A compaña, O Acompañamento, As da noite, Ensamio, Estandaíña, Estantiga, Hoste, Antaruxada, Rolda,…
Hai que dicir, antes de nada, que a Santa Compaña, nome
pseudo erudito e cristianizado da Compaña, non ten nada de santa, a Santa
Compaña é unha denominación que non ten base científica, foi froito da
precipitación dalgún ilustrado da época e do intento de asimilación pola Igrexa
dunha tradición de sabor pagán. A ninguén que" viu" a Compaña se lle escoitará referirse a ela con esa
expresión "santificada".
O Acompañamento, como tamén se chama a Compaña na Illa de
Ons e o Xurés, era unha procesión de mortos do que non había que temer nestes
lares, traían o anuncio da morte dun vivo, algo normal e natural na vida da
xente.
Alonso Romero, nos anos 70, vive unha tempada na Illa de Ons
e recolle estas inesquecibles testemuñas sobre o Acompañamento; Aquí na
illa mírase o Acompañamento moitas veces…, comenta Eugenia Otero, unha
veciña de Ons; Dábame gusto mirar pra
ela. Daba o ceo mirala!.
Eugenia dicía isto sobre a Compaña:
"A Compaña hai que vixiala de noite. Pola lus xa se
conoce. A lus é encarnada coma o lume. Ela ven alta de todo, enriba de todo o
mundo. Esa lumbrera é a Compaña. Da un alumbrado que se mira como agora o día: míranse os
toxos , o monte millor ca o que se mira agora. E despois desta lus ven outra
pero máis pequena e baixiña: é unha lus branca, e despois ven todo o
Acompañamento. Ven xente de toda a clase: pequena, grande, neniños
pequerrechiños, cans… Van vestidos como nós. Míranse andar pola beira do mar na
praia de Melide. Van caladiños. E moitos portan a caixa de defuntos, e detrás deles
sigue outra lus branca. E a Compaña deixa a caixa diante da casa onde vai
morrer alguén. Aquí na illa mírase o Acompañamento moitas veces".
Illas Ons |
O seu irmán comenta:
"A xente da Compaña mírase como si foran vivos, e máis se escoita
ruído como se foran campaniñas. A Compaña ven voando e a estrela ponse na praia
e empézase a ver xente que vai detrás da lus"[1].
A xente que di ver a Compaña está plenamente convencida de
que realmente a viron, non hai falsidade no que din porque o cren con certeza
absoluta[2].
A compaña soe saír os venres o día de Venus.
Mandianes fala da Compaña que a escasos 30 quilómetros do
Xurés coñécese polo nome de As da noite;
"As da noite"
son o grupo de ánimas da aldea ou da parroquia. Levántanse do cemiterio, entran
na igrexa e saen recorrer a parroquia organizadas en procesión. Un vivo vai na
cabeza da procesión cunha cruz (o da cruz). O vivo que vai á cabeza recibe
ordes. "As da noite" páranse nas encrucilladas para comer e invitar
aos vivos que pasan. É mellor non aceptar, senón hai que seguir con elas.
Hai que ter un anaco de pan no peto por se o invitan a un. Cando se sente vir
ás ánimas, haise que poñer á beira do camiño e deixalas pasar, sen se mover.
"Unha vez, un home quitoulle a unha ánima que ía na procesión unha vela que
levaba na man e tivo que esperar deica o día seguinte para devolverlla no mesmo
sitio, porque as ánimas atacan aos que lles rouban as velas".
Na zona portuguesa veciña do Xurés, en Castro Laboreiro, a
Compaña chámase Acompañamento, aparécese cando vai morrer alguén, só algunhas
persoas o ven. Os cans, animal do outro mundo, tamén os ventan e ouvean ou
ladran a morto cando senten a súa presenza.
"As da noite" van vestidas cun lenzo branco e cos
pes descalzos. Fan ruído coma o aire, rezan e cada unha leva unha vela acendida
na man. Se as ánimas chegan de súpeto, haise que tirar ao chan, coa boca contra
a terra, ou facer un círculo no chan e meterse alí dentro pechando os puños.
Xa vimos como o círculo protéxenos ao illarnos. Ao tirarse
un a terra péchanse os orificios do corpo que son as vías de entrada do alento
(espirito), impídese así ás ánimas de nos facer entrar un alento ou espírito
pola boca. ….de noite convén camiñar cos brazos cruzados, "porque as
ánimas sempre andan buscando a quen lle dar a cruz, pero se un ten os brazos
cruzados no poden facer nada".
As da noite visitan as casas onde vai morrer alguén pronto;
pero ninguén sabe por onde entran, nin sequera o vivo da cruz. Unha vez o que levaba a cruz colleu un anaco
de xiz e sinalou a casa onde entraran as ánimas. Ao día seguinte foi mirar e
encontrou a casa sinalada. Uns días despois morreu un da casa.
O que leva a cruz non pode faltar da procesión; aínda que
estea lonxe do lugar ou da parroquia ten que vir cando saen as da noite en
procesión. Un home de Loureses que levaba
a cruz marchou traballar a Castela; volvía tódalas noites para levar a cruz na
procesión das da noite. Deixaba o seu corpo e o seu espirito e viña en
procesión. O que leva a cruz ten que lla entregar a outro vivo se quere
desfacerse dela. Ninguén a quere, porque o da cruz ponse fraco e non ten
descanso. Pódese dar a cruz a unha cadela negra e a cadela irá a tódalas
procesións das da noite.
Os vivos ademais de ver a Compaña poden escoitala, en Ons un
home que ía de noite para casa, escoitou unha campañina, non fixo caso e seguiu
andado máis adiante atopou unha caixa de difuntos.. un fulano da Compaña
díxolle que por alí non podía pasar, aos tres días morreu a muller que vivía na
casa[3]
Continuará....
[1] Pax.
148. Creencias y tradiciones de los pescadores gallegos, británicos y bretones
Grazas por colgar o cartel das Xornadas Castrexas de Cambre. Saúdos, Moncho Boga
ResponderEliminarNon hai de que Moncho, que teñades unhas boas xornadas.
ResponderEliminar