venres, 15 de xaneiro de 2010

Foucellas; unha noite do 48



O 22 de outubro do 2009 (feira en Arzúa), cumpríronse 101 anos do nacemento do guerrilleiro Foucellas aquel que, coa súa partida de fuxidos, aplicou a xustiza republicana nos anos da posguerra polo antigo partido xudicial de Arzúa e o Deza. Hoxe imos a narrar un suceso que aconteceu naqueles anos, e que, abofé, deuse en máis dunha casa do rural galego.
Dende os anos 1944 e 1947 a sona de Foucellas coma fuxido e guerrilleiro espelido e agudo percorre  toda a provincia coruñesa. No antigo partido xudicial de Arzúa o guerrilleiro ten unha estrutura de apoio ben consolidada.
Son coñecidas moitas das casas de veciñ@s que dan cobertura á guerrilla antifranquista. Casas de veciños e veciñas de Arceo, Andabao, Boazo (Boimorto), Merelas (Curtis), Orxal (Arzúa), O Valló (Fervenzas-Aranga), Ru (Vilasantar), Mande (Bascoi) Alguerrero, Barbeito (Vilasantar), e ata a casa do cura párroco de Mandoio, don Juan, alias Coiote, daban refuxio e sustento á guerrilla.Tamén, por suposto, en Curtis, onde vivía a muller do Foucellas.
Nos primeiros meses do ano 1948, a guerrilla antifascista envía a Foucellas ao mando da V Agrupación Guerrilleira de Galicia, á provincia de Pontevedra. A desfeita na actividade guerrilleira no sur da provincia de Pontevedra e as novas medidas de presión da garda civil sobre a guerrilla na provincia da Coruña; delacións, queima de casa de enlaces guerrilleiros, queima de monte, a morte en emboscada do xefe da IV Agrupación Guerrilleira de Galicia, Manuel Ponte, así como de Manuel Díaz, Avelino Rivas e Manuel Rodríguez precipitan o traslado da actividade guerrilleira de Foucellas cara a comarca do Deza:

Por respecto as persoas implicadas imos gardar a identidade das mesmas. Sen poder precisar a informante a data exacta, o certo é que os días ían medrando e aínda había deberes na escola. estes feitos aconteceron no comezo do ano 1948.


Serían as 8, xa noite, nun lugar da parroquia de Méixome, no concello de Lalín, cando pola porta da cociña entraron cinco homes armados, con escopetas e pistolas- dous quedaran vixiando fóra da casa-.
- Son Foucellas e estes son os meus homes- dixo o máis alto deles.
Os guerrilleiros serían; Foucellas, o Asturiano, Ramuñán, Bazarra, Vicente López, Miguel o Cordeiro e Rueda.
Na casa xa se atopaba toda a familia, Pepe (o fillo que estivera na Guerra Civil servindo no bando nacional), as tres irmás, e unha sobriña destas de 13 anos (a nosa informante) facendo os seus deberes de matemáticas.
Don Emilio, o cabeza de familia, era coñecido, por referencias – a día de hoxe descoñecidas- da partida de fuxidos. Foucellas dirixiuse a el e pediulles serenidade a todos, a partida tiña información sobre a persoa de Don Emilio e sabían que era unha boa persoa, ben apreciada polos veciños e sen filiación política.
Foucellas e os seus homes viñan de deixar recado a un home, falanxista de Santiso (Lalín) para que á noite seguinte lles entregara 40.000 pesetas, os da casa non debían temer nada, polo seu ben, a presenza da partida na casa non se debía comentar a ninguén, se isto chegara a ouvidos das autoridades franquistas, podía traer a desgraza á casa. O franquismo non tiña piedade, como máis tarde se demostrou.
– A nós non nos van facer nada, porque imos fuxir, pero a vostedes vanlle a facer a vida imposible- dixolle Foucellas a Don Emilio.
As armas estaban enriba da mesa de marmol da cociña, no outro extremo estudaba a nena matemáticas, tres dos homes de Foucellas, discutían entre eles como resolver un problema dos deberes da nena. Un daqueles homes tiña acento das Rías Baixas, tiña un seseo cantarín e pavero ao falar, aqueles homes non metían medo.., Foucellas, á beira das cortes, falaba con Don Emilio da delicada situación política, aínda había esperanzas de que Europa, logo da 2ª Guerra Mundial, apoiara a causa antifascista na península.
Ao acercarse a noite pechada, Don Emilio convenceu a Foucellas de que era mellor que foran a outra casa deshabitada propiedade dun caseiro de Don Emilio. Aceptaron e despedíronse cortesmente da familia, deixando, como agasallo, para a nena, 500 pesetas, disque, as que lle quedaban.
Sobre as dúas da mañá, Pepe, afeito a tratar con situacións de risco (na guerra do Ebro vira caer a case todos os seus compañeiros de armas nunha trinchera), levou aqueles homes rodeando o lugar á casa, que case rematada, tiña o caseiro na cima do lugar. O caseiro fora informado por Pepe do estado das cousas. Era un home, bo, leal, rexo, afeito a traballar nas canteiras de pedra, e sobre todo, pobre.
Coas chaves da casa, Pepe instalou aos sete homes na parte darriba da casa, embaixo gardaban as ovellas.
Ao día seguinte as mulleres da casa mataron un cabrito, preparárono e leváronllo oculto nun feixe de herba, aquela noite, a partida de Foucellas, marchou.
Neste ano o 10 de febreiro, nun atardecer frío e desagradable, a partida entrara na casa do ex -sarxento do exército franquista, Marcelino González González, veciño de Palio (Lalín), ao nordés de Meixome, esixíndolle 50.000 pesetas, obteñen 6.000 pesetas, esixíndolle 15.000 para dentro de quince días. Os guerrilleiros, saen da casa de González e diríxense á taberna do coñecido falanxista, Jesús Cuñarro, na veciña parroquia de Cercio, ao que acusan de dar morte a un veciño tres anos antes na parroquia de Palio. Esa mesma noite, dan morte a Cuñarro de catro tiros.
Ao ano seguinte ou máis tarde, o fillo do caseiro, nunha mañá que ía a buscar as ovellas á corte, deu cunha gorra militar tirada no chan, mirou cara arriba e viu a dous homes armados asomados ao trampilla da casa, botou a correr e a berros de; os atracadores, os atracadores…, alertou a tódolos veciños de Meixome, axiña organizáronse os veciños con ghalletos, sachos, fouciños e demais armamento agrario, mais, ao divisar aos sete guerrilleiros armados ata os dentes, a xente liscou e regresou ás súas casas.
O pedáneo da parroquia, cinguiu a sela ao cabalo e, en dirección a Prado, levaba a intención de dar parte ás autoridades da presenza da partida, á salida da parroquia foi parado polos guerrilleiros que, apuntándolle coas armas, preguntáronlle a onde ía, mais o dirixente do grupo, recapacitando, deixouno ir… , sabían que ben daban fuxido antes de que chegara a garda civil e continuaron a súa marcha cara o Monte do Carrio.
Aquel sería o último día que, a nena aquela de 13 anos, soubo do Foucellas, a recomendación de manter silencio sobre a súa presenza, non ía nada descamiñada, a garda civil arrestou ao caseiro e levouno á cárcere de Pontevedra. Foi torturado, mais, nunca delatou a Don Emilio, pasou varios anos en prisión, Don Emilio encargouse de que unha fonda lle levara tódolos días a comida á prisión, e que non lle faltara manutención a súa familia. Ao pouco de saír da prisión, o caseiro, un home pobre, valente, bo e leal morreu.
Aqueles feitos foron mantido en secreto polos membros da familia, ata hoxe.
Santiago, 23 de outubro do 2008.
Celso Alberte Magariños Costas. anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía

LAMELA GARCÍA, V.L. Foucellas. El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952). Ediciós do Castro. Sada, 1992
REDONDO ABAD, F.X. Botarse ao monte,Censo de guerilleros antifranquistas en Galiza (1939-1965) , Edicios do Castro, Sada, 2006.

Ningún comentario:

Publicar un comentario