sábado, 10 de outubro de 2009

O Carlismo nas comarcas do Ulla


Ben coñecido é que a Historia está escrita, na súa maior parte, pola clase letrada que durante séculos pertenceu ou serviu ás elites dirixentes. No mundo rural, e sobre todo, na Galiza interior, escasea a narración dos feitos históricos dende a voz dos labregos e comerciantes.
Hai casos puntuais, como os que nos narra o Pleito Tabera-Fonseca, sobre a Revolución Irmandiña dos anos 1467-1469. Os numerosos testigos da Revolta Irmandiña poñen fincapé nas inxustizas, roubos e abusos que tiñan que soportar as clases traballadoras (produtoras) das clases dirixentes laicas e relixiosas(guerreiras, ociosas e pensantes)).

Ata hai ben pouco, a gran maioría dos manuais de historia e, ata as recentes guías locais, mostraban a historia que as clases dirixentes nos quixeron legar, a súa historia. A modo de exemplo: No século XIX, os dirixentes das partidas carlistas son os salvadores do pobo, uns mártires...

Os narradores destes feitos, algúns contemporáneos nosos, esquecen que na lóxica da guerra a barbarie é norma (recordemos a guerra de Iraq), esquecen as atrocidades que realizaron os cabecillas carlistas faciosos como lle chamaba o pobo. Unha excepción é Francisco Vilariño, cronista dezao da época, que narra os sucesos do 10 de xaneiro de 1837 cando a gavilla carlista do facioso Vilanova de Tuiriz, torturou e logo fusilou, a sete soldados na feira da Goleta (Lalín), ante as súplicas e choros dos presentes...

As partida carlistas tiveron gran relevancia nas nosas comarcas entre os anos 1834-1839, onde tiñan apoio do arcebispado de Santiago, o clero rural e da fidalguía rural (de caza e pote), eran os sectores das nosas comarcas que vían perigar os dezmos, o cobro das rendas...

Antonio López natural de San Estevo do Campo (Arzúa), ex - oficial do exército, visitou a Don Carlos de Borbón en Portugal, quen lle estendeu un decreto datado o 10 de xaneiro de 1834, chamando a inserrucción do clero e elementos afíns do exercito. Comezou a súa acción nas comarcas de Sobrado, Arzúa e Melide, invitando a varias persoas a alistarse na súa partida, ofrecendo incluso ata 1.000 reais de entrada. O núcleo inicial da partida formárono entre outros, Don Ramón Duro, Don Andrés Oliver e Juan Viñas -O Capador-, de triste recordo na comarca polas súas atrocidades[1]-.., o seu cuartel xeral,na primeira fase da partida foi o Mosteiro de Sobrado.

Do mosterio de Sancti Spiritus de Melide era o frei Saturnino Enríquez, que se adestrou con Don López ata que constituíu a partida Batallón A Constancia, campou polas comarcas de Curtis, Sobrado e Mesía, cando lle faltou financiación adicouse á extorsión, hai cartas onde ameazaba con queimar as facendas e maltratar ás familias se non se lle entregaba, no prazo de 15 días, 4000 reais. López caeu en Boimorto en 1836, o seu corpo e o de Andrés Mañá foron despedazados polos constitucionais e colocados en diferentes puntos da comarca de Santiago.

A guerra carlista foi a reacción ante a perdida de poder da clase dirixente -clero e fidalguía- (dominante na Galiza rural), contra a novo poder liberal -burguesía e sectores críticos da fidalguía - o seu resultado; a barbarie da guerra. O pobo, coma sempre, entre dous fogos.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com

[1] Barreiro Fernández, XR. Historia Contemporanea Política. Galicia Historia Tomo VII, A Coruña, Eds. Hércules, 1991

2 comentarios:

  1. Coma sempre; un interesante artigo sobre a nosa historia; tan rica e tan ignorada.
    Grazas por todos eles.
    un saúdo:
    Antón

    ResponderEliminar
  2. Antón; Graciñas polos teus parabéns, certamente son gratificantes estes azos, como dicimos na presentación; este blog quere ser un gonzo que abra a porta desa Historia que tivemos oculta tantos anos, esa porta sen fechaduras que pertence ao pobo galego, e para nós ou para calquera galega/o, é unha honra e unha obriga -sabendo- facer virar este gonzo.

    ResponderEliminar