venres, 5 de outubro de 2012

San Cristovo, o que guía


San Cristovo de Vilar
San Cristovo, santo quizais mestre patrón dos santos anteriores. S. III? - mártir - festa:  Oficialmente era o 25 de xullo (o mesmo día que o patrón de Galicia, Sant Iago) actualmente celébrase o 10 de xullo, é o patrón dos viaxeiros, condutores, mariñeiros e barqueiros.
San Cristovo naceu en Licia (rexión da Asia Menor situada ao sur do territorio dos celtas gálatas) na cidade de Samón (de sam, igual que Samos e Samaín), Cristovo vén de Cristóforo; o Portador de Cristo.
 A finais da Idade Media, tralo Concilio de Trento, a devoción a este santo decreceu e case se perdeu, aló menos no Occidente oficial, certas formas asimiladas pola tradición e afíns á superstición foron combatidas por católicos, protestantes e humanistas.[1]
Pese a todo, na nosa terra, Cristovo é o guía espiritual dos condutores por excelencia, ténselle moita devoción, todas as cidades e vilas recíbeno co estrondo de bucinas e sirenas de taxis, autobuses e camións o día da súa fest. É patrón de varias vilas e concellos, Cea, Cee, Portonovo, Carnés (Vimianzo), Merín (Vedra), Dombodán (Arzúa), …, se celebra o 10 de xullo.
San Cristovo de Dombodán

A historia de Cristovo, ao igual ca de San Xiao, é das máis complexas e, en certos aspectos, estrañas da historia dos santos, reúne elementos históricos, míticos e fantásticos e as dimensións máis xenuínas do anuncio cristián. Pola maraña e dimensión fantástica de certos elementos desta experiencia de santidade, algúns estudosos dubidaron da existencia real do mártir Cristovo[2].

Na Lenda Dourada, Cristovo era un xigante, un grande guerreiro, dotado dunha forza extraordinaria, logo de servir a un gran rei e despois ao  Demo, un eremita logrou inicialo á relixión cristiá a través do amor ao próximo transportando no seu lombo os viaxeiros que pretendían atravesar un río cheo de perigos, un día, levando a un neno nos seus ombros, notou un peso sobrehumano, inaudito nun humano de tal tamaño, cando chegou por fin a outra beira do río unha voz divina anuncioulle que transportara ao rei do universo, en sinal disto o seu bastón converteuse nunha palmeira cuberta de follas e dátiles.
Cruz templaria en San Cristovo da Cervela, O Incio
 Nesta representación é posible entrever influencias de mitoloxías pagás que reconducen ao deus Anubis ou tamén a Hermés e Heracles (Hércules romano)… nunha transfiguración cristiá do culto de Hércules que leva a Eros, moi difundido en Oriente…(..).. o tema da travesía de difíciles cursos de auga pola noite é de orixe indoeuropeo e forma a base doutras lendas haxiográficas[3]como as dedicadas a Xulián o Hospitalario.[4]

San Cristovo coma o deus céltico Bran é un xigante que cruza as augas, protexe e guía aos viaxeiros ou guerreiros de boa vontade, coma San Xiao axuda aos camiñantes a pasalas canles dos ríos, na tradición cristiá non transporta ao deus do amor coma Heracles, senón a Cristo, Cristovo é representadocase sempre co neno Xesús sobre o seu ombreiro.
Capela de San Cristovo das Serpes, Brión (Ferrol)
Recordemos que André Pena na súa obra, San Andrés de Teixido, amósanos a San Cristovo das Serpes de Brión (Ferrol); coma posiblemente outro dos lares viales galegos, tiña a piadosa tarea de socorrer persoalmente recolléndoas, unha a unha, da area, e subíndoas as súas costas, ás almas que chegando tarde ao peirao chamado “Areas do Paradiso” no seu santuario de Ferrol perdían o barco para o“Alén”, o “Máis Alá”.
San Cristovo das Serpes vestido de ermitán
portando o candil que simboliza a luz da fe
cristiana, seguindo a iconografía medieval.
Din, tamén, que San Cristovo unha noite de preguiza e aburrimento subiu a unha barca de pedra co Neno Xesús ás  costas e cruzou o mar ata a praia de Chanteiro para facer unha visita a Nosa Señora da Mercé, que saíu a esperalo diante da súa igrexa. Tamén se di que unha enorme serpe, cunha impresionante melena, protexe a San Cristovo.   Introducíase dentro da fonte enroscándose ata que desaparecía polas aberturas das pedras do fondo.  Todos fuxían ao vela, mais nunca fixo mal a ninguén.
A serpe maila ser perseguida pola relixión católica dende a antigüidade, a súa sona de protectora e condutora de almas continúa en moitos lugares de Galicia.
En Carnés (Vimianzo) as celebracións a San Cristovo recollen peculiaridades moi semellantes ás sonadas feiras- festas- asembleas célticas, o que en Irlanda se chamaron óenachs[5], os actos relixiosos, a comida fraternal, a romaría, a festa,.., todos estes ingredientes danse na  sonada Festa da Faguía de Carnés. A festa comeza o día 9 de xullo, véspera do día de San Cristovo, cada casa de Carnés leva a súa pota para cocer os callos dende ben cedo, logo da misa das sete da tarde, San Cristovo, seguido dos gaiteiros e asistentes á misa, é sacado en procesión ata o recinto da Cerca onde presidirá a comida, mentres, moitos devotos achéganse ata a imaxe de San Cristovo para tocalo coa esperanza de que lles conceda algún favor ou simplemente para rezarlle algunha pregaria, ao rematar o banquete a imaxe é devolta ao templo, logo sobre as once da noite comezará o baile no campo da festa.
A Fraguía de Carnés 
 As celebracións continúan ao día seguinte coa poxa dedicada o San Cristovo, non rematarán ata o día 11, co día dedicado a San Bieito, curiosamente a súa procesión é presidida de novo por San Cristovo. Non debemos esquecer facer referencia á Pedra do Noco ou Pedra de San Cristovo, hoxe en día desaparecida, esnaquizada e utilizada por un veciño para a súa comenencia, nela seica ao pe de San Cristovo e o mulido da Virxe María había varios gravados, as asembleas feirasprerromanas adoitaban facerse ante unha pedra símbolo da forza divina[6].

A institución que organiza a festa, a confraría, ten na súa fundación, documentada dende principios do século XVII[7],  80 membros de diferentes parroquias, tal cantidade de confrades fainos cavilar que esta tradición tivo que remontarse a moitos años antes da súa constitución oficial .
Diciamos que estas celebracións comunitarias recordan a asembleas-festas de tempos prerromanos, isto unido ás calidades de San Cristovo como guía espiritual de confrades fainos pensar nunha antiga asimilación cristiá dun deus condutor de vivos e mortos que en Galicia chamouse Lug, Bandúa[8], Breogán, Bran… para os pobos célticos e Wodan (o vello Odín dos vikingos) para o pobo suevo.
Ata sempre e bo proveito, Gonzo anosahistoria1@gmail.com


[1] Pax. 586. Tomo II. Diccionario de los Santos. Editorial San Pablo.
[2] Pax. 583 e ss. Tomo II. Diccionario de los Santos. Editorial San Pablo
[3] A haxiografía (do grego ἅγιος "santo" e γραφή "escribir")  é a historia das vidas dos santos
[4] Pax. 585 e ss. Tomo II. Diccionario de los Santos. Editorial San Pablo.
[6] Pax. 217. Guerra y religión en la Gallaecia
[8] Pax. 27 . Guerra y religión en la Gallaecia.



Bibliografía

LEONARDI C., RICCARDI A. , ZARRI G. Diccionario de los Santos, Volume II, Editorial San Pablo. Madrid, 2000.
PENA GRANA, A.  San Andrés de Teixido. El camino mágico de los celtas. Equona. Narón,  2006
GARCÍA FERNANDEZ-ABALAT, B. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Ediciós o Castro, Sada, 1990.
GARCÍA CUADRADO, M. D. San Cristóbal: significado iconológico e iconográfico. Murcia, 2000.

 







[1] Pax. 586. Tomo II. Diccionario de los Santos. Editorial San Pablo.
[2] Pax. 583 e ss. Tomo II. Diccionario de los Santos. Editorial San Pablo
[3] A haxiografía (do grego ἅγιος "santo" e γραφή "escribir")  é a historia das vidas dos santos
[4] Pax. 585 e ss. Tomo II. Diccionario de los Santos. Editorial San Pablo.
[6] Pax. 217. Guerra y religión en la Gallaecia
[8] Pax. 27 . Guerra y religión en la Gallaecia.

2 comentarios:

  1. Intersante artigo, parabens.

    BANDUA ven sendo "a que amarra" segundo algúns autores. A raíz BAND- "branco, luz" vencella os raios de luz que mito e simbolismo comparan con fíos (que amarran), como con cabelos. Bandua amarra, como Oghmios, que leva aos que lle seguen encadeados das orellas. Explica André PENA GRAÑA ao respecto verbo o "...dios que nos enseña el Camino al Mas allá, a no tenerle miedo a la muerte, el que reclama que nos enterremos con cuerdas, para atar nuestras almas y conducirlas seguras para que no se pierdan hasta los embarcaderos. Hasta las arenas del paraiso.

    El es el Camino, es Oghmios, es Setanta, el caminante, y se acompaña de piadosos ajentes psicopompos. Es el dios celta del segundo paso del sol, sus epítetos lo hacen equiparable a Mercurio conductor del Hades, y a Hércules..."

    Para o nome de Breogán cadra vencellar outros como Vroican, Brocagenus ou Calogenus en tanto que fillos, respectivamente, do Broc- "xabaril" e de Calo (Joaquín CARIDAD ARIAS) "ocultamento" relacionado ao bosque de Caledon, Calidonia, Brocelandia, Varâhi, etc.

    Breogán "enxendrado no brío de Breo" semella referir a entronización de arquetipo cosmogónico pola que a "soberana, real" luz, que alumea o novo reinado, trascende a escuridade do caos das pre-orixes que lle preceden.

    A cabeza de Bran, tras ser tallada, guía aos seus; tamén Brán fai de ponte entre G. Bretaña e Irlanda para que pasen os seus. Bran sitúase entre dous mundos evocando a totalidade absoluta que comprende o absoluto. Breo ten que ver co solpor das Cíes, entre dous mundos e tempos: a terra e o océano, o día e a noite, como entre os dous conventos galaicos, como o territorio dos celenos e helenos, etc. estructuralmente cosmizados baixo arquetipo máxico ou numinoso.

    Breo pode referir o "Brío" que numinoso move e renova o mundo, Brío paradigmaticamente cósmico, ctónico-uránico, dual, entre dous mundos como parte da mesma totalidade absoluta que o numinoso, na gran Unidade primordial que evoca o mesmo nome de Donón, comprende. Tal Gran Un, proxectado no percorrer do Ano en tanto que ciclo cosmolóxico absoluto, comprendendo senllos contrarios, opostos ctónico e uránico (inverno/verán; día, noite, etc.) tamén mestura os mesmos no mesmo caos e escuridade aos que, cosmogónico, trascende, manifestándose terrealmente para ordenar e civilizar o mundo, o rei Breogán. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Afonso, graciñas polos teus parabens e graciñas polas túas aportacións. Unha aperta

    ResponderEliminar