domingo, 17 de maio de 2009

Bran, Lug, deuses celtas nas terras do Ulla 1. O Corvo

A arqueoloxía e os textos antigos mostráronnos as pegadas dos deuses pagáns adorados polos castrexos da antiga Gallaecia; Lug, Cohvetena, Navia, Coso, Bandua, Reve, as Matres, etc.., mais, como nos di Balboa moitas divindades veneradas en Gallaecia como os Lares Viales, as Ninfas, Marte ou Xupiter agochan outras anteriores, ¿puido haber algunha agochada na nosa comarca?.







Parémonos un intre na raíz Bran dos topónimos; Branzá, Branzaílla, Brandeso, e Brandariz en Arzúa, Bran en Santiso, Brandomés en Vila de Cruces, Brandelos en Prevediños, Touro, Brántega en Agolada. Un pouco máis lonxe Bran en Oroso.
Exceptuando Brandariz do que temos documentos medievais que indican a súa procedencia do nome suevo, Brandericus (Brand + ric) "Rei da Espada", do resto dos topónimos non temos referencias documentais antigas.
Unicamente Caridad Arias aborda a etimoloxía de Branzá que a relaciona coa deusa Brigantia.
Nun entorno de 10 quilómetros arredor da parroquia de Brandeso temos sete topónimos en Bran-. Na parroquia de Branzá hai un castro no Monte de Cornado , ao sur deste, outro en Baiobre. En Baiobre atópase o Santuario de Santa Cruz, así como, a capela de San Xosé pertencente á Casa Grande de Baiobre. A festa do Maio (Festa Celta de Beltene ?)foi revestida no século VI dun contido cristián asimilando a árbore ao madeiro da Cruz. De aí que moitas veces os Maios leven cruces. Coma nas demais festas cristiáns na véspera da Santa Crus prodúcese o ataque do Mal, por iso pídese á Santa Crus de Baiobre (Branzá, Arzúa), o 3 de maio, pola protección dos animais e das colleitas do campo. Ao sureste de Baiobre, a igrexa parroquial en Santa Locaia ao pe doutro castro, ao oeste no lugar de Branzá, a capela de San Xosé, hoxe en ruínas. Moi preto de Brandeso, a carón do río Carracedo atópase nunha carballeira a capela da Fonte Santa, conta a tradición que as súas augas curan as queimaduras e a inapetencia. Seica ata se pode facer desaparecer penas e tristezas sufridas na vida. En tempos celebrouse unha célebre romaría. Preto de Branzá, en Dombodán, temos o Santuario do Viso. En Brandelos (Previdiños, Touro) facíase unha romaría na carballeira que hai xunto á capela, no mesmo lugar nace unha fonte que bota moi pouca auga e que parece ser tiña propiedades medicinais, eran moitas as persoas que acudían a tomar os baños.
Cabeza cortada, Museo de Lugo

Bran ( O Bendito) era -segundo a mitoloxía galesa- un deus máxico, xigante, rei da illa da Britania, que ao ser ferido mortalmente, pediu aos seus homes que lle cortasen a cabeza (a cabeza era sede da alma, o centro do ser...., capaz de vida independente, de fala e de movementos )e a enterrasen no Monte Branco de Londres, mirando cara Francia para protexer ao seu pais das invasións, máis tarde o Rei Arturo desenterrouna provocando as invasións saxonas[1].
Bran en gaélico significa corvo, que é unha ave relacionada co sol na tradición celta, Lug, o deus celta, tiña un corvo que se chamaba Bran[2].


O profesor Bermejo Barrera intúe que a divindade Bran agóchase tralas aras adicadas aos Lares Viales numerosísimos na Gallaecia; Destaca Van Tassel Graves ao igual que J: De Vries, a estreita asociación existente entre Lug e o corvo. Este paxaro constitúe un dos aspectos de Bran, que nun principio foi unha deidade pan-céltica, e que aparece dotado na mitoloxía destes pobos dunha serie de calidades, cuxo estudo posúe un grande interese.Tanto o corvo coma o deus Bran están caracterizados polas propiedades seguintes: a forza, a intelixencia, a lonxevidade, a gran memoria, o son ominoso e a cor negra de mal agoiro, a capacidade de ser axentes destrutores na batalla e de servir de mensaxeiros doutro mundo, a facultade de ser ladróns, voar a grandes alturas e desprazarse a grandes distancias ea a calidade de servir de guías na súas viaxe por terra e por mar[3]. O deus Bran é dun grande interese para este estudio pois posúe unha serie de características que o fan moi semellante ao deus grego Hermes, cuxo culto é moi similar ao dos Lares Viales[4].
Os Lares Viales son os deuses protectores dos camiñantes, as súas aras, colocadas nos cruces dos camiños, son abudantísimas na nosa terra, o 75% das dedicacións aos Lares Viales de todo o imperio Romano foron atopadas na Gallaecia. Segundo Caridad Arias, Lug e Bran están vinculados ás artes e a música e so ao propio tempo caudillos divinos dos guerreiros. Trataríase, probablemente de dous nomes ou dous aspectos distintos dun mesmo personaxe do mito base[5].

Busquemos, pois, rastros do deus Lug no territorio coporo: Recentemente, tralo descubrimento no barrio lugués da Piringalla do que Rodríguez Colmenero en entrevista nun xornal, calificou coma; especie de poboado, lugar sacro, dedicado a unha divindade local. Cada vez temos máis aras dedicadas a Luco , a Lucovus ; ultimamente apareceron outras dúas[6], a existencia da adoración ao Deus Lug nas proximidades do que sería Lucus Augusti é máis evidente. Máis, recente é a atopada na rúa Ribadeo, 1 de Lugo dedicada a Lugubus Arovieis[7].Estas tres únense ás outras tres atopadas na provincia, Sinoga (Outeiro de Rei), San Martiño de Liñarán (Sober) e San Vicente de Castillón (Ferreira de Pantón). É innegable a adoración da poboación indíxena do territorio coporo ao deus Lug.
Como nos indica Balboa Salgado, o deus coñecido como Lug en Irlanda, Lugus na Galia e Llew en Gales() é a principal divindade dos celtas.. O seu nome provén da raíz inoeuropea *leuk, "brillar", "lucir", o que lle concede o significado de" luminoso" e "brillante"[8]. Lug é politécnico, o que domina todos os saberes, pois é guerreiro, mago, artista,artesán. A Lug dedícaselle unha das principais festas celtas: a de Lugnasad, a Festa da Colleita, o 1 de Agosto. Entre os atributos que sempre o acompañan atópanse unha lanza e un corvo[9], Bran.
 As características que arriba nos indica Bermejo sobre Bran non poden ser máis atractivas para unha sociedade guerreira coma a celta, ten a propiedade da lonxevidade, é mensaxeiro doutro mundo, é o guía das grandes viaxes, era, coma Lug, un deus vencellado ao Máis Alá.
Tense falado moito da inexistencia de restos arqueolóxicos sobre os enterramentos dos castrexos, Alonso del Real, con retranca, dicía que os castrexos vivían pero non morrían. Sen embargo temos noticias antigas sobre un costume común dos pobos celtas da meseta, os vacceos e celtiberos que consistía en abandonar aos voitres os cadáveres dos guerreiros mortos en batalla, por consideraren a estas aves animais sagrados que transportaban os mortos aos deus do ceo,[10] na estela solar cántabra de Zurita observamos, nunha das súas caras como un voitre abalánzase sobre un guerreiro caído.
Outeiro do Corvo, Carnota. Jose Luis Galovart
Non temos referencias do voitre nas nosas comarcas, pero si do corvo que como o voitre é un animal preeiro. Ao pe do Santuario do Viso nas beiras do Ulla temos o Monte dos Corvos, nos lindes naturais do territorio coporo de Arzúa. Cara o sur das Dunas de Corrubedo, na punta Praseu, ao pe do mar, temos o Outeiro dos Corvos nas proximidades do Castro do Porto de Baixo (Couso, Ribeira). O Outeiro do Corvo en Poio, con vistas á ría de Pontevedra, ten unha serie de cazoletas en linea. O Outeiro dos Corvos en Susavila (Dodro), no val do Ulla, preto do castro de Monte Xián, posue un petrogrifo? O Outeiro do Corvo en Carnota -ao norte de Castro Mallou- ten un petrogrifo onde se observa unha semi-roseta inscrita. Hai Pena dos Corvos en Arteixo, en Moeche, en fronte da Torre de Hércules,.... 
Punta Niño do Corvo dende a Pancha, Ribadeo

Na Mariña lucense, enfronte da Praia dos Castros (Ribadeo) temos a Punta do Niño dos Corvos no Penedo da Insua, seguindo cara o Rinlo, en Loureiros; un penedo no mar chamado O Penedo do Corvo, e logo de pasar o Rinlo, enfronte de Punta Corveira, o Penedo dos Corvos
Na Serra da Capelada nas inmediacións do Santuario de San André de Teixido e fronte o Castro de Concepenido, atópase o Monte dos Corvos, hoxe convertido en parque eólico. Outro Monte del Corvo(do romano corvus) atópase en Logroño ao pe do Ebro, neste punto xúntanse as fronteiras de Euskadi, Navarra e A Rioxa, na súa cima atopáronse restos celtiberos. Bramberg (Outeiro de Bran) é un topónimo que se rexistra na Alemania, Austria e Suíza. García Quintela relacióna un Bramberg cun posible santuario do deus Lug en Lucerna, Suíza[11].

É significativo que non se atopen necrópoles de incineración no territorio castrexo como no resto dos pobos celtas. É moi posible que na sociedade castrexa o corvo fixese a función dos voitres, sería o mesmo deus Bran, o corvo, o que transporte aos guerreiros e ao resto dos membros da sociedade castrexa cara Outro Mundo.


Non sabemos desde cando existe o topónimo, mais a proximidade do Monte dos Corvos ao río fainos elucubrar que os castrexos da zona fixesen os seus rituais funerarios neste monte á beira do río Ulla, os ríos e mares son outro medio natural dos pobos célticos de comunicación co mundo dos mortos


Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com 




Bibliografía




BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
BRAÑAS ABAD, R. Deuses, heroes e lugares sagrados. Edicións Sotelo Blanco, Santiago, 2000.
REVISTA LAROUCO Nº4, Grupo Arqueolóxico Larouco, Bande, Ourense. 2008
SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS. Terra de Melide. Edicios do Castro, Sada, A Coruña, 1978
CALO LOURIDO, FCO. A Plástica da Cultura Castrexa Galego- Portuguesa. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1994
CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.
ARES GÜIMIL, T. VILA GONZÁLEZ, MªX. Guía de balnearios e fontes de Galicia. Vigo, Ed. Galaxia, 1996.
GARCÍA QUINTELA, M.V. Soberanía e santuarios na Galicia castrexa., Editorial Toxosoutos, Noia, 2006
GONZÁLEZ SOUTELO,S. As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, X Premio de Investigación 2005 Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga, 2005.
CACHEDA VIGIDE, E.A. La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago, Concello de Arzúa, 1991
CARIDAD ARIAS, j. Toponímia céltica de Galicia, Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 2006.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
ANNE ROSS. Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
GARCÍA Y BELLIDO, A. Arte Romano, CSIC. Madrid, 2004.
VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia, Vigo, 1998.


[1] Pax: 91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004[2] Pax. 183 Cultos y divinidades de la Galicia prerromana[3] Pax 161 Sociedade e Relixión na Galicia Antiga[4] Pax. 162 Sociedade e Relixión na Galicia Antiga[5] Pax.183 Cultos y divinidades de la Galicia prerromana[6] www.lavozdegalicia.es/lugo/2008/10/19/0003_7237123.htm [7] Pax; 223 Revista Larouco Nº4[8] Pax: 117 Galicia Celta[9] Pax: 118 Galicia Celta[10] Pax 105 Deuses, heroes e lugares sagrados[11] Pax 174 Soberanía e Santuarios na Galicia castrexa

2 comentarios:

  1. Felicidades polo artigo!
    descoñecía que o corvo significase tanto para os nosos devanceiros!
    Teño aquí ao lado da casa un "coto da corvo" e na súa ladeira ten un petroglifo de ferraduras,descoberto por Bouza Brey no 34. tras ler este artigo xa me tarda voltar achegarme por alí!
    saudos!

    ResponderEliminar
  2. Graciñas stephenwolf. Sorte coas túas pesquisas como di Manuel Gago; onde hai un outeiro do corvo sempre hai algo máis, algo ancestral.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar