martes, 22 de decembro de 2009

O noso Nadal pagán galego

Tímpano de San Fiz de Solovio Santiago de Compostela. Epifania

Nadal, verba ben bonita que provén do latín natalis-e (día do nacemento).
E, quen naceu aquel día 25 de decembro?; O Sol Invictus (versión romana do deus solar Mitra) que era festexado o 25 de Nadal, ou día da Nativitas (nacemento), o día despois da noite máis longa do ano. Será o último deus oficial do Imperio Romano tardío.
No ano 336 apareceu por primeira vez esta festa no calendario romano, gradualmente foi entrando nas tradicións da Igrexa cristián, ata que no século V, queda ordenada oficialmente, mais xa non coma festa do nacemento do Sol Invictus, senón como o de Cristo. A liturxia católica chama a Cristo, Sol Iustitiae. O emperador Constantino (272-337) seguidor do Deus Sol Invictus será o primeiro emperador que outorgou lexitimidade legal ao cristianismo no Imperio Romano.
Dase a casualidade que no Museo da Catedral de Santiago de Compostela custódiase un altar dedicado ao Deo Invicto, por suposto non está exposto ao público. Sen datos sobre a súa procedencia, no 1902 atopábase no Museo de Amigos do País, en 1909 formou parte da Exposición Arqueolóxica de Santiago. (Pax. 213. Corpus de Inscripcións Romanas).
Ara ao Deo Invicto Sol, Museo da Catedral de
Santiago de Compostela
A festa do inverno por excelencia no mundo pagán era a Saturnalia un festival en honor a Saturno (identificado co deus grego Cronos) que se celebraba do 17 ao 25 de decembro (coincidente, logo, co Advento, comezo do ano litúrxico cristiá). Foi creado por Ianus, o deus romano das dúas cabezas, que recollera a Saturno cando foi derrocado polo seu fillo Xúpiter.
Estas festas, cuxa institución remontábase a moito máis alá de la fundación de Roma, consistían principalmente en representar a igualdade que reinaba orixinalmente entre os homes.
Aínda que orixinariamente duraban so un día, chegaron aos 7 días de festa. Durante estas festas, suspendíase o poder dos amos sobre os seus escravos, e estes tiñan dereito a falar e actuar con total liberdade. Non se respiraba máis que pracer e alegría: os tribunais e as escolas cerraban, non estaba permitida a guerra nin a execución de criminais, nin exercer outra arte que o da cociña, enviábanse agasallos e dábanse suntuosas comidas. Ademais, tódolos habitantes da cidade deixaban de traballar: a poboación acudía en masa ao monte Aventino, para disfrutar do aire campestre. Os escravos podían criticar os defectos dos seus amos, xogar contra eles y estes lles servían na mesa, sen importar os pratos que se romperan.
Ao deus romano Xano ( Ianus), estáballe reservada a Festa das Calendas. Calendas é o primeiro día do mes e significa chamar, invocar.
Kalendae ou Festina Calendarum era unha festa romana que se celebraba o 1 de xaneiro(de Ianuarius o mes de Xano) e duraba cinco días, durante as que a xente reuníase para celebrar banquetes e darse agasallos, una costume pagá que seguiu despois de Cristo incorporada no noso calendario, trátase dos primeiros cinco días de Xaneiro ata Reis, destinados a chamar ao novo Xano, una invocación que se facía ao autor oculto do gran xogo cósmico a quen se lle pide, e incluso se lle esixe, que nos outorgue os seus dons e distribúea os seus bens.

Como vemos dende o Advento ata Reis, na antigüidade, era un período de paz, festas e fraternidade, moi semellante ao esquecido espírito do Nadal, hoxe en día, desaparecido pola ferocidade mercantil das grandes cadeas comerciais.
Tanto a Saturnalia coma a Kalendae tivo nos lexionarios do Imperio Romano -na súa gran parte de extracción humilde- uns seguidores fieis.
Este carácter festivo do Nadal antigo quedou fortemente impregnado na cultura popular da nosa terra, sobre todo, no ámbito rural, onde as panxoliñas son, nalgúns casos, esixentes e irreverentes, só hai que recordar a coñecida estrofa do… quiquiriquí se non nos dás nada caghamo….eiquí.


A Árbore de NadalSan Martiño de Dumio (510-580), o gran bispo e organizador do reino suevo da Gallaecia, na súa obra De Correctione Rusticorum (572?), apunta as correccións que hai que aplicar aos rústicos pagáns da nosa terra;
"¿Velaquí qué clase de promesa e de profesión de fe tendes en Deus?... Pois acendedes velas xunto ás pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas, ¿Qué outra cousa é senón o culto ao diaño?... Derramar gran e viño no lume e botar pan nas fontes..."[1].
Estes ritos pagáns dos que nos fala Martiño suponse que son unha mestura de rituais castrexos, romanos e suevos. A cultura céltica e xermánica, como sabemos, teñen lazos moi fortes entre si, tanto celtas coma suevos veneraban ás divindades nos bosques sagrados,as árbores funden as súas raiceiras na Terra e procuran o ceo coas súas pólas, as diferentes especies teñen as súas funcións; o carballo, é a arbore da fertilidade e do trono, o teixo da morte,…
Mais, sabemos que o rito de poñer velas ás árbores débese a que os xermanos celebraban o nacemento de Frei, deus do Sol e a fertilidade, adornando un freixo perenne, na data próxima ao Nadal cristiá. Esta árbore simbolizaba á árbore do Universo, chamado Yggardrasil, en cuxa copa achar Asgard (a morada dos deuses) e o Valhalla (o palacio de Bodan (Odín); e nas raíces máis profundas estaba o Helheim (o reino dos mortos).
Curiosamente este rito volveu ás nosas terras na segunda metade do século XX, dende terras do norte de Europa, o que son as cousas, algo parecido á noite do Samaín ou Defuntos.

O Cepo de NadalUnha das tradicións máis antigas e de maior raizame, aínda contada hoxe polos nosos maiores, era o cepo do Nadal (en Arzúa cantábanse panxoliñas arredor do cepo do Nadal na praza da vila). Este tronco sería o símbolo do ciclo anual
O cepo do nadal era unha cepa grande de madeira boa, de carballo polo regular, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da estadea, do acompañamento, de serpes, encantos, contos de rir..., e os máis cativos, menos amigos desas lerias, brincaban.
Pero o cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun recuncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboeiras de verán coma no anaco de inverno que aínda quedaba por vir, collíase borralla do cepo de nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos[2].En Catalunya o cepo chamado Tió de Nadal tráellelos agasallos aos nenos.
O Apalpador Outra tradición que se está a recuperar nestes tempos é a do personaxe mítico do Apalpador, carboeiro que sobreviviu nas montañas do leste de Galicia, e que na Noiteboa lles apalpa as barrigas aos nenos para controlar a súa nutrición e traerlles agasallos, José A. López González, investigador da figura do Apalpador ou Pandigueiro, considera ao Apalpador máis antigo que o Olentzero vasco, porque este anuncia a un deus e o noso Apalpador non anuncia nada, é o deus primitivo mudado a través da historia nun personaxe mítico. Coma o Pai Nadal, o Olentzero, o Apalpador é un mito universal das culturas do tronco indoeuropeo[3].


Co cristianismo entrou a tradición dos Reis Magos de Oriente, as cantigas de Nadal e os cantos de reis. Nos últimos anos saíron dous traballos de recolleita destas panxoliñas: Cantigas de Nadal -1998-(Do Fol Edicións) e O Quiquiriquí -2006- (Asociación de Gaiteiros Galegos)[4], ademais do formidable traballo de Mini e Mero sobre os cantos de nadal.

Ata sempre e bo proveito, anosahistoria1@gmail.com

Ei,… Bo Nadal e ollo co quiquiriquí, pois xa se sabe que; se non nos das nada caghamosche eiquí.

[1] Pax. 11. Revista Nós nº97, ano 1932 Tomo V. De Correctione Rusticorum Traducción de Paulino Pedret Casado
[2] http://vello.vieiros.com/nadal-en-vieiros/cepo.html
[3] Pax2 La Voz de Santiago, 19/12/09. La Voz de Galicia
[4] www.oquiquiriqui.com

5 comentarios:

  1. Pois non viña mal recuperar ese tipo de tradicións como a Saturnalia.
    Interesante blog este, con moita información proveitosa.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  2. Moi ben documentado . Dá gusto lelo.
    De feito nós témovos enlazado no noso blog.
    Unha aperta e boas festas.
    Dende as terrasdefriol

    ResponderEliminar
  3. Ben , e xa vexo que vós fixestes o mesmo. Grazas

    ResponderEliminar
  4. Raposo: Eu xa teño uns aniños e recordo na aldea dos meus avós, en Fragoso (Xeve)-por certo, onde se atopou unha ara romana aos Lares Viales-, que o Nadal era un tempo máxico, as filloas, as castañas, as ruadas cantando panxoliñas, eran unhas festas inesquecibles, e sen patacón ningún. Graciñas pola crítica.
    Graciñas, tamén, Friol, hai pouco que demos co voso blog, coñezo Friol, creo que é dos concellos galegos máis agarimoso da nosa terra, o voso traballo de matrícula. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Coma sempre; parabéns polos artigos e o blog.
    Que tenhades un bo nadal.
    Antón

    ResponderEliminar