 |
San Vitorio na fonte e Capela de Arentía ao fondo |
Cara finais do século XII, as ordes relixiosas do Temple e o Cister levaban uns anos incrementando ás súas posesións no reino de Galicia. Unha carta datada en marzo do
ano 1180 infórmanos da doazón das terras de
Orreos (Orros),
Sancto Martino de Andauaa (Andabao) e
Buazu (Buazo), no concello de Boimorto, aos monxes cistercienses do Mosteiro de
Superaddo (Sobrado)(1) . Por este anos a familia dos condes de Traba tecía as súas arañeiras feudais pola comarca; Urraca, filla de Pedro Froiláz, funda o
Mosteiro de Dormiana (Dormeá, Boimorto), Fernando, o seu irmán, convertérase no conde máis influinte de Galicia e cedía terreos ao Cister(2) e
ao Temple para asentar estas orde no reino de Galicia. Mentres, San Martiño xa levaba uns anos exercendo de protector espiritual da parroquia de Andabao, mais en Arentía, lugar desa parroquia, que pasaba?.
 |
Porta Capela de Arentía |
En Arentia, hai unha capela baixo a protección de San Cidre e á súa dona Santa María da Cabeza, é un templo de certa entidade, duns 22 metros de longo por 8 de ancho, orientado ao suroeste. Destaca, sobre a fachada máis moderna, unha
porta principal con arco de medio punto abocelado (con molduras cilíndricas) - o que nos indica unha feitura románica dos séculos XII - XIV -, no seu lado esquerdo apréciase unha esquematizada e desgastada
cruz céltica patada(3)
, signo típico da Orde do Temple, no seu dereito, puido ter algún tipo de gravado xa que se distingue que foi desbastada a pedra.
 |
Cruz templaria. Capela de Arentía |
Preto da capela a uns 20 metros hai unha fonte (lamentablemente reconvertida en lavadoiro no século XX) da que destaca un frontón triangular cun oco no centro onde se atopa unha figuriña de madeira labrada de
San Vitorio vestido de monxe cunha cruz grega no peito, a fonte ten tres canos (un xa non bota), cada santo ten o seu, máis só o de San Vitorio ten propiedades curativas. Ao nordés da capela, distante uns 120 metros, atópase un cruceiro de factura sinxela presidindo o descampado da festa.
Hoxe en día festéxase o día de San Cidre cunha romaría o 16 de maio, hai procesión arredor da capela e xantares populares, soen ser dous días de festa de moita sona na comarca.
 |
San Vitorio na Fonte de Arentía |
San Vitorio foi santo mártir romano na Palestina, unha terra que os templarios coñecen ben -en Xerusalén forxouse a Orde do Temple- polo que é posible que os templarios foran devotos de San Vitorio, máis a veneración a este santo en Galicia vén de antigo(4) , un documento do ano 929 fálanos da fundación do
Mosteiro de San Vitorio de Ribas de Miño, no concello de O Saviñao, que se di, anos despois, a súa igrexa, pertenceu á Orde do Temple(5).
Capelas con advocación a San Vitorio hai algunhas en Galicia, case todas con fonte de augas curativas, a da Mezquita en Allariz con fonte santa, a
Capela de Damil en Begonte (Lugo) con
cruz templaria na ventá esquerda e fonte santa, a de San Vitorio de Arrabaldo (Ourense), a de San Vitorio dos Caínzos Cambás en Aranga que foi dominio cisterciense con presenza templaria,...
A devoción a San Cidre -o San Isidro Labrador- ten unha relación cos templarios máis marcada, xa que é un santo contemporáneo destes. Logo da batalla das Navas de Tolosa, onde os templarios tiveron unha actuación destacada, a lenda di que foi San Isidro o guía dos cristiáns na batalla, os templarios veneraron tanto a San Cidre coma á súa dona Santa María da Cabeza e ao seu fillo San Illán .
 |
Capela de San Cidre. Arentía |
Como vimos a parroquia de Andabao estaba baixo o dominio da Orde do Cister dende o ano 1180 e sabemos, tamén, das
estreitas relacións que habia entre a Orde do Cister, a familia dos Condes de Traba e o Temple, que a capela teña unha cruz patada no lado esquerdo da porta e que a figura de San Vitorio da fonte vista como un monxe templario(6) indícanos, sen dúbida, que serían os templarios os encargados de cristianizar ou reforzar os cultos cristiáns dunha fonte onde, nese século XII, aínda recibiría visitas da veciñanza da zona(7) para realizar os seus ritos ou festas pagás. Os templarios sentían especial atracción por estes lugares de adoración seculares, unha bula papal do 1145 permítelles construír as súas propias igrexas e capelas cos seus capeláns(8) , templos erixidos, normalmente, en
lugares de tradición ancestral, e na nosa terra, ademais, ao pe dos
camiños de peregrinación á Compostela.
San Mamede de Moldes é un caso típico de cristianización de cultos pagáns polos templarios en Galicia , a
Capela da Nosa Sra. da Fonte (Compostela),
San Pedro de Trasalba, e
Santa María de Caldas son outros exemplos.
A tradición, sobre todo no medio rural, é teimuda e a sona da divindade castrexa de Arentía seguramente atraería moitos devotos pagáns, quen sería, pois, a divindade de Arentía?.
Arentia é unha deusa céltica prerromana. Na península hai 9 inscricións nas que aparecen dedicacións a estas dúas divindades;
Arentia e
Arentio, apareceron nun marco xeográfico moi concreto entre o Castelo Branco no este portugués e o municipio cacereño de Coria (
Carium), en catro das nove inscripcións aparecen coma parella divina. Nesta rexión do norte da Lusitania estas divindades coexistían con outras divindades máis coñecidas na
Gallaecia coma
Bandua ou
Reve.
J.Rodríguez describía a
Arentius e
Arentia coma dúas divindades xemelgas, Hurtado apuntaba a posibilidade de que se tratarse dun par divino semellante á parella Apolo –Diana. Olivares Pedreño é de semellante opinión e considera que os
Mercurio e Apolo indíxenas son as dúas divindades que máis se acercan ao perfil relixioso de Arentius e baralla dúas posibilidades; que se trate da parella Apolo céltico e unha divindade de carácter terapéutico (con poderes curativos) coma os
Apolo Grannus e
Diana Sirona ou
Boruo (Apolo céltico) e
Damona, a mesma parella que
Bormanus e
Bormana (estas divindades estaban vinculadas a santuarios de augas termais) . No caso do Mercurio céltico sería
Mercurio Visucius e
Visucia ou
Mercurio e
Rosmerta , deusa da abundancia(9) .
Na nosa Arentia, todo indica que sería unha deusa da caste terapeutica xa que as propiedades curativas da fonte así o indican.
O curioso de Arentía é que teñamos tres santos compartindo o mesmo espazo.
Cabe a posibilidade que a fonte, nos anos anteriores á chegada dos templarios, tivese a advocación a San Vitorio, e aqueles atoparan unha fonte, con dedicación a un santo da súa devoción pero sen a forza suficiente para dobregar, nin facer esquecer, a sona da deusa Arentia e, -aquí seguimos a Olivares- tampouco do seu par divino masculino que sería o Apolo céltico (deus do Sol) – o máis acaído, ao noso entender- ,ou sexa
Arentio, un deus semellante ao pancéltico
Lug, recordemos que na
Festa do Lugnadah os pobos agradecen a Lug os froitos da colleita, é a gran festa do labrego celta.
 |
Cruceiro, campo da festa e capela de Arentía |
Non hai que esquecer que as
trebas castrexas (populus para os romanos) e os seus castros podían ter un deus con diferentes denominacións para a mesma función en comarcas relativamente cercanas unhas das outras(10) , polo que Arentio ben poido ser o Lug da zona de Boimorto. Os templarios botarían man de San Cidre (o santo das colleitas) e a súa dona Santa María da Cabeza (tamén milagreira) para suplir a Arentio e Arentia respectivamente. Os tres canos da fonte é posible que xa existiran respondendo ao carácter sagrado do número(11) , os templarios que asumen a súa función de sincronizadores das diferentes culturas pagás co cristianismo, outorgarían un cano a cada un dos santos, conservando San Vitorio -o primeiro santo en arrivar para cristianizar a fonte da deusa Arentia- a función curativa.
Arentía atópase nun lugar elevado da comarca, dende a capela domínanse as terras do sur do concello de Boimorto e parte do Concello de Arzúa, cunha magnífica explanada, sería- e aínda o é hoxe en día- un lugar inmellorable para conmemorar as festas da divindade solar. Se efectivamente o Lug de Boimorto, Arentio, era tamén adorado en Arentía, enténdese perfectamente que os templarios procurasen un reforzo para vencer a estas poderosas divindades, e este reforzo sería tamén un par, pero de santidades; San Cidre e Santa María da Cabeza. Os poderes terapéuticos de San Vitorio seguirían imperando nos ritos da fonte, pero San Cidre, como santo protector de gando e labregos, ocuparía o lugar de Arentio no campo da festa onde se realizaban os festíns ou celebracións de adoración ás divindades, o lugar que ocupa o templo, desde onde contemplarían ao
deus solar deitarse. A festa maior en Arentía sería a festa do verán céltico, o Beltene, a actual
Festa dos Maios.
Pola súa posición xeográfica no vértice dun cruce de rutas que une o camiño que viña de Ponte Puñide (O Pino) entrando por Boado cara Sobrado(12) (Hospital e Ponte Présaras encamiñaban a San Pedro de Présaras, centro do sonado Condado Alto Medieval de Présaras) e o camiño que baixa cara
Arzúa pasando por Boimorto onde se atopou -e alí está- un miliario romano do s. III, por esta posición estratéxica, diciamos, Arentía é lugar privilexiado para o control da ruta de peregrinos cara Santiago.
 |
Mapa de camiños medievais de Elisa Priegue. Arentía en vermello |
Polo seu tamaño é posible que a capela fose utilizada para o aloxamento de peregrinos, aínda que non hai constancia documental en templos templarios, era unha práctica común nas igrexas de peregrinación medievais. Elisa Priegue indícanos a existencia dun antigo camiño dende Sobrado a Santiago pasando por Boado e Ponte Puñide. A ruta de peregrinación dende Sobrado, pasando por Présaras que tiña que salvar o río Tambre en Ponte Présaras(13) , logo; Hospital(14) , Arentía, Ponte Boado, Boado,… e Ponte Puñide ata Compostela sería máis lóxica que a do Camiño do Norte que baixa cara Arzúa que, ata o século XII, non temos probas documentais da súa existencia(15) . O actual camiño norte cara Arzúa sería unha importante
vía de comunicación das minas romanas de Arzúa co campamento romano de Cidadela e Brigantium (A Coruña), mais non como ruta de peregrinación na Alta Idade Media. Sobre todo, na Alta Idade Media, en pleno apoxeo do Condado de Présaras, a ruta de peregrinación lóxica e natural sería en linea recta por Arentía, buscando a seguridade que ofrecerían os templarios, os condes de Présaras e o aforro en tempo da viaxe, ademais, a existencia nesta ruta e naqueles tempos, en cada 4 quilómetros -de media-, dunha parroquia, aseguraban ao peregrino un lugar para a súa manutención e descanso(16) . Non obstante, as dúas
pedrafitas de Andabao parecen marcar esta ruta dende tempos ancestrais.
Os templarios eran sobre todo protectores de peregrinos e lugares santos, o lugar de Arentía co seu poder sagrado ancestral no medio dunha ruta de peregrinación era o sitio idóneo para erixir unha capela e posiblemente algunha casa veciña para realizar a función de cristianización de cultos pagáns e as tarefas de protectores do camiño, a partir do século XIII, co auxe da vila de Arzúa e a ruta francesa, os peregrinos recuperan o ancestral camiño que marcaba o miliario de Boimorto e que hoxe chaman Camiño do Norte.