A ermida de Santa Trega, no concello da
Guarda, é un dos lugares de culto cristián máis antigo de Galicia, atópase no
cumio do monte que acolle a cidade ou citania castrexa do mesmo nome, esta é unha
das máis grandes atopadas na Gallaecia[1]. As
últimas escavacións arqueolóxicas realizadas sitúan a fundación do castro,
cando menos, sobre o século IV a.C.[2], o
seu abandono sería sobre o I d. C., con reocupacións esporádicas en épocas
tardorromana e sueva, aínda que os arqueólogos constatan unha mínima ocupación
continuada na cima da citania, no entorno da ermida, por motivos estratéxicos[3]. Hoxe
en día, calcúlase que so hai á vista un 5% do mesmo[4].
A Santa Trega
Coñecemos a vida de Santa Trega polo
texto apócrifo[5] Acta de
Paulo e Thecla (s. II d.C.), onde se narran as peripecias da moza Trega de
Iconio (Galacia[6],
Turquía) que renegou dun matrimonio pagá e entregouse a Cristo polo que foi
sentenciada ao martirio e condenada á fogueira que unha repentina tempestade
apagou. Trega coñecerá ao Apóstolo Paulo e con el recorrerá Antioquía onde é
guindada aos leóns que se renderán mansamente aos seus pes. Logo de varios
intentos de martirio é liberada e co consentimento de San Paulo, traballará en
calidade de apóstolo, difundindo o cristianismo.
Santa Trega, Foto de Infogauda |
En maio do 384 d.C. Exeria, a primeira
escritora galega en latín popular, narra no seu Itinerarium pola Terra Santa a visita que fai á igrexa rupestre e
sepulcro de Santa Trega -hoxe chamada en
turco Aya Tekla- na antiga Seleucia[7],
na provincia de Mersín (Turquía). Había setenta anos que a cova fora
establecida como lugar de culto cristián clandestino.
Parece que nunca saberemos se serían as
novas de Exeria, dos lexionarios, dos mercadores romanos ou dos galaico-romanos
cristianizados os causantes de que arredor de finais do século IV principios do
V d.C., na cima da cidade castrexa do monte que controla a desembocadura do río
Miño, comezáraselle a render culto á protomártir Santa Trega, avogada da cabeza e do corazón, patroa
da comarca do Baixo Miño.
O
templo de Santa Trega conta con dúas reliquias que lle elevaron o seu prestixio
a mediados do século XX; un fragmento, do tamaño dunha noz, dun brazo da santa
doado polo Arcebispado de Tarragona[8] e un Lignum Crucis (anaco da cruz de Cristo) que pertencera a Frei
Rosendo Salvado[9].
Está documentado que séculos antes do
XII, estaba xa en uso o reunirse os ermitáns da comarca en tempo do
estío, xuntamente cos do monte de Santa Trega para consagrarse a colacións
espirituais e a exercicios públicos de penitencia e oración, coa concorrencia
do clero e fieis do país[10].
Sepulcro de Aya Tekla en Turquía |
A Regra ordenará o mantemento da ermida,
os días de festa relixiosa, os salmos, os costumes, .…
No século XIV, coñecido en Europa
coma o século dos Mortos ou da Peste
Negra, concretamente no 1355, na Guarda cumpríase o sétimo ano de seca. Conta a tradición que Santa Trega aparecéuselle a unha pastora dicíndolle que era vontade de
deus que se fixesen penitencias e rogativas no monte da santa para conseguir o
beneficio de chuvia. Monxes, eclesiásticos e fieis subiron ao monte e ao día e medio choveu. Creouse o día do
Voto a Santa Trega, todos os anos na
Ascensión de agosto se debía subir ao monte para purificar as almas e xaxuar a
pan e auga tres días[13]. Foise
modificando pouco a pouco de tres días pasou a un e, no 1599, ante a
evidencia de que os praceres da carne derrotaban aos espirituais neses días de
romaría, prohibiuse a subida ás mulleres
baixo pena de excomuñón[14].
Hoxe en día seguramente non existiría O Voto se non fora polas mulleres da
Guarda.
Marcas poveiras. Foto de Outono.net |
Os pescadores de Povoa de Varzím -que se
atopa a cen quilómetros ao sur- gravaban
dende antigo na vella porta do
santuario as súas marcas familiares poveiras (que algúns autores relacionan
coas runas viquingas) coma testemuño da súa visita e devoción pola protomartir
Trega. Unha reprodución daquelas marcas atópase nunha pedra á entrada do adro.
Todos este feitos históricos danos idea
da importancia que tiña o santuario do monte de Santa Trega máis alá da súa
comarca, unha relevancia que, sen dúbida, viña de tempos moi afastados. Que non
se abandonase o culto nunha zona tan apartada e de difícil acceso tiña que ver,
á forza, coa tradición de monte sagrado dende épocas ancestrais.
Dos petróglifos aos trísceles
O monte de Santa Trega ten pegadas
humanas en forma de gravados rupestres dende o Neolítico. Os máis de 16 grupos de petróglifos dentro das murallasda citania e as 12 fóra dos muros
indican a presenza humana no Trega dende os 3000 aos 2000 a.C.. Estes gravados
rupestres son na súa maioría círculos concéntricos, moitos con cazoleta
central, espirais, cazoletas e unha figura serpentiforme dun metro.
Petróglifo dentro das murallas da Citania de Santa Trega Foto do blog Castros Galaicos |
Un dos petróglifos máis coñecido do
Trega é a Laxe Sagrada ou Laxe do Mapa, situada no Pico de San Francisco, Saco
Cid[15] fixo
un estudio pormenorizado deste petróglifo e chegou á conclusión de que se trata
do mapa do monte, onde se indican os camiños de subida á cima.
Tal número de grupos de gravados (preto
de 30 grupos) relacionados coa simboloxía astral son moi significativos e
ilústrannos da atracción espiritual que o monte exercía sobre a poboación
indíxena da comarca e sobre os forasteiros.
Monte Trega dende a praia de Moledo (Caminha) |
Aparte do control xeográfico-estratéxico
da comarca, - Trega atópase na desembocadura do río Minius (Miño), a entrada
natural de Tude (Tui)- a súa altura de 344 m. sobre o nivel do mar é ben
visible dende quilómetros á redonda e, sobre todo, dende máis de 35 millas no
océano. Os mercadores púnicos, gaditanos …. que dende os séculos VII a.C.
comerciaban coa poboación nativa de Abobriga -nome prerromano de Santa Trega- terían un referente estratéxico
inconfundible ao aproximarse á actual Galicia.
Foto de Patrimonio Nacional Galego |
O culto ao sol no monte guardés non
cesará co transcurso dos anos e na época
castrexa, certos habitantes do castro, seguramente os da clase dirixente, decoran
as súas casas con trísceles, nós, roda solar, espirais e rosetas. As rosetas, as rodas solares e trísceles
son o símbolo solar por excelencia. O tríscele representa o sol no seu
camiño durante o día; o amencer, a tarde e a noite, son símbolos de aparición
moi temperá, sobre o século V a. C.[16]. Seguramente
o tríscele sería un poderoso emblema talismánico, quizais apotropaico, que
afastaba o mal e traía boa sorte, polo tanto, protexían as casas e a xente que
albergaban.
Cruz de aspa inscrita nun cuadrado. Museo de Santa Trega |
Por suposto, non podía faltar o
imaxinario popular; a Lenda do Trega
di que no monte hai tres pedras máxicas (
de novo o máxico número tres na cultura céltica) , cada unha delas agacha un espírito
diferente; o ouro, o lume e a auga, se erguéramos a do ouro seriamos ricos para
sempre, de upar a do lume; monstros que lanzan lapas de lume queimarían toda a
comarca, e de levantar a da auga; alagaríase a terra. Tamén se di que en
Camposancos había unha fada moi vella que levaba aos vellos
ao Monte de Santa Trega para que alí morresen comidos polos lobos ou polas súas
doenzas[17].
O
Monte de Santa Trega é unha marabillosa lección en pedra da evolución da
relixión dos primeiros habitantes desta terra, sempre como motivo o sol e os
astros, pasaron de realizar petróglifos a trísceles, rodas solares e rosetas.
O Hércules do Trega
Entrada á cova-sepulcro de Aya Tekla |
As escavacións
do ano 1994 no interior da ermida
deixaron á vista que o santuario do século
XII estaba construído sobre os cimentos
de casas castrexas e ao retirar as lousas do presbiterio apareceron restos de escaleiras e portas
abertas en roca viva, signos do eremitorio orixinal paleocristiá
(probablemente de época sueva) ao modo das ermidas de Terra Santa de Oriente e,
por suposto, da igrexa - cova de Aya Tekla.
No ano 1862 uns canteiros que traballaban
preto da ermida atoparon unha estatuíña
en bronce de Hércules[18]de 18
cm que representaba ao deus saíndo do Horto
das Hespérides (o xardín dos deuses) coas mazás de ouro no seu penúltimo Traballo[19]. Son
as mazas de ouro que garanten a vida eterna e a fecundidade. O Xardín das Hespérides atopábase no
Occidente Extremo, no límite do Outro Mundo, máis alá do río Océano[20].
As partes altas dos castros eran as
zonas de residencia da elite castrexa, era, ademais, onde se atopaba a croa, o lugar destinado a realizar os
ritos e oracións aos deuses. Os cumios dos montes son para as relixións pagás
lugar de adoración ao sol e a os astros, son os lugares onde os devotos están
máis preto do ceo, das divindades. Os romanos aceptarán eses costumes
adaptándoos a súa relixión, algo que fará tamén a Igrexa anos máis tarde.
Onde apareceu a estatuíña ao deus Hércules tivo que haber un templo
ou un lararium (templetes ou
ornacinas onde colocar aos deuses da casa).
Hércules, o Heracles grego, o deus protector dos rabaños, o heroe invencible, é o deus civilizador, primeiro dos gregos
cos santuarios de Heracles en Italia e Sicilia, e logo dos romanos e púnicos,
un exemplo é o santuario de Hércules-Melqart
en Gadir (Cadiz)[21],
Hércules nas súas viaxes, ensina a tecer,
o cultivo da oliveira, a construción das casas e a organización das
cidades. Baixa
aos infernos e viaxa ao Alén. Hércules viaxa no seu 10º Traballo ao país
onde se deita o sol, o outro mundo, para liberar o gando cósmico das garras de Xerión
(o monstro de tres cabezas e tres corpos de aspecto humano) que personifica o
caos, Hércules simboliza o triunfo da
civilización sobre a barbarie[22].
Ídolo castrexo do Trega, século I.a.C. Museo Santa Trega Foto de Dólmenes y Menhires |
Hércules é o heroe que máis acaído para redefinir os mitos dos pobos
indoeuropeos, a chegada ás costas galegas de púnicos
e romanos, atraídos polas riquezas en ouro e estaño, traerá consigo a
aculturación e redefinición dos mitos indíxenas. Se Hércules é un heroe civilizador, e estas elites (as da citania de
Santa Trega) vincúlanse ao seu culto, é bastante probable que estean
redefiniendo a súa memoria e mitos fundacionais[23].
Hércules na copa do deus Helios cara o Xardín das Hespérides. Cerámica século IV a.C. |
Hércules é o deus grecorromano que a
cidade púnica de Gadir (Cádiz) acolle para asimilar ao seu deus fenicio Melqart
ou Melkart, que, ademais de deus dos colonizadores ,
era o deus do inframundo e dos mortos[24]. A
iconografía do Hércules de Santa Trega é a mesma que a do Hercules Melkart de
Cádiz[25],
coas mazás de Hespérides, esta é unha estatuíña de máis de 22 cm. -hoxe símbolo
do Museo de Cádiz- que repite as formas que tiña o Hercules Melkart do gran
templo púnico de Gadir e que coñecemos polas moedas da época de Adriano.
Hércules é un dos heroes -semideus aínda- que descende ao Hades (o Máis Alá
greco-romano) e volve á terra. As terras galaicas son consideradas polos romanos como as terras onde se atopaba o Hades. Decimo Xuno Bruto, alcumado o
Galaico, nas súas campañas de castigo en terras lusitanas do 137 a.C. chegará ata o río Limes, o actual Limia,onde a tropa negárase a avanzar,
consideraban que este era o lendario río Lethes (Esquecemento) -un dos cinco
ríos que levaban ao mítico Reino de Hades-
Barrio Mergelina onde recentemente atopouse unha cabeza cortada e unha gruta do século IV a. C. |
Bruto
cruza o Limia chamando polo nome aos seus soldados, pero máis adiante, chegando ao río Miño (poida que no entorno do Trega) é onde Bruto decide retornar a Roma logo
de que, en palabras do historiador Floro; ....non retirou os seus estandartes antes de descubrir, non sen certo medo e horror de sacrilexio, o Sol que cae no mar e o lume xurdido da auga.
O sacrilexio era chegar tan lonxe nas proximidades
do Hades. Estaban diante do lugar onde a divindade solar morría para resucitar
pola mañá seguinte no Este.
Logo de este coñecidísimo episodio as
tropas romanas volverán a percorrer as costas galegas en busca de riqueza antes
da definitiva conquista do territorio; PublioCraso no 95 a.C. e Xulio Cesar no
67 a.C.
Sería a administración romana ou os
comerciantes púnicos, o caso é que nestas terras, onde os romanos cren que se
atopa o Hades, había un deus indíxena moi semellante ao deus Hércules Melkart,
o deus que protexía aos viaxeiros, o comercio (do que no castro atópanse
múltiples probas; dende ánforas púnicas a vidros romanos), o deus dos camiños e dos mortos. Os dirixentes da cidade castrexa
de Santa Trega, adoptarán a atractiva escultura de Hércules para canalizar a
súa relixión cara unha nova realidade.
Como no caso de Cádiz, onde o deus
fenicio Melqart é substituído
progresivamente polo romano Hércules, a divindade castrexa sería substituída
progresivamente polo Hércules gaditano. Ese Heracles de Cádiz que é representado
co mesmo tema que a figura de Santa Trega; o Hércules coas mazás de ouro saíndo
do xardín das Hespérides
(que para os romanos do s. I d. C. andaría por estes paraxes[26]).
Hércules de Cádiz |
Ara dedicada ao Deus Lar Breo do Monte do Facho, Donón (Cangas) |
Como vimos Hércules é un deus viaxeiro,
que protexe o gando, que viaxa ao Alén, sumamente forte e guerreiro (é capaz de
arrebatarlle a copa ao mesmísimo deus
solar Helios para desprazarse
polo ceo), son calidades que ostentan os deuses dos camiños da antigüidade,
será o ideal para asimilar ao deus Bandue,
Bran, Brenus, Breogán, Breo (do Facho de Donón), un labor que despois da
conquista farán os Lares Viales[27].
A principios do século V d.C. o
estratéxico enclave da citania de Santa Trega será ocupado por guerreiros
xermanos do pobo dos suevos, traerán
consigo os seus costumes e nomes; o
topónimo da Guarda vén do xermano; wardōjanan, que significa
guardar, reservar, un nome ben acaído á zona resgardada e de bo calado fronte o
Atlántico. Trairían, tamén, ao seu deus Donar (o Thor escandinavo) o deus do trono, da chuvia e das colleitas, é
o deus que protexe aos campesinos e artesanos nas batallas, nalgunhas aldeas
suevas era considerado deus supremo, os
romanos asimilárono nuns casos a Xúpiter, noutros a Hércules.
Mais no 449, o rei
do Reino Suevo de Gallaecia, Requiario, abraza o cristianismo romano,[28]
polo que os
novos señores da Guarda chegarían a unha tregua ou acordo (por certo, do
xermánico trewwō que daría en latín, treuga, tregua),
para aceptar a santidade cristiana Trega no cumio do monte sagrado da súa xurisdicción.
Deus Donar |
Non podemos asegurar
a cantas divindades se lle ofreceu culto no monte Trega, máis é indubidable que
todas os devotos das diferentes relixións que moraron o monte de Santa Trega durante máis de 5000 anos
sentiron recibir os favores da súa divindade con exito, en certos casos de xeito rotundo, como no miragre da tormenta do ano 1355.
So podemos
resaltar un feito doloso; a profanación da Santa Trega no ano 1952, a imaxe da santa
fora enviada a restaurar e apareceu pintada con bigotes e con manchas en cara e
mans, o párroco Agustin Nandin devolveuna para restaurar de novo, indicando; “no sabe Vd. el disgusto que he tenido con
esto, y es pena porque la pintura había quedado a mi gusto”[29].
Púlpito dos Cregos, ao fondo a Ermida de Santa Trega Foto cedida por Jose A. Uris |
Para rematar; pedimos disculpas por non ser capaces de ofrecer algunha instantánea da paisaxe que se contempla dende calquera dos dous picos do monte, ningunha reflicte a inmensa beleza que se divisa. Aconsellamos subir ao Trega e comprobalo por un mesmo.
Ata sempre e bo proveito, celsomagarinhos@gmail.com
Autor: Celso Alberte Magariños Costas
Compostela, 12 máis 1 de xuño de 2017
Bibliografía
LÓPEZ PEREIRA, X.E. Exeria. Viaxe a Terra
Santa, Edicións Xerais S.A. Vigo, 1991.
VILLA ÁLVAREZ, J.M. Una reliquia de Santa
Tecla en A Guarda: Homenaje a Agustín Nandín, Concello de A Guarda, A Guarda,
2001.
DOMÍNGUEZ FONTELA, J. Seminario La Voz del
Tecla números do 427 ao 447. A Guarda, 1919.
MARTÍNEZ TAMUXE J. Don Juan Domínguez Fontela. Notable
historiador e ilustre guardés, Revista
Tuy. Museo y Archivo Histórico Diocesano, nº8, Tui, 1998.
PENA GRAÑA, A.
& ERIAS MARTÍNEZ, A. O ancestral
Camiño de peregrinación ó Fin do Mundo: Na procura do deus do Alén, Briareo,
Berobreo, Breogán, Hércules, Santiago… Revista Anuario Brigantino nº 29.
Pax. 23-38. Betanzos, 2006. http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2006PDF/2006_023_038%20Erias06.pdf
ORIA SEGURA, M. Distribución del culto a Hércules en Hispania según los testimonios
epigráficos. Universidad de Sevilla, Revista Habis Nº 20, Sevilla , 1989.
GARCÍA Y BELLIDO, A. Esculturas romanas en Galicia, Cuadernos de Estudios Gallegos,
fascículos 72-74, Santiago, 1969.
SANTOS CANCELAS, A. El Hércules de Santa Trega y el middle-ground (punto de encontro) de
la religión castreña, Revista Pyrenae, nº 46 vol.1, Universitat de
Barcelona, Barcelona, 2015.
LÓPEZ CARREIRA, A. Martiño de Dumio, a creación dun reino. Edicións do Cumio, S.A.
Vigo, 1996.
CAAMAÑO J.M., CARBALLO L.X. e VÁZQUEZ M.A. Aproximación arqueológica al poblado
galaico-romano de Santa Trega a través del estudio del material vítreo,
Revista Gallaecia nº 25, Santiago de Compostela, 2007.
SACO CID, A. Coincidencias cartográficas del petroglifo (Pico de San Francisco) con
las señales arqueológicas del Monte Santa Trega: A Guarda,
Pontevedra :
GA36023024, Concello de A Guarda, A Guarda, 2001.
MANUEL ALBERRO. Os celtas da antiga Gallaecia, Editorial Toxosoutos, Noia 2004.
MARCEL BRASSSEUR. Os celtas. Os heroes esquecidos, Editorial Toxosoutos, Noia, 1998.
MANFRED LURKER. Diccionario de Dioses y Diosas, Diablos y Demonios, Editorial
Paidos, Barcelona, 1999.
M.S. BETTENCOURT, A. & L.V. ALVES. Dos montes, das pedras e das águas. Formas
de interacçao com o espaço natural da pré-história á actualidade. Edita CITCEM. Braga, 2009.
YVES BONNEFOY. Diccionario de mitologías,
Editorial Planeta S.A., Barcelona, 2010.
MIRANDA GREEN. Arte celta, Ediciones Akal,
S.A. Madrid, 2007.
FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, C. e RODRÍGUEZ LÓPEZ, C.
Nuevos datos acerca de los recursos económicos del poblado castreño de Santa
Trega,
Dialnet-NuevosDatosAcercaDeLosRecursosEconomicosDelPoblado
[1] A Gallaecia foi unha provincia romana que abarcaba aproximadamente a
actual Galicia, Asturias, norte de Portugal e as provincias de León e Zamora.
[3] Pax. 119 Aproximación arqueológica al poblado galaico-romano de Santa
Trega
[6] https://es.wikipedia.org/wiki/Galacia
[7] Pax. 87. Exeria. Viaxe a Terra Santa
[8] Pax. 46. Una reliquia de Santa Tecla…
[9] Pax. 63. Una reliquia de Santa Tecla…
[10] Frase da investigación histórica do canónico guardés, Juan Domínguez Fontela recollida en: http://paxinasdaguarda.blogspot.com.es/2014/07/el-monte-de-santa-tecla-la-guardia_22.html
[11] Pax. 72. Una relíquia de Santa Tecla
[12] Pax. 24 a 28 Una relíquia de Santa Tecla
[13] Pax. 30. Una reliquia de Sta. Trega
[14] Pax. 72. Una reliquia de Sta. Trega
[15] Pax. 8. Coincidencias cartográficas del petroglifo….
[16] Pax. 123, 124. Arte Celta.
[17] Pax. 144. Dos montes, das pedras e das augas..
[20] Pax. 805. Diccionario de las mitologías.
[21] Deus dos fenicios e púnicos, ten relación co mar e a navegación, máis
tarde foi considerado deus solar, de onde lle vén a súa relación con Hércules
(Diccionario de Dioses y Diosas. Diablos y Demonios)
[22] Pax. 34-36. Os celtas. Os heroes esquecidos.
[23] Pax. 97. El Hércules de Santa Tegra..
[24] https://www.britannica.com/topic/Melqart
[26] Pax. 99. El Hércules de Santa Trega..
[27] Pax.102. El Hércules de Santa Trega..
[28] Pax. 31. Martiño de Dumio, a creación dun reino.
[29] Pax. 62. Una reliquia de Santa Trega…
Ningún comentario:
Publicar un comentario