venres, 11 de outubro de 2013

Ánimas, A Compaña (que non ten nada de Santa) e as procesións de guerreiros mortos e 3



Vén de....

As orixes da Compaña

Parece indubidable que a nosa cultura da morte contén elementos antiquísimos; a cabaza imitando unha cabeza cortada, os ritos para evitar os males dos mortos, as ánimas, A Compaña..., mais que se oculta tras estas manifestacións culturais?, de onde ven a esencia que sostiñan estas crenzas?, por qué estes ritos?.

Tradicións e mitoloxía célticas

O equivalente da Compaña en Irlanda é o Fairy Hostnas rexións altas de Escocia chámase Sluagh (significa xente, compañía, exército), e no País de Gales; Toili[1]
A Compaña, á que os campesiños do norte de Escocia denominan Sluagh, din que a compoñen os espíritos das persoas mortas, e que a veces vese voando ou camiñando coma os vivos[2].

En Irlanda,  fronte a costa de Munster, seica nas noites de lúa as almas dos mortos pódense ver sobre as rocas do Illote de Skellig, en dirección da mítica Terra da Xuventude.
A mitoloxía irlandesa fálanos da Fairy Host (do Outro Mundo) ,coma a Compaña,  aparécese na casa de alguén que vai morrer o cal pasa formar parte da hoste. Tamén en relatos irlandeses dise que algunhas persoas viron a hoste.
No relato A aventura de Nera escrito sobre o s. VIII, os side (membros da Fairy Host) relaciónanse cos vivos, axúdanse mutuamente de distintas formas para conseguir os seus fins; pero tamén pódense facer dano unhas aos outros. Son dous mundos coetáneos, reais; aínda que separados pola fronteira da morte. A entrada a este mundo sitúase sempre nos dolmens.

Procopio, no século VI, relata que os habitantes de Armórica (Bretaña) -patria de Asterix e Obelix- crían que os mortos reuníanse determinadas noites á beira do mar para que os pescadores os levasen en embarcacións ata a illa do Máis Alá, a que chamaban Brittia (Britania), os pescadores eran sacados das súas casas e obrigados a remar en embarcacións onde non se vía a ninguén pero se oía a voz do que mandaba, e pronunciaba os nomes dos que debían desembarcar nunha illa (a escena recorda o Mito de Caronte, o barqueiro dos mortos gregos), isto acontecía no Fisterre bretón en La Pointe du Raz.

A Barca de Dante nos infernos. Delacroix
En Ferrol recolleuse hai anos un relato popular sobre a Compaña que se embarca nunha buceta para poder cruzala ría. Contan que a Compaña tiña o seu cuartel xeral no Illote de Noro (NE de Salvora) ou no alto do monte de Curro e da Galleira (tamén en Sálvora). [3]. En Noalla (Sanxenxo) din que a Compaña penetra no mar camiñando sobre as augas[4].

Os Sluagh foron descritos no folclore gaélico-escocés coma a hoste dos mortos non perdoados, os máis tremendos e impresionantes de todos os seres sobrenaturais de Escocia. Soen ser vistas de noite, rodeada coma a Compaña de brillantes luces, xeralmente voan ou escorregan case a ras de terra. Igualiño ca nosa terra, só aqueles que posúen the second sight (especie de ultra-visión), poden ver a Sluagh, estes o que ven, ás veces, é o preludio do funeral dalgún veciño. Se algún camiñante é sorprendido pola procesión da Sluagh, pode ser obrigado a seguir con eles en contra da súa vontade ata a madrugada, cando é abandonado en calquera lugar.[5]

No simbolismo céltico atopamos escenas de procesións de mortos que confirman as referencias da mitoloxía céltica, no interior do Caldeiro de Gundestrup [6] (atopado no norte de Dinamarca na Idade de Ferro) de indiscutible influencia céltica, observamos a representación da procesión de guerreiros que camiñan cara o can (animal que sintoniza coa morte), presidindo a secuencia, unha gran figura, o deus dos mortos, encárgase de introducir no caldeiro aos guerreiros mortos que regresan á batalla reconvertidos en guerreiros a cabalo, unha serpe (animal asociado co mundo de ultratumba) precede á procesión de cabaleiros onde  o primeiro xinete ten un casco decorado cun corvo. Ambas escenas están separadas pola árbore da vida signo de resurrección (de tanta importancia na relixión xermana e cristiana).
Escena do Caldeiro de Gundestrup
Na lenda galesa da irmá de Bran, Branwen, descríbese o caldeiro máxico irlandés de Bran O Bendito: dito caldeiro pode devolver a vida aos guerreiros de novo se son cociñados nel durante a noite. Os soldados levántanse, de novo, tan fortes como antes de morrer, mais perderon a fala -signo inequívoco  de que aínda están mortos-.[7]

Na Diadema de Ribadeo ou Mones[8] -datada como o Caldeiro de Gundestrup nos .S. I-II a.C.-, outra vez, aparece o caldeiro da resurrección levado por guerreiros paxaro nun ambiente acuático, as armas neste caso son puramente galaicas(cascos, puñais, lanzas e caetra) é outra escena da viaxe ao Outro Mundo. A diadema pertenceu, sen dúbida, a un destacado membro da comunidade castrexa, un dirixente que guiaba aos seus guerreiros á batalla, ao triunfo ou ao Máis Alá céltico.

O guerreiro celta non teme á morte, sabe que vai a un mundo máxico, cheo de praceres, por iso son feroces no combate, por iso algunhas confrarías de guerreiros loitan nus, só coa pel tatuada e as súas armas. Iso si, o guerreiro debe preservar a súa cabeza sen ela non poderá acceder ao Alén.
A forma de paxaro que adopta a alma despois da morte era tamén unha crenza moi estendida nas Illas Hébridas (Escocia). Pero tamén entre os bretóns[9]

Diadema de Ribadeo
Unha extrapolación que sacamos destas escenas é a destacada relación dos córvidos cos guerreiros célticos, unha conexión que se funde coa morte e o outro mundo, o corvo Bran acompaña ao Deus pancéltico Lug, dous corvos son os axudantes inseparables do deus xermánico Wodan (o Odín nórdico). O casco do guerreiro celta de Ciumesti (Rumanía) cun corvo coas alas despregadas na súa parte superior, atopado nunha necrópole, segue o modelo do casco de guerreiros do Caldeiro de Gundestrup, ou dos homes paxaro da Diadema de Ribadeo, segue o patrón que atopamos no Meniño da Pedra de Formigoso (A Mezquita) ao pe do castro do mesmo nome, figura moi semellante á do dolmen da Casota do Paramo (Boiro), ou aos dous guerreiros da rocha 3 da Vermelhosa no portugués Val da Foz Côa, recollidos estes casos nun intrigante artigo de Manuel Gago.

Morte de Cuchulainn
As cornexas e os corvos están, especialmente, asociados coa morte debido a súa plumaxe negra e a que comen prea. Os corvos e as cornexas eran símbolos importantes na iconografía pagá europea, pero parece que aquí (mundo celta) estiveron relacionadas con deidades benefactoras, coma Nantosuelta, Epona e deuses da curación, tal vez consideradas coma profetas da boa fortuna[10]. Unha corneja (da familia dos córvidos) é o animal preeiro representación da deusa Morrigan ou Badhh  que leva ao outro mundo ao heroe irlandés Cuchulainn no relato do Ulster. Coma veremos máis adiante, as valquirias xermanas, tamén disfrazábanse de corvos e aguias para escoller aos guerreiros mortos en combate que logo transportaban ao Valhala, o mundo dos mortos dos seguidores de Wodan (o Odín escandinavo).
Casco de Ciumesti
Mais, non nos salgamos do sendeiro da Compaña:

Mitoloxía e tradicións xermánicas

A cultura dos pobos xermánicos teñen moitas semellanzas coa céltica, por algo foron pobos veciños durante séculos. A máxima divindade dos xermanos é Wodán, na súa forma escandinava (Odín), na súa forma inglesa (Woden) significa furor sagrado. Wodan é o rei dos deuses, o gran mago-druída, deus do sol do día e do sol da noite, deus dos guerreiros e deus dunha parte dos mortos, é o deus correspondente ao Zeus dos gregos, o Xúpiter dos romanos, o Dagda celta dos irlandeses, o Lug entre galos e  galaico-lusitanos[11]

O pobo suevo (un dos pobos xermánicos) ocupou a Gallaecia nos comezos do século V, a súa pegada na toponimia, nas tradicións e folclore galego é notoria, non en van o Reino Suevo da Gallaecia durou case 200 anos. Séculos máis tarde, os guerreiros de Odín voltarán á nosa terra, dende o século IX ata o XII, as incursións viquingas deixarán a súas pegadas de expolio e furor, mais esa é outra historia.

Na mitoloxía xermánica os mortos tamén seguen vivindo entre os vivos, Enrique Bernárdez fálanos dunha montaña sagrada en Islandia onde vivían os mortos: Estes lugares soen estar preto da morada dos vivos, próximos á granxa, ao poboado. Unha parte da familia está viva e habita en casas; outra está morta e a súa casa é a tumba, o monte sagrado ou o cemiterio[12].
Un poema heroico, O Segundo Canto de Helgi, fálanos do acontecido trala morte de este. Enterrárono nun túmulo, mais á noite seguinte unha escrava da esposa foi alí e viu a Helgi cabalgando cara o túmulo con outros homes, a escrava pregúntalle a Helgi se está desvariando e este contéstalle que non. Os mortos enterrados no seno da familia, aínda se comunican cos seus seres queridos durante un tempo[13].

Odín (Wodan)
Ata ben pouco tiñamos exemplos semellantes na nosa terra. Mais como pasa coas ánimas, tamén hai mortos pouco amigables na mitoloxía xermana; Thórólf (Lobo de Thor) morre de noite despois de discutir cos seus parentes e veciños, logo de sepultalo a gran profundidade, o espirito de  Thórólf empezou a aparecerse, o bo home convertérase en draugr (morto vivinte); morren un pastor, algunhas ovellas… Thórólf aparéceselle a miúdo á viúva que acaba morrendo a consecuencia das aparicións. Thórólf chegou a devastar o val e moitos dos que morreron foron vistos máis tarde na súa compaña[14]

Outro detalle curioso que coincide coa profilaxes ante a morte; Alguén morto en lugar infrecuente dentro da casa debe saír dela por calquera sitio que non sexa a porta, normalmente rompendo a parede. Deste xeito, o posible draugr non sabería por onde volver a entrar[15]. Na nosa terra, débense tapar todos os orificios do cadáver para que o alento ou espírito non volva ao corpo, tamén, logo de facer o rito para sacar o meigallo, ou para combater o mal do aire dun defunto, débese volver por un camiño diferente ao de ida.

Os celtas crían na inmortalidade da alma[16]. Na cultura céltica, a través da mitoloxía irlandesa, sabemos do sid, , significa paz, é coas Illas Marabillosas ou Illas das Mulleres,..   o Alén, o Outro Mundo. As mámoas son a súa porta de entrada, no sid moran os mortos máis os antigos habitantes de Irlanda; os Fomoré e os Tuatha De Danann[17]. Na nosa terra nas mámoas e castros viven os mouros, os antigos habitantes de Galicia. No Samaín as portas do sid ábrense e é posible a comunicación entre os vivos e os habitantes do Alén. Igualiño que na noite de Santos na nosa terra.

Hermerico, primeiro rei suevo da Gallaecia
Os xermanos, coma os seus veciños célticos, crían nalgunha especie de viaxe ao Máis Alá. Dende a Idade de Bronce conservamos restos de barcos e carros nas tumbas de quen debeu ser en vida persoa destacada.
Os mortos podían ir basicamente aos seguintes sitios:
- Ao Valhala, os guerreiros consagrados a Odín (Wodan) e pertencentes á aristocracia.
- A deusa Freya encargábase da outra metade en combate, aos que transportaba ao Fólkvang, onde tamén ían, probablemente, algunhas mulleres novas.
-  A Hel ían os que morrían de vellez ou enfermidade, así como os nenos; ao mesmo tempo, o morto podía seguir vivindo na tumba, ou nun lugar chamado Helgafel.
O Valhala é o Alén xermánico dos guerreiros einheriar gobernados directamente por Odín (Wodan ).

O Valhala é un inmenso palacio de muros resplandecentes, del flúen unha vintena de ríos. Tan grande é que ten cinco centenares e catro decenas de portas. Ante a gran sala, cuxo teito está cuberto con escudos dourados,  atópase a árbore dorado Glasir. Para acceder ao Valhala tiñas que estar consagrado a Odín e a ferida de lanza, arma de Odín (igual que a do céltico Lug) debía de formar parte de calquera ritual relacionado con estas sociedades e podía facerse incluso, despois da morte. Grandes heroes e reis que eran amigos de Odín atopan a morte en combate porque o deus quere telos a seu carón, aínda que eles confiaban na súa protección para sobrevivir á loita.
As valquirias, disfrazadas de corvos e aguias, elixen aos guerreiros durante o combate, sobre todo aos que miran cara o ceo. Elas mesmas os reciben ante as portas do Valhala e lle ofrecen unha bebida, seguramente hidromel (bebida antiquísima duns 13 º de alcohol resultado da fermentación dunha mestura de auga e mel). Unha vez no Vahala son as valquirias as encargadas de servir aos guerreiros, o ocio destes son os mesmos que en vida, aínda que ao tratarse agora dun mundo sobrenatural as feridas curan axiña[18].
Valhala

Ao pazo de Fólkvang (Prado das Xentes) a deusa Freya levaba os guerreiros mortos en combate, os campesiños mortos na loita coma bos soldados. Freya é a deusa da fertilidade, do amor, o sexo e a morte, pode converterse en paxaro, ou en xeral, cambiar de forma. Esta relación das deusas da fertilidade coa morte existe en tódalas partes e dende os tempos máis antigos[19]

Entre os elementos chamánicos do paganismo escandinavo está a posibilidade de falar cos mortos para conseguir información, e en algún caso, nárrannos viaxes ao Máis Alá.

Os xermanos, coma tantos outros pobos, pensaban que a outra vida era unha simple variante desta, do xeito que, unha vez mortas, as persoas seguían facendo o mesmo que antes aínda que dalgunha forma  especial, rara; por exemplo, un guerreiro podía morrer cada noite en combate e ao día seguinte estar tan contento e dedicado á bebida. I é que nos mundos sobrenaturais as cousas son iguais no esencial, aínda que hai algunhas que na nosa vida terreal son imposibles[20].
Os ritos funarios dos xermanos é variado; inhumación, cremación e enterramentos en barco.
A imaxe do barco vén da Idade de Bronce, simboliza a viaxe ao Máis Alá. Coma os celtas os xermanos crían no poder das augas para o camiño ao Máis Alá.
A Cacería Salvaxe

Na Idade Media, dende Alemania espallouse polas aldeas do norte, oeste e centro de Europa o que se chamou a Cacería Salvaxe, era unha procesión de mortos, algúns a cabalos, cans e cervos que percorrían as noites anunciando unha futura catástrofe, como unha praga, unha guerra, ou a morte daquel que mirara a procesión. Críase que estaba liderada por unha persoaxe histórica ou lendaria, segundo a zona onde se aparecía, podía ser comandada por Teodorico O Grande, Carlomagno, o rei Arturo, o deus guerreiro céltico Nuada ou o mesmísimo Wodan (Odín).
Varios autores ven na Valhala de Wodan a orixe da Cacería Salvaxe, tamén hai quen pensa que a nosa Compaña ten un percorrido semellante á Cacería Salvaxe e que ben puidera  ser unha das súas orixes. Pese a que  a nosa Compaña non ten ese carácter bélico e monteiro da Cacería Salvaxe (a nosa Compaña é moito máis pacífica, ata ofrece pan aos vivos -ollo non llo collades!!-) o paso do tempo puido acougar o seu espírito guerrilleiro.

Conclusións:

O culto aos mortos en Galicia é unha constante dende tempos inmemoriais, os monumentos megalíticos, como observamos, agachaban uns ritos relacionados coas divindades do Alén. As estatuíñas e ídolos das mámoas de Dombate, de Parbuxeira, da Cova da Moura..., amosan vestixios destas crenzas xa no Neolítico.
O pobo galaico gardou na súa memoria colectiva, dende tempos remotos, a concepción da morte que a relixión dos pobos habitantes da Gallaecia (a cultura megalítica, a céltica, a sueva,..) promulgou cunhas características semellantes:
Os mortos seguían con nós en ese mundo paralelo e marabilloso.
As procesións de guerreiros mortos é unha constante no imaginario do Alén entre os pobos célticos e xermanos que se desliza ata o medievo.
A visión da Compaña é un feito indiscutible entre as xentes de todo o territorio que conformou o Reino da Gallaecia.
Segundo se recolle no imprescindible blog Fror na Area a verba estantiga procede dum anterior HOSTE ANTIQUA 'exército antigo' (feminino, e nom como as vezes se di do masculino HOSTIS ANTIQUUS 'o antigo inimigo, o demo'), nome que se achega moito ao nome co que este mito é conhecido em alemám (Wilde Heer, Wütende Heer).
Tres animais ventan e guíannos ante a morte; o can, a serpe e o corvo.
Entre eles o corvo é quen ten máis sona na relación coa morte, anuncia a morte, guía aos moribundos, os corvos son os ollos da divindade da morte, na relixión céltica a propia divindade disfrázase ou transfórmase en corvo para conseguir o seu obxectivo.
A igrexa cristianizou o concepto das ánimas -dos mortos viventes- cargándolle o castigo de penar ata conseguir o perdón divino e o seu descanso cristián. A cultura popular, aínda hoxe en día, desminte esa falsa teoría, as ánimas son os mortos, teñen poderes extraordinarios, son coma nós, bos e malos, e viven na parte da parroquia non habitada, sen máis, é unha cousa natural coma a vida mesma.
É por iso que no Samaín (o fin de ano céltico) -a noite de Santos- hai que aproveitar que as follas comezan a morrer, as castañas a caer e as portas do Alén ábrense para festexar cos nosos defuntiños a boa vida de aquí e de acolá.

Ata sempre e bo proveito, anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía
MARCIANES CASTRO, M. O río do esquecemento. Identidade antropolóxica de Galicia. Edicións Xerais S.A. Vigo, 2003.
ALBERRO, M.     Os celtas da antiga Gallaecia, Editorial Toxosoutos, S.L. Noia, 2004

BALBOA SALGADO, A. Gallaecia nas fonte clásicas, USC. Compostela, 1996.
MADIANES CASTRO, M. Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Editorial Galaxia, Vigo, 1984.
TARRÍO FERNÁNDEZ, J. A. Cultura, educación e tradicións populares en Galicia, Ediciós do Castro, Vigo, 1989.

BERNÁRDEZ SANCHIS, E. Los mitos germánicos, Alianza Editorial, S.A. Madrid, 2002.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007.
BALBOA SALGADO, A. A relixión, Edicións Lóstrego, Santiago de Compostela, 2002.
 LISÓN TOLOSANA, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Akal Editor, Madrid, 1983.
DUMÉZIL, G. Los dioses de los germanos, Siglo Veintiuno Editores, S.A. México, 1973.
VÍTOR VAQUEIRO. Mitoloxía de Galiza, Editorial Galaxia, 2011.
LÓPEZ PEREIRA, X.E. Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva, Universidade da Coruña, 1996.
ALONSO ROMERO, R. Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones, Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, Compostela, 1996.
EDUARDO MARAGOTO, JOÃO AVELEDO e VANESSA VILAVERDE, Em companhia da morte, DVD, Filmes de Bonaval. Compostela, 2011.
GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001



[1] Pax. 106. Os celtas da antiga Gallaecia
[2] Pax. 152 Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[3] Pax. 162 . Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[4] Pax 167 Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[5] Pax. 107. Os Celtas da antiga Gallaecia
[6] Pax. 84 e ss. A Relixión.
[7] Pax. 87. Mitos Celtas. Miranda Jane Green
[8] Pax. 89 e ss. A Relixión
[9] Pax. 166 Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
[10]Pax. 66. Mitos Celtas. Miranda Jane Green
[11] P. 54 Los dioses de los germanos, Georges Dumézil
[12] Pax. 79. Los mitos germánicos
[13] Pax79. Los mitos germánicos
[14] Pax. 81. Los mitos germánicos
[15] Pax. 81. Los mitos germánicos
[16] Pax. 78. A Galicia Celta. A relixión.
[17] Pax. 79 A Galicia Celta. A relixión
[18] Pax87. Los mitos germánicos
[19] Pax. 177. Los mitos germánicos
[20] Pax. 82-84. Los mito germánicos
[21] Pax. 113-114 Los mitos germánicos

Ningún comentario:

Publicar un comentario