Coma tódolos anos, a Asociación Ánxel Casal de Arzúa vén de organizar as chamadas Xornadas do Pan que este ano chegan a súa oitava edición.
Este ano a Asociación Ánxel Casal conta coa colaboración dos veciños da parroquia de San Martiño de Calvos, ademais, polo que se ve, un ano máis, non coincide a Malla co San Queremos de Vilantime, que cadra o 22 de agosto ( http://www.sanqueremos.com/ ), ou sexa que poderase disfrutar das dúas festas máis enxebres e auténticas da comarca intensamente.
Obxectivos e programacíon das VIII Xornadas do Pan:
Un dos valores máis fortes e rexos da nosa cultura é o que o traballo e, sobre todo, os labores colectivos agrarios que os nosos maiores deixaron na nosa etnografía, nas nosas cantigas populares e na nosa cultura en xeral. Un deses traballos colectivos foron os relacionados co proceso de elaboración do pan.
Dende a Asociación Ánxel Casal de Arzúa propoñémonos recuperar a nosa memoria sobre uns traballos que enchían de ledicia, pericia, comunicación e música as nosas parroquias nos meses do verán.
Estes traballos agrícolas formaron parte da nosa cultura e foron o xermolo de moitas cantigas populares e do folcklore galego.
Coas Xornadas do Pan a Asociación Ánxel Casal de Arzúa, recupera todo o proceso deste alimento básico, dende a súa sementeira ata a fornada das bolas, tortas ou empanadas.
Para realizar este proceso fielmente, estas Xornadas divídense nos seguintes días:
A Colleita. 18 de xullo. 6 da tardiña* Os ferrados de trigo ,sementados polo inverno no lugar da Revolta da Pena, parroquia de San Martiño de Calvos de Sobrecamiño no Concelllo de Arzúa será segada a fouciño, deixando feitos os medeiros para o secado do trigo na mesma finca. Haberá premio para os tres mellores segadores/as e para os tres mellores atadore/as.Este día, logo do labor realizarase unha merenda popular.
A Malla. 8de agosto. 6 da tardiña* O son do corno anunciará o comezo da malla no entorno da Carballeira da Escola en San Martiño de Calvos. Cunha das malladoras máis antigas que se conservan, procederase á malla e limpeza do trigo e farase o palleiro na mesma leira . Este día, logo da malla, haberá unha merenda popular e unha foliada coa colaboración dunha agrupación musical.
A Muiñada e Fornada. 26 de setembro. 6 da tardiña. Os ferrados de trigo que se colleiten levaranse ó Muíño da Fonte Santa, muíño de maquía da parroquia de Lema, Concello de Arzúa, para facer a moenda.Feita a masa pola mañá, no forno de leña do muíño coceranse os panes e empanadas, facendo a merenda-degustación do producto destas xornadas.Actuación dun Grupo de Folck aínda por determinar.
* Estas datas poden ter variacións, xa que deberase ter en conta o tempo atmosférico e o proceso natural de maduración da plantación de trigo.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@mundo-r.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario