mércores, 20 de xuño de 2012

Santiago condutor de mortos e vivos, cristianizador á forza


Santiago cabaleiro na Catedral de Santiago

O Codice Calixtino (s. XII) é o libro máis antigo e famoso - agora tamén pola súa estraña desaparición- da obra denominada Liber Sancti Iacobi . Recolle no seu Libro II, Os Milagres de Santiago, nel relátanse extraordinarios feitos onde Santiago acude en socorro dos seus devotos seguidores, preséntasenos Sancti Iacobi coma liberador de  presos cristiáns, curandeiro de enfermos, resucitador de mortos e salvador de afogados.
En dez milagres salva da morte e dos perigos do mar a varios devotos. Vexamos algúns deles:
Capítulo III. Do neno que o Apóstol resucitou de entre os mortos nos Montes de Oca. (Papa Calixto)
Santiago Mataespañois. Foto do Museo das Peregrinacións
Nárrase o milagre no 1108 en Francia, un home que non pode ter fillos peregrina a Santiago de Compostela para que o Apóstolo interceda por el ante Deus e lle dea un fillo, o rogo cúmprese e, coa idade de 15 anos, o neno chamado Santiago e os seus pais peregrinan a Compostela. Nos Montes de Oca, o neno morre, a nai fóra de si, roga a Santiago que obre o milagre e así se fai.
O supostopapa Calixto reflexiona sobre o poder de Santiago, un morto que é capaz de resucitar mortos é moi estraño, ata ese ano ningún morto resucitara a ningún morto. O poder de Santiago vén de que vive realmente con Deus.
Santiago é pois un Santo Apóstolo de primeiro orde, vive con deus, pódese dicir que é un semideus. 
Capítulo IV. Dos trinta lorenses e do morto a quen o Apóstolo levou nunha noite desde os portos de Cize ata o seu mosteiro. (Mestre Huberto, canónico de Besançon)
Ano 1080, das terras de Lorena van uns 30 cabaleiros peregrinar a  Santiago, prométense axuda mutua todos menos un. Enferma un deles e durante 15 días lévano entre todos, pero aos pes dos Portos de Cize déixano quedar. O que non prometera nada axúdao ata chegar ao cume da montaña, alí o enfermo morre e é levado por Santiago ao paraíso. O cabaleiro acompañante, no medio da noite e só co cadáver, roga a Santiago que o auxilie, aparéceselle Santiago en forma de soldado montado a cabalo, o soldado, collendo ao morto nos seus brazos, dille ao vivo que suba ao cabalo, que vaia diante del. Nunha noite recorreron a distancia de doce días. Ao chegar a Compostela o soldado identificouse ante o vivo coma o Apóstolo e pediulle que dese sepultura ao morto na cidade santa.
Santiago que xa conducira a alma do morto ata o paraíso, acompaña ao bo peregrino ata Compostela, para dar sepultura ao corpo sen vida.
Catedral de Santiago de Compostela
Capítulo V. Do peregrino colgado a quen Santiago salvou da morte, aínda que estivo pendente no patíbulo trinta e seis días. (Papa Calixto)
Ano 1000. O fillo dun peregrino alemán que ía a Compostela é acusado falsamente por un taberneiro de Tolosa. A xustiza condénao á forca, o seu pai segue a súa peregrinación ata o sepulcro de Santiago, á volta, logo de 36 días, o seu fillo segue colgado pero vivo e dille: "Non chores, amantísimo pai, o meu castigo, non é tal; máis ben alégrate, que mellor me está indo que en toda a miña vida pasada. Porque o santísimo Santiago, sosténdome cosas súas propias mans, reconfórtame con toda a súa dozura". Este feito probara que o taberneiro acusarao en falso e estafara aos peregrinos polo que é aforcado alí mesmo.
Unha vez máis, o poder de Santiago sobre a vida e a morte é evidente.
Capítulo VIII. Do bispo que, salvado do perigo do mar, compuxo un responsorio a Santiago. (Papa Calixto)
Ano 1102. Unha onda do mar arrastrou dun barco a un prelado e varios acompañantes, invocado Santiago, preséntase este decontado e fai que a nave volva e o mar devolva aos pasaxeiros a bordo. O bispo agradecido peregrinou a Compostela e compuso o seguinte responsorio; "Oh, auxilio de tódolos séculos, honra dos apóstolos, luz resplandecente dos galegos, avogado dos peregrinos, Santiago, vingador dos vicios, desata as cadeas das nosas culpas e condúcenos ao porto da salvación. Ti que axudas aos que a ti claman cando están en perigo, tanto no mar coma na terra, socórrenos agora e na hora da nosa morte. Condúcenos ao porto da salvación".
Santiago no altar da Catedral

Santiago (luz resplandecente dos galegos) conduce aos seus fieis en vida e na morte ao porto da salvación, é o santo guía cara ao paraíso, é a mesma función dos deuses dos camiños.
Capítulo XVI. Do cabaleiro quen en agonía de morte e oprimido polos demos, liberou o Apóstolo por medio do báculo dun mendigo e o saquiño dunha muller nova. (San Anselmo, arcebispo de Cantébury)
Santiago evítalle a Mala morte a un cabaleiro peregrino acosado polos demos, despois, aquel descansou cunha Boa Morte.
Ata ben pouco no noso país, as persoas maiores preto do seu fin, preparábanse psicoloxicamente para a morte, despedíanse dos seus amigos e familiares con delicia, érase consciente de que se ía a un mundo mellor, un mundo de delicia e paz, era o espazo da Boa Morte polo que había que pelexar ou rogar, hoxe en día, en Laxe, no Venres Santo, sae coa noite pecha  a Procesión do Santo Enterro onde se cantan por quendas de mulleres e homes o Rosario da Boa Morte que di así; "Pola túa santísima morte, dános Señor boa morte".
Co tempo este Santiago curandeiro, condutor de mortos e vivos, labores innatas dos antigos deuses dos camiños, trocará as súas funcións exclusivamente benéficas polas case exclusivamente bélicas. A partir de mediados do s. XII, os monarcas necesitan a súa bendición nas liortas contra o Islam, precisan o guía exultante que aniquile ao inimigo con so a súa presenza, necesitan recuperar o carácter guerreiro dos deuses dos camiños. No 1220 aparece o Santiago armado cabaleiro sobre o cabalo no tímpano da  catedral, a imaxe do Apóstolo azoute dos xudeus e musulmáns irase espallando na Idade Moderna, os Reis Católicos, no 1493, na súa peregrinación a Compostela se encomendarán ao Apóstolo para completar a conquista do Reino de Granada.
Miniatura de Santiago peregrino s. XIV. Ermita San Guillerme. Fisterra
Esta imaxe bélica que lle proporcionará protección monárquica e poder económico, fíxolle perder devotos e peregrinos, mais traduciuse en abundantes rendas para a súa catedral; logo, isto convertería ao Apóstolo en obxecto de ataque ideolóxico e, entre a xente corrente, nun santo pouco popular cuxo nome non se poñía aos nenos[1].
Esta imaxe bélica de Santiago fai ensombrecer a función de santo protector dos camiñantes que tiña nun principio, outros santos coma San Xulián, San André ou San Cristovo collerán o relevo entre os peregrinos que camiñan cara o Solpor. Esta imaxe bélica e as onerosas rendas episcopais de Santiago, co tempo, farán da peregrinase a Santiago unha cousa de xente de afora, os romeir@s galeg@s peregrinan a San André de Teixido, aos Milagres, a San Xiao deTrebo, ao Corpiño, etc…
Santiago é, sobre todo, o santo cristianizador, o santo que combate o profano. A lenda da Translación do corpo de Santiago, recollida no Libro III do Códice Calixtino, fai mención a un ídolo pagán que ocupa o lugar onde os sete discípulos de Santiago empéñanse en sepultar ao santo, a súa teima é destruír o ídolo, acabar cos ritos pagáns e cristianizar aquel lugar ocupado pola divindade indíxena, co extraordinario poder de Santiago é a práctica que a igrexa católica segue con case todos os santuarios pagás. Pese as malas artes da Raíña Lupa os seguidores de Santiago conseguen vencer ás tropas de Duio, ao dragón do Pico Sacro e amansar os salvaxes bois que transportarán o corpo santo ao chamado no s. IX; Libredón-LiberumDonum-( Zona libre) da futura Compostela.
San André de Hío
O lugar tratábase dunha villae ou mansión romana (Asseconia?) onde se realizaban enterramentos ininterrompidamente ata o século VI. Existiu un santuario pagán no Libredón? , adorábase a alguén no lugar?, a quén?.
Situado na ladeira do monte ao pe dun castro, o espazo do enterramento sería escollido polas súas boas comunicacións, pola súa seguridade ante ataques do exterior e, tamén, quizais, pola asimilación á nova relixión dunha divindade indíxena de grande popularidade entre os antigos galaicos ou por ser o sepulcro de tres personalidades veneradas dende finais do século IV (Prisciliano e os seus seguidores?) e meta de peregrinacións?.
 É evidente que no século XII cando se escribe o Códice e en plena construción da catedral, os restos romanos da antiga villae ou mansión e os enterramentos pagáns estiveron á vista, e, posiblemente, os ritos antigos continúen pese á cristianización, a pedra dedicada a Xúpiter do piar do altar pode que indique a importancia da identidade da divindade dun ídolo pagán (Lug, Bran, Breo ou Breogán?), aínda que non hai que esquecer que Xúpiter, sobre todo durante o Imperio, é o deus oficial que debía rexer en tódalas instalacións da administración romana. É posible que eses cultos se mesturasen coa peregrinación ao sepulcro do século IV.
Ara dedicada ao Deus Breo.
Donón, Cangas do Morrazo
Fose coma fora no espazo Libredón destruíse o ídolo ou todo signo herexe para construír o sepulcro de Santiago Apóstolo. O suposto corpo de Santiago cristianizou un suposto santuario pagán ou un sepulcro herexe na futura Compostela.
Santiago, pola súa condición de Apóstolo e achegado a Cristo, valeuse só para o labor de cristianización en Compostela. Mais noutros santuarios indíxenas fixo falta o apoio de varios santos encargados de guiarnos cara o paraíso; na ruta cara o castro de Donón, onde apareceron as 172 aras dedicadas ao deus dos camiños, Deus Lari Bero Breo, temos a San André en Hío (onde o día de San Roque celébrase a antiquísima Danza  dos Peregrinos), San Amaro en Aldán e o propio Santiago en Donón.

Ata sempre e bo proveito, Gonzo anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía


REY CASTELAO, O. Los mitos del Apóstol Santiago, Nigratea, Santiago, 2006
CÓDICE CALIXTINO, O CODEX CALIXTINUS EN GALEGO, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2009
XACOBEO 2004, Padrón, Iria y las tradiciones xacobeas, Xunta de Galicia, Santa Comba, 2004



[1] Pax. 24. Los mitos del Apóstol Santiago

xoves, 2 de febreiro de 2012

Xulián O Hospitalario, de Deus dos camiños a Santo dos peregrinos

San Xiao de Trebo (foto cedida por Archeotenrreiro)
Xiao, Xián ou Xulián vén do latín, é un xentilicio da familia Iulia -á que pertencía Xulio Cesar- adicado a Xúpiter.
San Xiao O Hospitalario ou O Pobre é un deses santos enigmáticos moi venerados na Idade Media, dos que pouco ou nada pódese asegurar sobre a súa historia. En particular, é o santo patrón dos peregrinos, carpinteiros, hostaleiros e traficantes. Os seus atributos son o falcón, o bastón ou a espada  -o San Xiao de Trebo (Cariño), afeito aos novos tempos, cunha escopeta-.
Dende a divulgación da súa lenda nos séculos XI-XII, as súas aventuras tiveron diferentes versións (latinas, vulgares, en prosa, en verso..) na Lenda Dourada recóllense as primeiras novas escritas das súas andainas e Gustave Flaubert, no remate do século XIX, dálle un sonado pulo ao seu prestixio co conto titulado A Lenda de San Xulián O Hospitalario .
Porta románica de San Xulián de Samos


A falta de datos seguros sobre a época, lugar de nacemento do santo - que ás veces é considerado español (galego, dicimos nós), francés, belga ou italiano-, nin tampouco da antigüidade da súa lenda que quizais se remonte ao século VII (VI dicimos nós), fan de San Xiao un santo a mar de misterioso.  Para máis inri, o seu nome está ausente dos martiroloxios, sacramentarios e breviarios.[1]Tal é a confusión sobre a súa santidade que a data nos santorais católicos festéxase  no 9 de xaneiro, no 12 de febreiro.., mais en Galicia e Aragón é o 7 de xaneiro (en Trebo (Cariño) o derradeiro sábado de xaneiro cunha festa de Entroido).
O que si é seguro é que se trata dun santo que ao longo dos anos foise ligando estreitamente ás peregrinacións a Santiago de Compostela. A lenda a grandes trazos di así:


Xulián, mozo de nobre estirpe atopouse mentres cazaba un cervo con faciana humana que lle dixo antes morrer; Perséguesme para matarme, ti  que matarás a teu pai e a túa nai, ante o temor de que se cumprise a premonición, Xulián marchou a Britania, alí xuntouse con Xervasio un rico comerciante, a quen lle vendeu o seu cabalo e roupas. Vestindo o hábito de peregrino comezou unha viaxe que o levou a Santiago de Compostela[2]. Mentres a  Xervasio que fora a comerciar á cidade gobernada polos pais de Xulián, escapáraselle o cabalo que foi dar a casa dos pais de Xulián, estes informados do paradoiro do seu fillo na cidade galega tomaron a decisión de buscalo.
San Xulián de Pontecesures


Entre tanto, Xulián peregrinara a Terra Santa, onde se puxo ao servizo dos pobres nun hospital e, tras loitar contra os infieis ingresou na Orde dos Hospitalarios.


De regreso en Hispania volveu a loitar contra uns 30.000 turcos e invocando a axuda de Deus, en compañía de 400 homes, dirixiuse armado só cun bastón contra os turcos derrotándoos.
Tales proezas namoraron á condesa do lugar, Santa Basilisa, coa que contraerá matrimonio. Un día que Xulián estaba de caza, chegaron os seus pais ao seu pazo, Basilisa recibiunos e ofreceulles a súa cama para que descansasen. De volta Xulián, atopou á parella na súa cama, crendo que se trataba da súa muller e dun amante, matou aos seus pais, cumpríndose así a profecía do cervo.  Terriblemente aflixido polo parricidio, Xulián, acompañado da súa muller,   peregrinou a Roma onde conseguiu o perdón do Papa, quen en penitencia ordenoulles construír un hospital para pobres.
De regreso, ambos nobres construíron un hospital á beira dun gran río que intentaban cruzar peregrinos e comerciantes correndo graves perigos, Xulián levaba aos peregrinos nos seus ombros e protexíaos dos ladróns. Axiña, coas limosnas dos fieis puideron construír un gran hospital á beira daquel río. 
Mosteiro de San Xulián de Samos


Unha noite un leproso, que recibiu Xulián no calor do seu leito, desapareceu de noite e Xulián e Basilisa escoitaron a voz de Xesús que lle dicía que en oito días recibiríaos no seu reino, e aos oito días uns ladróns asasináronos, Xulián que fora decapitado levantouse e colleu a súa propia cabeza (imaxe moi recorrente nos mitos célticos) e levouna cerca dunha fonte onde repousou. Naquel lugar curábanse tódalas enfermidades[3].
San Cristovo, San André, Sant Iago, San Xiao..., son santos especializados en ter conta de que os vivos e mortos teñan un bo camiño na súa vida e no paraíso, son as santidades que coidan dos camiñantes, dos peregrinos, dos viaxeiros, dos condutores...
Capela de San Xiao de Trebo (cedida por Archetenrreiro)


San Xiao ten esa función de protector ben marcada, atopámolo ao longo dos camiños que levan a Santiago e tamén ás beiras do Atlántico ao pe do mar. Unha función protectora que amosa un verniz pagán:
Como vemos ao remate da súa vida Xulián recolle a súa cabeza e lévaa a unha fonte onde os seus poderes máxicos van curar tódalas enfermidades. De novo o poder máxico da cabeza se nos presenta nunha lenda que, claramente, recolle elementos simbólicos dos tempos prerromanos, aquí ao poder curativo das augas e ao máxico da cabeza humana,  súmase a divindade castrexa disfrazada de santidade, ímolo ver:
A mitoloxía céltica destaca as proezas sobrenaturais do deus Bran (deus dos mortos- era posuidor do caldeiro máxico que resucitaba os mortos- e dos camiños); convértese en xigante para conducir as naves das súas tropas polo mar, o seu corpo serviu de ponte para que o seu exército atravesara un río, é un deus guerreiro, a súa cabeza cortada -que falaba e comía cos seus soldados- protexía a Britania da peste e demais desgrazas[4]..
Caldeiro máxico de Gundestrup


Na lenda de San Xiao o Hospitalario, temos curiosas semellanzas; o santo cruza o río cos peregrinos ao lombo, é un santo líder, guerreiro,  cazador.. e a súa cabeza cortada protexe de tódalas enfermidades.
A lenda, que nun principio non amosaba datos xeográficos, nin de filiación relixiosa sobre Xiao, foise enriquecendo con varias versións, esta que presentamos aquí, evidentemente foi espallada pola Orde dos Hospitalarios, curiosamente a orde relixiosa que se fixo con case tódalas posesións templarias logo da caída en desgraza destes. Sabemos que a presenza dos templarios en Galicia foi notoria, e sabemos tamén que San Xiao foi un dos santos máis venerados polos templarios, logo de San Xoan Bautista e a Virxe María claro está[5].
Os Hospitalarios, ademais de apropiarse dalgunhas posesións templarias, tamén se apropiarían das súas lendas, a cristianización dos ritos e mitos prerromanos e romanos foi un labor destacada dos templarios en Galicia e San Xulián axudoulles moito nesa misión. Unha das regras dos templarios é non cazar excepto ao león a quen se debía perseguir e matar (a escea de Sansón desqueixando ao león é unha imaxe moi recorrente dos templarios[6]), San Xiao ten o seu catastrófico castigo precisamente por cazar un cervo.
San Xulián de Bastavales
 De seguido unha relación de igrexas templarias ou posiblemente templarias con advocación á San Xián, Xiao, Xulián:
San Xulián de Astureses, Boborás (Ourense) cruz patriarcal e dúas patadas, San Xián do Campo, Taboada (Lugo) Tímpano con cruces célticas e capiteis con pombas ao xeito de Astureses e Taboada dos Freires, , San Xulián de Rodis, Agolada, século XII, cruces patadas e célticas, San Xulian de Veiga, Pobra de Brollón, Lugo. Templaria[7],  San Xulian de Lendo, foi encomenda templaria, San Xulian de Requeixo (Pontecesures) datada no s. XII. Entre varios vestixios de época romana atopouse unha ara adicada a Xúpiter do s. II e outra aos Lares Viales. No Camiño Portugués a poucos quilómetros da Igrexa de Iria Flavia onde cruces patadas reutilizadas rodean a súa fachada, San Xiao do Camiño (Palas de Rei), do XII, sabemos de varias propiedades dos templarios en Palas de Rei neste século.  
Mais o San Xulián máis antigo e famoso da nosa terra é o do Mosteiro de Samos  , crese que fundada por San Martiño de Dumio no século VI[8], atópase no camiño francés, foi hospital de peregrinos[9], o rei Afonso II (760-842) -construtor da primitiva igrexa de Santiago e propulsor do Camiño de Santiago[10]- foi protexido e educado entre os seus muros mentres as turbulencias políticas en terras astures[11].
Fonte das Nereidas. Samos


 No Claustro Vello (gótico) está a Fonte das Nereidas(son as ninfas gregas que socorren aos navegantes) cola de peixe e enormes peitos de muller, barroca (1713-1717) hai unha lenda sobre ela, din que ao querela transportar volvéronse enormes as pedras. Tamén se atopa no mosteiro a Fonte do Signo -statio- (1621-1625) onde se purificaban os monxes antes de entrar na igrexa[12]. Na fachada da igrexa están as imaxes de San Xulián e Santa Basilisa, dos que textos antigos aseguran que o mosteiro gardaba as súas reliquias. Nos seus orixes foi mosteiro dúplice de monxas e monxes[13]. Atópase á beira do río Oribio afluente do Sarria. Do ano 853 é o documento máis antigo onde se nomea a San Xulián; Samanos, ubi monasterium e Santi Iuliani[14].
Samanos ten a mesma raíz; sam (xuntamente, común) que o irlandés Samain ou o galo Samonios, viría do céltico que significa; reunión, xunta de xentes, asemblea.
Samos sería un lugar onde os veciños dos castros da Roda do Castro, do Castro da Margarida, os do Castroncán, os do Castro de Loureiro,… celebraban a asemblea máis importante do ano; o Samanos -o Samaín, os actuais; Defuntos ou Magosto- a festa do fin do ano, a festa do fin da vida, a festa dos mortos. É a festa que presidían os deuses célticos; Bran e Lug.
Lar galo-romano. Museo Berna


Coa chegada dos romanos, os Lares Viales tentarían asumir a función dos deuses castrexos, a aparición de 35 aras adicadas aos Lares Viales na nosa terra indica claramente a devoción que había na Gallaecia a estes deuses dos camiños. Coinciden que en varias igrexas con advocación a San Xiao atopáronse restos romanos;  San Xulián de Requeixo (Pontecesures)onde se atopou unha ara dedicada aos Lares VialesSan Xiao de Trebo (Cariño), San Xiao de Moraime (Muxía), a desaparecida San Xiao de Lugo,...
Altar ao deus da guerra Coso atopado en
San Xián de Romai, Portas
Mais estes deuses non terían a forza suficiente para facer esquecer aos deuses célticos, a maxia e a mitoloxía céltica sería máis atractiva para os nosos castrexos que os lindos Lares Viales romanos. 
Algúns deuses castrexos resistiron; en San Xián de Romai Vello, Portas (Pontevedra), do s. XII, onde posuían propiedades  os templarios, a carón da igrexa (que está ao pe dun castro) apareceu unha ara dedicada ao deus castrexo da  guerra Cosoe Soaegoe (15)
Quizás por isto tamén atopamos igrexas e toponimia de San Xiao en ámbitos castrexos;
 San Xulián do Monte (Toques) ao pe dun castro, San Xiao de Trebo, o seu topónimo fai referencia claramente ás trebas castrexas, San Xulián de Céltigos (Frades) -do século X, ten o seu castro a carreiriña dun can- e San Xiao de Céltigos (Ortigueira) os seus topónimos fan referencia ao ancestral territorio céltico.
Mais en San Xiao de Fonfría, Amoeiro (Ourense) é onde atopamos unha relación máis clara entre San Xiao e os deuses dos camiños, ademais de dúas pedras decoradas con entrelazados típicos da plástica castrexa da súa fachada, no seu interior temos unha ara ofrecida por un tal Petronius  dedicada aos Lares Viales que forma parte da pía bautismal.
Baseándonos nestes datos tecemos a nosa teoría de que a lenda de San Xiao é galega e ten a súa orixe en Samos (Samanos).
No século VI o Samonos, esta festa chamada dos magos (Magosto) pola xerarquía eclesiástica, mantería o seu apoxeo nesta ruta ancestral cara o finis terrae[17] polo que sería imprescindible cristianizar aqueles ritos pagáns que afeaban o camiño, e que mellor para iso que crear a lenda de San Xiao, un santo o máis acaído posible para asimilar aqueles deuses célticos.
 É perfectamente factible que o de Samos fora o hospital que supostamente fundaron San Xulián e Santa Basilisa; é dos máis antigos da península[18], está á beira dun río, nel  hospedáronse peregrinos de sempre, ten dúas fontes no seu interior, a lenda refire que San Xiao peregrinou a Santiago,  e din que as súas paredes albergaron as reliquias de San Xulián e Santa Basilisa.
San Xulián de Carballal


Atopamos a San Xiao en moitas encrucilladas e camiños do interior:
San Xián de Negreira, no camiño de Santiago a Fisterra, San Xulián de Carballal (Lavacolla) s. XII (no camiño de Sigüero a Lavacolla), San Xulián de Cumbraos (Sobrado dos Monxes) no Camiño Norte por Sobrado, San Xulián de Poulo (Ordes) no Camiño Inglés á Coruña, San Xulián de Ventosa en Agolada, San Xulián de Bastavales (no camiño de Noia a Santiago), San Xiao de Sales. Vedra, camiño do Pico Sacro, San Xiao de Friol, San Xiao de Carballo(Friol), San Xiao de Roimil (Friol), San Xiao de Ousá (Friol),  Sancto Iuliano de Fratribus de Courio ,actual Sardecoiro (Santiso) foi granxa dos cistercienses do Mosteiro de Sobrado[19]
Mais temos que insistir en que as nosas costas eran a última parada cara o Alén, dende elas vemos deitarse o Sol aló onde se atopaba ou atopan as Illas Marabillosas o Paraíso céltico.   De feito as nosas costas son a outra localización das igrexas e capelas con advocacións a San Xiao:
San Xiao de Roimil (Friol)


 San Xulian de Marín, ao pe da vella ruta dos Sete Camiños, San Xián da Illa de Arousa, no ano 929, Alfonso IV funda o mosteiro de San Xián, San Xulián de Artes, Ribeira, San Xulián de Ferrol, concatedral neoclásica, construída sobre templo románico. Patrón da cidade, 7 de xaneiro, San Xulián de Mugardos, patrón de Mugardos, capela románica tardía, 7 de xaneiro, San Xiao de Narón, no Camiño inglés, San Xulián de Malpica, patrón, 7 de xaneiro, San Xulián do Monte Aloia, desde esta impresionante atalaia rodeada dunha misteriosa muralla, San Xulián protexe as colleitas dos campesiños e na Costa da Morte; San Xián de Brantuas (Ponteceso) curiosamente coa raíz bran no topónimo. 

San Xulian de Artes. Ribeira


Mais o San Xiao de Trebo é o máis profano de tódolos que coñecemos; a Trebo chegase por dúas rutas de acceso tradicionais; o Camiño Vello dende Cariño, e o Camiño dos Mortos dende Régoa cruzando a Capelada[20]. A capela segue a seguinte secuencia; templo do XI con dimensións superiores á actual, esta corta un muro lateral dunha construcción xermánica do seculo VII-VIII, utilizaba de cimentación unha construcción galaico-romana dos séculos IV-V d.C[21], suponse que sería un vicus ou villae, unha poboación con economía de subsistencia.[22]A lenda de Trebo di que nos Tempos dos Mouros,  a Xiao uns piratas bótano ao mar cunha pedra atada ao colo, mais logrou  liberarse dela e tomou terra ao pe do lugar onde se atopa a capela. A súa romaxe embutida en colores de festa e máscaras, recordan as festas pagás de tempos precristiás.
San Xiao é pois un misterioso santo que se asentou nos lugares onde se realizaban ritos e festas pagás, a maioría en relación cos deuses dos camiños, polo que debemos pensar que foi o encargado de suplantar aquelas deidades.  Aínda hoxe a maioría deses lugares recenden un aroma de misterio, aventura e pasado.
Trebo dende o aire

Pois nada, encomendádevos a San Xiao se comezades unha longa viaxe e recordade a romaxe de Trebo no remate do mes de Xano.
Ata sempre e bo proveito, Gonzo  anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía



·         LEONARDI C., RICCARDI A. , ZARRI G. Diccionario de los Santos, Volume II, Editorial San Pablo. Madrid, 2000.
·         VARIOS. Diccionario Enciclopédico de los Santos, Herder Editorial. Barcelona, 2006.
·         FLAUVERT G. Tres cuentos. La leyenda de San Julián el hospitalario, Editorial Cátedra, Madrid, 1999.
·         BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
*        PEREIRA MENAUT G. Corpus de Inscripcións romanas de Galicia, Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, 1994
·         ANNE ROSS, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
·         LUCAS ÁLVAREZ, M. El tumbo de San Julián de Samos(siglos VII-XII) , Caixa Galicia, Santiago de Compostela, 1986.
·         VARIOS. San Xulián de Samos. Historia e Arte, Xunta, Santiago de Compostela, 2008.
·         RAMIL GONZÁLEZ, E. PICOS BRAGE, F. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo, Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 2002.
·         PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf

[1] Pax. 1414 e 1415. Diccionario de los santos. Ed. San Pablo
[2] Pax. 1413. Diccionario de los santos. Ed. San Pablo
[3] Pax. 1412-1415. Diccionario de los Santos. Ed. San Pablo.
http://en.wikipedia.org/wiki/Julian_the_Hospitaller
[4] Pax. 35. Mitos Celtas. Jane Green. Pax: 89-91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[5] Pax 197 Breve historia de la Orden del Temple
[6] Igrexa de Santa María Taboada dos Freires tímpano Sansón desqueixando un león do mestre Pelagio. Pax. 246 nalgures II. Única que se sabe con seguridade que é templaria
[7] Pax. 243 Revista Nalgures II
[8] Pax. 50. San Xulián de Samos. Historia .
[9] Pax. 26, 98 e 111. San Xulián de Samos. Historia .
[10] Pax. 95-96. . San Xulián de Samos. Historia .
[11] Pax. 24 San Xulián de Samos. Historia ..
[12] Pax.164. . San Xulián de Samos. Historia .
[13] Pax.113 e ss . San Xulián de Samos. Historia .
[14] Pax. 135. El tumbo de San Julián.
(15)   Pax. 305. Corpus de Inscripcións romanas de Galicia II
[17] Lembremos que no s.VI aínda non se descubrira o sepulcro do Apóstolo Santiago
[18] Máis antigo que o de San Pedro de la Nave El Campillo(Zamora) (visigoda) onde din, tamén, que se atopan as reliquias de  San Xulián e a súa esposa Santa Basilisa. http://es.wikipedia.org/wiki/Iglesia_de_San_Pedro_de_la_Nave_(Campillo)
[19] Pax. 184 Tumbo de Sobrado.  Ano 1149
[20] Pax. 28. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
[21] Pax41 A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
[22] Pax 63 A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo

venres, 16 de decembro de 2011

Bo Nadal

Nestes tempos tan preocupantes rescatemos as orixes do noso Nadal.
Boas Festas e Feliz Aninovo.

sábado, 12 de novembro de 2011

Magosto, festa herdeira do Sámonos galaico (Samaín)


Interesantísimo artigo de David Outeiro en; Desperta do teu sono  sobre a orixe céltica da festa de Defuntos e o Magosto, en esencia a mesma.

Foto de Bruxo-fotobruxo.com

venres, 11 de novembro de 2011

Pan, Idioma e Música

A Lingua sabe a Pan, extraordinario traballo da comunidade educativa do CEIP de Cea.

Unha aperta a tod@s.