queren facerse fortes e ter ascendente contra o partido liberal, o goberno e incluso o mesmo trono. O Borbón enterado do proceso contra Ripoll non fará nada para evitar o crime.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

[1] Pax 169 a 175 El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia[2] Pax 12 Tomo III, Galicia Historia, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.[3] CONTRERAS, J. El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia (1560-1700).[4] Pax. 566. El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia[5] Pax. 586, El Santo Oficio de la Inquisición de Galicia.

Post data:
A imaxe é unha estatua orante situada na Capela da Obra Pía de San Antonio (Melide-Coruña), pertencente a Antonio Varela de Segade, Sarxento Maior do Exército das Filipinas, Cabaleiro de Santiago y Alguacil Mayor de la Inquisición, obra do escultor Mateo Prado (s. XVII). Imaxe sacada do caminodepiedra.blogspot.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario