luns, 5 de agosto de 2013

De Xulio Cesar a Decimo Bruto no finis terrae galaico. Gallaecia última parada cara o Hades (Reino dos Mortos)


Corría o ano 60 a.C., Caio Xulio Cesar atopábase apresurado polas débedas que lle carrexaran os subornos para gañar, dous anos antes, o posto do Pontifex Maximus en Roma. Cesar, xenio e figura, estaba ao borde da bancarrota e necesitaba a présa ouro e riquezas. Antes de que o Senado o nomeara Propretor (gobernador) da provincia da Hispania Ulterior, Xulio Cesar estaba na península trazando o desembarco en Brigantia –hoxe, sen dúbida; A Coruña.[1]

Roma tiña coñecemento dende a antigüidade das riquezas da futura Gallaecia, o ouro pero tamén o estaño[2] serán o obxectivo de Cesar para salvar a súa cambaleante economía.   Dion Casio (155-235 d. C.)  fálanos da chegada de Xulio Cesar ás nosas costas:
E dende alí, (Cesar) navegando ao longo da costa, cara Brigantia, cidade de Callaecia, atemorizounos e someteunos polo ruxido da navegación xa que endexamais viran unha escuadra. (Dion Casio, 37, 53)
Non cabe dúbida ningunha que a chegada das lexións romanas ao Golfo Ártabro debeu provocar un shock na poboación indíxena, a costa galega tiña contacto comercial cos pobos atlánticos e mediterráneos (púnicos[3], sobre todo), mais a chegada dun exército perfectamente abastecido pola costa sería unha novidade para as trebas galaicas do norte. A cita de Dion Casio, é breve, non nos deixa ningún dato da súa estadía e do periplo de Cesar pola nosa terra. O certo é que foi unha corta e rápida guerra e non só chegoulle para pagar a maioría das débedas, senón que conseguiu que o Senado romano lle concedera o que ía ser o seu primeiro desfile triunfal en Roma, mais as circunstancias políticas na convulsa República romana obrigaron a suspenderse pola presentación da súa candidatura ao Consulado neste mesmo ano 60 a.C..

Cesar saqueou a cidade de Brigantium, a cidade dos ártabros ( celticae gentis segundo Mela[4]).  Penetrou no interior da Galicia?. Estableceu fortificacións na nosa terra?. Non o sabemos, mais Cesar era admirado pola rapidez das súas campañas militares, en materia de tácticas, Xulio César usou con gran resultado o que se coñeceu coma celeritas caesaris, ou “rapidez cesariana”. A situación política da República romana (Cesar está a punto de aliarse con Craso e Pompeio Magno para instaurar o Primeiro Triunvirato Romano) e a situación económica de Cesar[5]non parece que aconsellara deixar lexións acantonadas na Gallaecia.
Faro Brigantium (hoxe Torre de Hércules)
Cesar era o mellor estratego do seu tempo, tiña unha rede de información entre os mercadores romanos e estranxeiros  moi extensa, é evidente que coñecía onde atacar axiña e, sen sufrir moitas baixas, facerse cun botín de guerra importante. Os pobos do Golfo Ártabro aportáronlle a riqueza que precisaba, ouro, seguro, mais tamén bronce. Na República romana as lexións eran pagadas polos seus xenerais, Cesar, ademais das débedas, ten que pagar aos seus lexionarios, é posible que, nesta rápida expedición, buscase sobre todo bronce, metal básico da cuñaxe para o pago dos soldos das lexións e para fabricación das armas.
Dende o século II a. C., os romanos teñen coñecemento da sonada ruta do estaño que os fenicios de Gadis (Cadiz) coñecen e gardan en secreto para si, é a ruta das Illas Cassitérides (Illas de Estaño), unha ruta vernizada de misterio que o historiador romano Plinio, O Velllo, sinalaría coma de fábula, é unha ruta onde os gaditanos terían un comercio moi beneficioso cos pobos atlánticos. Hoxe non temos dúbida sobre a identificación das Illa Cassitérides coas Illas Atlánticas galegas:
O xeógrafo, escritor e historiador Pomponio Mela na súa Chorographia sitúa as Illas Cassiterides enfronte das terras dos Celtici xusto diante das nosas costas. 
A falta de restos arqueolóxicos fenícios nas Illas Británicas contrasta cos recentes descubrimentos de restos de orixe fenicio na nosa terra; o descubrimento dun templo púnico en Punta do Muíño (Vigo), a aparición dun obelisco oferente dos fenicios na Illa de Toralla (Vigo), as imaxes de posibles barcos púnicos nos petróglifos de Laxe Auga de Cebros en Santa María de Oía, a aparición de ánforas fenicias na baía da Coruña, cerámica púnica no castro da Lanzada, no castro de Alobre (Ría de Arousa), no Castro de Elviña (A Coruña), no Castro de Neixón (Boiro) , cerámica púnica e neopúnica descubertas recentemente na praia do Areal (Vigo), fíbulas e placas de cinto do Castro de Torroso (Mos), restos de cerámica fenicia no castro de Castrovite (A Estrada), ...indican un intenso comercio dos púnicos cos pobos galaicos dende o século VII a.C. 

Imperio romano logo da conquista do territorio dos galaicos
O certo é que Galicia tiña estaño  en abundancia, uns anos antes o procónsul da provincia Ulterior, Publio Craso, obsesionado co misterio das Illas Cassitérides, emprendera unha expedición cara a futura Gallaecia, era o ano 96 a. C., non hai datos exactos da súa ruta, tampouco hai constancia de que Craso abandonara a península. O certo é que esta expedición cambiou o estatus social da familia Craso regresando a Roma inmensamente rico. Cesar era amigo de Marco Craso, fillo de Publio, esta amizade e a relación con armadores fenicios de Gadis (Cadiz), facilitarían a expedición de rapina de Cesar en Brigantium.

Máis outra operación militar anterior abriu o camiño a estas expedicións de saqueo:
Decimo Xuno Bruto, alcumado o Galaico, nas súas campañas de castigo en terras lusitanas do ano 137 a.C. chegará ata o río Limes, o actual Limia, aquí a tropa negouse a avanzar, consideraban que este era o lendario río Lethes (Esquecemento) -un dos cinco ríos que levaban ao mítico Reino de Hades (a morada dos mortos no mundo clásico)-, temían esquecer o seu nome, a súa patria....

A lenda segue viva nos nosos días; Miña nai meteume unha pedra na boca para que non perdese a memoria a primeira vez que tiven que atravesalo río Limia, relátalle un veciño de Loureses (Os Blancos, Ourense) á Marcianes Castro[6]. Na aldea de Buscalque (hoxe asolagada polo encoro de Lindoso) en Lobios, aínda no século XX, había unha barca encargada de cruzar o río Limia. Aos mortos -que  había que enterrar na igrexa de San Salvador de Manín- despois de pousar o cadaleito na barca, poñíanlle un anaco de pan no peito dicindo; Para pasar o río Xordán[7]. O río Xordán na mitoloxía galega é o río do mortos.


Recreación e Festa do Esquecemento

Decimo Bruto cruzou o río e chamou aos seus soldados polo nome, cruzaron o Limia, e continuaron a expedición, cruzaron o Minius (Miño), e chegaron ata a costa onde contemplaron con grande espanto a posta de sol no Atlántico, esta visión obrigou a Decimo Bruto a tomar a decisión do retorno, Floro (s. I – II d. C.) é moi explícito ao narrar o suceso;  ....non retirou os seus estandartes antes de descubrir, non sen certo medo e horror de sacrilexio, o Sol que cae no mar e o lume xurdido da auga.[8]
Diferentes historiadores gregos e romanos da antigüidade fixéronse eco deste feito histórico o que indica a enorme transcendencia do feito para a sociedade romana:
-          Salustio (s. I a. C.): Historias, 344
-          Estrabón (ss I a. C. – I d. C.): Xeografía, III, 3,4-5
-          Tito Livio (ss. I a. C. – I d. C.): Ab Urbe Condita, per 55
-          Papiro de Oxyrhynco
-          Apiano (s. I d. C.): Iberia, 73-74
-          Plutarco (ss. I-II d. C.): Cuestiones romanas, 34
-          Floro (ss I – II d. C.): Epítome de Tito Livio, I, 33, 12
-          Orosio (ss IV-V d. C.)

Deste suceso faise evidente que as costas da futura Gallaecia tiñan un halo de misterio, de respecto a algo mítico, algo extraordinario, infrahumano....Que as tropas romanas cresen que o río Limia era o Lethes, un dos ríos que levaban ao reino dos mortos, é que consideraban que estaban acercándose ao Reino dos Mortos, o Hades, a visión arrepiante para as tropas romanas da posta do Sol engulido polo océano certificoulles a proximidade do Hades, esta sería unha das razóns pola que Decimo Bruto, asombrado e consciente de cometer un sacrilexio ao chegar tan lonxe na súa expedición, ou quizais coaccionado por unha tropa amedrentada polas súas crenzas relixiosas, decide regresar a Roma.
Caronte, o barqueiro dos mortos
A proeza de internarse no país dos galaicos, considerado na antigüidade o Fin do Mundo(Finis Terrae), ou Reino dos Mortos, reportaríalle a Decimo un desfile triunfal polas rúas de Roma e o alcume de Gallaecus, o que derrotou aos galaicos.
Da invasión de Decimo á conquista da Gallaecia por Augusto pasarán preto de 120 anos. Se os romanos tiñan a certeza de que a futura Gallaecia era riquísima en estaño e ouro, por qué transcorreu tanto tempo?, pola súas xentes belicosas?, por tabú relixioso?,  por ser o Reino dos Mortos?. Quizáis unha mestura de todas fose a razón.
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com   

Bibliografía

MARCIANES CASTRO, M. O río do esquecemento. Identidade antropolóxica de Galicia. Edicións Xerais S.A. Vigo, 2003.
ALBERRO, M.     Os celtas da antiga Gallaecia, Editorial Toxosoutos, S.L. Noia, 2004
BALBOA SALGADO, A. Gallaecia nas fonte clásicas, USC. Compostela, 1996.
CHRISTOPHER S. MACKAY. El declive de la república romana. Editorial Ariel, Barcelona, 2010.




[1] Paulo Orosio descríbenos na Historiae adversum Paganos, cara o 415-417 d.C.,  a impresionante edificación que é o faro da cidade de Brigantia  : “Secundus angulus circium intendit, ubi Brigantia Gallaeciae civitas sita altissimum farum et inter pauca memorandi operis ad speculam Britanniae erigit. "O segundo ángulo de Hispania está orientado ao norte, donde a cidade galaica de Brigantia eleva para observación (do mar) de Britania su faro altísimo e digno de mención entre moi poucas cousas"  No manuscrito Leabhar Gabhála (Libro das Invasións de Irlanda), aparece a cidade de Brigantia coma sede (en ou nas proximidades da Coruña), dos celtas goidélicos ou milesios. Os celtas da antiga Gallaecia, pax. 88.
[2] Mineral moi prezado na antigüidade, base co cobre do consistente bronce.
[3] Así eran chamados os fenicios polos romanos
[4] (…)Nel están primeiro os ártabros, aínda pobo celta, e logo os ástures.(…)Mela 3, 12-13

[6] Pax. 19. O río do esquecemento
[7] Pax. 44-45. Mitoloxía de Galiza
[8]Pax. 312. Revista Gallaecia, nº 20, ano 2001

Ningún comentario:

Publicar un comentario