mércores, 3 de xuño de 2009

Arzúa non foi Araduca. A falsa historia oficial.

Do libro Galicia, prehistoria, castrexo... de Antonio de la Peña
É unha evidencia que a historia de Arzúa está escasamente estudiada e, ademais, malinterpretada por anteriores eruditos.É unha desgraza que a orixe da vila de Arzúa teña institucionalizado un erro incomprensible na ciencia historiográfica. Observar cara o sur do mapa de Ptolomeo
A orixe do topónimo (nome de lugar) de Arzúa nada ten que ver con Araduca, esta era un lugar sito preto de Porto (Portugal). Este erro vén de querer identificar a similitude do topómimo Araduca recollido polo xeógrafo Ptolomeo na súa Xeografía do século II d.C. (capítulo VI, táboa II) coa Arzúa actual.Ptolomeo dinos que Araduca está poboada por galaicos brácaros e estes campaban pola zona da actual Portugal que queda entre o Miño e o Douro, Araduca estaba situada case na fronteira coa antiga Lusitania.

Varios autores, teñen estudiado o noso topónimo de Arzúa, entre eles Manuel C. Díaz y Díaz e Mª Concepción Fernández López.Díaz y Díaz, propónnos unha orixe no vocablo latino argia, -mato- (en galego arxe, palabra moi común na zona de Arzúa, Boimorto, Touro e Santiso), de certa profusión no Noroeste peninsular do século VII. A orixe do topónimo de Arzúa estaría en argiola, zona máis ou menos extensa dominada por toxos, xestas, silveiras e carrasco. A forma máis antiga do nome era Arçua co tempo castelanizaríase por Arzúa.

Fernández López, comeza o seu estudio por A-Re-Sua ou: aream sudam: espacio soleado, Ara-súa, cre Férnandez que a denominación parece apuntar a un fundo agrícola de asentamento romano (finca en renta ou propiedade ben orientada ao sol) que medraría vinculada ao Camiño Primitivo ou á Vía XIX.

Nós, inclinámonos pola proposta de Díaz y Díaz, xa que como el nos dí, a arçúa sería unha zona extensa que co tempo dou nome a dúas parroquias; Santa María e Santiago. Ademais, a zona, se Fernández  refírese a Santiago de Arzúa, a actual capital do municipio, non debería ser a máis apropiada para establecer un fundo agrícola, tendo terras moito mellor regadas e máis productivas cara a Lema ou Burres.
Post-data: Por certo, en: http://araduca.blogspot.com/ , relaciónase a histórica Araduca con Guimaraes, berce do reino de Portugal. Afonso Henriques (Afonso I)- neto do rei galego Afonso VI-, foi proclamado primeiro rei de Portugal nesta vila.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com


BIBLIOGRAFÍA

- DÍAZ Y DÍAZ, M.C. Propuesta etimológica para el topónimo Arzúa. Homenaxe a Ramón Lorenzo/ Edición de Dieter Kremer. Vigo, Galaxia, D.L. 1998. P. 923-927

- FERNÁNDEZ LÓPEZ, Mª.C. Palas (de Rei): Palatii/Parias; Paraxúa; Arzúa. Iacobus: Revista de estudios del Camino de Santiago. Sahagún (León).2005.P.99-107
- DE LA PEÑA SANTOS, A. Galicia, prehistoria, castrexo e primeira romanización. Ediciós A Nosa Terra, Vigo, 2003.

Ningún comentario:

Publicar un comentario