mércores, 20 de xuño de 2012

Santiago condutor de mortos e vivos, cristianizador á forza


Santiago cabaleiro na Catedral de Santiago

O Codice Calixtino (s. XII) é o libro máis antigo e famoso - agora tamén pola súa estraña desaparición- da obra denominada Liber Sancti Iacobi . Recolle no seu Libro II, Os Milagres de Santiago, nel relátanse extraordinarios feitos onde Santiago acude en socorro dos seus devotos seguidores, preséntasenos Sancti Iacobi coma liberador de  presos cristiáns, curandeiro de enfermos, resucitador de mortos e salvador de afogados.
En dez milagres salva da morte e dos perigos do mar a varios devotos. Vexamos algúns deles:
Capítulo III. Do neno que o Apóstol resucitou de entre os mortos nos Montes de Oca. (Papa Calixto)
Santiago Mataespañois. Foto do Museo das Peregrinacións
Nárrase o milagre no 1108 en Francia, un home que non pode ter fillos, peregrina a Santiago de Compostela para que o Apóstolo interceda por el ante Deus e lle dea un fillo, o rogo cúmprese e coa idade de 15 anos, o neno chamado Santiago e os seus pais peregrinan a Compostela, nos Montes de Oca, o neno morre, a nai fóra de si, roga a Santiago que obre o milagre, e así se fai.
O supostopapa Calixto reflexiona sobre o poder de Santiago, un morto que é capaz de resucitar mortos é moi estraño, ata ese ano ningún morto resucitara a ningún morto. O poder de Santiago vén de que vive realmente con Deus.
Santiago é pois un Santo Apóstolo de primeiro orde, vive con deus, pódese dicir que é un semideus. 
Capítulo IV. Dos trinta lorenses e do morto a quen o Apóstolo levou nunha noite desde os portos de Cize ata o seu mosteiro. (Mestre Huberto, canónico de Besançon)
Ano 1080, das terras de Lorena van uns 30 cabaleiros peregrinar a  Santiago, prométense axuda mutua todos menos un, enferma un deles e durante 15 días lévano entre todos, pero aos pes dos Portos de Cize, déixano quedar, o que non prometera nada, axúdao ata chegar ao cume da montaña, alí o enfermo morre e é levado por Santiago ao paraíso, o cabaleiro acompañante, no medio da noite e só co cadáver, roga a Santiago que o auxilie, aparéceselle Santiago en forma de soldado montado a cabalo, o soldado, collendo ao morto nos seus brazos, díxolle ao vivo que subise ao cabalo, que fora diante del, nunha noite recorreron a distancia de doce días, ao chegar a Compostela o soldado identificouse ante o vivo coma o Apóstolo e pediulle que dese sepultura ao morto na cidade santa.
Santiago que xa conducira a alma do morto ata o paraíso, acompaña ao bo peregrino ata Compostela, para dar sepultura ao corpo sen vida.
Catedral de Santiago de Compostela
Capítulo V. Do peregrino colgado a quen Santiago salvou da morte, aínda que estivo pendente no patíbulo trinta e seis días. (Papa Calixto)
Ano 1000. O fillo dun peregrino alemán que ía a Compostela é acusado falsamente por un taberneiro de Tolosa, a xustiza condénao á forca, o seu pai segue a súa peregrinación ata o sepulcro de Santiago, á volta, logo de 36 días o seu fillo segue colgado pero vivo e dille: "Non chores, amantísimo pai, o meu castigo, non é tal; máis ben alégrate, que mellor me está indo ca en toda a miña vida pasada. Porque o santísimo Santiago, sosténdome cosas súas propias mans, reconfórtame con toda a súa dozura". Este feito probara que o taberneiro acusarao en falso e estafara aos peregrinos polo que é aforcado alí mesmo.
Unha vez máis, o poder de Santiago sobre a vida e a morte é evidente.
Capítulo VIII. Do bispo que, salvado do perigo do mar, compuxo un responsorio a Santiago. (Papa Calixto)
Ano 1102. Unha onda do mar arrastrou dun barco a un prelado e varios acompañantes, invocado Santiago, preséntase este decontado e fai que a nave volva e o mar devolva aos pasaxeiros a bordo. O bispo agradecido peregrinou a Compostela e compuso o seguinte responsorio; "Oh, auxilio de tódolos séculos, honra dos apóstolos, luz resplandecente dos galegos, avogado dos peregrinos, Santiago, vingador dos vicios, desata as cadeas das nosas culpas e condúcenos ao porto da salvación. Ti que axudas aos que a ti claman cando están en perigo, tanto no mar coma na terra, socórrenos agora e na hora da nosa morte. Condúcenos ao porto da salvación".
Santiago no altar da Catedral

Santiago conduce aos seus fieis en vida e na morte ao porto da salvación, é o santo guía cara ao paraíso, é a mesma función dos deuses dos camiños.
Capítulo XVI. Do cabaleiro quen en agonía de morte e oprimido polos demos, liberou o Apóstolo por medio do báculo dun mendigo e o saquiño dunha muller nova. (San Anselmo, arcebispo de Cantébury)
Santiago evítalle a Mala morte a un cabaleiro peregrino acosado polos demos, despois, aquel descansou cunha Boa Morte.
Ata ben pouco no noso país, as persoas maiores preto do seu fin, preparábanse psicoloxicamente para a morte, despedíanse dos seus amigos e familiares con delicia, érase consciente de que se ía a un mundo mellor, un mundo de delicia e paz, era o espazo da Boa Morte polo que había que pelexar ou rogar, hoxe en día, en Laxe, no Venres Santo, sae coa noite pecha  a Procesión do Santo Enterro onde se cantan por quendas de mulleres e homes o Rosario da Boa Morte que di así; "Pola túa santísima morte, dános Señor boa morte".
Co tempo este Santiago curandeiro, condutor de mortos e vivos, labores innatas dos antigos deuses dos camiños, trocará as súas funcións exclusivamente benéficas polas case exclusivamente bélicas. A partir de mediados do s. XII, os monarcas necesitan a súa bendición nas liortas contra o Islam, precisan o guía exultante que aniquile ao inimigo con so a súa presenza, necesitan recuperar o carácter guerreiro dos deuses dos camiños. No 1220 aparece o Santiago armado cabaleiro sobre o cabalo no tímpano da  catedral, a imaxe do Apóstolo azoute dos xudeus e musulmáns irase espallando na Idade Moderna, os Reis Católicos, no 1493, na súa peregrinación a Compostela se encomendarán ao Apóstolo para completar a conquista do Reino de Granada.
Miniatura de Santiago peregrino s. XIV. Ermita San Guillerme. Fisterra
Esta imaxe bélica que lle proporcionará protección monárquica e poder económico, fíxolle perder devotos e peregrinos, mais traduciuse en abundantes rendas para a súa catedral; logo, isto convertería ao Apóstolo en obxecto de ataque ideolóxico e, entre a xente corrente, nun santo pouco popular cuxo nome non se poñía aos nenos[1].
Esta imaxe bélica de Santiago fai ensombrecer a función de santo protector dos camiñantes que tiña nun principio, outros santos coma San Xulián, San André ou San Cristovo collerán o relevo entre os peregrinos que camiñan cara o Solpor. Esta imaxe bélica e as onerosas rendas episcopais de Santiago, co tempo, farán da peregrinase a Santiago unha cousa de xente de afora, os romeir@s galeg@s peregrinan a San André de Teixido, aos Milagres, a San Xiao de Trebo, ao Corpiño, a Santa Mariña de Augas Santas, etc…
Santiago é, sobre todo, o santo cristianizador, o santo que combate o profano. A lenda da Translación do corpo de Santiago, recollida no Libro III do Códice Calixtino, fai mención a un ídolo pagán que ocupa o lugar onde os sete discípulos de Santiago empéñanse en sepultar ao santo, a súa teima é destruír o ídolo, acabar cos ritos pagáns e cristianizar aquel lugar ocupado pola divindade indíxena, co extraordinario poder de Santiago, é a práctica que a igrexa católica segue con case todos os santuarios pagás. Pese as malas artes da Raíña Lupa os seguidores de Santiago conseguen vencer ás tropas de Duio, ao dragón do Pico Sacro e amansar os salvaxes bois que transportarán o corpo santo ao chamado no s. IX; Libredón-LiberumDonum-( Zona libre) da futura Compostela.
San André de Hío
O lugar tratábase dunha villae ou mansión romana (Asseconia?) onde se realizaban enterramentos ininterrompidamente ata o século VI. Existiu un santuario pagán no Libredón? , adorábase a alguén no lugar?, a quén?.
Situado na ladeira do monte ao pe dun castro, o espazo do enterramento sería escollido polas súas boas comunicacións, pola súa seguridade ante ataques do exterior e, tamén, quizais, pola asimilación á nova relixión dunha divindade indíxena de grande popularidade entre os antigos galaicos ou por ser o sepulcro de tres personalidades veneradas dende finais do século IV (Prisciliano e os seus seguidores?) e meta de peregrinacións?.
 É evidente que no século XII cando se escribe o Códice e en plena construción da catedral, os restos romanos da antiga villae ou mansión e os enterramentos pagáns estiveron á vista, e, posiblemente, os ritos antigos continúen pese á cristianización, a pedra dedicada a Xúpiter do piar do altar pode que indique a importancia da identidade da divindade dun ídolo pagán (Lug, Bran, Breo ou Breogán?), aínda que non hai que esquecer que Xúpiter, sobre todo durante o Imperio, é o deus oficial que debía rexer en tódalas instalacións da administración romana. É posible que eses cultos se mesturasen coa peregrinación ao sepulcro do século IV.
Ara dedicada ao Deus Breo.
Donón, Cangas do Morrazo
Fose coma fora no espazo Libredón destruíse o ídolo ou todo signo herexe para construír o sepulcro de Santiago Apóstolo. O suposto corpo de Santiago cristianizou un suposto santuario pagán ou un sepulcro herexe na futura Compostela.
Santiago, pola súa condición de Apóstolo e achegado a Cristo, valeuse só para o labor de cristianización en Compostela. Mais noutros santuarios indíxenas fixo falta o apoio de varios santos encargados de guiarnos cara o paraíso; na ruta cara o castro de Donón, onde apareceron as 172 aras dedicadas ao deus dos camiños, Deus Lari Bero Breo, temos a San André en Hío (onde o día de San Roque celébrase a antiquísima Danza  dos Peregrinos), San Amaro en Aldán e o propio Santiago en Donón.

Ata sempre e bo proveito, Gonzo anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía


REY CASTELAO, O. Los mitos del Apóstol Santiago, Nigratea, Santiago, 2006
CÓDICE CALIXTINO, O CODEX CALIXTINUS EN GALEGO, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2009
XACOBEO 2004, Padrón, Iria y las tradiciones xacobeas, Xunta de Galicia, Santa Comba, 2004



[1] Pax. 24. Los mitos del Apóstol Santiago