martes, 5 de xaneiro de 2016

Santa Susana, a carballeira asemblearia. Santuarios pagáns cristianizados na Gallaecia I


A Paula e ao resto da Cuchipanda que gozan e conspiran ao amparo da Carballeira de Santa Susana


Galicia, como ben sabemos, é país distinto. Dende a prehistoria vaise tecendo unha cultura e historia que a fan única, as expresións relixiosas das grandes civilizacións irán deixando as súas pegadas normalmente sobre a anteriores, a romana sobre a castrexa, a cristiá sobre a galaico-romana...

Hoxe comezamos unha serie onde trazamos os lugares ou santuarios onde a cultura castrexa ou a galaico-romana realizaban os seus ritos ou asembleas e que foron cristianizados pola Igrexa Católica edificando sobre eles os seus templos nun exercicio de aculturación[1].

San Fiz de Solovio
De Outeiro dos Poldros a Carballeira de Santa Susana

Detalle na basa dunha columna de San Fiz
Tempo atrás vimos o caso do nacemento do santuario galego máis internacional; a Catedral de Santiago. Construída sobre unha mansión romana na aba dun monte onde na súa cima atopábase, segundo o profesor Díaz Díaz, o Castro de Ouro ou antes quizás chamado Callobre, sobre o que se construíu a igrexa máis antiga de Compostela;

San Fiz de Solovio, segundo a tradición alí vivía o ermitán Paio, descubridor das reliquias de Santiago Apóstolo. A antiga capela, de orixe descoñecida, foi reconstruída por Sisnando I, bispo de Iria Flavia  a principios do século X, foi destruída por Almanzor e de novo reconstruída por Diego Xelmírez no século XII. Tivo posteriores reformas. O seu famoso e cromático tímpano coa Adoración dos Reis é do século XIV.
Da súa etapa románica só queda visible a cruz antefixa e o pórtico. Nunha basa das súas columnas podemos apreciar as portas do Máis Alá simbolizadas polos arcos de medio punto tan comúns nas estelas funerarias galaico-romanas do século III-IV, atopadas en Iria Flavia, Castro Donón, Vigo ….
Carballeira de Santa Susana antes Outeiro dos Poldros

Dende San Fiz cara a posta do Sol contemplábase a Igrexa do Santo Sepulcro erixida no Outeiro dos Poldros[2] (hoxe coñecido como a Carballeira de Santa Susana), Auterium Puldrorum [3]  no latín típico da vida galega do século XII [4] . Outros castros veciños rodeaban estratéxicamente os de Compostela eran os de San Marcos, o do Cruceiro da Coruña (Meixonfrío)(4b), os de Formariz, do Eixo, o do Castriño de Conxo, de Ramelle, de Vilasuso e de Figueiras[5].

A mediados do século XX varios prehistoriadores e historiadores teñen apuntado a posibilidade de que o  altar da Igrexa do Santo Sepulcro tivese albergado unha mámoa[6]. A construción desta igrexa ás aforas, tan preto da cidade medieval, o nome de Santo Sepulcro, o do Outeiro dos Poldros e a denominación dunha porta da cidade, unha rúa e un pasadoiro co nome de mámoa na cidade dos séculos XIII ao XV[7] indicarían a presenza de varias tumbas megalíticas no entorno, a igrexa do Santo Sepulcro na cima do Outeiro dos Poldros facía pensar na cristianización dun monumento funerario prehistórico.
É indiscutible que a Igrexa do Santo Sepulcro, pese a estar nas aforas da cidade, ao pe do camiño de Iria Flavia, era un lugar idolatrado e moi popular sen dúbida envolto en ritos pagás que á igrexa non lle sería doado dobregalos:
Xelmírez ordenando dous cabaleiros. Tombo Toxosoutos
 No ano 1105, o bispo Xelmírez, seguindo a máxima do Papa Gregorio Magno (s. VI) que propoñía; " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; trasladalos ó día das festas dos santos mártires, co fin de que , conservando algunhas groserías , alegrías da idolatría …", cámbialle a advocación de Santo Sepulcro pola de Santa Susana, virxe e mártir  e reconstrúe a igrexa ….ennobrecida esplendidamente polo venerable corpo de Santa Susana..[8] (en 1102 Xelmírez, coa pillaría que o caracterizaba, convenceu ao bispo de Braga para traerse varias reliquias santas das igrexas da capital galaica, entre elas, seica, o corpo santo de Santa Susana[9]) e ordena que tódolos anos se vaia en procesión ata alí na Pascua e que … despois de celebrar misa solemne coa asistencia do clero e de todo o pobo compostelán, volvese cada un a súa casa contento[10].
Xelmírez reedifica e dota de máis forza simbólica o templo do Outeiro dos Poldros co corpo dunha santa e virxe. A anterior denominación de Santo Sepulcro desaparece, agora a razón de ser do templo é a custodia do corpo da Santa, o novo templo católico ten unha nova inquilina. Seguramente pasaron moitos anos desde a construción da antiga igrexa e a súa función cristianizadora duns ritos pagás nun antigo altar castrexo ou mámoa non dera os froitos esperados, quizás a Xelmírez pareceulle demasiado pretensioso o nome ou era o momento de facer esquecer aos composteláns a razón orixinal de erixir un templo cristián sobre un santuario pagán.

Raíña Urraca. Tumbo A Catedral Santiago
Mais o que é inapelable é que o lugar conserva a súa función de espazo de reunión do pobo, nel xúntanse en comunidade as xentes de Compostela algunhas veces ao ano (de aí a procesión que instaura Xelmírez)  e, sobre todo, nas ocasións de máxima importancia para @s veciñ@s.
No Outeiro dos Poldros é onde se trazan as grandes revoltas d@s veciñ@s de Compostela e arredores nos séculos XII ao XV, a Historia Compostelá, alentada e financiada por Xelmírez, narra as primeiras revoltas populares contra o seu poder señorial e infórmanos que tódolos venres, na Igrexa de Santa Susana, …chamada desde antigo Outeiro dos Poldros[11] reúnese a Irmandade; cóengos menores, burgueses, pequena nobreza e os xentís da cidade …con xente equipada con diversas armas, absolvían aos culpables considerándoos inocentes e oprimían os pescozos dos inocentes[12] (por suposto o cronista da Historia Compostelá trata aos rebeldes como foraxidos). Estas asembleas abertas, onde se reúne todo o pobo, trazan as revoltas cidadáns:


Anos 1116-1117. A primeira Irmandade rebélase contra o bispo Xelmírez e a raíña Urraca -nai do rei de Galicia Afonso VII- (considerada traidora polos amotinados). Ocupan a Catedral, Xelmírez escapa disfrazado e a raíña é golpeada e arrastrada polo chan; …collérona e botárona en terra nunha lameira, raptárona coma lobos e racharon os seus vestidos[13]. A rebelión é aplacada aos tres días   pola acción conxunta dos exércitos de Afonso VII, do Conde de Traba, de Xelmírez e da raíña[14].
Ano 1136. Asaltan ao Arcebispo Xelmírez nos apousentos do seu pazo, apédrano e bótano da cidade. En outubro asínase a paz en Burgos en presenza de Afonso VII, de Xelmírez e representantes da Irmandade[15].
Anos 1319-1320. Revolta contra o dominico francés Berenguel de Landoira (quen lle da nome á Berenguela, unha torre da catedral) polo seu nomeamento coma Arcebispo e señor feudal de Santiago de Compostela. A cidade pecha as súas portas ao Berenguel que se refuxia no Castelo da Rocha Forte, alí chama a negociar aos dirixentes da nobreza e a burguesía da cidade aos que fai asasinar. Asínase a paz na igrexa de Santa Susana o 27 de setembro de 1320[16].
Castelo da Rocha Forte
Anos 1458-1459. Convocatoria da Asemblea de Santa Susana para a organización da Primeira Revolta Irmandiña contra os abusos do arcebispo Rodrigo de Luna, sería o ensaio das futuras rebelións que terían lugar nos anos 1467-1469, acoden tamén campesiños da comarca[17].
Ano 1467. 16 de marzo, última reunión documentada dos Irmandiños en Santiago de Compostela,  na Carballeira de Santa Susana. dende onde marchan as forzas dos Irmandiños contra o Arcebispo Fonseca II (dos últimos arcebispos de capa e espada) e destrúen o Castelo da Rocha Forte ….intensos enfrontamentos en Santiago e nos arredores onde o monte de Santa Susana era un lugar estratéxico[18]. Finalmente no 1469 o Arcebispo consegue entrar na cidade, pese a isto varios burgueses amotinados seguirán formando parte do concello.

Cruz antefixa entrelazada Santa Susana. S. XII
Semellando a plástica castrexa
Mais a partir de finais do século XIV a burguesía compostelá comeza un proceso de redución e cerrazón do concello asembleario, dende a participación multitudinaria condúcese á reunión de persoas contadas e dende a celebración na praza pública celebra as reunións en lugares pechados e privados[19], as reunións no Outeiro dos Poldros serán cada vez máis esporádicas, o proceso asembleario da toma de decisións empeza a esmorecer.
Co transcurso do tempo, e posiblemente coas revoltas dos séculos XIV e XV a igrexa arruinouse.[20] No século XVI a carballeira estaba en poder do Conde de Altamira que a cede á cidade de Santiago. Sabemos que a partir dese século a carballeira pasa a ser un lugar de ocio e celebración, constrúense casas de acollida para pobres no entorno da igrexa, colócanse tendas e tabernas, e comeza a feira de gando que se manterá ata o ano 1971.[21]Mais é moi posible que o Outeiro dos Poldros xa tivese ese uso festivo dende séculos atrás.

A decisión de Xelmírez de fornecer o espírito católico do lugar coas reliquias da Santa Susana deberíase a un intento de impregnar dun cariz máis cristián e acougado o lugar de reunión comunal e popular que se amosa nos documentos medievais.
Hoxe sabemos que o Outeiro dos Poldros, na súa orixe, era un espazo sagrado pagá, é tamén posible que se tratara dun castro como espazo de culto castrexo. 
Cruz céltica antefixa con Agnus Dei en San Fiz. S. XII
Dende tempos prerromanos certos castros facían  a función de lugar de peregrinación e reunión dos populi ou trebas das comarcas castrexas. Estrabón[22] (xeografo grego do século I d. C.) describe como neles reuníanse para facer ofrendas, sacrificios de chibos e cabalos, banquetes, competicións ecuestres, combates ximnásticos, bailes e, sobre todo, reuníanseen asemblea para trazar todos os asuntos xurídicos, de xurisdición e de entronización dos xefes ( princeps) das trebas, todo na honra do deus da guerra, nestas terras; Coso, Bandua, Bran, Breno, Breo, Lug
Que a Carballeira de Santa Susana foxe coñecida como o Outeiro dos Poldros a principios do século XII parece indicar un uso moi antigo do lugar, non esquezamos que outeiro vén do latín altar-altarius, esa denominación, pois, parece estar relacionada cun altar e con cabalos, animal galego por excelencia e sagrado na antigüidade[23]. Parece indicar un lugar de celebracións pagás onde se reunirían as xentes da comarca. Son numerosos os textos antigos onde se relata a importancia da asemblea xeral das tribos entre os pobos célticos, é o órgano de  máxima autoridade e poder de decisión sobre o destino da comunidade, nomea aos xefes que os dirixen na batalla e deroga nomeamentos (24).

Na Alta Idade Media o lugar de reunión dos antepasados composteláns seguiría no seu sitio e as asembleas abertas da cidade medieval trazarán as revoltas contra o mal goberno, como se facía hai séculos.

Pasaron nove séculos dende as asembleas medievais no Outeiro dos Poldros e, aínda hoxe, as manifestacións de protesta máis sonadas de Santiago e do país arrancan ao pe da Carballeira de Santa Susana.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com
Autor: Celso Alberte Magariños Costas

Bibliografía

CARRO GARCÍA, J. Outeiro de Santa Susana, Castro y Mámoa de Santiago de Compostela, Murcia, 1962.
VARIOS. Galicia Arte, Hércules Ediciones S.A. A Coruña, 1984.
EDICIÓN EMMA FALQUE, Historia Compostelana, Ediciones Akal, Madrid, 1994
LÓPEZ TEIXEIRA, X.A. Rex et Regina. Urraca, Afonso e a monarquía galega, Editorial Toxosoutos, Noia, 2013.
LÓPEZ CARREIRA, A. A cidade medieval galega, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1999.
PALLARES, M. C. & PORTELA, E. Historia da Cidade de Santiago de Compostela (Reis, Bispos e Burgueses), USC, Santiago de Compostela, 2003.
BRAVO PINTOS, M. Transformaciones de Santa Susana y la Alameda en Santiago de Compostela. Revista Quintana, USC, Santiago de Compostela, 2014 http://www.usc.es/revistas/index.php/quintana/article/view/1659/3093
LÓPEZ ALSINA, F. La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, USC, Santiago de Compostela, 2013.
GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B. Las rutas sagradas de Galicia. Perduración de la religión celta de la Galicia Antigua en el folclore actual, Deputación da Coruña, A Coruña, 1999.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego, Santiago de Compostela 2007.
BERMEJO BARRERA, J.C. Mitología y mitos de la Hispania prerromana II, Editorial Akal, Madrid, 1989.
VARELA CAMPOS, M.P. Actuacións arqueolóxicas. Ano 2006, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2008.
BERMEJO BARRERA, J.C. Sociedade e relixión na Galicia Antiga, Edicións Lóstrego, Santiago de Compostela, 2008.
MUÑIZ COELLO, J. Los miembros de la asamblea celta. Notas para su estudio. Revista Iberia nº 3, Universidad de la Rioja, Logroño, 2000.



[1] Proceso de adopción e asimilación por parte dun grupo de individuos do modelo cultural doutro, debido ao contacto directo e continuado das súas diferentes culturas.
[2] Pax. 577. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[3] Pax. 2. Outeiro de Santa Susana, Castro y Mámoa de Santiago de Compostela.
[4] Pax. 30. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
(4b) Pax. 125. Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2006.
[5] Pax. 4. Outeiro de Santa Susana, Castro y Mámoa de Santiago de Compostela
[6] Pax. 3. Outeiro de Santa Susana, Castro y Mámoa de Santiago de Compostela
[7] Pax. 9. Outeiro de Santa Susana, Castro y Mámoa de Santiago de Compostela
[8] Pax. 109. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[9] Pax. 94. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[10] Pax. 109. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[11] Pax. 577. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[12] Pax. 577. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[13] Pax. 577. Historia Compostelana, Edición Emma Falque
[14] Pax. 140-144. Historia da Cidade de Santiago de Compostela
[15] Pax. 146-148. Historia da Cidade de Santiago de Compostela
[16] Pax. 154-158. Historia da Cidade de Santiago de Compostela
[17] Pax. 165. Historia da Cidade de Santiago de Compostela
[18] Pax. 140. Transformaciones de Santa Susana y la Alameda en Santiago de Compostela.
[19] Pax. 159. Historia da Cidade de Santiago de Compostela
[20] Pax. 140. Transformaciones de Santa Susana y la Alameda en Santiago de Compostela.
[21] Pax. 141. Transformaciones de Santa Susana y la Alameda en Santiago de Compostela
[22] Pax. 433. Los pueblos de la Galicia Céltica.
[23] Pax. 122 e ss. Sociedade e relixión na Galicia Antiga.
(24) Pax. 226 e ss. Los miembros de la asamblea celta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario