luns, 7 de setembro de 2009

Dombodán, un deus suevo en Arzúa, 1


Dombodán; Segundo Caridad Arias vén de Dominus Bódanus, outro nome latinizado que significa o Deus Bodán: Dominus, señor, amo, Deus. Bódanus, o deus guerreiro xermánico Wotán,Wodan, Bodán, Odín.
O nome deste deus, na súa forma escandinava (Odín), na súa forma inglesa (Woden),ou coma na forma xermánica (Wodan), significa furor sagrado.

Wodán, Bodan en diante, é o rei dos deuses, o gran mago-druída, deus do sol do día e do sol da noite, deus dos guerreiros e deus dunha parte dos mortos[1], é o deus correspondente ao Zeus dos gregos, o Xúpiter dos romanos, o Dagda celta dos irlandeses, o Lug entre os galaico-lusitanos[2].

Temos noticias dos xermanos do pobo suevo por Xulio Cesar e Tácito, este pobo era o máis numeroso dos xermanos e ocupaba dende o século III a.C. o baixo e o medio Rin. Era unha sociedade, basicamente, de granxeiros, e cultivaba cebada, avea, centeo, millo miúdo tamén chamado painzo (setaria germanica), trigo, así como liño, fabas e hortalizas, sendo moi raros entre eles as froitas.

Resultaba, tamén, notable a súa gandería e utilizaban madeira, os minerais e o ámbar[3]. Era un pobo de orixe indoeuropeo con fortes influencias celtas. Paulo Orosio calcula que existían 54 nacións suevas.

Os suevos cuados, que ocupaban a marxe esquerda do Danubio, no que hoxe son o norte de Austria e a República Checa, serán os que no ano 411 a.C. se asenten na Gallaecia dirixidos por Hermerico, que será o primeiro rei do que logo sería o Galliciense Regnum".

Bodán é, como diciamos, o deus supremo dos suevos, o acompañan en importancia o deus Donar, o viquingo Thor (deus da forza e o lóstrego, famoso polo seu martelo, é o deus que adoran os labregos), e o deus Fricco (deus do pracer).

As pegadas dos suevos en Galicia son moi escasas a nivel arqueolóxico (xoias, Igrexa de San Pedro e Rocas,..), máis se rastrexamos na toponimia e nas lendas obteremos probas do seu paso polas nosas terras.

Gracias a estudios filolóxicos sobre documentos medievais dos mosteiros de Sobrado dos Monxes, Tombo A da Catedral de Santiago, do mosterio de Celanova, de Samos, etc.., sabemos que a gran maioría dos topónimos suevos soen ser antropónimos (topónimos referidos a nome de persoa), en Dombodán temos varios exemplos deles: Brandariz (4, 1) <>Brandericus (Brand + ric) "Rei da Espada". Méndez Ferrín, tamén segue esta proposta: ...falnos da raíz xermánica Brand(a) segundo informa Piel e Kremer, de onde procede Brandericus (Brandariz). O Galicismo brandir procede do franco "xogar a espada".

Gramil de Granamiri: de *Granamirus (Gran + mir). Gran: Barba+ mir: fama, renome. Remesil de Remisol: de rimis. Rimis: Paz, tranquilidade. Rendal de Randuarius, Randawarjaz 'Escudo-Habitante' ou *Randuharjaz 'Escudo-Exército'.

Bodan coma vemos representado na imaxe de cabeceira, vai sempre acompañado de dous corvos , son os ollos de Bodan en tódalas partes, recordemos que o deus celta Lug tamén vai acompañado de Bran, o corvo. Continua..

[1] P. 54 Los dioses de los germanos, Georges Dumézil[2] P. 110 A Galicia celta, Antonio Balboa[3] P.21 O comezo da nosa Idade Media, Xoan Bernández

4 comentarios:

  1. Xunto cos cuados, tamén viñeron os marcomanos e os buros. Iso como mínimo, xa que o povo suevo era moi hetereoxéneo. De feito, ao principio viñeron acompañados polos vándalos, que despois continuaron cara o sur.

    O de que cultivaban millo debe de ser unha errata, non?

    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Graciñas Pablo pola correción, certo, o do millo tivo que ser un erro de redacción. sobre os suevos cuados seguimos o texto de Xoan Bernández; O Comezo da nosa Idade Media. Claro que viñeron tamén os vándalos asdingos que, por certo, non eran tan violentos como se deu a entender.

    ResponderEliminar
  3. ola, un saudo e noraboa polo teu blog tan necesario.
    Gostariame facer dous apontamentos/dúbidas:
    O nome de Melide, non podería vir de termo latino "milite"?
    O millo non podería ser o millo pequeno e negro?
    De novo grazas polo teu blog
    Atentamente: Antón

    ResponderEliminar
  4. Antón; Moitas polos teus parabéns, danche folgos para tirar para adiante outra migha máis.
    Sobre a etimoloxía de Melide parece que hai consenso, hoxe en día, en outorgarlle a orixe ao antropónimo latino; Mellitus, verémolo neste blog.
    En relación ao millo miúdo, tes toda a razón de feito consultando a Gran enciclopedia Galega parece ser que o Padre Merino cita o xenero do millo miúdo (milimum segundo os romanos);Setaria germánica willdenov, coma o verdadeiro painzo ou millo miúdo.

    ResponderEliminar