xoves, 2 de febreiro de 2012

Xulián O Hospitalario, de Deus dos camiños a Santo dos peregrinos

San Xiao de Trebo (foto cedida por Archeotenrreiro)
Xiao, Xián ou Xulián vén do latín, é un xentilicio da familia Iulia -á que pertencía Xulio Cesar- adicado a Xúpiter.
San Xiao O Hospitalario ou O Pobre é un deses santos enigmáticos moi venerados na Idade Media, dos que pouco ou nada pódese asegurar sobre a súa historia. En particular, é o santo patrón dos peregrinos, carpinteiros, hostaleiros e traficantes. Os seus atributos son o falcón, o bastón ou a espada  -o San Xiao de Trebo (Cariño), afeito aos novos tempos, cunha escopeta-.
Dende a divulgación da súa lenda nos séculos XI-XII, as súas aventuras tiveron diferentes versións (latinas, vulgares, en prosa, en verso..) na Lenda Dourada recóllense as primeiras novas escritas das súas andainas e Gustave Flaubert, no remate do século XIX, dálle un sonado pulo ao seu prestixio co conto titulado A Lenda de San Xulián O Hospitalario .
Porta románica de San Xulián de Samos


A falta de datos seguros sobre a época, lugar de nacemento do santo - que ás veces é considerado español (galego, dicimos nós), francés, belga ou italiano-, nin tampouco da antigüidade da súa lenda que quizais se remonte ao século VII (VI dicimos nós), fan de San Xiao un santo a mar de misterioso.  Para máis inri, o seu nome está ausente dos martiroloxios, sacramentarios e breviarios.[1]Tal é a confusión sobre a súa santidade que a data nos santorais católicos festéxase  no 9 de xaneiro, no 12 de febreiro.., mais en Galicia e Aragón é o 7 de xaneiro (en Trebo (Cariño) o derradeiro sábado de xaneiro cunha festa de Entroido).
O que si é seguro é que se trata dun santo que ao longo dos anos foise ligando estreitamente ás peregrinacións a Santiago de Compostela. A lenda a grandes trazos di así:


Xulián, mozo de nobre estirpe atopouse mentres cazaba un cervo con faciana humana que lle dixo antes morrer; Perséguesme para matarme, ti  que matarás a teu pai e a túa nai, ante o temor de que se cumprise a premonición, Xulián marchou a Britania, alí xuntouse con Xervasio un rico comerciante, a quen lle vendeu o seu cabalo e roupas. Vestindo o hábito de peregrino comezou unha viaxe que o levou a Santiago de Compostela[2]. Mentres a  Xervasio que fora a comerciar á cidade gobernada polos pais de Xulián, escapáraselle o cabalo que foi dar a casa dos pais de Xulián, estes informados do paradoiro do seu fillo na cidade galega tomaron a decisión de buscalo.
San Xulián de Pontecesures


Entre tanto, Xulián peregrinara a Terra Santa, onde se puxo ao servizo dos pobres nun hospital e, tras loitar contra os infieis ingresou na Orde dos Hospitalarios.


De regreso en Hispania volveu a loitar contra uns 30.000 turcos e invocando a axuda de Deus, en compañía de 400 homes, dirixiuse armado só cun bastón contra os turcos derrotándoos.
Tales proezas namoraron á condesa do lugar, Santa Basilisa, coa que contraerá matrimonio. Un día que Xulián estaba de caza, chegaron os seus pais ao seu pazo, Basilisa recibiunos e ofreceulles a súa cama para que descansasen. De volta Xulián, atopou á parella na súa cama, crendo que se trataba da súa muller e dun amante, matou aos seus pais, cumpríndose así a profecía do cervo.  Terriblemente aflixido polo parricidio, Xulián, acompañado da súa muller,   peregrinou a Roma onde conseguiu o perdón do Papa, quen en penitencia ordenoulles construír un hospital para pobres.
De regreso, ambos nobres construíron un hospital á beira dun gran río que intentaban cruzar peregrinos e comerciantes correndo graves perigos, Xulián levaba aos peregrinos nos seus ombros e protexíaos dos ladróns. Axiña, coas limosnas dos fieis puideron construír un gran hospital á beira daquel río. 
Mosteiro de San Xulián de Samos


Unha noite un leproso, que recibiu Xulián no calor do seu leito, desapareceu de noite e Xulián e Basilisa escoitaron a voz de Xesús que lle dicía que en oito días recibiríaos no seu reino, e aos oito días uns ladróns asasináronos, Xulián que fora decapitado levantouse e colleu a súa propia cabeza (imaxe moi recorrente nos mitos célticos) e levouna cerca dunha fonte onde repousou. Naquel lugar curábanse tódalas enfermidades[3].
San Cristovo, San André, Sant Iago, San Xiao..., son santos especializados en ter conta de que os vivos e mortos teñan un bo camiño na súa vida e no paraíso, son as santidades que coidan dos camiñantes, dos peregrinos, dos viaxeiros, dos condutores...
Capela de San Xiao de Trebo (cedida por Archetenrreiro)


San Xiao ten esa función de protector ben marcada, atopámolo ao longo dos camiños que levan a Santiago e tamén ás beiras do Atlántico ao pe do mar. Unha función protectora que amosa un verniz pagán:
Como vemos ao remate da súa vida Xulián recolle a súa cabeza e lévaa a unha fonte onde os seus poderes máxicos van curar tódalas enfermidades. De novo o poder máxico da cabeza se nos presenta nunha lenda que, claramente, recolle elementos simbólicos dos tempos prerromanos, aquí ao poder curativo das augas e ao máxico da cabeza humana,  súmase a divindade castrexa disfrazada de santidade, ímolo ver:
A mitoloxía céltica destaca as proezas sobrenaturais do deus Bran (deus dos mortos- era posuidor do caldeiro máxico que resucitaba os mortos- e dos camiños); convértese en xigante para conducir as naves das súas tropas polo mar, o seu corpo serviu de ponte para que o seu exército atravesara un río, é un deus guerreiro, a súa cabeza cortada -que falaba e comía cos seus soldados- protexía a Britania da peste e demais desgrazas[4]..
Caldeiro máxico de Gundestrup


Na lenda de San Xiao o Hospitalario, temos curiosas semellanzas; o santo cruza o río cos peregrinos ao lombo, é un santo líder, guerreiro,  cazador.. e a súa cabeza cortada protexe de tódalas enfermidades.
A lenda, que nun principio non amosaba datos xeográficos, nin de filiación relixiosa sobre Xiao, foise enriquecendo con varias versións, esta que presentamos aquí, evidentemente foi espallada pola Orde dos Hospitalarios, curiosamente a orde relixiosa que se fixo con case tódalas posesións templarias logo da caída en desgraza destes. Sabemos que a presenza dos templarios en Galicia foi notoria, e sabemos tamén que San Xiao foi un dos santos máis venerados polos templarios, logo de San Xoan Bautista e a Virxe María claro está[5].
Os Hospitalarios, ademais de apropiarse dalgunhas posesións templarias, tamén se apropiarían das súas lendas, a cristianización dos ritos e mitos prerromanos e romanos foi un labor destacada dos templarios en Galicia e San Xulián axudoulles moito nesa misión. Unha das regras dos templarios é non cazar excepto ao león a quen se debía perseguir e matar (a escea de Sansón desqueixando ao león é unha imaxe moi recorrente dos templarios[6]), San Xiao ten o seu catastrófico castigo precisamente por cazar un cervo.
San Xulián de Bastavales
 De seguido unha relación de igrexas templarias ou posiblemente templarias con advocación á San Xián, Xiao, Xulián:
San Xulián de Astureses, Boborás (Ourense) cruz patriarcal e dúas patadas, San Xián do Campo, Taboada (Lugo) Tímpano con cruces célticas e capiteis con pombas ao xeito de Astureses e Taboada dos Freires, , San Xulián de Rodis, Agolada, século XII, cruces patadas e célticas, San Xulian de Veiga, Pobra de Brollón, Lugo. Templaria[7],  San Xulian de Lendo, foi encomenda templaria, San Xulian de Requeixo (Pontecesures) datada no s. XII. Entre varios vestixios de época romana atopouse unha ara adicada a Xúpiter do s. II e outra aos Lares Viales. No Camiño Portugués a poucos quilómetros da Igrexa de Iria Flavia onde cruces patadas reutilizadas rodean a súa fachada, San Xiao do Camiño (Palas de Rei), do XII, sabemos de varias propiedades dos templarios en Palas de Rei neste século.  
Mais o San Xulián máis antigo e famoso da nosa terra é o do Mosteiro de Samos  , crese que fundada por San Martiño de Dumio no século VI[8], atópase no camiño francés, foi hospital de peregrinos[9], o rei Afonso II (760-842) -construtor da primitiva igrexa de Santiago e propulsor do Camiño de Santiago[10]- foi protexido e educado entre os seus muros mentres as turbulencias políticas en terras astures[11].
Fonte das Nereidas. Samos


 No Claustro Vello (gótico) está a Fonte das Nereidas(son as ninfas gregas que socorren aos navegantes) cola de peixe e enormes peitos de muller, barroca (1713-1717) hai unha lenda sobre ela, din que ao querela transportar volvéronse enormes as pedras. Tamén se atopa no mosteiro a Fonte do Signo -statio- (1621-1625) onde se purificaban os monxes antes de entrar na igrexa[12]. Na fachada da igrexa están as imaxes de San Xulián e Santa Basilisa, dos que textos antigos aseguran que o mosteiro gardaba as súas reliquias. Nos seus orixes foi mosteiro dúplice de monxas e monxes[13]. Atópase á beira do río Oribio afluente do Sarria. Do ano 853 é o documento máis antigo onde se nomea a San Xulián; Samanos, ubi monasterium e Santi Iuliani[14].
Samanos ten a mesma raíz; sam (xuntamente, común) que o irlandés Samain ou o galo Samonios, viría do céltico que significa; reunión, xunta de xentes, asemblea.
Samos sería un lugar onde os veciños dos castros da Roda do Castro, do Castro da Margarida, os do Castroncán, os do Castro de Loureiro,… celebraban a asemblea máis importante do ano; o Samanos -o Samaín, os actuais; Defuntos ou Magosto- a festa do fin do ano, a festa do fin da vida, a festa dos mortos. É a festa que presidían os deuses célticos; Bran e Lug.
Lar galo-romano. Museo Berna


Coa chegada dos romanos, os Lares Viales tentarían asumir a función dos deuses castrexos, a aparición de 35 aras adicadas aos Lares Viales na nosa terra indica claramente a devoción que había na Gallaecia a estes deuses dos camiños. Coinciden que en varias igrexas con advocación a San Xiao atopáronse restos romanos;  San Xulián de Requeixo (Pontecesures)onde se atopou unha ara dedicada aos Lares VialesSan Xiao de Trebo (Cariño), San Xiao de Moraime (Muxía), a desaparecida San Xiao de Lugo,...
Altar ao deus da guerra Coso atopado en
San Xián de Romai, Portas
Mais estes deuses non terían a forza suficiente para facer esquecer aos deuses célticos, a maxia e a mitoloxía céltica sería máis atractiva para os nosos castrexos que os lindos Lares Viales romanos. 
Algúns deuses castrexos resistiron; en San Xián de Romai Vello, Portas (Pontevedra), do s. XII, onde posuían propiedades  os templarios, a carón da igrexa (que está ao pe dun castro) apareceu unha ara dedicada ao deus castrexo da  guerra Cosoe Soaegoe (15)
Quizás por isto tamén atopamos igrexas e toponimia de San Xiao en ámbitos castrexos;
 San Xulián do Monte (Toques) ao pe dun castro, San Xiao de Trebo, o seu topónimo fai referencia claramente ás trebas castrexas, San Xulián de Céltigos (Frades) -do século X, ten o seu castro a carreiriña dun can- e San Xiao de Céltigos (Ortigueira) os seus topónimos fan referencia ao ancestral territorio céltico.
Mais en San Xiao de Fonfría, Amoeiro (Ourense) é onde atopamos unha relación máis clara entre San Xiao e os deuses dos camiños, ademais de dúas pedras decoradas con entrelazados típicos da plástica castrexa da súa fachada, no seu interior temos unha ara ofrecida por un tal Petronius  dedicada aos Lares Viales que forma parte da pía bautismal.
Baseándonos nestes datos tecemos a nosa teoría de que a lenda de San Xiao é galega e ten a súa orixe en Samos (Samanos).
No século VI o Samonos, esta festa chamada dos magos (Magosto) pola xerarquía eclesiástica, mantería o seu apoxeo nesta ruta ancestral cara o finis terrae[17] polo que sería imprescindible cristianizar aqueles ritos pagáns que afeaban o camiño, e que mellor para iso que crear a lenda de San Xiao, un santo o máis acaído posible para asimilar aqueles deuses célticos.
 É perfectamente factible que o de Samos fora o hospital que supostamente fundaron San Xulián e Santa Basilisa; é dos máis antigos da península[18], está á beira dun río, nel  hospedáronse peregrinos de sempre, ten dúas fontes no seu interior, a lenda refire que San Xiao peregrinou a Santiago,  e din que as súas paredes albergaron as reliquias de San Xulián e Santa Basilisa.
San Xulián de Carballal


Atopamos a San Xiao en moitas encrucilladas e camiños do interior:
San Xián de Negreira, no camiño de Santiago a Fisterra, San Xulián de Carballal (Lavacolla) s. XII (no camiño de Sigüero a Lavacolla), San Xulián de Cumbraos (Sobrado dos Monxes) no Camiño Norte por Sobrado, San Xulián de Poulo (Ordes) no Camiño Inglés á Coruña, San Xulián de Ventosa en Agolada, San Xulián de Bastavales (no camiño de Noia a Santiago), San Xiao de Sales. Vedra, camiño do Pico Sacro, San Xiao de Friol, San Xiao de Carballo(Friol), San Xiao de Roimil (Friol), San Xiao de Ousá (Friol),  Sancto Iuliano de Fratribus de Courio ,actual Sardecoiro (Santiso) foi granxa dos cistercienses do Mosteiro de Sobrado[19]
Mais temos que insistir en que as nosas costas eran a última parada cara o Alén, dende elas vemos deitarse o Sol aló onde se atopaba ou atopan as Illas Marabillosas o Paraíso céltico.   De feito as nosas costas son a outra localización das igrexas e capelas con advocacións a San Xiao:
San Xiao de Roimil (Friol)


 San Xulian de Marín, ao pe da vella ruta dos Sete Camiños, San Xián da Illa de Arousa, no ano 929, Alfonso IV funda o mosteiro de San Xián, San Xulián de Artes, Ribeira, San Xulián de Ferrol, concatedral neoclásica, construída sobre templo románico. Patrón da cidade, 7 de xaneiro, San Xulián de Mugardos, patrón de Mugardos, capela románica tardía, 7 de xaneiro, San Xiao de Narón, no Camiño inglés, San Xulián de Malpica, patrón, 7 de xaneiro, San Xulián do Monte Aloia, desde esta impresionante atalaia rodeada dunha misteriosa muralla, San Xulián protexe as colleitas dos campesiños e na Costa da Morte; San Xián de Brantuas (Ponteceso) curiosamente coa raíz bran no topónimo. 

San Xulian de Artes. Ribeira


Mais o San Xiao de Trebo é o máis profano de tódolos que coñecemos; a Trebo chegase por dúas rutas de acceso tradicionais; o Camiño Vello dende Cariño, e o Camiño dos Mortos dende Régoa cruzando a Capelada[20]. A capela segue a seguinte secuencia; templo do XI con dimensións superiores á actual, esta corta un muro lateral dunha construcción xermánica do seculo VII-VIII, utilizaba de cimentación unha construcción galaico-romana dos séculos IV-V d.C[21], suponse que sería un vicus ou villae, unha poboación con economía de subsistencia.[22]A lenda de Trebo di que nos Tempos dos Mouros,  a Xiao uns piratas bótano ao mar cunha pedra atada ao colo, mais logrou  liberarse dela e tomou terra ao pe do lugar onde se atopa a capela. A súa romaxe embutida en colores de festa e máscaras, recordan as festas pagás de tempos precristiás.
San Xiao é pois un misterioso santo que se asentou nos lugares onde se realizaban ritos e festas pagás, a maioría en relación cos deuses dos camiños, polo que debemos pensar que foi o encargado de suplantar aquelas deidades.  Aínda hoxe a maioría deses lugares recenden un aroma de misterio, aventura e pasado.
Trebo dende o aire

Pois nada, encomendádevos a San Xiao se comezades unha longa viaxe e recordade a romaxe de Trebo no remate do mes de Xano.
Ata sempre e bo proveito, Gonzo  anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía



·         LEONARDI C., RICCARDI A. , ZARRI G. Diccionario de los Santos, Volume II, Editorial San Pablo. Madrid, 2000.
·         VARIOS. Diccionario Enciclopédico de los Santos, Herder Editorial. Barcelona, 2006.
·         FLAUVERT G. Tres cuentos. La leyenda de San Julián el hospitalario, Editorial Cátedra, Madrid, 1999.
·         BERMEJO BARRERA, J. C. Sociedade e Relixión na Galicia Antiga. Edición Lóstrego, Santiago, 2008.
*        PEREIRA MENAUT G. Corpus de Inscripcións romanas de Galicia, Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, 1994
·         ANNE ROSS, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004.
·         LUCAS ÁLVAREZ, M. El tumbo de San Julián de Samos(siglos VII-XII) , Caixa Galicia, Santiago de Compostela, 1986.
·         VARIOS. San Xulián de Samos. Historia e Arte, Xunta, Santiago de Compostela, 2008.
·         RAMIL GONZÁLEZ, E. PICOS BRAGE, F. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo, Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 2002.
·         PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf

[1] Pax. 1414 e 1415. Diccionario de los santos. Ed. San Pablo
[2] Pax. 1413. Diccionario de los santos. Ed. San Pablo
[3] Pax. 1412-1415. Diccionario de los Santos. Ed. San Pablo.
http://en.wikipedia.org/wiki/Julian_the_Hospitaller
[4] Pax. 35. Mitos Celtas. Jane Green. Pax: 89-91 Anne Ross, Druídas, Toxosoutos. Noia, 2004
[5] Pax 197 Breve historia de la Orden del Temple
[6] Igrexa de Santa María Taboada dos Freires tímpano Sansón desqueixando un león do mestre Pelagio. Pax. 246 nalgures II. Única que se sabe con seguridade que é templaria
[7] Pax. 243 Revista Nalgures II
[8] Pax. 50. San Xulián de Samos. Historia .
[9] Pax. 26, 98 e 111. San Xulián de Samos. Historia .
[10] Pax. 95-96. . San Xulián de Samos. Historia .
[11] Pax. 24 San Xulián de Samos. Historia ..
[12] Pax.164. . San Xulián de Samos. Historia .
[13] Pax.113 e ss . San Xulián de Samos. Historia .
[14] Pax. 135. El tumbo de San Julián.
(15)   Pax. 305. Corpus de Inscripcións romanas de Galicia II
[17] Lembremos que no s.VI aínda non se descubrira o sepulcro do Apóstolo Santiago
[18] Máis antigo que o de San Pedro de la Nave El Campillo(Zamora) (visigoda) onde din, tamén, que se atopan as reliquias de  San Xulián e a súa esposa Santa Basilisa. http://es.wikipedia.org/wiki/Iglesia_de_San_Pedro_de_la_Nave_(Campillo)
[19] Pax. 184 Tumbo de Sobrado.  Ano 1149
[20] Pax. 28. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
[21] Pax41 A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
[22] Pax 63 A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo

1 comentario:

  1. Interesoume moito este traballo, pola devoción con que sinto Samos e porque descoñecía a historia do santo. Alédame saber da posibilidade de que fose galego.

    ResponderEliminar