A famosa casiterita (SnO2) ou cassitéride, como dicían os gregos, é o mineral de estaño máis abundante, é a mena principal de estaño, metal maleable que comunica ao bronce (cobre e estaño) e outras aleacións a facilidade de ser traballados en frío.
A través do traballo A conquista romana na comarca de Arzúa publicado neste blog, sacamos a luz a existencia de catorce minas romanas de estaño no concello de Arzúa e o máis que posible establecemento dun campamento romano no Val de Pela, neste artigo trataremos a importancia destas minas e no seguinte, a realidade humana dos nosos devanceiros galaicos nas lexións romanas.
Os topónimos dos ríos Pela e Ysso que, como vimos neste blog, fan referencia á etapa de conquista romana, as 14 minas de estaño (imprescindible na elaboración do bronce para industria militar), o topónimo Courium facendo referencia a unha factoría de curtidos (por certo, con implantación na comarca), a arqueoloxía de paisaxe (os castros e vales do entorno), a microtoponimia (exemplo: A Pena da Armada) e os estudios sobre o exército romano na Gallaecia, dannos unhas poderosas ferramentas no estudio das levas dos nosos antepasados galaicos para realizar os traballos de extracción de estaño nunhas minas que, seguramente, algunhas delas, xa eran explotadas dende moitos anos atrás.
O descubrimento dunha espada sarda de bronce do tipo "Sa-Idda" dragada no río Ulla, datada sobre o 900 a.C. e na actualidade conservada no Museo Arqueolóxico de A Coruña, xa nos indica que hai unha ruta comercial antiquísima polo Ulla coas zonas produtoras de estaño das comarcas de Arzúa e o Deza. Esta sería unha minería de extracción de afloramentos superficiais, Madroñero reflexiona sobre a orixe da minería do estaño ; tivo que ter a súa orixe nas menas de estaño e pedras chamativas que,.., acompañan á casiterita masiva poñendo un toque de chispeante beleza que chamou a atención dos antigos.
Cova de Remesil, Dombodán (Arzúa) |
Outras minas de estaño terían a súa importancia en Galicia; A mina romana da Cova dos Mouros (San Finx de Lousame),as minas romanas de Monte Neme (Cances, Carballo), a mina romana da Rosa (onde se atoparon tégulas romanas), os xacementos de Rorís (Armentón) ambas en Arteixo, as minas romanas do río Caldo en Lobios, as de Limideiro (Zas), as de Monte Pedroso (Santiago), as Minas de Varilongo (Santa Comba), a mina de Caramés en Monte Penide, Forcarei (Pontevedra)[1b], as de Tourón (Pontecaldelas), as de Muradas , Beariz (Ourense), as do Monte Medo -coñecido polo santuario dos Milagres-, Baños de Molgas (Ourense) onde os romanos explotaban ouro e estaño[1c], as dos vales de Monterrei e do río Támega (Ourense); as de Vences (Monterrei), Covas Rubias, Nocedo do Val (Castrelo do Val) e as de Arcucelos (Laza) onde se atopou unha ara dedicada ao deus Bandue, as minas do Val Grande de A Barxa (A Gudiña), as do Monte Seixo (Cerdedo) e as documentadas minas de estaño do Grove e da Coruña, entre outras.
Dende o século II a. C., os romanos teñen coñecemento da sonada ruta do estaño que os púnicos de Gadis (Cadiz) coñecen e gardan en secreto para si, é a ruta das Illas Cassitérides (Illas de Estaño), unha ruta onde os gaditanos teñen un comercio moi beneficioso cos pobos galaicos. Hoxe temos menos dúbidas sobre a identificación das Illa Cassitérides coas Illas Atlánticas galegas.
Templo púnico en Alcabre, Vigo
A falta de restos arqueolóxicos nas Illas Británicas contrasta cos recentes descubrimentos de restos de orixe fenicio na nosa terra; o recente descubrimento dun templo púnico (fenicio) en Punta do Muíño (Vigo), a aparición dun obelisco oferente dos fenicios na Illa de Toralla (Vigo), as imaxes de barcos púnicos nos petroglifos de Laxe Auga de Cebros en Santa María de Oía, a aparición de ánforas fenicias na baía da Coruña, cerámica púnica no Castro da Lanzada, no Castro de Alobre (Ría de Arousa), no Castro de Elviña (a Coruña), no Castro de Neixón (Boiro) , cerámica púnica e neopúnica descubertas recentemente na Praia do Areal (Vigo), as áncoras de pedra fenicias e púnicas atopadas no Cabo Vicos das Illas Cíes, as áncoras púnicas da Praia de Liméns (Cangas) cerámica fenicia no castro de Castrovite (A Estrada), fíbulas e placas de cinto do Castro de Torroso (Mos), e as concas de colar dos castros do interior[2], indican un intenso comercio dos fenicios cos pobos galaicos dende o século X a.C..
A minería do estaño romana, pouco estudiada no noso pais, tivo unha importancia capital na fabricación de armamento e útiles para as lexións romanas. As catorce minas do concello de Arzúa, onde destacarían as Covas de Remesil (Dombodán) e a Cova do Tremedal (Maroxo), serían un ferver de xentes de todo tipo, lexionarios, indíxenas coporos (os que habitaban a nosa comarca), comerciantes,.. .
O camiño que viña do norte dende Brigantium (A Coruña), Cidadela, Boimorto e dende Arzúa pasaba por Maroxo, Pela e Sardecoiro, seguramente enlazaría coa vía secundaria que viña dende Aquae Flaviae (Chaves) pasando entre Lalín e Rodeiro[3], cruzaría no concello de Lalín polas pontes de Cadrón, A ponte do cabalos en Parada, a ponte de Alemparte e seguiría pola Barrela (Carballedo), A Peroxa, Os Peares, Baños de Molgas e Chaves[4]. Esta vía secundaria dende Aquae Flaviae (Chaves) vertebraría as zonas mineiras dos vales do Ulla, Deza e Arnego coa VIA XIX en Arzúa. O camiño das minas do sureste arzuán, cruzaría o Ulla en Ponte San Xusto, cara á Estrada por Bascuas (Vila de Cruces).
O Imperio romano, no momento que a extracción do estaño galego faise máis complexa, concentra a súa explotación nas Illas Britanicas (minas de Cornualles), como dicía San Isidoro ; en Hispania e na Galia o estaño extraese con moito traballo , mentres que en Britania extraese a flor de pel.
Mais é curioso constatar que moitos anos despois, outro imperio militar, o alemán na segunda Guerra mundial, explotará, de novo, as minas de estaño de Fontao, na procura do volframio, mineral asociado ao estaño, e moito máis apropiado para os blindaxes na industria armamentista. Hoxe en día, cousas da vida, volve a ter unha relevante posición na industria metalúrxica mundial.
Se queres saber máis da minería galega na antigüidade clicka aquí
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com
Bibliografía
MINERALOGÍA. Gran Enciclopedia de las ciencias, Club Internacional del Libro. Madrid, 1984.
DE LA PEÑA SANTOS, A. Metalurgia galaica de la transición Bronce-Hierro: el Castro de Terroso, Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria, t. I, 1988, págs. 339-360
REVISTA DE HISTORIA CLIO, junio 2008, nº 80.
LOPEZ CASTRO, J.L., Hispania poena: los fenicios en la Hispania romana, RBA, 2006.
PRADOS MARTÍNEZ, F., Los fenicios. Marcial Pons, 2007.
MADROÑERO DE LA CAL, A. Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia de estaño en España. Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1994.
ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992
MEIJIDE PARDO, A. La Antigua minería del estaño en el Valle de Monterrey. Santiago de Compostela, Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, 1963.
MEIJIDE CAMESELLE, G. A Idade de Bronce en Galicia. Galicia Historia Tomo I, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
SÁNCHEZ-PALENCIA, F.J.; SASTRE, I.; CURRÁS, B. ; ROMERO, D. Minería romana en la cuenca meridional de los ríos Sil y miño. Revista Aquae Flaviae nº 41, Chaves, 2009.
NAVEIRO LÓPEZ, J. Intercambios e comercio na Cultura Castrexa. Galicia Historia Tomo I, A Coruña, Eds. Hércules, 1991.
INST. GEOLÓGICO Y MINERO DE ESPAÑA. : Mapa metalogenético, Lugo 1:500.000. Madrid. E.E. Adaro de Investigaciones Mineras, S.A. 1975.
RODRÍGUEZ GALDO, M.X. e LOSADA ÁLVAREZ, A. O poboado mineiro de Fontao, Instituto Galego de Vivenda e Solo, Lugo, 2002.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A. FERRER SIERRA, S. ÁLVAREZ ASOREY, R. Miliarios e outras inscricións viarias romanas no noroeste hispano. Lugo, Consello da Cultura Galega, 2004.
DOMÍNGUEZ PÉREZ, JC. Materiales púnico-gaditanos en los confines del Extremo Occidente Atlántico, Antiqvitas- 2005- Nº 17 (pp. 5-11) MHM Priego de Córdoba.
ARMANDO VÁZQUEZ. Terra de Carbia. Madrid, Concello de Vila de Cruces, 2000.
MATEO, A. Observaciones sobre el régimen jurídico de la minería en tierras públicas en época romana. Santiago de Compostela, U.S.C. 2001.
MONTEAGUDO, L. Sigillata hispánica de Veigue (Coruña)http://revistas.ucm.es/ghi/02130181/articulos/GERI8888220265A.PDF
http://concellodearzua.com/wp-content/uploads/2012/PXOM/D1-AZ-04-CATA.pdf
[1] Inst. Geológico y Minero de España. Mapa Metalogenético. 1975, [1b] Pax. 44. Revista Cotaredo nº 13, Concello de Forcarei, Forcarei, 2013. [1c] Pax. 289 e ss. Minería romana en la cuenca meridional de los ríos Sil y Miño [2] http://www.aytopriegodecordoba.es/museo/Antiqvitas_2005_PAG-005-011.pdf [3] http://consellodacultura.org/mediateca/pubs.pdf/miliarios.pdf/ [4] Pax. 659 Miliarios
Ningún comentario:
Publicar un comentario