mércores, 17 de febreiro de 2010

Os Camiños de Santiago e as Rutas do Máis Alá


Dende a última glaciación (de Würm, 90.000 aos 15.000 anos) as rexións do sur da Europa eran as únicas zonas habitables, os homínidos do norte- e tamén os animais- virán pola ruta do norte seguindo as beiras do mar ata chegar ao Fin da terra, o Finisterrae (a futura Gallaecia).
O descubrimento do xacemento da Cova de Eirós, Triacastela (Lugo) no 2008, (onde apareceron vestixios do Home do Neandertal, antepasados dos rinocerontes, dos osos das cavernas, e do Home do Cromañón -xa Sapiens-, correspondentes ás tres fases do Paleolítico dende os 84.000 aos 30.000) parece indicarnos unha ruta ancestral que se perde no inicio dos tempos da humanidade. É a ruta da supervivencia cara a posta do Sol
, estaban abrindo a Ruta do Alén.
Estes homínidos procurarían acercarse o máis posible ao astro solar, o que dá a luz e a calor, e sobre todo, o que nos sobrecolle cando, aínda hoxe, o vemos deitarse pausadamente na nosa costa atlántica.

Restos materiais, arqueoloxía, tradición cultural, lendas, xenética, únense para conformar unha ligazón entre pobos da Europa do Este e da actual Rusia co Finisterre peninsular. E de rexións do mar Negro. Hai 8.000 anos que partiu unha corrente migratoria que non se detivo, por ese camiño norteño que coincide co xacobeo (1).
Entre os 5000-4000 a. C. aparece na vertente atlántica, nas terras da Gallaecia, Lusitania, Baetica, Bretaña, Irlanda, nas Illas Británicas e nas illas mediterráneas a Cultura megalítica de túmulos, son as antas, mámoas ou dolmens. Nas mesmas zonas cara os 2500 a. C. aparecen os petróglifos, símbolos gravados nas pedras sobre todo astrais (laberintos, circulares, solares,..) a nosa terra está inzada deles, non só na vertente atlántica ver: Ulloa en Fotos. Son pobos adoradores do deus solar.
Axiña os pobos indoeuropeos, os pobos vidos do Abrente comezan a trazar as rutas cara o leito do Deus Solar , o paraíso do Máis Alá, alí onde se atopa o Reino dos Mortos(os paradisíacos Campos de Aaru exipcios rexidos por Osiris que, Ra- o deus do sol- traspasa coa súa barca solar cada noite), o Mar dos Mortos dos celtas, o Mar Tenebroso dos púnicos, fenicios e árabes, o Dutika Mere (Rexión da Morte) dos gregos, última estación cara os Campos Elíseos ou ás Illas dos Benaventurados (por isto lle chaman hoxe a Costa da Morte). Procuran a contemplación da morada do deus solar; o Ra exipcio, o Mitra iraniano, o Lug celta, o Apolo grego, o Ianus (Xano) etrusco-romano, o Xúpiter romano, o Sol Invictus tardoromano…

Os diferentes pobos do este buscan esa terras no finisterre galego, mais, tamén, no finisterre bretón, no británico, no irlandés, son as terras desde onde os pobos protocélticos, logo os célticos,fenicios, gregos e romanos constrúen os seus santuarios de adoración aos deuses solares e aos deuses dos camiños. Eses deuses que indican a ruta do Máis Alá ( Bran celta, Hécate, Hermes gregos, Mercurio romano, Melkart fenicio, o Osiris exipcio …). Por iso a arqueoloxía descobre o templo fenicio en Vigo, ou as aras votivas ao Deus Breo (2)(de Bran, Breogán, Brennus, Brannos, etc..) do Monte do Facho en Donón (Cangas), por iso atopamos os trisqueles nas casas do castro de Santa Tegra, ese símbolo que idealiza as tres fases diarias do Sol; o abrente, o mediodía e o solpor, é a forza celestial que sempre camiña, e indica aos homes a súa morada, alí a onde van os vivos e os mortos, por iso a San Andrés, vai de morto o que non foi de vivo. O San Andrés de Teixido (de teixo, a árbore dos mortos), aló onde a Compaña (que non ten nada de santa) campa ás súas anchas, San Andrés onde apareceu a pía oferente de tres cabezas, típica dos deuses dos camiños, aí onde peregrinamos os galegos e galegas ao longo de miles de anos, moitos miles antes da Inventio do sepulcro de Santiago Apostolo no 813(3).

Indicios dos camiños cara o Solpor son recollidos por varias obras recentes: Louis Charpentier (4) e Rafael Lema (5) , recollen a evidencia dos símbolos nas rocas e nas igrexas dos camiños do Solpor; fálannos das rutas secretas, onde templarios e construtores das igrexas dos camiños se comunican entre si, fálannos do Camiño da Oca –animal identificado coas ánimas dos faraóns, ave mensaxeira do outro mundo na cultura celta(6) -, os símbolos templarios e as formas dos pes de oca atópanse en moitas igrexas románicas e góticas do camiño.
É a cultura céltica a que atopamos na nosa terra na antropoloxía, na arqueoloxía, nos textos clásicos. Son, tamén, os pobos célticos os que fan o Camiño do Solpor procurando as Illas Marabillosas. As Illas dos Afortunados das que falan os clásicos, así André Pena Graña(7) propón que existe un camiño de oriente a occidente que nos conduce a esta illa da felicidade, tan anhelada e buscada polos celtas. Aristóteles nas súas Noticias Marabillosas (837,a,7) descríbenos un camiño máxico seguido por Hércules ata Iberia, para roubarlle os bois a Gerión, e as Illas Hespérides para roubar as mazás de ouro;
Afirman que desde Italia ata o país celta e os celtolixios hai un camiño chamado Heracleo (herculino en grego), e se por el camiña un grego ou nativo, é protexido polos que viven cerca, para que non sufra ningunha inxustiza, e que esixen o castigo contra aqueles por obra dos que padecera a inxustiza”.
Aristóteles (837,a,7)
I e que a chamada Torre de Hércules está aí erixida polos romanos nas proximidades de Brigantium, a cidade de Breogán, e desde a Torre de Breogan (é na súa orixe a mesma Torre de Hércules antes chamada Castelo Vello?), Ith, o seu fillo, divisou unha illa, a Illa de Irlanda. O camiño Heracleo do que nos fala Aristóteles é o noso camiño cara o Solpor. Por certo, os galaicos xa tiñamos fama de hospitalarios na antigüidade, manda truco!.
Milladoiro no camiño de Teixido
O Camiño de Santiago é a ancestral ruta cara o Solpor, alí onde o deus solar se deita atópase o mundo do Máis Alá, a onde se dirixen as almas dos mortos (tamén os vivos, máis xa non poderán voltar á súa terra), é o Alén céltico, o Tir na n`Og (A Terra da Eterna Xuventude irlandesa), é o Máis Alá Feliz, onde os mortos viven de novo nun mundo que é moi parecido á terra, aínda que moito mellor. Neste lugar non existe a dor, nin a enfermidade, nin o envellecemento, nin a decadencia; é un mundo cheo de música, festas, beleza, aínda que se seguen producindo os combates entre os héroes (8).
A nosa costa estaba petada de santuarios costeiros : San Xiao de Moraime (Muxía), A Virxe da Barca (Muxía), San Guillerme (Fisterra), San Andrés de Teixido (Cedeira), San Xiao de Trebo (Cariño)(18), O Castro do Monte do Facho (Cangas), Santa Tegra (A Garda), San Xiao do Monte Aloia (Tui)..., son algúns exemplos.
Varias son as rutas que nos levarían ao Máis Alá: O camiño francés que se dirixía a Fisterra e Muxía e o camiño do norte (o cantábrico chamado; Ruta de Agripa en Cantabria) que ía cara San André de Teixido, serían os máis antigos, logo o chamado primitivo seguindo a romana VIA XIX de Astorga a Braga, e os demais recollerían un incesante camiñar cara ao Alén. A Igrexa centralizaría esas rutas en Compostela coa Inventio do Sepulcro do Apóstolo Santiago (i e que non se sabe quen está enterrado na catedral, pero seguro que o Apóstolo non é).
As lendas das Illas do outro mundo coñecidas como Terra da Mocidade, Terra Prometida, Chaira da Felicidade, Terra dos Vivos, Illa das Mulleres, etc… son abundantes na mitoloxía céltica; A Illa de Ávalon do rei Arturo, A Viaxe do clan de Cessair á Illa do Ocaso (9), A Viaxe de Osian, fillo de Finn, á Illa do Solpor(10) , A Viaxe de Bran fillo de Febal á terra dos vivos (11), A Viaxe de Ith, fillo de Breogán á Illa do Ocaso(12), Cuchulainn, moribundo, invitado á Illa da Eterna Xuventude (13), A Viaxe de San Brandán (Navigatio Sancti Brandani) e a illa histórica de Brasil (14),…. Na Galicia temos dous exemplos da busca do Máis Alá nas lendas de San Amaro, o Peregrino(15), recollido por Euxenio Carré , e A Viaxe de Trezenzonio sobre a Gran Illa de Solistición(16) , texto do século XI recollido por Díaz y Día (ambos relatos de sabor céltico angazados polo cristianismo, dous relatos míticos dos que falaremos noutra ocasión).

Castro Donón no Monte do Facho, Cangas
Os romanos levaban anos intentando controlar a ruta do fin do mundo; Xunio Bruto O Galaico, Xulio Cesar, será máis tarde Agripa ás ordes do emperador Augusto, o que consiga, por fin, colocar as Aras Sestianas (Celtici cognomine Neri et super Tamarci, quorum in paeninsula tres area Sestianae Augusto dicatae, Copori, oppidum Noeta, Celtici cognomine Praestamarci, Cileni. ex insulis nominandae Corticata et Aunios. Plinio (N.H. IV,111))(17) no Finisterrae galego, localización que Ptolomeo non especifica certeramente e que da moito que razoar aos nosos investigadores; na Fisterra, en San Andrés de Teixido, en Cabo S. Adrián (Malpica), en Cabo Louro (Rianxo), en Donón (Cangas), en Cabo Touriñán- que Monteagudo identifica co céltico Promontorio Nerio (Promontorium Nerium) etc… No que parece que hai consenso (A. Tobar, R. Étienne,..) é en afirmar que as tres aras corresponden ás tres lexións imperiais; IV Macedónica, VI Victrix e a X Gemina, entón acampadas en Hispania .
Coa colocación das Tres Aras Sestianas no Fin do Mundo o Imperio amosa o seu control das rutas do Máis Alá ao mundo enteiro, ao mesmo tempo, as portas do templo do deus Ianus péchanse e dáse por inaugurada a Pax Romana.
A Se da, xa, católica Iria Flavia buscaría ese enclave relixioso en Compostela dedicado a unha santidade (a Santiago Apóstolo) para focalizar a devoción pagá e non pagá, galega e non galega e, de paso, fortalecer a cristiandade na península ante o carácter adopcionista da Igrexa de Toledo (( tese da “dispersión apostólica”, recollida polo Beato de Liebana, como predicación en Hispania de Santiago o Maior). Ademais, a poderosa nobreza galega coloca os seus alicerces solidamente no Reino da Gallaecia e garante unha alianza perpetua con Roma, así como, un permanente fluír de recursos e xentes.

Pasado o século XVII, a Igrexa Compostelá intenta borrar o último tramo a Fisterra-Muxía, e ordena destruír a Ermida de San Guillerme, mais a tradición ancestral é máis poderosa que as ordes do arcebispado e hoxe aínda se segue saudando o Solpor ao pe do Atlántico en Fisterra e en Muxía.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

(1)Pax. 258 El camino secreto de Santiago
(3)Ver Anexos de La estación del amor al diálogo con la muerte
(4)Os misteriosos camiños de Compostela
(5)El Camino secreto de Santiago
(6)Pax. 74. Os misteriosos camiños de Compostela
(7) San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas
(8)Pax. Mitos Celtas
(9)Pax. 32. San Andrés de Teixido e as Illa do Máis Alá
(10)Pax. 35. Idem
(11)Pax. 37. Idem
(12)Pax. 42. Idem
(13)Pax. 47. Idem
(14)Pax. 41. Idem
(15)Pax. 177. Guía da Galiza Máxica
(16)Pax. 181 Guía da Galiza Máxica.
(17)Pax. 145. La península ibérica en la Geografía de Ptolomeo.
(18) A San Xiao de Trebo chégase por dúas rutas de acceso tradicionais; o Camiño Vello dende Cariño, e o Camiño dos Mortos dende Régoa cruzando a Capelada. Pax. 28. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
Bibliografía
• GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001
• GREEN, MIRANDA JANE. Arte Celta. Ediciones Akal, Madrid, 2007.
• GARCÍA ALONSO, J.L. . La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidad del País Vasco, Gasteiz, 2003.
• LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
• PENA GRAÑA, A. e ERIAS, A. , o Ancestral Camiño de Peregrinación ao Fin do Mundo: Na procura do Deus do Alén http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2006PDF/2006_023_038%20Erias06.pdf
* PENA GRAÑA, A. San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas, Editorial Equona, Ferrol, 2006.
• RAFAEL LEMA. El camino secreto de Santiago. La ruta pagana de los muertos, Editorial EDAF, Madrid, 2007.
• VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia, Vigo, 1998.
• LOUIS CHARPENTIER. Os misteriosos camiños de Compostela. Editorial Toxosoutos, Noia, 2000.
* XOSE LUIS BELLO. A torre de Hécules. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2008.

2 comentarios: