venres, 14 de maio de 2010

Letras galegas; un ano histórico


O chamado Decretazo, rexeitado pola sociedade galega na rúa (con dúas manifestacións multitudinarias), rexeitado pola intelixencia galega ( Real Academia Galega, Consello Escolar de Galicia, Consello Consultivo de Galicia) e, proximamente, rexeitado polo Parlamento europeo, o Consello de Europa e a Unesco, obriga á sociedade galega a mobilizarse este 17 de maio para defender de novo alto e claro a súa lingua.


Pese a esta repulsa masiva a semellante disparate, o goberno antigalego continua co seu intento, i e que como di o refraneiro; Quen o seu can quere matar, achaque lle ha buscar.


Este 17 de maio pasará á Historia por ser o Día das Letras máis combativo contra o intento dun goberno pufista de menosprezar e atacar o idioma galego.


Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

mércores, 12 de maio de 2010

Atentado contra o Castro da Atalaia en San Cibrao



Pola nosa terra a tolemia do ladrillo parece que colleu folgos, dende eiquí apoiamos ás veciñas e veciños de San Cibrao (Cervo) na súa loita contra a senrazón urbanística que semella non ter crise se se trata de destruir o noso patrimonio natural, paisaxístico e histórico.

martes, 13 de abril de 2010

As viaxes galegas ao Máis Alá


Os relatos das viaxes ao Máis Alá son unha constante na literatura clásica. Na nosa terra non son unha excepción; Santo Amaro, o peregrino, é a Viaxe de Trezenzonio sobre a Grande Illa de Solistición son relatos galegos sobre o Alén que chegaron a nós, mais na tradición oral, onde o control inquisitorial da Igrexa non chega, varios relatos amosan unha relación fluída co Máis Alá na nosa cultura. As almas en pena que rodean o santuario de San André de Teixido, a incansable Compaña, a Noite de Defuntos,…
A familiaridade cos defuntos na nosa cultura é permanente a través dos séculos. Os contactos cos defuntiños, ata hai ben pouco, eran normais. Conta Labarca Rivas, no relato O Trasacordo, que na eira de Barros-Lema ( Labarda di en Viladavil (Arzúa), máis debe de referirse ao Barros de Lema (Arzúa) que se atopa a carón de Magolán) as familias de Magulán e a de Quintela están en tratos para unha compravenda. Paralízanse as negociacións ata que a avoa da familia non consegue o amén do defunto marido sobre as condicións do contrato. Logo duns días, o defunto acepta, e o trato lévase a cabo.
Este relato é unha pequena mostra do natural que era, ata onte, o contacto co outro mundo, sabíase que os defuntos ían a unha vida mellor e por iso en moitos lugares facíanse auténticas festas rachadas, as chamadas rogas. Mais o vivo, sobre todo o cativo, debía coidarse da morte que che podía levar con ela anticipadamente. Os camiños e as entradas do máis alá están espalladas pola nosa terra; as encrucilladas, as fontes, os ríos e, sobre todo, o noso mar, son esas portas que nos levan ao paraíso dos mortos, ao Alén.
As viaxes ao máis alá son unha teima de tódalas culturas antigas, e a viaxe en barca cara o Máis Alá unha xeneralidade delas. Dende a barca exipcia do deus Ra, que traspasa o reino de ultratumba de Osiris, ata as viaxes funerarias en barca dos pobos viquingos, todos embarcan cara a posta do Sol onde nunhas illas ou uns campos (Eliseos gregos ou de Aaru exipcios) atópase o paraiso dos mortos, alí onde a felicidade é eterna. Isto era o pensar clásico da morte, Caronte na súa barca levaba aos mortos ata o Hades (Ultratumba), daquela, todos os defuntiños debiamos embarcar cara o Máis Alá.
Os antigos deuses ían en barcas de pedra, a Igrexa utilizou eses barcos de pedra para traer aos nosos santiños ás nosas costas, Santiago atracou en Padrón, San Mauro en San Xoán de Misarela (A Pobra do Caramiñal), San André en Teixido e a Virxe da Barca en Muxía son algúns exemplos…Co tempo, polo tanto, o catolicismo, nestas terras tan profanas, tizna as crenzas cun verniz de lenda. Aquelas viaxes cara o Alén céltico, romano ou grego, convértense nunha visita fugaz ao paraíso cristián.
Para entender o xermolo dos relatos do Máis Alá galegos, hai que escoitar, en primeiro lugar, o relato céltico da Viaxe de Bran fillo de Febal á Illa das Mulleres en prosa de finais do século VII comezos do VIII, texto gaélico recollido no manuscrito do Leabhar na Huidre . Bran é un príncipe irlandés e o mesmo que Ith (o fillo de Breogán) acepta o reto de penetrar no mar buscando unha remota illa no lugar onde se oculta o sol, ningún dos dous volverá a poñer pe na súa terra natal:
Un día Bran, nun profundo soño escoita unha música máxica e ao espertar atópase á súa beira unha rama de prata con mazás, unha fada explícalle a existencia de Tir na mBan (A Illa das Mulleres), aquel é un lugar marabilloso, onde todo é relucente e as cousas elementais están compostas de ouro, prata e bronce. Bran organiza unha expedición con 27 homes e sae ao mar. Logo de varias peripecias onde atopan ao deus do océano Mannan, dan coa Illa máxica das Mulleres onde a súa raíña agasalla a Bran o aos seus con festas e xantares durante un ano.

Nela están milleiros de mulleres de moitas cores,
O claro mar as rodea.
Se alguén a voz da música oíu,
O coro de pequenos paxaros da Terra da Paz.


Mais a Bran e aos seus éntralle a morriña e trazan de regresar a súa terra natal, antes de embarcar son advertidos dun conxuro máxico polo que, se marchan, non poderán voltar a poñer os pes sobre a terra, xa que a súa curta estadía na illa eran centos de anos en Irlanda.
Ao chegar a Irlanda viron unha multitude na praia e desde o barco Bran dilles quen é, pero a xente contéstalle que Bran non existe, que é un heroe das lendas antigas. Entón un dos homes de Bran salta do barco e convértese en cinza namais tocar a terra. Bran explícalle á multitude o acontecido, logo escribiuno en ogams (lingua celta), lanzou o relato á praia e volveu cos seus a penetrar no mar, nunca máis sóubose de Bran e os seus homes.

O relato do Santo Amaro, o peregrino foi recollido por Euxenio Carré en Figueroa (Abegondo) (1):
Amaro é un home natural de Galicia, de riqueza abastada, home xusto seguidor dos preceptos cristiáns, doa a maior parte da súa facenda para a construción de mosteiros e practica a caridade cos máis necesitados, logo, cos cartos que lle quedaban, decidiu fretar un barco e marchar na busca do Paraíso.
Na viaxe, que dura anos, pasan unha chea de penurias; treboadas, secas, etc…, por fin chegan a unha costa deserta e Amaro emprende, el só, a marcha cara o interior daquela terra. O camiño está cheo de atrancos, mais, Amaro segue adiante ata o cume dunha serra inmensa, dende alí atopa un val magnífico. No seu centro unha parede de prata con porta de ouro, peta na porta e dende o seu interior o patriarca Henoch pregúntalle os seus desexos, Amaro dille que lle deixe contemplar o Paraíso, Henoch abre un chisco a porta e cérralla de contado.
Amaro volve cara o barco onde agora atópase unha grande cidade. Amaro pregunta polo nome da cidade, respóndenlle que a cidade e a igrexa teñen o nome de San Amaro e fundárona uns homes que chegaron nunha nao hai 300 anos, logo de que o seu xefe Amaro se internara na serra e nunca máis volvera. San Amaro contou o seu relato e ao rematalo morreu.

A Viaxe de Trezenzonio sobre a Grande Illa de Solistición, texto do século XI, recollido por Díaz y Díaz (2).
O relato narrado en primeira persoa polo propio Trezenzonio comeza cando este atopa unha Galicia asolada polos mahometanos, encóntrase absolutamente despoboada e só moran nela as feras. Camiñando chega ata Brigantium (A Coruña) e olla a Torre de Hércules. No cume da torre atópase un enorme espello, sobre o que se proxecta, e reflicte, a luz do sol, permitindo unha visión perfecta de lugares mariños afastados. Trezenzonio, coma Ith (fillo de Breogán) séculos atrás, olla ao lonxe, por tres veces (o número máxico celta) consecutivas, unha ampla illa.
Ao pe da torre, constrúe unha barca decidido a visitar a misteriosa illa. Faise á mar e chega á illa, desembarca e logo de 8 días de camiño encontra unha igrexa de dimensións e estrutura magníficas, edificada con metais e pedras preciosas, e que se atopa baixo a advocación de Santa Tegra. O nome do lugar é a Illa Grande de Solistición.
Trezenzonio bota 7 anos na illa comendo carne de aves, de ovellas e mel, o clima é primaveral e as noites son estreladas. Na illa non existe a tristura, mágoas ou fame, só ledicia, coros de benaventurados e anxos que deixan pan e viño para Trezenzonio.
Logo dos 7 anos, os anxos ordenan a Trezenzonio que abandone a illa, este négase por dúas veces, polo que Deus (o católico suponse) convirte a Trezenzonio nun gafo e cego. Por terceira vez repítese a orde e desta adora a Deus, vese libre do mal, recobra a visión e embarca nunha pequena nave. Trezenzonio chega ao faro e atópao case derrubado, mentres Galicia está de novo poboada por humanos. Trezenzonio vai cara Tui, en procura do bispo Adelfio. Aquí remata a narración.

No relato de Bran intuímos que, aínda no século VII, a estela da figura divina e lendaria do deus Bran aínda colea. Bran segue sendo o heroe-semideus que nos conduce ao Alén, segue recibindo a súa rama máxica de poder. O Alén é unha illa marabillosa, un lugar onde o tempo non existe, onde os días son festa, un paraiso onde a riqueza material e espiritual é norma. No relato de San Amaro varios destes elementos extraordinarios vanse a repetir; a dureza da viaxe, a contemplación do paraiso logo dunha travesía en barco e a anulación do tempo.
O relato de Trezenzonio ten aínda máis coincidencias, como observa Marco Quintela : Posiblemente esta historia está composta a partir dun recordo, cristianizado, do Máis Alá céltico conservado na Galicia medieval. Unha serie de coincidencias entre Solistición e o Máis Alá avalan esta interpretación. Ámbolos dous localízanse nunha illa lonxana, é imprescindible que a viaxe ata eles se realice nunha barca, nos dous soa unha música marabillosa, hai alimentos inagotables, non existe a enfermidade, e o tempo fica abolido. Todo parece indicar, polo tanto, que a torre brigantina, encontrábase vinculada con tradicións relacionadas co Máis Alá (3).
En fin, o Alén estaba alí, máis aló das nosas costas, nunha illa marabillosa no medio do Atlántico. A igrexa, no medievo, trazou de reconducir os ritos pagáns que adoraban ao sol e aos deuses dos camiños, chantou santuarios na costa e atracou os barcos de pedra na nosa costa para asentar para sempre aos seus apóstolos Santiago e André en terra. San Andrés ficou en Teixido (de teixo, árbore da morte) na beira do mar, onde, aínda hoxe, ten un traballo tremendo para ocultar ese recendo profano e máxico que se sinte no lugar. I e que, a Santiago, os galegos non estamos obrigados a ir, pero a San Andrés de Teixido ten que ir de morto o que non foi de vivo.
Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com  
(1) Pax.177. Guía da Galiza Máxica
(2) Pax.181. Guía da Galiza Máxica e Pax. 97 - 119. Visiones del Más Allá en Galicia...
(3) Pax. 22. Mitos Hispánicos II
Fotos por orde de aparición:
* Torre de Hércules
* Pazo de Magulán
* O Pedrón de Padrón
* San Andrés de Teixido
* Fisterra
Bibliografía
• MARTÍNEZ DE LA RIVA LABARTA, R. Bruxas, meigas e meigallos en Galicia. AGCE, Vigo, 1993.
• VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica. Editorial Galaxia, Vigo, 1998.
* PENA GRAÑA, A. San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas, Editorial Equona, Ferrol, 2006.
* DÍAZ E DÍAZ, M.D. Visiones del Más Allá en Galicia durante la Edad Media, Biblioteca de Galicia, Santiago de Compostela, 1985.
• GARCÍA QUINTELA, M.V. Mitos Hispánicos II. Ediciones Akal, Madrid, 2004.

sábado, 13 de marzo de 2010

The President Habichuela está nas verzas


Unha vez o president Habichuela (Habi, en diante), enterado de que o Papa ía vir a Galicia, apareceu no Vaticano - previo pago de audiencia coa súa Santidade- para presentarlle á súa noiva e informarlle do que era iso do Camiño de Santiago. Alí comezou o seu camiño cara as verzas.
Habi quedou abraido co coñecemento que tiña o Papa da Galicia, aquel país herdeiro da grande provincia romana da Gallaecia, orixe do axustizado Prisciliano, dirixente dunha herexía que buscaba a pureza do cristianismo aló polo século IV.

Habi non podía crer que o Papa soubera que Galicia tiña unha lingua propia; o galego, idioma amasado, cocido e espallado nun antigo reino que fundaron os suevos nos inicios do século V. O Primeiro Reino de Europa, o "Galliciense Regnum", segundo Gregorio de Tours (539-594). Segundo San Isidoro de Sevilla, o Regnum Sueborum durou exactamente 167 anos, e foi o primeiro reino dos pobos chamados bárbaros en abrazar o cristianismo.

Habi non saía do seu asombro, todo isto dicíallo un camareiro de hotel na imperial Roma. Aquel home explicáballe que en Italia estudábase a historia do Imperio Romano e, Gallaecia era a última provincia romana cara a posta do deus solar, Xúpiter, que dende as súas costas os crentes podían ver ao seu deus deitarse. Naquel océano tiña o deus a súa morada.

De volta na Galicia, Habi ten un novo sobresalto, un alto cargo do goberno central, envíalle unha carta en galego, un dirixente do goberno de Espaaña, escribindo en idioma de aldea, un insulto, unha falta de respecto a un dirixente que coma o seu ben querido Asnar, pretende a presidencia do reino de Espaaña a través dunha comunidade autónoma.

Mais Habi vai recibir outra sorpresa máis, un camareiro dun hotel de Roma, está ao teléfono.
- Oíches tu, sonche o camareiro que che falaba en castellano no hotel de Roma, faime o favor, dille ao fillo de Lucindo, o de Dena, de parte de Rois, o fillo de Servando, o carpinteiro de ribeira, que Desván de los Monjes e Toro non existen, que se chaman Sobrado dos Monxes e Touro, que vos paso moita vergonza aquí, que entre tanto romano, inglés, francés, chino, australiano, etc.. enterado, non paran de rirse de min co conto do faiado e o torito bravo. Seica estades nas verzas ou que!

Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

sábado, 27 de febreiro de 2010

Que demo pasa?


Que demo nos pasa?. Por que nos insulta esa política de televisión gratuitamente?. Por que ataca o idioma galego o propio gabinete do PP que goberna este país?. Será porque rosadíez saca réditos electorais noutras comunidades?. Será porque o PP saca réditos electorais nesta comunidade?. Será porque cren que mexan por nós e hai que dicir que chove?.
ORGULLOSOS DO NOSO. ORGULLOSOS DO GALEGO
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

mércores, 17 de febreiro de 2010

Os Camiños de Santiago e as Rutas do Máis Alá


Dende a última glaciación (de Würm, 90.000 aos 15.000 anos) as rexións do sur da Europa eran as únicas zonas habitables, os homínidos do norte- e tamén os animais- virán pola ruta do norte seguindo as beiras do mar ata chegar ao Fin da terra, o Finisterrae (a futura Gallaecia).
O descubrimento do xacemento da Cova de Eirós, Triacastela (Lugo) no 2008, (onde apareceron vestixios do Home do Neandertal, antepasados dos rinocerontes, dos osos das cavernas, e do Home do Cromañón -xa Sapiens-, correspondentes ás tres fases do Paleolítico dende os 84.000 aos 30.000) parece indicarnos unha ruta ancestral que se perde no inicio dos tempos da humanidade. É a ruta da supervivencia cara a posta do Sol
, estaban abrindo a Ruta do Alén.
Estes homínidos procurarían acercarse o máis posible ao astro solar, o que dá a luz e a calor, e sobre todo, o que nos sobrecolle cando, aínda hoxe, o vemos deitarse pausadamente na nosa costa atlántica.

Restos materiais, arqueoloxía, tradición cultural, lendas, xenética, únense para conformar unha ligazón entre pobos da Europa do Este e da actual Rusia co Finisterre peninsular. E de rexións do mar Negro. Hai 8.000 anos que partiu unha corrente migratoria que non se detivo, por ese camiño norteño que coincide co xacobeo (1).
Entre os 5000-4000 a. C. aparece na vertente atlántica, nas terras da Gallaecia, Lusitania, Baetica, Bretaña, Irlanda, nas Illas Británicas e nas illas mediterráneas a Cultura megalítica de túmulos, son as antas, mámoas ou dolmens. Nas mesmas zonas cara os 2500 a. C. aparecen os petróglifos, símbolos gravados nas pedras sobre todo astrais (laberintos, circulares, solares,..) a nosa terra está inzada deles, non só na vertente atlántica ver: Ulloa en Fotos. Son pobos adoradores do deus solar.
Axiña os pobos indoeuropeos, os pobos vidos do Abrente comezan a trazar as rutas cara o leito do Deus Solar , o paraíso do Máis Alá, alí onde se atopa o Reino dos Mortos(os paradisíacos Campos de Aaru exipcios rexidos por Osiris que, Ra- o deus do sol- traspasa coa súa barca solar cada noite), o Mar dos Mortos dos celtas, o Mar Tenebroso dos púnicos, fenicios e árabes, o Dutika Mere (Rexión da Morte) dos gregos, última estación cara os Campos Elíseos ou ás Illas dos Benaventurados (por isto lle chaman hoxe a Costa da Morte). Procuran a contemplación da morada do deus solar; o Ra exipcio, o Mitra iraniano, o Lug celta, o Apolo grego, o Ianus (Xano) etrusco-romano, o Xúpiter romano, o Sol Invictus tardoromano…

Os diferentes pobos do este buscan esa terras no finisterre galego, mais, tamén, no finisterre bretón, no británico, no irlandés, son as terras desde onde os pobos protocélticos, logo os célticos,fenicios, gregos e romanos constrúen os seus santuarios de adoración aos deuses solares e aos deuses dos camiños. Eses deuses que indican a ruta do Máis Alá ( Bran celta, Hécate, Hermes gregos, Mercurio romano, Melkart fenicio, o Osiris exipcio …). Por iso a arqueoloxía descobre o templo fenicio en Vigo, ou as aras votivas ao Deus Breo (2)(de Bran, Breogán, Brennus, Brannos, etc..) do Monte do Facho en Donón (Cangas), por iso atopamos os trisqueles nas casas do castro de Santa Tegra, ese símbolo que idealiza as tres fases diarias do Sol; o abrente, o mediodía e o solpor, é a forza celestial que sempre camiña, e indica aos homes a súa morada, alí a onde van os vivos e os mortos, por iso a San Andrés, vai de morto o que non foi de vivo. O San Andrés de Teixido (de teixo, a árbore dos mortos), aló onde a Compaña (que non ten nada de santa) campa ás súas anchas, San Andrés onde apareceu a pía oferente de tres cabezas, típica dos deuses dos camiños, aí onde peregrinamos os galegos e galegas ao longo de miles de anos, moitos miles antes da Inventio do sepulcro de Santiago Apostolo no 813(3).

Indicios dos camiños cara o Solpor son recollidos por varias obras recentes: Louis Charpentier (4) e Rafael Lema (5) , recollen a evidencia dos símbolos nas rocas e nas igrexas dos camiños do Solpor; fálannos das rutas secretas, onde templarios e construtores das igrexas dos camiños se comunican entre si, fálannos do Camiño da Oca –animal identificado coas ánimas dos faraóns, ave mensaxeira do outro mundo na cultura celta(6) -, os símbolos templarios e as formas dos pes de oca atópanse en moitas igrexas románicas e góticas do camiño.
É a cultura céltica a que atopamos na nosa terra na antropoloxía, na arqueoloxía, nos textos clásicos. Son, tamén, os pobos célticos os que fan o Camiño do Solpor procurando as Illas Marabillosas. As Illas dos Afortunados das que falan os clásicos, así André Pena Graña(7) propón que existe un camiño de oriente a occidente que nos conduce a esta illa da felicidade, tan anhelada e buscada polos celtas. Aristóteles nas súas Noticias Marabillosas (837,a,7) descríbenos un camiño máxico seguido por Hércules ata Iberia, para roubarlle os bois a Gerión, e as Illas Hespérides para roubar as mazás de ouro;
“Afirman que desde Italia ata o país celta e os celtolixios hai un camiño chamado Heracleo (herculino en grego), e se por el camiña un grego ou nativo, é protexido polos que viven cerca, para que non sufra ningunha inxustiza, e que esixen o castigo contra aqueles por obra dos que padecera a inxustiza”.
Aristóteles (837,a,7)
I e que a chamada Torre de Hércules está aí erixida polos romanos nas proximidades de Brigantium, a cidade de Breogán, e desde a Torre de Breogan (é na súa orixe a mesma Torre de Hércules antes chamada Castelo Vello?), Ith, o seu fillo, divisou unha illa, a Illa de Irlanda. O camiño Heracleo do que nos fala Aristóteles é o noso camiño cara o Solpor. Por certo, os galaicos xa tiñamos fama de hospitalarios na antigüidade, manda truco!.
Milladoiro no camiño de Teixido
O Camiño de Santiago é a ancestral ruta cara o Solpor, alí onde o deus solar se deita atópase o mundo do Máis Alá, a onde se dirixen as almas dos mortos (tamén os vivos, máis xa non poderán voltar á súa terra), é o Alén céltico, o Tir na n`Og (A Terra da Eterna Xuventude irlandesa), é o Máis Alá Feliz, onde os mortos viven de novo nun mundo que é moi parecido á terra, aínda que moito mellor. Neste lugar non existe a dor, nin a enfermidade, nin o envellecemento, nin a decadencia; é un mundo cheo de música, festas, beleza, aínda que se seguen producindo os combates entre os héroes (8).
A nosa costa estaba petada de santuarios costeiros : San Xiao de Moraime (Muxía), A Virxe da Barca (Muxía), San Guillerme (Fisterra), San Andrés de Teixido (Cedeira), San Xiao de Trebo (Cariño)(18), O Castro do Monte do Facho (Cangas), Santa Tegra (A Garda), San Xiao do Monte Aloia (Tui)..., son algúns exemplos.
Varias son as rutas que nos levarían ao Máis Alá: O camiño francés que se dirixía a Fisterra e Muxía e o camiño do norte (o cantábrico chamado; Ruta de Agripa en Cantabria) que ía cara San André de Teixido, serían os máis antigos, logo o chamado primitivo seguindo a romana VIA XIX de Astorga a Braga, e os demais recollerían un incesante camiñar cara ao Alén. A Igrexa centralizaría esas rutas en Compostela coa Inventio do Sepulcro do Apóstolo Santiago (i e que non se sabe quen está enterrado na catedral, pero seguro que o Apóstolo non é).
As lendas das Illas do outro mundo coñecidas como Terra da Mocidade, Terra Prometida, Chaira da Felicidade, Terra dos Vivos, Illa das Mulleres, etc… son abundantes na mitoloxía céltica; A Illa de Ávalon do rei Arturo, A Viaxe do clan de Cessair á Illa do Ocaso (9), A Viaxe de Osian, fillo de Finn, á Illa do Solpor(10) , A Viaxe de Bran fillo de Febal á terra dos vivos (11), A Viaxe de Ith, fillo de Breogán á Illa do Ocaso(12), Cuchulainn, moribundo, invitado á Illa da Eterna Xuventude (13), A Viaxe de San Brandán (Navigatio Sancti Brandani) e a illa histórica de Brasil (14),…. Na Galicia temos dous exemplos da busca do Máis Alá nas lendas de San Amaro, o Peregrino(15), recollido por Euxenio Carré , e A Viaxe de Trezenzonio sobre a Gran Illa de Solistición(16) , texto do século XI recollido por Díaz y Día (ambos relatos de sabor céltico angazados polo cristianismo, dous relatos míticos dos que falaremos noutra ocasión).

Castro Donón no Monte do Facho, Cangas
Os romanos levaban anos intentando controlar a ruta do fin do mundo; Xunio Bruto O Galaico, Xulio Cesar, será máis tarde Agripa ás ordes do emperador Augusto, o que consiga, por fin, colocar as Aras Sestianas (Celtici cognomine Neri et super Tamarci, quorum in paeninsula tres area Sestianae Augusto dicatae, Copori, oppidum Noeta, Celtici cognomine Praestamarci, Cileni. ex insulis nominandae Corticata et Aunios. Plinio (N.H. IV,111))(17) no Finisterrae galego, localización que Ptolomeo non especifica certeramente e que da moito que razoar aos nosos investigadores; na Fisterra, en San Andrés de Teixido, en Cabo S. Adrián (Malpica), en Cabo Louro (Rianxo), en Donón (Cangas), en Cabo Touriñán- que Monteagudo identifica co céltico Promontorio Nerio (Promontorium Nerium) etc… No que parece que hai consenso (A. Tobar, R. Étienne,..) é en afirmar que as tres aras corresponden ás tres lexións imperiais; IV Macedónica, VI Victrix e a X Gemina, entón acampadas en Hispania .
Coa colocación das Tres Aras Sestianas no Fin do Mundo o Imperio amosa o seu control das rutas do Máis Alá ao mundo enteiro, ao mesmo tempo, as portas do templo do deus Ianus péchanse e dáse por inaugurada a Pax Romana.
A Se da, xa, católica Iria Flavia buscaría ese enclave relixioso en Compostela dedicado a unha santidade (a Santiago Apóstolo) para focalizar a devoción pagá e non pagá, galega e non galega e, de paso, fortalecer a cristiandade na península ante o carácter adopcionista da Igrexa de Toledo (( tese da “dispersión apostólica”, recollida polo Beato de Liebana, como predicación en Hispania de Santiago o Maior). Ademais, a poderosa nobreza galega coloca os seus alicerces solidamente no Reino da Gallaecia e garante unha alianza perpetua con Roma, así como, un permanente fluír de recursos e xentes.

Pasado o século XVII, a Igrexa Compostelá intenta borrar o último tramo a Fisterra-Muxía, e ordena destruír a Ermida de San Guillerme, mais a tradición ancestral é máis poderosa que as ordes do arcebispado e hoxe aínda se segue saudando o Solpor ao pe do Atlántico en Fisterra e en Muxía.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

(1)Pax. 258 El camino secreto de Santiago
(3)Ver Anexos de La estación del amor al diálogo con la muerte
(4)Os misteriosos camiños de Compostela
(5)El Camino secreto de Santiago
(6)Pax. 74. Os misteriosos camiños de Compostela
(7) San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas
(8)Pax. Mitos Celtas
(9)Pax. 32. San Andrés de Teixido e as Illa do Máis Alá
(10)Pax. 35. Idem
(11)Pax. 37. Idem
(12)Pax. 42. Idem
(13)Pax. 47. Idem
(14)Pax. 41. Idem
(15)Pax. 177. Guía da Galiza Máxica
(16)Pax. 181 Guía da Galiza Máxica.
(17)Pax. 145. La península ibérica en la Geografía de Ptolomeo.
(18) A San Xiao de Trebo chégase por dúas rutas de acceso tradicionais; o Camiño Vello dende Cariño, e o Camiño dos Mortos dende Régoa cruzando a Capelada. Pax. 28. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo
Bibliografía
• GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001
• GREEN, MIRANDA JANE. Arte Celta. Ediciones Akal, Madrid, 2007.
• GARCÍA ALONSO, J.L. . La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidad del País Vasco, Gasteiz, 2003.
• LISÓN TOLOSANA, C. De la estación del amor al diálogo con la muerte, Ediciones Akal, Madrid, 2008.
• PENA GRAÑA, A. e ERIAS, A. , o Ancestral Camiño de Peregrinación ao Fin do Mundo: Na procura do Deus do Alén http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2006PDF/2006_023_038%20Erias06.pdf
* PENA GRAÑA, A. San Andrés de Teixido o camiño máxico dos celtas, Editorial Equona, Ferrol, 2006.
• RAFAEL LEMA. El camino secreto de Santiago. La ruta pagana de los muertos, Editorial EDAF, Madrid, 2007.
• VAQUEIRO, V. Guía da Galiza Máxica, Editorial Galaxia, Vigo, 1998.
• LOUIS CHARPENTIER. Os misteriosos camiños de Compostela. Editorial Toxosoutos, Noia, 2000.
* XOSE LUIS BELLO. A torre de Hécules. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2008.

luns, 15 de febreiro de 2010

Luis Tosar, cultura galega


O noso actor máis internacional , recibiu o premio ao mellor actor nos goya, recolleu o galardón falando en galego, un exemplo.
Onte, Luis fixo máis polo galego que todo un goberno da Xunta no ano que leva no poder. Boeno, perdón o goberno do PP, atacouno.
Graciñas Luis Tosar.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com