Portada do Colexio de San Xerome |
As portadas das igrexas no medievo contiñan, como quen di, as ilustracións dos libros da época, coas representacións alí labradas pretendíase ilustrar e sobre todo convencer e adoutrinar á poboación. O Colexio San Xerome, é un exemplo disto, portada da sede rectoral na Praza do Obradoiro foi antes o Estudio Vello ( para pobres)- ou Colexio Fonseca-, e antes; Hospital Vello, tamén chamado Hospital de Acibecheiría, atopábase no que hoxe son os xardíns de San Martiño Pinario.
O Arcebispo Alonso II de Fonseca,( aliado natural dos Reis Católicos na Galicia) inaugurado o Hospital dos Reis Católicos no Obradoiro, transforma o Hospital Vello en Colexio de Santiago Apóstolo( 1495-1500) e moi pronto, en Facultade de Artes ou Colexio San Xerome son os primeiros pasos da Universidade de Santiago de Compostela. En 1661 os benedictinos compran á Universidade o Colexio de San Xerome para ampliar San Martiño Pinario, é cando se traslada a portada gótica (1490-1500) ao Obradoiro(1) .
Portada con arco de medio punto con arquivoltas decoradas con 11 estatuíñas en sentido radial e centradas no grupo de Santa Ana, Virxe e Neno (a Santa Ana tripla, tan repetida na iconografía tardogótica); a cada lado, dúas figuriñas femininas e tres masculinas emparelladas entre si dende o centro cara as beiras.
Fernando O Católico vencendo a Afonso V de Portugal |
No tímpano central de liña ondulada pinga un colgante con anxo levando o escudo da familia Fonseca. As xambas están representados á esquerda, de fóra a dentro; San Francisco, San Xoán Bautista e Santiago Apóstolo, á dereita; Santo Domingo, San Paulo e San Pedro(2).
A nós chámanos a atención que ningún autor (que saibamos), aborda a representación do tímpano, só unha breve mención á Inmaculada co neno, mais os dous persoeiros que ten a ambos lados; de quen veñen sendo?:
Escudo dos Fonseca |
Obviamente a da esquerda é Isabel de Castela e o da dereita Fernando de Aragón; os Reis Católicos.
O máis rechamante do tímpano é a escena de Fernando II de Aragón cunha espada perforando un ollo doutro rei, que sen dúbida é Afonso V de Portugal, vencido por Fernando II, que comandaba as tropas de Castela, na Batalla de Toro en 1476, o mesmo ano que Fonseca II (isabelino) e Pardo de Cela (vaia elemento!),entre outros, asediaban sen éxito a Pedro Madruga (3)(aliado de Afonso V e partidario de Xoana a Beltranexa) en Pontevedra.
Castelo de Soutomaior |
Claramente, con esta portada, Fonseca II homenaxea aos Reis Católicos, rubrica o sometemento das forzas nobiliarias galegas (Soutomaior, Andrade, Moscoso,..) partidarias de Xoana a Beltranexa e representadas polo seu adaíl; Afonso V de Portugal ao reino de Castela e Aragón.
Outro motivo curioso desta portada é o anxo rompendo a roda solar, simbolismo relacionado co martirio de Santa Catalina, aquí, sen a figura de Santa Catalina, representaría a fin do paganismo nobiliario galaico coa chegada dos Reis Católicos; a nobreza galega vencida non volverá a pecar loitando contra a Mitra compostelá.
A portada de San Xerome quizais sexa a obra artística da época que mellor reflicte a chamada Doma e Castración do Reino de Galicia.
Cos Reis Católicos comeza a chamada Idade Moderna e o inicio do declive económico, político e cultural do Reino de Galicia.
Post Data: Pedro Madruga = Colón
A. Pedro Madruga era fillo bastardo de Fernán Eanes de Soutomaior, a sinatura de Colón ten a explicación máis acaída na liñaxe dos Soutomaior.
B. Coincide a data de desaparición de Pedro Madruga coa da aparición de Colón.
C. Está documentado o apelido Colón na Pontevedra de inicios do s. XV. A nao capitana de Colón é a Gallega de alcume relixioso; Sta. María (patrona dos Mareantes de Pontevedra), está documentada o fretamento dunha nao chamada a Gallega de alcume Sta. María en Pontevedra o 5 de xullo de 1489, os nomes de dúas testemuñas do fretamento coinciden con dous tripulantes de Colón desaperecidos na Española.
D. Os nomes das terras que bautizou Colón en America coinciden con diversas zonas de Galicia.
E. Colón escribía con galicismos, ningún italianismo.
F. O cronista Francesillo de Zúñiga menciona xa no século XVI a Diego de Soutomaior (fillo de Pedro Madruga) como fillo de Colón, entre outros.
Segundo Alonso Philippot, Colón ao nacer fillo de solteira na Casa da Crus (Poio) tomou o apelido da nai e chamouse Cristovo Colón, en 1440 pasou a ser tutelado polo seu pai biolóxico Fernán Eanes de Soutomaior, este rebautizouno coma o seu avó; Pedro Álvarez de Soutomaior, chamándose popularmente Pedro Madruga, tamén Conde de Caminha.
Logo de quedar sen apoios na súa disputa co bando dos Reis Católicos, o seu carácter emprendedor, innovador e aventureiro levouno a trocar de nome de novo por Colón para encubrir a seu pasado antisabelino.
Máis en Colón, galego de Alonso Philippot Abeledo e http://coloneragalego.blogspot.com.es/
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com.
(1) Pax. 58. . Historia da Universidade de Santiago de Compostela. USC, Santiago de Compostela, 1998.
(2) Pax. 446. Santiago de Compostela. Ciudades. Dolores Vila Jato.
(3) Pedro Madruga vai ser o nobre galego que con máis resolución se opoña ao partido de Isabel a Católica.
Bibliografía
GARCÍA IGLESIAS, J.M. Santiago de Compostela. Ciudades. Xuntanza Editorial, A Coruña, 1993.
VILA JATO, D. El patrimonio histórico de la Universidad de Santiago de Compostela, USC, Compostela, 1995.
BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. Historia da Universidade de Santiago de Compostela, USC, Santiago de Compostela, 1998.
PHILIPPOT ABELEDO, A. Colón galego, Editorial Toxosoutos, Noia, 2006.
Ningún comentario:
Publicar un comentario