sábado, 13 de marzo de 2010

The President Habichuela está nas verzas


Unha vez o president Habichuela (Habi, en diante), enterado de que o Papa ía vir a Galicia, apareceu no Vaticano - previo pago de audiencia coa súa Santidade- para presentarlle á súa noiva e informarlle do que era iso do Camiño de Santiago. Alí comezou o seu camiño cara as verzas.
Habi quedou abraido co coñecemento que tiña o Papa da Galicia, aquel país herdeiro da grande provincia romana da Gallaecia, orixe do axustizado Prisciliano, dirixente dunha herexía que buscaba a pureza do cristianismo aló polo século IV.

Habi non podía crer que o Papa soubera que Galicia tiña unha lingua propia; o galego, idioma amasado, cocido e espallado nun antigo reino que fundaron os suevos nos inicios do século V. O Primeiro Reino de Europa, o "Galliciense Regnum", segundo Gregorio de Tours (539-594). Segundo San Isidoro de Sevilla, o Regnum Sueborum durou exactamente 167 anos, e foi o primeiro reino dos pobos chamados bárbaros en abrazar o cristianismo.

Habi non saía do seu asombro, todo isto dicíallo un camareiro de hotel na imperial Roma. Aquel home explicáballe que en Italia estudábase a historia do Imperio Romano e, Gallaecia era a última provincia romana cara a posta do deus solar, Xúpiter, que dende as súas costas os crentes podían ver ao seu deus deitarse. Naquel océano tiña o deus a súa morada.

De volta na Galicia, Habi ten un novo sobresalto, un alto cargo do goberno central, envíalle unha carta en galego, un dirixente do goberno de Espaaña, escribindo en idioma de aldea, un insulto, unha falta de respecto a un dirixente que coma o seu ben querido Asnar, pretende a presidencia do reino de Espaaña a través dunha comunidade autónoma.

Mais Habi vai recibir outra sorpresa máis, un camareiro dun hotel de Roma, está ao teléfono.
- Oíches tu, sonche o camareiro que che falaba en castellano no hotel de Roma, faime o favor, dille ao fillo de Lucindo, o de Dena, de parte de Rois, o fillo de Servando, o carpinteiro de ribeira, que Desván de los Monjes e Toro non existen, que se chaman Sobrado dos Monxes e Touro, que vos paso moita vergonza aquí, que entre tanto romano, inglés, francés, chino, australiano, etc.. enterado, non paran de rirse de min co conto do faiado e o torito bravo. Seica estades nas verzas ou que!

Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

sábado, 27 de febreiro de 2010

Que demo pasa?


Que demo nos pasa?. Por que nos insulta esa política de televisión gratuitamente?. Por que ataca o idioma galego o propio gabinete do PP que goberna este país?. Será porque rosadíez saca réditos electorais noutras comunidades?. Será porque o PP saca réditos electorais nesta comunidade?. Será porque cren que mexan por nós e hai que dicir que chove?.
ORGULLOSOS DO NOSO. ORGULLOSOS DO GALEGO
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

mércores, 17 de febreiro de 2010

Os Camiños de Santiago e as Rutas do Máis Alá


Dende a última glaciación (de Würm, 90.000 aos 15.000 anos) as rexións do sur da Europa eran as únicas zonas habitables, os homínidos do norte- e tamén os animais- virán pola ruta do norte seguindo as beiras do mar ata chegar ao Fin da terra, o Finisterrae (a futura Gallaecia).
O descubrimento do xacemento da Cova de Eirós, Triacastela (Lugo) no 2008, (onde apareceron vestixios do Home do Neandertal, antepasados dos rinocerontes, dos osos das cavernas, e do Home do Cromañón -xa Sapiens-, correspondentes ás tres fases do Paleolítico dende os 84.000 aos 30.000) parece indicarnos unha ruta ancestral que se perde no inicio dos tempos da humanidade. É a ruta da supervivencia cara a posta do Sol
, estaban abrindo a Ruta do Alén.
Estes homínidos procurarían acercarse o máis posible ao astro solar, o que dá a luz e a calor, e sobre todo, o que nos sobrecolle cando, aínda hoxe, o vemos deitarse pausadamente na nosa costa atlántica.

Restos materiais, arqueoloxía, tradición cultural, lendas, xenética, únense para conformar unha ligazón entre pobos da Europa do Este e da actual Rusia co Finisterre peninsular. E de rexións do mar Negro. Hai 8.000 anos que partiu unha corrente migratoria que non se detivo, por ese camiño norteño que coincide co xacobeo (1).
Entre os 5000-4000 a. C. aparece na vertente atlántica, nas terras da Gallaecia, Lusitania, Baetica, Bretaña, Irlanda, nas Illas Británicas e nas illas mediterráneas a Cultura megalítica de túmulos, son as antas, mámoas ou dolmens. Nas mesmas zonas cara os 2500 a. C. aparecen os petróglifos, símbolos gravados nas pedras sobre todo astrais (laberintos, circulares, solares,..) a nosa terra está inzada deles, non só na vertente atlántica ver: Ulloa en Fotos. Son pobos adoradores do deus solar.
Axiña os pobos indoeuropeos, os pobos vidos do Abrente comezan a trazar as rutas cara o leito do Deus Solar , o paraíso do Máis Alá, alí onde se atopa o Reino dos Mortos(os paradisíacos Campos de Aaru exipcios rexidos por Osiris que, Ra- o deus do sol- traspasa coa súa barca solar cada noite), o Mar dos Mortos dos celtas, o Mar Tenebroso dos púnicos, fenicios e árabes, o Dutika Mere (Rexión da Morte) dos gregos, última estación cara os Campos Elíseos ou ás Illas dos Benaventurados (por isto lle chaman hoxe a Costa da Morte). Procuran a contemplación da morada do deus solar; o Ra exipcio, o Mitra iraniano, o Lug celta, o Apolo grego, o Ianus (Xano) etrusco-romano, o Xúpiter romano, o Sol Invictus tardoromano…

Os diferentes pobos do este buscan esa terras no finisterre galego, mais, tamén, no finisterre bretón, no británico, no irlandés, son as terras desde onde os pobos protocélticos, logo os célticos,fenicios, gregos e romanos constrúen os seus santuarios de adoración aos deuses solares e aos deuses dos camiños. Eses deuses que indican a ruta do Máis Alá ( Bran celta, Hécate, Hermes gregos, Mercurio romano, Melkart fenicio, o Osiris exipcio …). Por iso a arqueoloxía descobre o templo fenicio en Vigo, ou as aras votivas ao Deus Breo (2)(de Bran, Breogán, Brennus, Brannos, etc..) do Monte do Facho en Donón (Cangas), por iso atopamos os trisqueles nas casas do castro de Santa Tegra, ese símbolo que idealiza as tres fases diarias do Sol; o abrente, o mediodía e o solpor, é a forza celestial que sempre camiña, e indica aos homes a súa morada, alí a onde van os vivos e os mortos, por iso a San Andrés, vai de morto o que non foi de vivo. O San Andrés de Teixido (de teixo, a árbore dos mortos), aló onde a Compaña (que non ten nada de santa) campa ás súas anchas, San Andrés onde apareceu a pía oferente de tres cabezas, típica dos deuses dos camiños, aí onde peregrinamos os galegos e galegas ao longo de miles de anos, moitos miles antes da Inventio do sepulcro de Santiago Apostolo no 813(3).

Indicios dos camiños cara o Solpor son recollidos por varias obras recentes: Louis Charpentier (4) e Rafael Lema (5) , recollen a evidencia dos símbolos nas rocas e nas igrexas dos camiños do Solpor; fálannos das rutas secretas, onde templarios e construtores das igrexas dos camiños se comunican entre si, fálannos do Camiño da Oca –animal identificado coas ánimas dos faraóns, ave mensaxeira do outro mundo na cultura celta(6) -, os símbolos templarios e as formas dos pes de oca atópanse en moitas igrexas románicas e góticas do camiño.
É a cultura céltica a que atopamos na nosa terra na antropoloxía, na arqueoloxía, nos textos clásicos. Son, tamén, os pobos célticos os que fan o Camiño do Solpor procurando as Illas Marabillosas. As Illas dos Afortunados das que falan os clásicos, así André Pena Graña(7) propón que existe un camiño de oriente a occidente que nos conduce a esta illa da felicidade, tan anhelada e buscada polos celtas. Aristóteles nas súas Noticias Marabillosas (837,a,7) descríbenos un camiño máxico seguido por Hércules ata Iberia, para roubarlle os bois a Gerión, e as Illas Hespérides para roubar as mazás de ouro;
Afirman que desde Italia ata o país celta e os celtolixios hai un camiño chamado Heracleo (herculino en grego), e se por el camiña un grego ou nativo, é protexido polos que viven cerca, para que non sufra ningunha inxustiza, e que esixen o castigo contra aqueles por obra dos que padecera a inxustiza”.
Aristóteles (837,a,7)
I e que a chamada Torre de Hércules está aí erixida polos romanos nas proximidades de Brigantium, a cidade de Breogán, e desde a Torre de Breogan (é na súa orixe a mesma Torre de Hércules antes chamada Castelo Vello?), Ith, o seu fillo, divisou unha illa, a Illa de Irlanda. O camiño Heracleo do que nos fala Aristóteles é o noso camiño cara o Solpor. Por certo, os galaicos xa tiñamos fama de hospitalarios na antigüidade, manda truco!.
Milladoiro no camiño de Teixido
O Camiño de Santiago é a ancestral ruta cara o Solpor, alí onde o deus solar se deita atópase o mundo do Máis Alá, a onde se dirixen as almas dos mortos (tamén os vivos, máis xa non poderán voltar á súa terra), é o Alén céltico, o Tir na n`Og (A Terra da Eterna Xuventude irlandesa), é o Máis Alá Feliz, onde os mortos viven de novo nun mundo que é moi parecido á terra, aínda que moito mellor. Neste lugar non existe a dor, nin a enfermidade, nin o envellecemento, nin a decadencia; é un mundo cheo de música, festas, beleza, aínda que se seguen producindo os combates entre os héroes (8).
A nosa costa estaba petada de santuarios costeiros : San Xiao de Moraime (Muxía), A Virxe da Barca (Muxía), San Guillerme (Fisterra), San Andrés de Teixido (Cedeira), San Xiao de Trebo (Cariño)(18), O Castro do Monte do Facho (Cangas), Santa Tegra (A Garda), San Xiao do Monte Aloia (Tui)..., son algúns exemplos.
Varias son as rutas que nos levarían ao Máis Alá: O camiño francés que se dirixía a Fisterra e Muxía e o camiño do norte (o cantábrico chamado; Ruta de Agripa en Cantabria) que ía cara San André de Teixido, serían os máis antigos, logo o chamado primitivo seguindo a romana VIA XIX de Astorga a Braga, e os demais recollerían un incesante camiñar cara ao Alén. A Igrexa centralizaría esas rutas en Compostela coa Inventio do Sepulcro do Apóstolo Santiago (i e que non se sabe quen está enterrado na catedral, pero seguro que o Apóstolo non é).
As lendas das Illas do outro mundo coñecidas como Terra da Mocidade, Terra Prometida, Chaira da Felicidade, Terra dos Vivos, Illa das Mulleres, etc… son abundantes na mitoloxía céltica; A Illa de Ávalon do rei Arturo, A Viaxe do clan de Cessair á Illa do Ocaso (9), A Viaxe de Osian, fillo de Finn, á Illa do Solpor(10) , A Viaxe de Bran fillo de Febal á terra dos vivos (11), A Viaxe de Ith, fillo de Breogán á Illa do Ocaso(12), Cuchulainn, moribundo, invitado á Illa da Eterna Xuventude (13), A Viaxe de San Brandán (Navigatio Sancti Brandani) e a illa histórica de Brasil (14),…. Na Galicia temos dous exemplos da busca do Máis Alá nas lendas de San Amaro, o Peregrino(15), recollido por Euxenio Carré , e A Viaxe de Trezenzonio sobre a Gran Illa de Solistición(16) , texto do século XI recollido por Díaz y Día (ambos relatos de sabor céltico angazados polo cristianismo, dous relatos míticos dos que falaremos noutra ocasión).

Castro Donón no Monte do Facho, Cangas
Os romanos levaban anos intentando controlar a ruta do fin do mundo; Xunio Bruto O Galaico, Xulio Cesar, será máis tarde Agripa ás ordes do emperador Augusto, o que consiga, por fin, colocar as Aras Sestianas (Celtici cognomine Neri et super Tamarci, quorum in paeninsula tres area Sestianae Augusto dicatae, Copori, oppidum Noeta, Celtici cognomine Praestamarci, Cileni. ex insulis nominandae Corticata et Aunios. Plinio (N.H. IV,111))(17) no Finisterrae galego, localización que Ptolomeo non especifica certeramente e que da moito que razoar aos nosos investigadores; na Fisterra, en San Andrés de Teixido, en Cabo S. Adrián (Malpica), en Cabo Louro (Rianxo), en Donón (Cangas), en Cabo Touriñán- que Monteagudo identifica co céltico Promontorio Nerio (Promontorium Nerium) etc… No que parece que hai consenso (A. Tobar, R. Étienne,..) é en afirmar que as tres aras corresponden ás tres lexións imperiais; IV Macedónica, VI Victrix e a X Gemina, entón acampadas en Hispania .
Coa colocación das Tres Aras Sestianas no Fin do Mundo o Imperio amosa o seu control das rutas do Máis Alá ao mundo enteiro, ao mesmo tempo, as portas do templo do deus Ianus péchanse e dáse por inaugurada a Pax Romana.
A Se da, xa, católica Iria Flavia buscaría ese enclave relixioso en Compostela dedicado a unha santidade (a Santiago Apóstolo) para focalizar a devoción pagá e non pagá, galega e non galega e, de paso, fortalecer a cristiandade na península ante o carácter adopcionista da Igrexa de Toledo (( tese da “dispersión apostólica”, recollida polo Beato de Liebana, como predicación en Hispania de Santiago o Maior). Ademais, a poderosa nobreza galega coloca os seus alicerces solidamente no Reino da Gallaecia e garante unha alianza perpetua con Roma, así como, un permanente fluír de recursos e xentes.

Pasado o século XVII, a Igrexa Compostelá intenta borrar o último tramo a Fisterra-Muxía, e ordena destruír a Ermida de San Guillerme, mais a tradición ancestral é máis poderosa que as ordes do arcebispado e hoxe aínda se segue saudando o Solpor ao pe do Atlántico en Fisterra e en Muxía.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

(1)Pax. 258 El camino secreto de Santiago
(3)Ver Anexos de La estación del amor al diálogo con la muerte
(4)Os misteriosos camiños de Compostela
(5)El Camino secreto de Santiago
(6)Pax. 74. Os misteriosos camiños de Compostela
(7) San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas
(8)Pax. Mitos Celtas
(9)Pax. 32. San Andrés de Teixido e as Illa do Máis Alá
(10)Pax. 35. Idem
(11)Pax. 37. Idem
(12)Pax. 42. Idem
(13)Pax. 47. Idem
(14)Pax. 41. Idem
(15)Pax. 177. Guía da Galiza Máxica
(16)Pax. 181 Guía da Galiza Máxica.
(17)Pax. 145. La península ibérica en la Geografía de Ptolomeo.
(18) A San Xiao de Trebo chégase por dúas rutas de acceso tradicionais; o Camiño Vello dende Cariño, e o Camiño dos Mortos dende Régoa cruzando a Capelada. Pax. 28. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
Bibliografía
• GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001
• GREEN, MIRANDA JANE. Arte Celta. Ediciones Akal, Madrid, 2007.
• GARCÍA ALONSO, J.L. . La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidad del País Vasco, Gasteiz, 2003.
• LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
• PENA GRAÑA, A. e ERIAS, A. , o Ancestral Camiño de Peregrinación ao Fin do Mundo: Na procura do Deus do Alén http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2006PDF/2006_023_038%20Erias06.pdf
* PENA GRAÑA, A. San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas, Editorial Equona, Ferrol, 2006.
• RAFAEL LEMA. El camino secreto de Santiago. La ruta pagana de los muertos, Editorial EDAF, Madrid, 2007.
• VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia, Vigo, 1998.
• LOUIS CHARPENTIER. Os misteriosos camiños de Compostela. Editorial Toxosoutos, Noia, 2000.
* XOSE LUIS BELLO. A torre de Hécules. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2008.

luns, 15 de febreiro de 2010

Luis Tosar, cultura galega


O noso actor máis internacional , recibiu o premio ao mellor actor nos goya, recolleu o galardón falando en galego, un exemplo.
Onte, Luis fixo máis polo galego que todo un goberno da Xunta no ano que leva no poder. Boeno, perdón o goberno do PP, atacouno.
Graciñas Luis Tosar.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

venres, 22 de xaneiro de 2010

Noraboas pola defensa do galego


No día de onte, o pobo desta terra defendendo a súa identidade, a súa dignidade e sobre todo a súa intelixencia gravou unha data para a Historia Galega.
Nun día laborable, coidado, miles de persoas colapsaron Compostela nunha lección de fraternidade e responsabilidade, hoxe é día de Nobaboas a todas e todos que nos sentimos galegas e galegos e, dende a cordura, defendemos o que fomos e somos.

Aquí reproducimos un comunicado dunha comunidade do ensino agradecendo o civismo galego:

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

venres, 15 de xaneiro de 2010

Foucellas; unha noite do 48



O 22 de outubro do 2009 (feira en Arzúa), cumpríronse 101 anos do nacemento do guerrilleiro Foucellas aquel que, coa súa partida de fuxidos, aplicou a xustiza republicana nos anos da posguerra polo antigo partido xudicial de Arzúa e o Deza. Hoxe imos a narrar un suceso que aconteceu naqueles anos, e que, abofé, deuse en máis dunha casa do rural galego.
Dende os anos 1944 e 1947 a sona de Foucellas coma fuxido e guerrilleiro espelido e agudo percorre  toda a provincia coruñesa. No antigo partido xudicial de Arzúa o guerrilleiro ten unha estrutura de apoio ben consolidada.
Son coñecidas moitas das casas de veciñ@s que dan cobertura á guerrilla antifranquista. Casas de veciños e veciñas de Arceo, Andabao, Boazo (Boimorto), Merelas (Curtis), Orxal (Arzúa), O Valló (Fervenzas-Aranga), Ru (Vilasantar), Mande (Bascoi) Alguerrero, Barbeito (Vilasantar), e ata a casa do cura párroco de Mandoio, don Juan, alias Coiote, daban refuxio e sustento á guerrilla.Tamén, por suposto, en Curtis, onde vivía a muller do Foucellas.
Nos primeiros meses do ano 1948, a guerrilla antifascista envía a Foucellas ao mando da V Agrupación Guerrilleira de Galicia, á provincia de Pontevedra. A desfeita na actividade guerrilleira no sur da provincia de Pontevedra e as novas medidas de presión da garda civil sobre a guerrilla na provincia da Coruña; delacións, queima de casa de enlaces guerrilleiros, queima de monte, a morte en emboscada do xefe da IV Agrupación Guerrilleira de Galicia, Manuel Ponte, así como de Manuel Díaz, Avelino Rivas e Manuel Rodríguez precipitan o traslado da actividade guerrilleira de Foucellas cara a comarca do Deza:

Por respecto as persoas implicadas imos gardar a identidade das mesmas. Sen poder precisar a informante a data exacta, o certo é que os días ían medrando e aínda había deberes na escola. estes feitos aconteceron no comezo do ano 1948.


Serían as 8, xa noite, nun lugar da parroquia de Méixome, no concello de Lalín, cando pola porta da cociña entraron cinco homes armados, con escopetas e pistolas- dous quedaran vixiando fóra da casa-.
- Son Foucellas e estes son os meus homes- dixo o máis alto deles.
Os guerrilleiros serían; Foucellas, o Asturiano, Ramuñán, Bazarra, Vicente López, Miguel o Cordeiro e Rueda.
Na casa xa se atopaba toda a familia, Pepe (o fillo que estivera na Guerra Civil servindo no bando nacional), as tres irmás, e unha sobriña destas de 13 anos (a nosa informante) facendo os seus deberes de matemáticas.
Don Emilio, o cabeza de familia, era coñecido, por referencias – a día de hoxe descoñecidas- da partida de fuxidos. Foucellas dirixiuse a el e pediulles serenidade a todos, a partida tiña información sobre a persoa de Don Emilio e sabían que era unha boa persoa, ben apreciada polos veciños e sen filiación política.
Foucellas e os seus homes viñan de deixar recado a un home, falanxista de Santiso (Lalín) para que á noite seguinte lles entregara 40.000 pesetas, os da casa non debían temer nada, polo seu ben, a presenza da partida na casa non se debía comentar a ninguén, se isto chegara a ouvidos das autoridades franquistas, podía traer a desgraza á casa. O franquismo non tiña piedade, como máis tarde se demostrou.
– A nós non nos van facer nada, porque imos fuxir, pero a vostedes vanlle a facer a vida imposible- dixolle Foucellas a Don Emilio.
As armas estaban enriba da mesa de marmol da cociña, no outro extremo estudaba a nena matemáticas, tres dos homes de Foucellas, discutían entre eles como resolver un problema dos deberes da nena. Un daqueles homes tiña acento das Rías Baixas, tiña un seseo cantarín e pavero ao falar, aqueles homes non metían medo.., Foucellas, á beira das cortes, falaba con Don Emilio da delicada situación política, aínda había esperanzas de que Europa, logo da 2ª Guerra Mundial, apoiara a causa antifascista na península.
Ao acercarse a noite pechada, Don Emilio convenceu a Foucellas de que era mellor que foran a outra casa deshabitada propiedade dun caseiro de Don Emilio. Aceptaron e despedíronse cortesmente da familia, deixando, como agasallo, para a nena, 500 pesetas, disque, as que lle quedaban.
Sobre as dúas da mañá, Pepe, afeito a tratar con situacións de risco (na guerra do Ebro vira caer a case todos os seus compañeiros de armas nunha trinchera), levou aqueles homes rodeando o lugar á casa, que case rematada, tiña o caseiro na cima do lugar. O caseiro fora informado por Pepe do estado das cousas. Era un home, bo, leal, rexo, afeito a traballar nas canteiras de pedra, e sobre todo, pobre.
Coas chaves da casa, Pepe instalou aos sete homes na parte darriba da casa, embaixo gardaban as ovellas.
Ao día seguinte as mulleres da casa mataron un cabrito, preparárono e leváronllo oculto nun feixe de herba, aquela noite, a partida de Foucellas, marchou.
Neste ano o 10 de febreiro, nun atardecer frío e desagradable, a partida entrara na casa do ex -sarxento do exército franquista, Marcelino González González, veciño de Palio (Lalín), ao nordés de Meixome, esixíndolle 50.000 pesetas, obteñen 6.000 pesetas, esixíndolle 15.000 para dentro de quince días. Os guerrilleiros, saen da casa de González e diríxense á taberna do coñecido falanxista, Jesús Cuñarro, na veciña parroquia de Cercio, ao que acusan de dar morte a un veciño tres anos antes na parroquia de Palio. Esa mesma noite, dan morte a Cuñarro de catro tiros.
Ao ano seguinte ou máis tarde, o fillo do caseiro, nunha mañá que ía a buscar as ovellas á corte, deu cunha gorra militar tirada no chan, mirou cara arriba e viu a dous homes armados asomados ao trampilla da casa, botou a correr e a berros de; os atracadores, os atracadores…, alertou a tódolos veciños de Meixome, axiña organizáronse os veciños con ghalletos, sachos, fouciños e demais armamento agrario, mais, ao divisar aos sete guerrilleiros armados ata os dentes, a xente liscou e regresou ás súas casas.
O pedáneo da parroquia, cinguiu a sela ao cabalo e, en dirección a Prado, levaba a intención de dar parte ás autoridades da presenza da partida, á salida da parroquia foi parado polos guerrilleiros que, apuntándolle coas armas, preguntáronlle a onde ía, mais o dirixente do grupo, recapacitando, deixouno ir… , sabían que ben daban fuxido antes de que chegara a garda civil e continuaron a súa marcha cara o Monte do Carrio.
Aquel sería o último día que, a nena aquela de 13 anos, soubo do Foucellas, a recomendación de manter silencio sobre a súa presenza, non ía nada descamiñada, a garda civil arrestou ao caseiro e levouno á cárcere de Pontevedra. Foi torturado, mais, nunca delatou a Don Emilio, pasou varios anos en prisión, Don Emilio encargouse de que unha fonda lle levara tódolos días a comida á prisión, e que non lle faltara manutención a súa familia. Ao pouco de saír da prisión, o caseiro, un home pobre, valente, bo e leal morreu.
Aqueles feitos foron mantido en secreto polos membros da familia, ata hoxe.
Santiago, 23 de outubro do 2008.
Celso Alberte Magariños Costas. anosahistoria1@gmail.com

Bibliografía

LAMELA GARCÍA, V.L. Foucellas. El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952). Ediciós do Castro. Sada, 1992
REDONDO ABAD, F.X. Botarse ao monte,Censo de guerilleros antifranquistas en Galiza (1939-1965) , Edicios do Castro, Sada, 2006.

martes, 12 de xaneiro de 2010

Folga polo galego


Coma galega/os, coma pais, coma defensores do ensino público, debemos defender a nosa lingua e por extensión a nosa identidade e a nosa economía. Máis novas sobre a mobilización en Plataforma Queremos Galego .
Post data: Acabamos de dar con outro ataque irracional contra o galego; Os Teletubis do Xabarin Club, galegos parlantes dende a infancia, falan agora en inglés subtitulado en galego, magnífico intento bilingüístico, sobre todo se vai dirixido ao público infantil de 3 a 5 anos, que aínda non saben ler nin en latín, está claro; queren acabar coa lingua, co ensino público e cos medios de comunicación en galego. Son os primeiros pasos do que semella un goberno de dirixentes estranxeiros.
Por certo, lede -se queredes- un interesante artigo do noso admirado profesor Bermejo sobre o espirito do ataque ao galego